11/11/11

NOVA WEB

Preséntovos o meu novo sitio de encontro na rede:

www.dpeon.com

É unha das razóns polas que nosquedaportugal estivo bastante parado últimamente... e probablemente baixe a súa actividade no futuro a un nivel ocasional. Invítovos a seguirme no novo site, centrado principalmente (non só) en información económica de divulgación, pero que me permitirá ademáis compartir os ficheiros, presentacións, artigos, etc. da miña propiedade para uso público de quen teña a ben.

Espero vos guste!

16/10/11

IMPLICADAS

Nestes tempos de crise, indignación, desemprego, ignominia, rebeldía, pasotismo, 15-M, 15-O, 20-N e demáis siglas, un paso imprescindible para comezar a facer que as cousas muden é que todos asumamos que cambiar este mundo é responsabilidade de TOD@S. Parabéns aos 'extremoizquierdistasradicalesantisistema' que fixeron de onte unha data memorable, mais a indignación non serve de nada se non se canaliza cara proxectos de vocación constructiva e transformadora. É momento de facer máis, moito máis.

Implicadas no desenvolvemento.
www.implicadas.com


Implicadas no desenvolvemento, Organización non Gobernamental de Axuda ao Desenvolvemento fundada en 1998, ten por obxectivo traballar a prol da erradicación da pobreza nas comunidades máis afectadas por ela, e máis en concreto có grupo das mulleres, a través da eliminación das estruturas de opresión Norte-Sur e de xénero, pretendendo conseguir un cambio a nivel global nos ámbitos do xénero, a sanidade, a educación, os dereitos humanos, a economía e tódolos factores que compoñen o desenvolvemento humano perdurable.

IND é unha organización galega, independente, aconfesional, apartidaria e de base voluntaria, que fundamenta as súas intervencións no terreo nos criterios de sustentabilidade e autoxestión das comunidades, desde o enfoque de xénero a todos os niveis. IND ten especial interese en traballar naqueles países onde non exista unha tradición de traballo en Galicia, a India en particular, e os países menos adiantados segundo a definición das Nacións Unidas.

Na xestión de proxectos de desenvolvemento, IND financia sempre proxectos xestionados por organizacións locais, de xeito que se garanta o respecto cultural, a cración de emprego local e a autosuficiencia das comunidades. IND funciona có esforzo voluntario das/os socias/os e simpatizantes, promovendo a colaboración con outras organizacións en campañas conxuntas e actividades de todo tipo, agrandando así a forza e calidade do movemento ONG ante a sociedade civil e gobernamental.

Na actualidade Implicadas no Desenvolvemento financia e apoia dous proxectos na India e outros dous en Etiopía. Algúns dos proxectos levados a cabo por implicadas nestes 13 anos de traballo son
- Programa de Desenvolvemento Urbano en Tiruchy (India) VIXENTE

- Erradicación do infanticidio feminino en Salem (India) VIXENTE

- Programa de Xeración de Ingresos e Capacitación de mulleres-XICAM en North Wollo (Etiopía)

- Programa de apoio a mulleres cabeza de familia en Addis Ababa (Etiopía)

- Proxecto de recuperación e desenvolvemento en Karaikal (India)

- Proxecto de xeración de ingresos e capacitación comunitaria, Mersa, North Wollo (Etiopía)


Tedes acceso a completa información sobre estes proxectos e demáis actividades (campañas de sensibilización, conferencias en centros educativos, exposicións...) na web da organización, www.implicadas.com

Anímate a colaborar. IMPLÍCATE!!!

(grazas a Lorena pola información)

04/10/11

RESULTADO DA ENQUISA (2)

Desde este mes o meu fillo Anxo é novo socio da asociación GalegoLab (é o mellor xeito que se me ocorreu de facerlle chegar á asociación os euros do premio dos lectores do blog...). En canto á AGAL, este foi o pedido que acabo de facer na súa loja imperdível:


'Caracol e caracola' + 'Navega, caracol!'
(coido que Anxo vai ser o principal beneficiado do resultado da enquisa...)

'Som voltas' - Servando e Contradança


Por último, como xa indiquei ao propoñer a enquisa, a lista de asociacións e empresas que propuxen era ben curta en comparación coas moitas asociacións no país que traballan con sentido de país e conciencia social. Un exemplo é implicadas.com, organización galega sen ánimo de lucro que "basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable, entendendo a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, poida tomar decisións sobre as súas vidas". A elas adicaremos o noso vindeiro post. Deica entón.

03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?

13/09/11

RESULTADO DA ENQUISA

Feliz volta de vacacións, temos xa a enquisa 'doa 120 euros en galego' pechada. Ademáis de aproveitar para darlle as grazas a google por pecharnos o invento... estes son os resultados da enquisa:


80 euros para a asociación GalegoLab e 40 para a AGAL. Coido que o principal beneficiario vai ser Anxo: vai ser novo socio de GalegoLab a partir de outubro (e moitos máis que fan falta, por favor...) e hei de entrar na loja imperdível a ver que atopo para el por ahi (bueno, para o seu papá algo teño pensado xa, que o 'do ñ para o nh' xa hai tempo que o quería mercar).

Só un pensamento ao vento: 120 euros son nada en comparación cós 800.000 euros que os (xxxx) veñen de secuestrar, có obxectivo de darlle a puntilla a un sector editorial e unha lingua, a nosa, ambos en perigo. Necesitamos moitos 120 euros. Por favor.

20/07/11

DOA 120 EUROS EN GALEGO

Deberiamos pensar todos, nestes tempos onde pechan un tras doutro os xornais en galego, ou cando os nosos sectores editorial, audiovisual e cultural en xeral están a pasar tantas penurias, que si, que a responsabilidade é de xa sabemos quen... pero tamén nosa: merquemos libros en galego, xornais en galego, cinema en galego, música galega...

Creo que o mellor servizo que se pode facer có diñeiro recadado por publicidade grazas ós lectores de nosquedaportugal e alemdominho é destinalo a unha boa fin. Arriba á dereita deste blog tedes unha 'enquisa' cós nomes das entidades que propoño (seguro que falta algunha, pero como se soe decir, non están todas as que son, pero todas as que están, son). Podedes votar cantos nomes queirades. O día 10 de setembro péchase a votación, e a entidade que consiga maior número de votos recibirá 80 euros dos lectores do blog, e a que resulte en segundo lugar, 40 euros. Certo que nalgún caso non sei, chegado o caso, como facerlles chegar a axuda, porque non vexo nas súas webs que acepten aportacións, doazóns, suscripcións, etc., pero xa se verá. En calquer caso, coa maioría das entidades non hai problema con iso, así que votade a quen queirades.

Económicamente non lles servirá de moito aos gañadores, pero espero nos sirva de exemplo a todos. Máis apoio económico e menos manifestos, por favor... Dito esto sen ánimo de ofender a ninguén, por suposto.

Estas son as entidades que propoño:

ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
AGAL Associaçom Galega da Língua
AGAPI Asociación Galega de Productoras Independentes
Asociación Cultural Chuza
Asociación de Mulleres Pedra Vella
Asociación Galega de Editores
CIG Converxencia Intersindical Galega
CTNL Coordinadora traballadores/as pola normalización da lingua
EGANET Empresas galegas adicadas a internet
Foro Enrique Peinador
GalegoLab
Galicia Confidencial
Galicia Hoxe
RAG Real Academia Galega
Verdegaia
Xornal de Galicia

Tedes ata o 10 de setembro pra votar. Ata entón, este blog estará en 'stand by'. Bó verán!!

------

Actualización: Di un anónimo en comentarios que bota en falta Rede de Escolas Infantís Galiza co Galego. Esa non estaba na lista, pero teño que recoñecer que tiña apuntada unha que, non sei que fixen, logo esquecín metela: A Mesa para a Normalización Lingüística. Quede aqui dito (agora non a podo incorporar pq xa votou alguén) pero se hai outras edicións, prometo que non esquecerei meter nin a Mesa nin ás Escolas infantís. Saúdos.

17/07/11

A SAIA DE CAROLINA

Andaba eu onte repasando o deseño do blog e outras cousas das tripas do fedello este que non ve o lector, e entre as cousas revisei a nube de 'etiquetas' (que agora podedes ver ó final da última entrada, a continuación da hemeroteca). Por exemplo, a palabra economía vai gañando peso últimamente, pero é tamén unha decisión do autor, vistos os tempos que corren e que, despois de todo, é do que podo falar con máis criterio. Pero máis que as palabras que gañan espazo, chamáronme a atención dúas que están a ficar pequenas de máis, a saber: Lisboa e humor.

O de Lisboa heino arranxar en breve, moi en breve, de feito. Prometido. E en canto ao humor, temos posto eiqui algúns videos de gato fedorento ou os trapalhões, entre outros, así que xa vai tocando algo de humor local. Sei que a moitos esto de poñer a xente saída do Luar non lles vai chistar moito, pero éche o que hai: eu ben que me río con Mucha e Nucha, e coa versión da 'saia da Carolina' escarállome vivo! Alegria, carallo!! Non todo vai ser chorar pola crise económica...




Carolina! pija, carallo, pija!!

15/07/11

ÉZARO VIVE

O noso territorio está inzado de atentados contra a natureza e o entorno. A lista non pretende ser exahustiva, porque nin o meu coñecemento nin a miña memoria chegan a tanto, pero tanto os que veñen de lonxe (Prestige, eucalipto, Celulosas en Pontevedra, Repsol na Coruña, Endesa nas Pontes, destrucción inmobiliaria da costa) como os recentes ou os que, se ninguén o remedia, se nos botarán enriba (lumes, minicentrais no Sil, Fragas do Eume, piscifactorías e eólicos en rede natura... ) cóntanse a mans cheas. E xa que falamos do tema, unha das que máis lle impresionou a un pontevedrés coma min foi descubrir un día, por unha foto como a que vedes a continuación, que o delito maior da Celulosa de Pontevedra non é estar a carón da ría... é que está DENTRO da propia ría!!


As hectáreas gañadas ao mar coa mal chamada 'autovía' de Pontevedra a Marín serviron para facerlle sitio a unha das industrias máis contaminantes do país e no peor entorno posible.

Pero imos ao conto. E o conto pretende ser positivo e optimista. Porque se hai un ano falabamos en nosquedaportugal da nosa inminente visita ao maior atentado ecolóxico perpetrado contra un río galego, un ano despois demostrouse que, se a sociedade reacciona, pódense mudar as cousas. Despois de 20 anos, unha sentencia xudicial obrigaba á empresa Ferroatlántica a devolverlle a vida á fervenza do Ézaro.

Así baixaba o Xallas estes últimos 20 anos:





E así o poderemos disfrutar, todos os días a todas horas, a partir de agora e para sempre:




Podedes disfrutalo in situ na vila do Ézaro, concello de Dumbría. Tedes máis información nesta interesante web local, www.ezaro.com

09/07/11

MARIZA - CHUVA

'Há dias que marcam a alma e a vida da gente'. Non, non falarei do Codex Calistinus. Pónseme mal o sangue e quero chegar a vello.

Un pouco de paz, por favor... neste verán pasado por auga que nos tocou e que, seguramente, tanta falta fai, ahi vos deixo 'Chuva', un dos temas máis recoñecidos da fadista portuguesa nacida en Mozambique, Mariza.





As coisas vulgares que há na vida não deixam saudades
Só as lembranças que doem ou fazem sorrir

Há gente que fica na história da história da gente
e outras de quem nem o nome lembramos ouvir

São emoções que dão vida à saudade que trago
Aquelas que tive contigo e acabei por perder

Há dias que marcam a alma e a vida da gente
e aquele em que tu me deixaste não posso esquecer

A chuva molhava-me o rosto gelado e cansado
As ruas que a cidade tinha já eu percorrera

Ai... meu choro de moça perdida gritava à cidade
que o fogo do amor sob chuva há instantes morrera

A chuva ouviu e calou meu segredo à cidade
E eis que ela bate no vidro trazendo a saudade

04/07/11

INERCIA

Coido que é a palabra que mellor define estes tempos. Inercia na crise económica mundial e as solucións que se lle están a dar, inercia na política galega e, particularmente, nas forzas galeguistas e/ou nacionalistas, inercia na rede (que diferencia a hiperactividade de certos blogs e webs tras o 1-M de 2009 e agora) e por ende, en xeral, inercia na xente, nas facianas, nos estados de ánimo: resignación, desidia, inercia. O post de hoxe vai adicado á inercia no nacionalismo galego, máis que nada porque hai tempo que teño pendente facer unha valoración dos resultados das eleccións do 22-M, pero tempo haberá de falar da inercia noutros planos.

Inercia no BNG. Tiña pensado escribir un post titulado 'moderadamente satisfactorios' para falar dos resultados electorais nas pasadas municipais. Pero non saquei tempo (a tempo, perdón pola redundancia), así que hoxe falamos de inercia. O BNG ven de perder 50.000 votos cando o rival con quen comparte o maior 'nicho de mercado' ven de obter os peores resultados da súa historia a nivel estatal, no contexto de crise económica xa coñecido por todos. Nun país onde o 25% da xente se declara nacionalista, a única forza con representación no Parlamento consegue o 8% dos votos en Ferrol (onde houbo alcalde nacionalista non hai moito), o 9% en Lugo, 10% en Ourense, 11% en Vigo, 12% na Coruña, ou o 13% en Santiago, a cidade onde probablemente máis galego se escoita falar. Non sei en que mundo viven os que cren que a eso se lle pode chamar 'moderadamente satisfactorios', pero alá eles.

Inercia nos 'mira-que-nos-marchamos-do-BNG-eh!'. Beiras e os seus ameazan por décimosexta vez con marchar. Parecen o conto do pastor e 'que ven o lobo!'. Peor é saber que para eles a solución a todos os males do BNG pasa por temas que ao votante da rúa lle traen completamente sen coidado, como se ás asambleas poden ir todos os -cada vez menos- militantes ou non. +G segue có mesmo rollo 'buenista' de sempre, non vaian romper o xoguete. Para mostra, o seu informe poselectoral: "un proceso de reflexión conxunta para volvermos ser referente da cidadanía... bó momento para practicar unha política máis aperturista... promoveremos o acordo desde unha perspectiva de xenerosidade e cesión mutua...". Pero... non dicían exactamente o mesmo hai exactamente dous anos? Serán os problemas do 'copipeist'? E din por ahi 'os rumorosos' que a dereita máis á dereita do BNG xa se moveu hai uns meses, tanteando ó personal a ver se decidían marchar e montar un partido 'liberal' (no concepto de 'liberal' que por aqui che ten, non nos USA). Pasados os meses e ningunha nova ao respecto, xa supoñemos cal foi a decisión tomada: inercia.

Inercia, se cadra máis triste aínda, nos que viven 'fóra-do-BNG-pero-montar-algo-é-perder-o-tempo'. Porque non se explica que despois de todo este tempo, e habendo tantos dacordo en que o BNG significará a morte da relevancia social do nacionalismo galego no curto ou medio prazo, non xurda unha alternativa que os aúne a TODOS: galeguistas do PSOE ante a volta da liña pacovazquista, militantes e simpatizantes fartos do BNG, moitos xa ex-BNG, e referentes sociais da literatura, o cinema, a empresa, o deporte e tantos outros ámbitos, que poderían/deberían dar o paso se tal alternativa agromase. Veremos a Iniciativa Ben Comun en que queda aínda que, malia a boa vontade dos seus organizadores, dubido chegue aglutinar a todos os que deberían estar.

Inercia nas leiriñas do galeguismo de centro, dereita, centro-dereita, ou o que sexa, porque teño que recoñecer que me perdo entre tantas siglas. Interpreto na web do Ministerio del Interior, elecciones.mir.es, que TEGA obtivo case 14.000 votos (perde o 50% en catro anos), P.G.D. 5.300, C.G. non chega a 4.000 electores, e 1.300 votos para CXXI e outros tantos A.P.Ga (se é que estes son da quinta, porque francamente non os coñezo). Total, 25.800 votos, o 1,60% dos que votaron e o 1,10% dos galegos con dereito a voto. Desde o día 22-M, inercia. Non se lles escoitou dicir ni 'mu', nin sequera aos hiperactivos en internet CXXI.

E inercia, en resumo, do galeguismo político, incapaces todos nós de ofrecerlle á sociedade unha (ou varias, pero non un cento, por favor) alternativa crible ao peor goberno, por (autoproclamado) incompetente, inoperativo e antigalego que teña ostentado nunca as rendas da Xunta de Galicia.

02/07/11

A RECUPERACIÓN... DOS LUCROS

Artigo moi clarificador sobre o tipo de 'recuperación' económica que estamos a vivir (neste caso, datos dos USA), publicado onte en NYTimes. 'The wageless, profitable recovery' (algo así como 'a recuperación para os beneficios pero non para os salarios').

Economistas da Northeastern University publican o estudo 'The jobless and wageless recovery...' onde amosan que, desde que a recuperación económica en USA principiara en xuño de 2009, os beneficios empresariais capturaron o 88% do crecemento da renda nacional, mentras os salarios apenas o 1%. O estudo afirma que 'non existe precedente' no que os traballadores americanos percibisen tan pequena porcentaxe do crecemento da renda nacional durante unha recuperación económica.


A ausencia de crecemento no emprego nesta recuperación, combinado có estancamento dos salarios por hora, son os responsables desde 'único, devastador resultado'. De feito, dacordo có Bureau of Labour Statistics, os ingresos medios por hora dos traballadores americanos caeu un 1.1% desde xuño de 2009, cando principiou a recuperación. Curiosamente, a productividade por traballador aumentou case o 6% desde entón, o que permitíu non incrementar os postos de traballo mentras os beneficios empresariais se elevaban.

O informe conclúe: "Estamos ante unha recuperación sen emprego e sen salarios. Os únicos beneficiarios da recuperación son beneficios empresariais e mercados bursátiles".

30/06/11

GALEGOLAB AVANZA

E se o blog cumplía 2 anos a pasada fin de semana, GalegoLab acaba de cumplir este mes de xuño un ano. Non vos vou mentir: costou poñelo a andar. Se cadra tiñamos expectativas moi altas, e pensabamos que esto do 'crowdsourcing' ía conseguir no primeiro mes de vida da web o que non se conseguira en anos: facer que a normalización lingüística fose cousa de todos, especialmente daqueles que querían colaborar... e non sabían como.


Os primeiros meses a web enchéuse de ideas, desde as máis sinxelas de levar a cabo ás máis utópicas (se cadra, máis das últimas). Pero raramente quen propoñía a idea conseguía ou sequera se preocupaba de conseguir que chegase a bó porto: "ahi queda esa idea, quen queira que vaia facendo...", pareciamos dicir. Pero, como di o lema da asociación, 'o que hai que facer, é facer'. E, se cadra, o único ingrediente que nos faltaba é un do que as veces non andamos moi sobrados: paciencia. Nos últimos meses (grazas a María, Xabier, Martín, e sobre todo, grazas aos socios, case 1.000 usuarios rexistrados da web e 2.300 seguidores en Facebook) ata 8 proxectos foron rematados, todos eles necesarios para facer a nosa língua visible socialmente, especialmente no lecer e nas novas tecnoloxías. De algúns -sen desmerecer ós outros- síntome especialmente orgulloso por aqueles que os sacaron adiante: un libro coral de contos para nenos, os artistas que ofreceron ao mundo os seus 'agarimos en galego', axudar a 'Skaltum' a sacar adiante ese blog de videoxogos en galego... E os que están a piques de ser realidade, como o cd de música de fitness para distribuir nos ximnasios ou as guias de viaxe en galego.

A todos, grazas e parabéns.

29/06/11

PECHA GALICIA HOXE

E van...

Esta foi a carta de despedida e agradecimento do seu director, Caetano Díaz. Alto e clariño:

Prezados amigos,

Galicia Hoxe sae mañá, día 28 de xuño, por derradeira vez. Pechamos asfixiados pola conxuntura económica -con perdas insostibles e perigosaspara a saúde do resto do Grupo Correo Gallego-, pero, sobre todo, pechamos polo indecente castigo institucional a todo canto 'cheire' a galego, concretado nun brutal recorte de máis do 50% nas subvencións que o GH recibía da Xunta, tanto con Fraga como co bipartito.

Non podemos aguantar un día máis e dicimos adeus no aniversario da aprobación do Estatuto do 36 e no da volta dos restos de Castelao.

Querémosvos agradecer o voso apoio nestes 2.943 números dunha aventura singular e fermosa, oxalá que non irrepetible. Sabemos que non conectamos como deberiamos coa nosa sociedade civil e que tampouco sentimos a súa calor -pero non é este o momento de criticar nin de facer autocrítica, que tempo teremos-, e sabemos, tamén, que os vosos artigos e as vosas entrevistas foron importantes, imprescindibles, para construír un periódico plural, comprometido co seu país e aberto ao mundo.

Seguiremos vivos na rede co GH dixital e confiamos en atopar o xeito depoder contar co voso talento para manter en pé o piar básico de Galicia: o galego, unha lingua de concordia para un país libre e tolerante.

Grazas, de corazón, e forza. Boas noites e boa sorte.

Caetano Díaz


Pero unha cousa non quita outra: no país das leiriñas imos ter que replantexarnos moitas cousas, ou esvaecemos.

27/06/11

O FUTURO EN MANTILLA

En paises 'serios', coma Francia, esto sería delito:

Fonte: El País.

Pero aqui non, diga o que diga a Constitución sobre a laicidade do Estado. Aqui son o sinal do futuro que nos agarda. Estamos preparando o 'Regreso al futuro', como Michael J. Fox no arruinado De Lorean.

26/06/11

KRUGMAN: 'O GOBERNO DOS RENTISTAS'

Quedoume ahi atrás pendente de facervos esta recomendación: o artigo de Paul Krugman en El País 'El gobierno de los rentistas'. Dos artigos que lin en todo este tempo, é o que mellor resume e explica de xeito asequible quen e por que está a dar as solucións á crise que se lle están a dar. Simplemente formidable. Déixovos aqui un resumo das ideas principais do artigo. Se vos parece indignante, espero que con iso ademáis entendades porque algúns economistas nos declaramos aterrados.

"Os últimos datos económicos remataron con calquer esperanza de que remate axiña a seca laboral en EEUU. Porén, non hai vontade política de facer nada ao respecto. Lonxe de estar dispostos a gastar máis na creación de emprego, ambos partidos coinciden en que é hora de recortar drásticamente o gasto, destruíndo empregos de paso. Tampouco a Reserva Federal acude ao rescate. A situación é similar en Europa, incluso aínda peor. A retórica do BCE, que defende a moeda forte e opónse ao alivio da carga da débeda, fai que Bernanke pareza un 'esquerdista'.

Que se oculta tras esta parálise política trasatlantica? Os grupos de interese. Conscientemente ou non, os políticos están exclusivamente ao servizo dos rentistas, esos que prestaron grandes sumas de diñeiro no pasado, a miudo imprudentemente, e hoxe están sendo protexidos das perdas a costa de todos os demais.

O razoamento en contra de axudar aos parados enfócase en función dos 'riscos' económicos: tipos de xuro disparados, inflación descontrolada, etc. Pero tales riscos seguen sen materializarse: tipos de xuro en mínimos históricos e inflación baixa. En cambio, todas as receitas políticas aplicadas teñen unha cousa en común: protexen os intereses dos acredores, coste o que coste. O gasto deficitario podería dar traballo aos desempregados, pero perxudicaría ós titulares de bonos de débeda pública. Unhas medidas máis agresivas da Reserva Federal e do BCE poderían contribuir a sacarnos desta depresión -de feito, ata os economistas republicanos sostiveron algunha vez que un pouco de inflación sería unha solución- (pero a inflación beneficia a quen está endebedado e perxudica a quen ten capital).

Quen son eses acredores dos que falo? Rentistas: banqueiros e individuos adiñeirados con montóns de bonos nas súas carteiras de investimento. Son a clase social que fai grandes contribucións ás campañas, que ten acceso personal aos responsables políticos, moitos dos cales pasan a traballar para estas persoas cando saen do Goberno pola porta xiratoria".

25/06/11

SEGUNDO ANIVERSARIO

Hoxe hai 2 anos que comezou esta andaina na rede. Neste último ano, o blog estivo 'en suspenso' case seis meses, e aínda así acumulouse un total de exactamente 12.000 visitas. Tendo en conta o parón, que as páxinas que máis visitas aportaban están hoxe pechadas (renovarobng) ou o estiveron e hoxe non contan coa audiencia de antaño (chuza) e que, humildemente, por circunstancias persoais tampouco dispoño de tempo para facer as viaxes ou as entrevistas que tantas visitas aportaron o primeiro ano, que o blog acade máis do 50% das visitas do primeiro (case 24.000 de xuño09 a xuño10) é un motivo de ledicia.

Por iso, os agradecementos deste segundo aniversario van, por suposto, a todos os que visitáchedes o blog nalgunha ocasión, pero moi especialmente aos que vos achegades por aqui con frecuencia, incluso nas épocas de menos actividade. Grazas a todos.

Como curiosidade, as estatísticas.

Visitas a nosquedaportugal no 2º ano, por cidade.
Fonte: Google Analytics


As noticias máis visitadas este ano en nosquedaportugal foron as dúas partes da conversa con Valentim Fagim e os contos para nenos en galego. Recibimos visitas de 46 países, o 85% delas do estado español, con Portugal e Brasil en segundo e terceiro lugar. A fonte principal de visitas xa é google, desbancando ás webs antes citadas.

Pola súa banda, alemdominho, pese a estar virtualmente inactivo desde hai sete meses (*), segue incrementando a súa audiencia, principalmente polos accesos a través de google desde Portugal (primeiro país por audiencia, có 44% das visitas) e Brasil (segundo, có 27%). O post máis visitado, de lonxe, o artigo sobre os '10 melhores filmes brasileiros da década', seguido pola reportaxe 'rio Cávado - Gerês'.


(*) Agradécense as suxerencias dos lectores máis entendidos en 'novas tecnoloxías' sobre cal é o xeito máis rápido de traducir as novas de nosquedaportugal ao portugués para manter activo alemdominho, algo que agora mesmo é-me cáseque imposible.

24/06/11

NA PERRUQUERÍA

Chega o verán (que hai do 'vrao', eso xa non é galego?) e hai que cortar o pelo, a ver se refrescan as ideas, máis que nada. Vou á perruquería onde vou de cando en vez desde hai un par de anos, na zona do Corte Inglés da Coruña ('el de marineda no, el de toda la vida').

Non hai case xente, xa se sabe, día de san xoán, andan todos durmindo a festa de onte. Pregunto na entrada se podo cortar o pelo sen cita previa, e a rapaza da entrada pregúntalle a unha compañeira, en perfecto galego: 'cortaslle?'. A rapaza que me atende fálame en castelán, pero castelán dos Mallos, ou dos Castros, xa me entendedes. Eu explícolle que 'queroo curto por aqui, máis longo por aló...' e a rapaza segue en castelán. Mais, minutos despois, cando pasa por alí a rapaza de recepción, empezan a falar entre elas en galego:

- 'Sonia, que, mañán vas ir á praia toda a tarde, non?'
- 'ai non, muller, que mañán hai que traballar!'
- 'anda, como estou, que pensaba que hoxe era sábado!'

Cando volve dirixirse a min, eu falo galego, ela segue en castelán. Penso: 'se cadra ó mellor é a outra rapaza a que fala sempre galego, e a que me corta o pelo fala habitualmente castelán e en galego só coa compañeira'. Pero cando chega unha cliente, aténdea a primeira rapaza. Toca primeiro lavarlle o pelo á señora, e a conversa a inicia a perruqueira:

- 'está bien el agua asi?' 'quiere que le vaya poniendo una cremita?'

Quedo pensando no que pensei tantas veces e falei outras tantas coa xente: na Coruña fálase galego, e moito. Pero o galego non sae á rúa, queda para os íntimos. E, malia que en certos ámbitos consegue romper 'o cascarón', na vida profesional e na relación cós clientes seguimos sen avanzar nin un chisco en trinta anos. O galego é mal negocio, ou eso deben pensar algúns. E así a cousa non marcha. Non sei que se pode facer, pero non marcha.


A outra razón pola que a cousa non marcha é a xuventude. Hoxe fala Manolo Rivas sobre o tema en El Pais, 'Este non é país para moz@s'. A evidencia a atopo todos os días que vou pasear con Anxo polo parque de Eiris. Non esaxero un chisco: a inmensa maioría das conversas que se escoitan alí son en galego. Pero case todo o mundo que vai ó parque ten de corenta anos pra riba. Cando pasa un grupo de mozos, sempre falan castelán. Algo de esperanza queda cando un pai, ou sobre todo unha nai, pasa có seu neno e lle escoito falarlle en galego. Claro que non son maioría, pero 'habelos hainos', igual que na gardería onde vai Anxo polas mañás. Tendo en conta que estamos na Coruña, non me queixo.

Rematado o corte de pelo, volvo á entrada a que me cobren. Aténdeme a primeira rapaza, a que estaba na recepción. Fálame en galego: 'son dez euros'. Doulle vinte, dame o cambio, e despídese: 'moitas gracias'.

Aínda hai esperanza.

19/06/11

EU SON 15M

(Extraído de 'El blog de Enrique Dans':
http://www.enriquedans.com/2011/06/yo-soy15m.html)

Como parte del #15m me declaro una persona pacífica y condeno radicalmente todo tipo de violencia: la de los violentos infiltrados en nuestras manifestaciones, y la del Estado, que ha causado más dolor y heridos. Además, condeno la manipulación mediática que enfatiza la información sesgada, parcial o errónea con el propósito de demonizar a los ciudadanos.

Si me manifiesto en la calle es porque:

  • Mi participación como ciudadano se ha reducido a votar a listas cerradas cada cuatro años para ver cómo los representantes de los ciudadanos no respetan lo prometido en su programa.
  • Se hacen leyes a favor de grupos de interés en vez de hacerlas a favor del conjunto de la sociedad.
  • Se invierten recursos públicos para ayudar a minorías poderosas, y no a quienes están pasando situaciones desesperadas ocasionadas por la especulación financiera.
  • Los grandes partidos están más preocupados por mantener su poder que por ofrecer soluciones para superar esta crisis histórica.
  • Está a punto de firmarse un “Pacto del Euro” que consiste fundamentalmente en medidas para reducir la inversión pública en servicios esenciales.
  • Desde diferentes órganos del estado se ha insultado a los ciudadanos, e incluso se ha justificado el recurso a la violencia contra manifestantes pacíficos.

Como parte del #15m, acepto y respeto la diversidad ideológica del movimiento. Cuando participo en una manifestación no reclamo un régimen o una ideología en concreto, ni un modelo social no democrático, ni la eliminación de los partidos o los parlamentos. Lo que reclamo es una democracia mejor y más humana que, entre otras medidas, necesita urgentemente:

  • Cambios en la Ley Electoral para permitir una mejor y más directa representación de los ciudadanos en los parlamentos y una mayor participación ciudadana en las decisiones importantes.
  • Aprobación de una Ley de Transparencia y Acceso a la Información Pública para obligar a la publicación en formatos adecuados y reutilizables de todos los gastos, decisiones y reuniones con grupos de presión por parte de funcionarios y cargos públicos.
  • Tolerancia cero a la corrupción de candidatos y cargos públicos, y controles ciudadanos para la exigencia de responsabilidad política.
  • Separación clara, real y efectiva de los poderes del estado.
  • Control fiscal efectivo de grandes fortunas y operaciones financieras; eliminación de privilegios fiscales a cargos electos.
  • Políticas encaminadas a solucionar de forma efectiva los problemas hipotecarios y de vivienda.
  • Servicios públicos de calidad, fundamentalmente salud, justicia y educación.
  • Eliminación de las leyes que permiten el control administrativo de Internet. La red ha demostrado ser esencial para la libertad de expresión y para responder al peligro de manipulación mediática.

Por todas estas razones volveré a salir pacíficamente a la calle el 19 de junio, #19j.

Si estás de acuerdo, aprópiate del texto y divúlgalo.

17/06/11

SUPERDEPÓSITOS

Artigo en Xornal de Galicia do 7 de xuño. O certo é que últimamente non saco tempo para nada, e certamente hai bastante do que falar, comezando polas eleccións municipais e as eleccións en Portugal... A ver se o domingo.

03/06/11

UN MUNDO DESIGUAL

Estados Unidos serve de exemplo para moitas cousas (ben é certo que para outras mellor sería que non). Pero este video de 3 minutos axuda a entender boa parte dos desequilibrios globais que meteron a economía mundial no meollo no que andamos: en USA, o 10% da poboación gaña anualmente o 50% das rendas do país, e acumula o 72% da riqueza nacional. O 1% dos 'superricos' acumula un terzo das riquezas. O 50% máis pobre acumula o 2%. Peor que eses datos é comprobar, tal e como mostra o video, o enorme incremento das desigualdades sociais desde 1967. Quizais a mellor explicación desta evolución sexa o último apunte do video: o 1% dos 'superricos' pagaba en 1995 o 30% das súas rendas en impostos. Hoxe pagan o 16%... e supoño que do que gardan en paraísos fiscais seguimos sen saber nada.



Vía 'impertinencias'.

01/06/11

'MIL CANS...' DE MANOLO RIVAS

Non pode decirse que Manolo Rivas se prodigue moito últimamente no seu blog. De feito, comprobo que o artigo de hoxe rompe unha xeira de máis de once meses sen publicar, pero pagou a pena a espera. Recomendamos encarecidamente o seu artigo 'Mil cans máis para Galicia', hoxe no seu blog 'O máis extraño'.

"...estase a virar á dereita. Mais non a unha dereita calquera, senón a un Ogro que oculta a face escura. Esta expansión dereitista, o Monstro edulcorado, ten por correlato o derrube socialdemócrata e a decadencia das ideas que sustentaron tradicionalmente á esquerda. A nova-vella dereita fica absolta do desastre que provocou. A esquerda cínica e cativa non foi quen de combater ese meigallo. A marea dereitista respondería a unha nova hexemonía cultural, que se expresa cun curioso paradoxo: a cultura da incultura, a razón irracional, a política apolítica. De que materia está feita este Monstro que se fai simpático ás multitudes? "Ultra-capitalista, predica o éxito, a riqueza e despreza as actividades intelectuais". A berlusconización, a filosofía bling-bling da troupe de Sarkozy, serían algunhas das expresións estéticas deste Ogro doce. Todo semella un espectáculo alleo, até que vemos como asoman as caras máis feas: o aplauso e o voto á corrupción, o contaxio pandémico da xenofobia".

29/05/11

LEI ELECTORAL E DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Artigo en Xornal de Galicia do 29.05.2011 (facer click na imaxe)

20/05/11

VOTO EN BRANCO

Agora que andan (por fin) a sociedade, os políticos e os medios de comunicación revoltos porque parece que a xuventude finalmente reaccionou, e agora que a xunta electoral decidiu que a xornada de reflexión é un dereito máis fundamental que os dereitos de reunión, de liberdade de expresión ou de manifestación, teño que recoñecer que para min vai ser a primeira vez que chego a ese día, o día previo á xornada electoral, con necesidade de reflexionar a quen votar.

Hai tempo que tiña decidido o meu voto nestas eleccións. Votarei ao partido que hoxendía representa a miña maneira de pensar, de entender a sociedade, capaz de defender os meus intereses, do único partido no que creo poder confiar: ningún en absoluto. Así que decidín que o domingo votaría en branco. Sería a segunda vez que decidía activamente 'pasar' das opcións que se nos plantexaban para escoller (a outra vez foi no referendum dese pitorreo ao que lle puxeron o nome de Constitución Europea, e no que decidín quedar na casa, básicamente porque non entendía como ninguén podía votar sí ou non a algo que non leron nin entenderon). Pero desta vez quería, có meu voto en branco, non quedar na casa e manifestar activamente a miña posición.



O problema veu cando, esta semana, no medio do debate sobre as manifestacións do 15-M, caín na conta dun detalle: con esta lei electoral, votar en branco é darlle o teu apoio ás forzas maioritarias. Os votos en branco non teñen dereito a "representación parlamentaria", pero sí computan á hora de decidir que partidos minoritarios quedan fora do Parlamento ou do Consistorio (menos do 5% dos votos escrutados, incluído os votos en branco). "Así que un elevado voto en branco significa elevar o número de votos precisos para chegar ao 5% do total, o que dificulta a representación dos partidos minoritarios".

Ás vantaxes que a Lei D'Hont, e sobre todo o reparto da circunscripción electoral en provincias, lle proporciona a PP e PSOE, súmaselle a imposibilidade de discrepar. Publiquei no seu dia en renovarobng.blogaliza.org un resumo de cales serían os resultados nas últimas 6 eleccións ao Parlamento Español se a circunscripción electoral fose única e todos os votos de todos os cidadáns contasen o mesmo. O resultado: PP e PSOE beneficiáronse elección tras elección en 20 escanos de máis cada un, e os votos perdidos polos partidos minoritarios (BNG, PA e sobre todo IU) fixo que o electorado fose tendendo, elección tras elección, a optar por un sistema bipartidista (a suma das porcentaxes de voto a PP e PSOE sube elección tras elección desde a desaparición de UCD). Pois agora, máis aínda, se queres decirlle a 'Negrera', Losada e Carril que se vaian a paseo os 3 (é a primeira vez que voto na Coruña, recoñezo que se seguise empadroado en Pontevedra tería claro o meu voto, a pesar de ser o BNG unha casa de putas a nivel nacional), votar en branco só sirve para poñerlles as cousas máis doadas ós 3.

Unha razón máis para apoiar as demandas dos manifestantes do 15-M, e en concreto, 4 cambios no modelo de democracia representativa que hai que EXIXIR modificar: Listas abertas, circunscripción única, 'unha persoa un voto' e maior participación cidadá directa nas decisións políticas a través dos novos sistemas de comunicación. Estas reclamacións que buscan converter a democracia representativa noutra participativa son esenciais para que empecen a mudar algo as cousas, máis que as reclamacións de tipo económico tipo 'quen paga a crise', o modelo de estado de benestar, etc., porque éstas serán defendidas a consecuencia de ter conseguido aquelas, e non ao revés.

p.d.: por certo, o domingo intúo que votarei á opción minoritaria que me entre polo ollo no último minuto, xa veremos cal, pero non me convencen ningunha das leiriñas do galeguismo de centro-dereita, nin os verdes en coalición con EU, nin nada de nada miña nai como está o panorama...

17/05/11

AGASALLO PARA O MUNDO

Bo Día das Letras Galegas a tod@s!




Entra por favor nesta ligazón de youtube www.youtube.com/user/Agasalloparaomundo e comparte o noso AGASALLO SINCRONIZADO PARA O MUNDO.

Fai que A NOSA LINGUA se escoite nos cinco continentes no Día das Letras Galegas, 17 de maio.

16/05/11

DOUS APUNTES DE ECONOMÍA

Dous apuntes de economía que podedes atopar hoxe no internet, na véspera da nosa festa da lingua:

1.- Ignacio Escolar fala no seu blog, a colación do escándalo de Dominique Strauss-Kahn, da crise da esquerda: "¿Qué fue de la izquierda? Es sarcástico: la historia le dio la razón justo después de que ella misma se autoconvenciese de que el mundo era inexorablemente de derechas. Renunció a la utopía, a la igualdad, a la justicia social. Dejó de soñar con cambiar la realidad y se conformó con la caridad: con poner paños calientes a un sistema que no sólo es incapaz de reducir las desigualdades económicas y sociales, sino que las hace aún más profundas. La crisis económica no ha sido la oportunidad de la izquierda, sino su tumba".

2.- Roubini (e Mihm) insisten neste artigo en project-syndicate.org no que apuntabamos no último artigo en Xornal: que a solución á crise da débeda grega, irlandesa e portuguesa consistente en que paguemos os de sempre, ademáis de inxusta, será inútil. "Greece is clearly insolvent. Portugal is experiencing a slow-motion fiscal train wreck that will lead to public-sector insolvency. Ireland and Spain will eventually lead to sovereign insolvency". Pasa a analizar as posibles solucións que, por distintas razóns, ou non darían resultado, ou serían imposibles de aplicar ou directamente a ideoloxía dominante non vai aplicar (monetización de débeda), para rematar apuntando que a única solución será restructurar débeda: "If the PIIGS can’t inflate, grow, devalue, or save their way out of their problems, Plan A is either failing or is bound to fail. The only alternative is to shift quickly to Plan B – an orderly restructuring and reduction of the debts of these countries’ governments, households, and banks".

Levamos 4 anos de crise financeira e case 3 de crise económica global. Hai países que xa están, aparentemente, saíndo a flote, principalmente os emerxentes (aínda que hai ben pouco o propio Roubini apuntaba os riscos da economía Chinesa), pero en Europa a crise vai para moi longo. Falo da crise económica, porque da crise da esquerda e da crise política da Unión Europea, a realidade fala por si mesma.

06/05/11

PORTO - BRAGA

Coido que é o primeiro apuntamento sobre futbol en nosquedaportugal, pero a ocasión ben o merece! Despois do 5-1 do Porto ao Vilareal sabiamos que adicaríamos en breve unha entrada do blog ao éxito europeo do fútbol portugués, mais a victoria de onte do Braga ante o Benfica engade un interese especial: haberá final galega Porto - Braga. Que gañe o mellor!! (aínda que se teño que torcer, torzo por que o equipo máis modesto dos dous e representante da capital do Reino de Gallaecia quede có trofeo da UEFA)

Custodio celebra o gol do Braga onte no Estadio Municipal
Fonte: www.abola.pt

Ademáis, esta final será histórica a nivel europeo: nunca antes unha final dunha competición UEFA se celebrara entre dous equipos representantes de dúas cidades a menos de 50 quilómetros de distancia (iso cando menos se pode ler en es.uefa.com, pero coido que non é unha páxina oficial). O 18 de maio en Dublín. Sorte a ambos.

E por certo, quen se deixe caer un día polo Estadio Municipal de Braga, que aproveite para ir visitar o Núcleo Museológico São Martinho de Dume, como explicamos un día neste blog. Está a apenas 500 metros do estadio, e seguramente a estas alturas xa se pode disfrutar do conxunto arqueolóxico ao completo.

02/05/11

O POVO É QUEM MAIS ORDENA

Artigo en Xornal de Galicia do 27.04.2011 (facer click na imaxe)




Nos días posteriores á solicitude de axuda ao FMI volvín visitar Portugal. En concreto ao meu benquerido Gerês, o paraíso natural ao cal xa lle adicamos algún artigo en nosquedaportugal. Sempre saco algunha nova conclusión sobre a nosa realidade común cando vou por aló, e desta volta non ía ser menos. Para os portugueses, os males que parecen perseguir eternamente a Portugal teñen sempre unha xustificación de primeira man: 'somos un país muito pequeno'. Pequenos e periféricos, o 'sindrome do fado' galego-português. Sempre chorando.

25/04/11

25 DE ABRIL, SEMPRE

Hoje, mais que nunca, o povo é quem mais ordena.




Estamos de volta.