Mostrar mensagens com a etiqueta a furada do trasno. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta a furada do trasno. Mostrar todas as mensagens

03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?

14/03/10

BLOGS DE REFERENCIA EN ECONOMÍA

Home, se hai un blog de referencia en economía a nivel internacional é o do Nobel de Economía máis blogueiro de todos os tempos, Paul Krugman, The Conscience of a Liberal; e non quero tampouco deixar pasar a oportunidade de mencionar unha páxina imprescindible, www.project-syndicate.org, onde colaboran con artigos de opinión en economía, política internacional ou crecemento sostible personalidades tan recoñecidas como os economistas Nouriel Roubini ou Joseph Stiglitz (Nobel de Economía o segundo), Kenneth Rogoff (ex-economista xefe do FMI), os ex-ministros de exteriores de Alemaña ou Israel Joschka Fischer e Shlomo Ben-Ami, e moitos outros (Bradford deLong, Jeffrey Sachs, Robert Skidelski...)


Pero non. Eu estaba a falar de dous blogs de referencia en economía de Galiza e de Portugal.




1.- A FURADA DO TRASNO

site: http://afuradadotrasno.blogspot.com/

Blog sobre economía de Galiza do que xa temos feito referencia nalgunha ocasión en Nosquedaportugal, e non está de máis adicarlle tamén este artigo. O máis suliñable é que cunha linguaxe básica e ben explicativa vai ofrecendo con regularidade información e artigos de opinión sobre a situación económica galega ó alcanzo tamén dos lectores con menores coñecementos en economía. Imprescindibles o seu seguimento da lea das caixas de aforros, e dos datos macroeconómicos de PIB i emprego en Galiza.

Só me queda dicir dúas cousas máis: pedirlle desde aqui que lle adique máis artigos a Portugal e a Eurorrexión que formamos cos minhotos; e segundo deixar unha pregunta non aire: quén carallo será o trasno? (supoño que non son o máis indicado pra facer esa pregunta, pero bueno...)



2.- THE PORTUGUESE ECONOMY

site: http://theportugueseeconomy.blogspot.com/

Blog sobre economía de Portugal. Unha eiva que temos moitas veces desde este lado do Miño os que queremos estar ó día do que acontece en Portugal é que non sabemos chegar a fontes de información que nos permitan seguir de continuo a realidade dos nosos veciños. Ben, pois en economía iso xa non ten por que nos pasar máis:


The Portuguese Economy. Fonte: theportugueseeconomy.blogspot.com


Hai apenas un mes ven de nacer o blog The Portuguese Economy, interesante iniciativa dun grupo de quince economistas e historiadores económicos portugueses de universidades do pais veciño, España, Reino Unido, USA e Canadá, coa intención precisamente de dar a coñecer ó exterior cal é a situación económica de Portugal, cales son as razóns que leva á economía portuguesa a ser a que xenera a menor renda per cápita do seu entorno, e que solucións se poden aportar.

O blog está escrito en inglés pra fomentar precisamente o intercambio de coñecemento a nivel internacional e a participación de calquer interesado de fóra de Portugal. Para moitos, o principal punto en contra deste blog é que non chegará a tanta xente por mor de estar en inglés e porque a súa linguaxe é bastante máis técnica que a da furada do trasno, por exemplo. Pero por outra banda, neste caso considero que é máis axeitado para os obxectivos que persiguen, e de atopar algo de especial valía para ser comentado en Nosquedaportugal non teñades dúbida que o faremos.

Polo de agora, o único que quero suliñar é que chama moito a atención o constante (e familiar no caso galego) 'victimismo' dos economistas portugueses á hora de botarlle as culpas de todos os problemas da economía lusa á súa situación periférica. Ben, iso pode ter a súa parte de razón, pero por unha banda non sei que pensarán en Tanzania ou Bolivia diso, i en segundo lugar, neste mundo da información instantánea e a crecente integración do comercio internacional, falar de periferia ten cada vez menos sentido: periferia respecto a qué? Ademáis... a Terra non foi sempre esférica? Logo non ten esquiñas nen nunca as tivo...