Mostrar mensagens com a etiqueta caixas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta caixas. Mostrar todas as mensagens

03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?

12/09/10

DEMASIADO GRANDES PARA CAER?

Ese era o título do artigo que Xornal de Galicia publicou o pasado venres como 'Caixa Breogán' na súa edición impresa, e como 'Sistema financeiro e Caixa Breogán'. Son los problemas del directo.


O pasado 2 de setembro o Presidente da Reserva Federal declaraba as concentracións bancarias en entidades 'demasiado grandes para caer' como o principal erro da regulación económica nos últimos anos. Declaracións que non fan senón evidenciar que detrás da estratexia do Banco de España de concentrar e privatizar as caixas de aforro non está a lóxica económica, senón pura e dura ideoloxía neoliberal. A mesma que nos meteu neste 'fregao'.

01/08/10

AS CAIXAS NOS 'STRESS TEST'


Esta semana fixen un artigo máis longo do habitual para Xornal de Galicia: unha análise dos famosos 'stress test' da banca combinado cun artigo de opinión sobre a (agora xa é público e a ninguén parece importarlle) bancarización das caixas.

As caixas nos 'stress test'


Xornal de Galicia preferiu aproveitalo para publicalo en 3 días (mércores, xoves e venres), así que non o publico no blog ata hoxe. Por certo, que novamente modificaron o título na versión en internet sobre a que eu lles enviei. Non sei, algunha razón terán.

As caixas nos 'stress test'

Unha primeira análise dos resultados dos ‘test de esforzo’ realizados polo Comité de Supervisores Bancarios Europeos (CEBS) deixa patente que os resultados serán utilizados para respaldar a política de bancarización das caixas defendida polo Banco de España, e executada por PP e PSOE –partidos que recentemente acordaron reformar a Ley de Cajas de Ahorro (Lorca) pola vía de Real Decreto urxente.

A menor transparencia doutros países impide comparar os resultados das caixas de aforro no contexto europeo (serían moi interesantes coñecer máis en detalle, por exemplo, os casos de Alemaña e Italia, onde a maior atomización do seu sistema bancario permitiría extraer mellores conclusións), pero no contexto español, as caixas saen especialmente mal paradas. Entroutras cousas, porque 6 dos 8 bancos analizados superan a todas as caixas de aforro –agás a BBK- en termos de perdas en proporción ós seus activos, e 5 caixas suspenderían o test (o CEBS entende por ‘suspender’ ver reducido o ratio de capitalización dunha entidade por debaixo do 6%).

Pero vaiamos polo miúdo. En primeiro lugar, a maioría dos bancos, con perdón da expresión, tampouco están ‘pra botar foguetes’. Santander e BBVA, si, xogan noutra liga. Son as únicas entidades españolas que acadarían beneficios incluso nos escenarios máis extremos considerados nos tests, resultando a primeira e cuarta entidades de Europa por beneficios. Pero xogan noutra liga porque a maior parte dos seus ingresos proceden doutros mercados: todos os bancos e caixas considerados no test son bancos que operan fundamental ou totalmente en España, mentras por exemplo Brasil representou o 30% dos resultados de Santander no primeiro trimestre de 2010 (Brasil, si, un pais que para os galegos deberia ser unha oportunidade histórica, pero seica algúns seguen a xogar ó despiste).

Pola contra, os resultados de bancos como Popular, Sabadell, Guipuzcoano e, nomeadamente, Banco Pastor, son tan significativos como os das caixas de aforro. En concreto, Pastor sufriría unhas perdas de máis do 4% dos seus activos totais, e recibe un cinco raspadiño cun 6 % de ratio Tier1, inferior ao da maioría das caixas (se ben é certo que para moitas destas –incluido ‘Breogan’, o nome asignado polo CEBS para a fusión das caixas galegas- corresponden ós ratios posteriores ás axudas públicas). Especialmente significativa é tamén a exposición de Pastor e Popular ós problemas do sector inmobiliario: máis do 60% das súas perdas provirían de promotores (só superados polas caixas de Sabadell, Murcia e a intervenida Cajasur). E moi sintomático tamén dos excesos cometidos por algúns bancos é o menor peso do marxe de explotación (que mide o negocio tradicional bancario, é dicir, créditos e depósitos) en proporción ás hipotéticas perdas sufridas, que no caso do banco galego suporían consumir o 100% do marxe xenerado nun ano.

A análise das caixas de aforro ofrece uns resultados iguais ou peores á dos bancos, coas salvedades principais de La Caixa, BBK e Kutxa, estas dúas últimas fortemente capitalizadas. Unhas perdas de entre o 2,5% e o 7% dos activos totais, uns ratios de capitalización inferiores ao 8% case na súa totalidade –‘Breogán no 7,2% despois de axudas- e, sobre todo, como mostra patente de que as caixas deixaron de centrarse no negocio tradicional de créditos e depósitos, algunhas entidades como Cajasur ou o SIP CAM-Cajastur precisarían o marxe de explotación de 5 exercicios para cubrir as perdas do peor escenario posible, un dato que só podería ser calificado de moi preocupante de non contaren estas entidades con suficientes provisións ao efecto. A fusión das caixas galegas non sae moito mellor parada a este efecto, precisando máis de 3 anos.

Asi pois, varias preguntas veñen á mente: por que se chegou a esta situación? É unha problema na concepción ‘especial’ das caixas, ou un problema nas prácticas aplicadas estes últimos anos? É a solución a bancarización? A quen beneficiará ese proceso?

As caixas foron sempre unhas entidades un tanto ‘molestas’ para a banca tradicional, xa desde que naceron no século XV no norte de Italia como ‘Montes de Pietá’, unhas alternativas piadosas para as xentes de menores recursos fronte á usura dos bancos da época. E tamén son desde sempre un bocado apetecível para o sector bancario, ben por absorción (algo que a distinta natureza das caixas, entidades sen accionariado, impedía) ben se fosen capaces de desplazaren ás caixas dos seus mercados tradicionais. Sen embargo, iso é algo que ata agora non foron quen de conseguir, máis ben ó contrario, como amosa a crecente cuota de mercado destas últimas (un 55% do mercado español, segundo datos de www.cajasdeahorro.es). Se as caixas eran quen de superar ós bancos en cuota, porque están na situación que amosan os ‘stress test’?

Ata as últimas reformas do sector, as caixas de aforro centraban a súa actividade ao seu ámbito xeográfico natural. Esta condición, e a natureza social das caixas, xogaba no seu favor á hora de competir coa banca: resultaba evidente que os bancos tiñan problemas para competir con cada caixa no seu mercado local por razóns ‘sentimentais’ de moitos aforradores, a maior implicación das caixas no desenvolvemento do tecido empresarial local, e os beneficios que cada caixa reportaba ós seus veciños a través da obra social, superior en volume aos dividendos que os bancos españois destinan ós seus accionistas.

O obxectivo das sucesivas reformas foi precisamente desnaturalizar as caixas de aforro: abrir a competencia entre elas en toda a xeografía do Estado, reducir a importancia da súa función social, e asimilalas progresivamente cara unha concepción esencialmente bancaria. O resultado? A ninguén se lle escapa que as perdas de Caixanova e CaixaGalicia proceden, na súa maior parte, do sector inmobiliario no Levante e Canarias, entroutras actividades. Para gañar mercado lonxe dos seus mercados naturais, moitas caixas de aforro tiveron que arriscar máis, ofrecendo o que outros non ofrecían, ou financiando operacións que outros non querían.

A bancarización e desnaturalización das caixas conduciunos á situación na que estamos hoxe pero, cal é a alternativa que agora plantexan as autoridades? Afondar nunha maior bancarización, xusto nun intre no que os acontecementos a nivel internacional poñen en tela de xuizo se realmente sabemos o que nos traemos entre mans. Sen ir máis lonxe, mentras a creba de Lehman Brothers puxo en descrédito a teoría aquela do ‘too big to fail’, seica en España a solución pasa precisamente pola concentración.

Para saber que intereses se persiguen cando se executa unha acción, nada máis simple que plantexarse quen son os principais beneficiarios. Neste caso, os grandes poderes económicos (bancos e grandes grupos empresariais) que poderán entrar no accionariado do 55% do mercado financeiro español que ata o de agora lles era vedado; e o Goberno Central, que acomete con esta reforma o maior recorte ás competencias das Comunidades Autónomas en máis de 30 anos de democracia.

14/05/10

LA BANCA GANA

Onte contoume Carlos un chiste que dicía algo talqueasí: "chega un tío a un bar, e pide 'posme un leite de soia con coca-cola, por favor?'. 'Ah, non, leite de soia non temos, emm, acabóusenos...', resposta o camareiro. 'Bueno pois, se non hai leite de soia... bótalle 100 pipers".

Recordoume o chiste dos Trapalhões dun video que tiña preparado hai tempo, así que hoxe por fin toca poñelo:




Sorprenderavos saber que, incluso despois do éxito internacional que está a ter o cinema brasileiro nos últimos anos, aínda hoxe 13 das 20 películas brasileiras de maior recaudación foron feitas polos Trapalhões nos anos 70 e 80. Se vos gustou, podedesvos encher a ver videos deles no youtube.


'E iso qué ten que ver có título do artigo?', diredes.

Pois nada. Simplemente, visto os últimos acontecementos (acordo zp-rajoy para a privatización das caixas; caixanova e caixagalicia acordan a súa fusión de xeito que os mesmos que as levaron á situación económica na que están seguirán a dirixila; e pra rematar -e con alevosía, despois de ver a Felipe González en CNN+ exixir que os Estados aten ós bancos e ós especuladores en curto- ver a confirmación de que a factura da crise vanna pagar os de sempre), pois visto todo eso, o mellor será tomarse a vida con humor.

Esta semana confirmóuse o que xa imaxinábamos: a ideoloxía que nos levou á maior crise en 80 anos non vai ceder o seu poder, antes morre matando. E ante iso, non sei se mil artigos que eu e moita xente poidamos escribir, servirán de algo. Nin sequera serve o dictame do Consello Consultivo da Xunta, que considera inconstitucional o decreto do galego, para que os incompetentes que chegaron montados nunha sarta de mentiras que hoxe trocan por 58 Citröen se boten atrás, así que... qué máis se pode facer?

Tomar a vida con humor. Non se me ocorre outra cousa.