31/08/09

FEIRA FRANCA EN PONTEVEDRA

Vaia por diante que o que suscribe é de Pontevedra. Porque direi moito e moi bó da miña vila natal, así que poderedes dicir que estou "barrendo pra casa". Pero coido tamén que estou a ser todo o obxectivo que me é posibel.

Moitas cousas cambiaron en Pontevedra nos últimos tempos. De feito, se hai un governo nacionalista que vai xa pra 12 anos nunha vila tanto tempo domiñada socialmente polo "pijerío" -para algúns segue a ser a vila das corridas de toros e as "puestas de largo"-, será que moi mal non o farían. Algo arrogantes foron algunhas veces, todo hai que dicilo, razón pola que seguen a perder votos elección tras elección, máis tiveron moitos acertos recoñecidos e que fixeron de Pontevedra a única cidade de Galiza onde o nacionalismo governa sen interrupción por máis dunha década: a recuperación da Zona Vella, completamente degradada durante anos, a peonalización do centro urbán (contra a que cargaron todolos medios e representantes da dereita, e hoxe ante o pulo do comercio e do turismo que xenerou, calan coma... -iso sí, aínda lles queda a retahila de "es que ahora el tráfico está fatal" pra xustificárense-), a recuperación do río Lérez -falta ver qué pasa coa Celulosa na ría, aceptanse apostas-, etc.

Pontevedra e Ría de Pontevedra
Fonte: www.concellopontevedra.es

Todo iso levou a que Pontevedra é dende hai 10 anos a segunda vila de maior crecemento poboacional de entre as principais cidades galegas, só por detrás de Lugo. E, a diferencia da capital lucense, o seu pulo non se debe á absorción de poboación dos concellos rurais do entorno, senón que xunto as vilas colindantes de Marín ou Poio fai da comarca de Pontevedra o cuarto polo económico e poboacional de Galiza, só por detrás de Vigo, A Coruña e Santiago.

Evolución da poboación nas 7 vilas galegas. Ano 1991 base 100.
Fonte: www.ige.eu



Pero imos ó conto. De entre as medidas máis acertadas dos últimos anos estivo a implantación da Feira Franca, evento que "se fundamenta no mercado libre de impostos que comezou a celebrarse en Pontevedra a partires do ano 1467, en virtude dun privilexio real concedido por Enrique IV, que autorizaba a celebración dunha feria que duraba quince días antes e quince despois do 24 de agosto, día de San Bartolomeu". A festa non está exenta de simboloxía nacionalista, xa que rememora os tempos de maior esplendor da burguesía galega, nun tempo no que "a documentación dos concellos de Santiago, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Ourense está case totalmente redactada en galego". Pero, a diferenza das festas sectarias dos touros e absolutamente rancias e vergoñentas de "puestas de largo" e demáis, que só reciben o interese dun sector da sociedade local, a Feira Franca conseguiu en apenas uns anos todo o interese da sociedade e ser orgullo dos lerezanos. Unha festa pra tódalas idades, pra celebrar nas rúas durante todo o día, xantando, asistindo a recreacións históricas, mercadillos, cetrería, etc.

Praza da Leña - Pontevedra
Fonte: http://leovigildo.lacoctelera.net

E todo iso, no marco incomparable da Zona Monumental pontevedresa. I é que nos últimos anos, quen teña visitado por vez primeira Pontevedra descobriría sorprendido que conta coa maior e mellor conservada zona monumental de Galiza. Está claro que non conta con monumentos do renome dos nosos Patrimonios da Humanidade -Catedral de Santiago, Muralla de Lugo e Torre de Hércules-, máis as prazas e recunchos que poderedes atopar camiñando de vagar pola nosa vila son do máis fermoso do País. A este respecto, sinalar tamén que "a construción da Basílicia de Santa María ao longo do século XVI, impulsada pola poderosa Confraría do Corpo Santo, é a manifestación artística máis sobranceira daquela etapa de esplendor".

Basílica Santa María - Pontevedra
Fonte: www.colon-gallego.com

E se fermosas son as rúas da Boa Vila, moito máis no fin de semana da Feira Franca. O entorno pontevedrés é o esceario máis axeitado pra recrear o medievo, transportándonos por un día a aqueles tempos como non o consegue ningunha outra das -cada vez máis- festas medievais que se celebran en Galiza. Por iso, convidámosvos a visitar Pontevedra esta fin de semana do 4 e 5 de setembro -se vides disfrazados, moito mellor-, e para aqueles que non poidades vir, a vindeira semana faremos entrega dun novo artigo onde (se a climatoloxía -principal temor dos pontevedreses nestas datas. nolo permite) recolleremos algunhas estampas na nosa festa máis sentida.

(Toda a información que precisedes sobre a Feira Franca, en: http://feirafranca.info )

29/08/09

4 CENTÉSIMAS

Un breve apunte sobre cómo domina a propaganda o governo da Xunta coa axuda de Santiago Rey, "la bienpagá".

Hai unhas semanas confirmábase que o PIB galego levaba dous trimestres en negativo. A máis dun na Xunta non lle debeu sentar moi ben recoñecer que Galiza entraba en recesión xusto no seu mandato, e pra máis inri cando expiraba o plazo no que Feijoo prometera rematar coa crise grazas ó seu “plan de austeridade”, consistente básicamente en vender un Audi pra financiar os colexios do Opus Dei.

Pero hoxe nos atopamos conque, sen reparo ningún, acaban de “retocar” o dato do PIB galego do 3º trimestre do 2008. Agora resulta que daquela non medráramos, senón que descendeu o PIB en 4 centésimas (nin Usain Bolt apura tanto!!). Unha cantidade tan pequena que se resolve de xeito sinxelo movendo contablemente unha partidiña presupuestaria aqui e alá... Esta burda manipulación permítelles por unha banda dicir que a crise comezou moito antes do recoñecido polo bipartito, e por outra deixar para a posteridade que o comezo oficial da recesión (enténdese por recesión 2 trimestres consecutivos de caidas de PIB) aconteceu o 1 de xaneiro de 2009, durante a presidencia de Touriño, e non no 2 trimestre deste ano, xa baixo o mandato popular.

Por suposto, en La Coz de hoxe -que non imos reproducir nin facilitar ligazón porque neste blog tamén practicamos o boiCoz- o publicitaban ben clariño na portada, “la recesión en Fachicia dura ya 4 trimestres!!”. E máis adiante, cando o PIB entre en positivo, poderán dicir que na crise se entrou có bipartito e se saíu grazas a SuperFrijolito. Iso sí, xa non poderá acontecer nos 100 días que nos prometera o superheroe.

28/08/09

OUTRA VEZ... ELECCIÓNS

(hoxe ímoslle dar uso á wikipedia, que pra iso está...)


Pois si. Non hai nada que se celebraron as Eleccións ó Parlamento de Galiza, e posteriormente as Eleccións Europeas, e xa estamos de eleccións outra vez. Pero desta volta estamos a falar das eleições legislativas portuguesas de 2009, a celebrar o vindeiro 27 de Setembro. O governo que sairá eleito será o XVIII Governo Constitucional de Portugal.

Palácio de São Bento, edificio da Assembleia da República Portuguesa
Fonte: http://pt.wikipedia.org


Non só iso, senón que poucos días máis adiante, Portugal volta estar de eleccións (pero bueno, non as podían xuntar??): o vindeiro 11 de outubro celébranse as Eleições autárquicas portuguesas de 2009, unha especie de eleccións municipais onde se deciden os governos de municípios e freguesías. Todo Portugal está agora mesmo cheo de enormes carteis có rostro dos candidatos ás eleccións Autárquicas, que sonche uns cantos...


O Parlamento vixente actualmente en Portugal foi elixido nas eleições legislativas portuguesas de 2005, do 20 de febreiro, onde gañou o Partido Socialista, liderado por José Sócrates, con 121 escanos de 228, cun 46% dos votos. Como resultado das eleccións, Jose Sócrates foi elixido actual Primeiro Ministro de Portugal, isto é, o xefe do Governo de Portugal.

José Sócrates, Primeiro Ministro de Portugal
Fonte: http://pt.wikipedia.org


Nunha República Presidencialista como a portuguesa, a titularidade dos poderes políticos se completa coa figura do Presidente da República, que actualmente recae en Aníbal Cavaco Silva, antigo lider do PSD i ex-Primeiro Ministro.

Aníbal Cavaco Silva, Presidente da República de Portugal
Fonte: http://pt.wikipedia.org



Outros partidos con representación no Parlamento de Portugal son o PPD/PSD e o CDS-PP de dereitas, e pola esquerda, a maiores dos socialistas, o Partido Comunista-Verdes e Bloco de Esquerda.

As sondaxes, no entanto, dan como resultado agardado un empate técnico entre Partido Socialista e PPD/PSD. De cando en vez iremos actualizando información neste blog sobre campaña e resultados, ao longo deste mes e medio de mítines que nos queda por diante en Portugal...

26/08/09

NON DAMOS ABASTO!!

Hoxe teño unha moi boa nova que vos dar: o modesto traballo deste blog por dar a coñecermonos mútuamente a Galiza e Portugal (e por extensión, todo o mundo lusófono) é infinitesimal en comparanza con todo o que se está a traballar dun tempo a esta parte dende todos os campos e dende os dous lados da raia. Tanto é así que hoxe voume limitar a citar algunhas das novas máis salientables que teñen sido publicadas recientemente, a maioría extraidas do portal de novas galegas www.chuza.org que está a ser últimamente -é de ben nacidos sermos agradecidos- de tremenda axuda á hora de buscar ideas pra este blog.

Velai vai:

* Sobre música:
- O Festival Outonalidades (que principiará o vindeiro mes de setembro) en Águeda, Portugal, volve colaborar este ano coa Rede Galega de músicaaovivo. O resultado serán 6 bandas portuguesas que xirarán por Galiza este outono, e once galegas por Portugal. Tedes comprida información na web www.vieiros.com, nunha nova da que queremos suliñar que nos encanta o seu título: "Este outono, menos mal que nos queda Portugal!" :-D
- Un pouco na mesma onda, citar que o pasado fin de semana, o Festival San Caetano de música, en Celeiro de Mariñaos, contaba coa colaboración tamén dun par de grupos que misturan a música popular galega coa portuguesa e brasileira.
- A respecto de Galiza e o Brasil e a nosa cultura en común, opinaba no xornal Galicia-Hoxe a figura máis internacional da nosa música, o gaiteiro Carlos Núñez, recentemente galardoado co Ireland"s Music Award. No Brasil "descubríu algo que pode ser vital para o noso futuro. Brasil garda a esencia da cultura galega en clave urbana e contemporánea, é máis galaico que lusitano. o que di Carlos Núñez seguramente vai facer por Galicia na súa relación/proxección co Brasil infinitamente máis que todos os Gobernos da Xunta nos máis de 30 anos de autonomía. Sendo como é o idioma galego pai do portugués do Brasil, non deixa de resultar estraño o pouco interese que a Galicia oficial ten mostrado polo planeta brasileiro. Brasil é unha mina galaica". Podedes ler o artigo completo aqui.


* O Portal Galego da Língua, www.pglingua.org, portal da AGAL (Associaçom Galega da Língua, "associaçom sem ánimo lucrativo, constituída em 1981, que visa a plena normalizaçom do Galego-Português da Galiza e a sua reintegraçom no ámbito lingüístico a que historicamente pertence: o galego-luso-brasileiro") é unha constante fonte de información sobre os nexos entre Galiza e a lusofonía. Algunha das novas máis recentes das que se fan eco:
- "Do ñ para o nh". Libro editado o pasado mes de xullo polo profesor Valentim Fagim, como «Manual de língua para transitar do galego-castelhano ao galego-português».
- Xornadas de acampamento Portugaliza, a celebrar entre agosto e outubro deste ano, como ponto de contacto entre xóvenes de Galiza e o Norte de Portugal.
- E citar tamén un dos -moitos- artigos que estamos a ler recentemente avogando por un maior contacto cultural entre Galiza e Portugal. Neste caso, a cargo do profesor José Paz Rodrígues, "Portugal, tam perto, tam longe".

* E xa que falabamos de Portugaliza, mencionar a web www.portugaliza.com, como "ajuda a aperfeiçoar o conhecimento do portugués" pra galegos. A lingua e a cultura portuguesa e brasileira, pra galegos.


De seguro que hai moito máis, pero é moi alentador comprobar que xa se está a facer tanto por revitalizar a nosa cultura propia a través do contacto e o coñecimento da cultura portuguesa no mundo.

24/08/09

USAIN BOLT

Sí, xa o sei, diredes vós "... qué carallo pinta Usain Bolt nun blog coma este? Nin é galego, nin fala portugués, nin ten nada que ver có blog...".

Bueno, pois... por unha banda, o primeiro artigo da semana corresponde á nova máis salientable dos últimos días, e non me negaredes que a súa actuación nos Mundiais de Atletismo en Berlin foi o mellor que vimos en moito tempo... Eu, dende logo, berrei coma un tolo véndoo pulverizar tódolos rexistros.

Usain Bolt na final dos 100m lisos
Fonte: www.guardian.co.uk


Pero é que, por outra banda, moita xente opina que o de Bolt é sobrehumano, vai ti saber, igual é extraterrestre. Igual é marciano, e xa o dicían Os Resentidos, "xa chegaron os marcianos que tamén che son galegos". Se hai galegos por todo o mundo adiante, igual vai ser que Bolt é galego tamén... eu que sei!!



O que está claro é que, se tivemos que escoitar a Ánsar dicir que falaba catalán na intimidade, e agora á hipócrita Ghloria Lagho dicir fala na súa casa ghalego con gheada, quen che di a ti que Bolt non fale portugués con sotaque lisboeta, eh??

23/08/09

COMO CONDUCIMOS...

Veña que non vai ser todo política i economía neste blog, que bastante temos xa con investir os cartos do Audi de Touriño en enquisiñas, galiñas azuis e subvencións ó Opus no canto de en reducir o paro... un pouquiño de humor, por favor!!

Velaí vos vai un video do Señor Paco, o gran Carlos Blanco, nunha das súas charlas no seu programa da TVG "Somos unha potencia":




E non se corta o rapaz: como conducimos en Galiza... e tamén en Portugal!

(Sobre o "Señor Paco": A respiración de Carlos Blanco, en El Pais)

21/08/09

GO TO SPAIN!

Unha visita obrigada na cidade máis bela do mundo (isto é, Lisboa) é subir ao Castelo de São Jorge. A súa ubicación no outeiro máis alto do centro da cidade permite ao turista contemplar as mellores vistas dos principais barrios: Rossío, Chiado, Alfama, as pontes sobre o Tejo... Entroutras postais, algo semellante a isto:

Lisboa dende o Castelo de São Jorge. Fonte: propia.

Máis tamén, aqueles que se fixen na súa subida a pé ó outeiro poderán ver que nos muros de entre as casas que atoparedes en chegando ó Castelo figura esta pintada:

Tourists: Respect the portuguese silence or go to Spain!
(Turistas: Respetade o silencio portugués ou ídevos pra España!)


É por iso que, aqueles que coñecemos a historia de Portugal e de como a nación portuguesa naceu e consolidouse por oposición a España, non nos sorprendemos de que os resultados daquela enquisiña publicada hai unhas semanas (sí, aquela que dicía que un 40% dos portugueses verían ben federarse con España), que tanta publicidade se lle deu nos medios españois, tivera tan pouco interese nos portugueses, e cando se facía era para facer constar que se tomaban a cachondeo unha enquisa feita con 800 entrevistas telefónicas.


Ai Lisboa!! Cantas cousas hai que contar de ti!! Tempo haberá de facelo...

19/08/09

DUAS GRAFICAS DUNHA RECUPERACIÓN

Un breve apunte económico sobre os recentes datos publicados sobre a "saída da crise" dalgunhas economías occidentais. A gráfica a continuación amosa a taxa trimestral de crecemento do PIB dalgunhas destas economías nos últimos 8 trimestres (2 anos):



Soe ser esa a gráfica que publican os xornais, xa que é a que reflicte maior "sensación" de recuperación das economías. Pero esta é a evolución do PIB desas mesmas economías no mesmo periodo de tempo:



As dúas gráficas representan o mesmo feito, máis as sensacións que transmiten son ben distintas. No primeiro caso, amosa que volvemos a taxas positivas (ou menos negativas en España e USA) de crecemento, pero a segunda gráfica lémbranos "dende qué nivel estamos a empezar a medrar". O efecto da crise levou ás economías a retroceder varios anos de progreso económico, e agora toca empezar a recuperar dende ahí.

A terminoloxía -que pra que todo o mundo fale nos mesmos termos estipula como recesión dous ou máis trimestres consecutivos con taxas de crecemento negativo- permite que esta semana tódolos titulares falen do "fin da recesión" en Alemaña, Franza ou o Xapón. Pero eso non quere dicir que volveran os días de viño e rosas. Esto é como o equipo que leva 4 xornadas seguidas perdendo, e gaña o quinto partido. Unha cousa é alegrarse pola victoria, outra dicir que "a liga está gañada".

As boas novas son 1.- que as políticas fiscais expansivas (esas que critican os neoliberais, causantes das políticas que nos levaron á crise actual) levadas a cabo por tódolos governos -inclusive os de dereitas- conseguiron atallar a caída libre na que se atopaban as economías occidentais. E 2.- que a "economía é psicoloxía", e o freo desas caídas así como os titulares de prensa, máis ou menos realistas, deberían axudar á toma de confianza de inversores e consumidores.

Pero esta é unha crise de demanda, e como tal a recuperación virá cando se recupere ésta. De momento os datos amosan máis ben o efecto dos fortes investimentos dos Estados pra atallar a hemorraxia, a estabilización do comercio internacional tra-la auténtica hecatombe dos últimos meses -con contraccións de dous díxitos xamais vistas nas últimas décadas-, así como o "efecto inventario" na producción que xa apuntaba hai meses, moito antes de coñecerse os datos actuais, o nobel Paul Krugman. Por último, tampouco amosan os datos a certeza de que as economías se recuperarán "en V", como semellan descontar os mercados financieiros.

Por iso, as últimas noticias deben ser tomadas con optimismo (atallouse a pantasma da depresión económica, e posiblemente tamén o da deflación), máis non con euforia desmedida: queda moito camiño por andar.

18/08/09

AS MENTIRAS DE FEIJOO

Desta volta, o artigo da semana non é un artigo, senón unha nova páxina en internet. Un medio de comunicación do que me quero facer eco porque estamos ante un dos mellores -senón o mellor- que teño lido nunca e que, de seguro, dará que falar.

http://feijoomente.blogaliza.org/

Medio nacido o pasado mes de xuño "cunha vocación de crítica política, pero sobre todo cunha vontade de realizar un servizo público, na medida en que pretende servir de espazo para a denuncia dos incumprimentos programáticos de quen ostenta a máxima responsabilidade institucional galega" e que co tempo, non sabemos se só polos seus propios medios ou grazas tamén á colaboración de xente moi ben documentada, estanse a revelar como unha das fontes de información máis fiables e reveladoras do País.

O seu artigo do 10 de agosto é un resumo das súas primicias. Sinalan que na Xunta xa empezan a estar nervosos pola capacidade desta xente, que xa foron quen de facer rectificar á mesma Xunta e o seu altofalante La Coz de Fachicia, cando tras publicar que "quedaba derogado o Decreto Eólico", Feijoomente sinalaba que "As leis só entran en vigor unha vez aprobadas polo Parlamento e publicadas integramente no DOG (non no Diario Oficial de Santiago Rey)". Un día despois La Coz de Fachicia rectificaba en portada, e ó día seguinte a Xunta colgaba un simple borrador do anteproxecto para tentar darlle credibilidade á suposta derogación.

I é que este novo medio de comunicación en internet, con máis de 5.000 suscritos en pouco máis de 2 meses, está chamado a ter moito que dicir no eido xornalístico e político nos vindeiros anos. Que así sexa. Parabéns e moito ánimo!!

16/08/09

EU SON...

Balbino.

Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No vrao ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta unha brocha pra espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son como espeteiras pra encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.

¡Qué saben desto os nenos da vila!

Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas.


Neira Vilas non só é responsable de ter escrito o maior best-seller na nosa lingua. Para cada un dos que temos lido a súa pequena xoia representa unha historia de amor á nosa lingua e á nosa terra. A miña: a aquel rapaz de 12 anos -que sería o que tiña eu daquela-, que naceu e creceu no entorno urbano e castelán-falante de Pontevedra i educado en castelán "como Dios manda", pero que coñecía o mundo rural en primeira persoa porque case toda a miña familia é dunha aldeíña de Vimianzo, descubrirlle os anceios dun rapaz de aldea, sentirse digno dél e do seu mundo, do rural e da súa fala, a nosa fala.

E aprendín o "Eu son Balbino..." de carrerilla (aínda hoxe podería recitar unha boa parte). E prometínme que algún día, cando teña un can que sexa meu, chamarase Pachín (día que aínda non chegou, porque esto de vivir en lacoru es lo que tiene, pero chegará), porque có que chorei por él ben o merecía. E comezei a facer o que nunca antes fixera: ler a nosa literatura, empezando por Castelao, que me encantaba "Un ollo de vidro", e moitos outros. Balbino fixo de min, en resumo, un rapaz que ama a súa lingua e a súa terra. Débollo todo.

E hoxe cando ollo o "Memorias...", o mesmo exemplar que lía de rapaz, atopo na primeira páxina esta sinatura:

Xosé Neira Vilas, 10-2-93

O certo é que, facendo memoria, coido que non foi a min, senón a meu irmán a quen llo firmou, pero... qué máis ten!!


Seguro que si o liches algunha vez, agora estás a pensar en volve-lo ler unha vez máis. Eu xa o estou a facer.

14/08/09

O ANO EM QUE MEUS PAIS SAIRAM DE FÉRIAS

Hoxe venres 14 de agosto estréase nos cinemas galegos "O ano em que meus pais sairam de férias", filme brasileiro do ano 2006, que chega con 3 anos de retraso ás nosas carteleiras avalado por ser a película nomeada por Brasil pra competir aos Oscars de Hollywood, e por estar producida polo director da última película brasileira agraciada con tal galardón, Fernando Meirelles por Cidade de Deus.

Cartel de "O ano em que meus pais sairam de Férias".
Fonte: http://www.elmulticine.com/peliculas_listado2.php?orden=2180

Filme que xa veremos canto tempo está en cartel, porque a pregunta "en qué lingua se emitirá en Galiza" coido que o cartel non deixa lugar a dúbidas. I é que sinceramente, non encontro máis explicación que a estupidez duns cantos para que as películas brasileiras e portuguesas se estreen no noso país... en perfecto castejuanito.

Se che interesa vela non deixes pasar moito tempo, xa que probablemente non dure moito en cartel, a non ser que gañe o Oscar, caso no que voltarán a poñela un par de meses máis como soe facerse coas películas sen tirón comercial. Máis información en http://www.sefuerondevacaciones.es/

12/08/09

AS (INCRIBLES) CONTAS DO PASTOR (2)

(continuación da primeira parte do artigo)
1, 2 e 3 amosan que o Pastor é a entidade que máis problemas está a ter neste aspecto. Pero hai máis.

4.- Non son capaces de reduciren custos (gastos de administración só -1,2%) malia os despidos de persoal (este sí que se nota, -3,5%) e os peches de oficinas (105 oficinas pechadas).

5.- E, por último, o máis preocupante de todo: realmente obteñen 82 millóns de beneficio??

Os ingresos totais da entidade no primeiro semestre de 2009 foron 671,74 millóns de euros. Pero ese importe non se corresponde có negocio bancario recurrente que Banco Pastor é capaz de xenerar. A razón é que 288,5 millóns de euros proceden da venta total da participación en Unión Fenosa (180 millóns) e de patrimonio inmobiliario do banco (106,5 millóns). Xa o mesmo ocorrera o mesmo semestre de 2008, cando se apuntaran as plusvalías da primeira venda de accións de Fenosa, por 111 millóns de euros. Pero hoxe xa non hai máis "fenosas" que vender cando a cousa aprete, e o patrimonio inmobiliario tamén ten un límite.

Polo tanto, os ingresos recurrentes de Banco Pastor no primeiro semestre de 2009 foron de só 383 millóns de euros (430 no mesmo periodo do ano anterior). Tamén é certo que declaran ter feito unha provisión voluntaria por 74,7 millóns de euros para "engordar o colchón" no futuro, có que o montante dos gastos ascende a 323,66 millóns por pérdidas de activo (unha preocupante partida que recolle as insolvencias e que prácticamente se duplica dun ano a outro) máis 180,5 millóns en gastos e amortizacións, partida que como xa vimos non se reducíu nin despois do peche de máis de 100 oficinas e despidos de persoal.

En resumo, a conta de resultados do Pastor, detraídos os compoñentes extraordinarios, daría unha perda de -121 millóns de euros, mitigada este semestre polo concepto "outros resultados netos" ata unhas perdas de -97,66 millóns de euros.


Para os que non entenderan ben as contas -lóxico, despois de tal enchenta de datos-, o que está a facer o Pastor (e moitos outros bancos, eu diría que todos), é similar a isto: supoñamos que tes un patrimonio que consta de vivenda propia e automóvil, un posto de traballo e uns gastos ó ano de 50.000 euros (tes que recoñecer que vives a corpo de rei, eh...). Entón a túa empresa dache a boa nova de que quedas sen traballo. Para poder seguir vivindo como un marqués, decides vender a casa e ir vivir con mamá, e vender o coche -total xa non che fai falla pra ir traballar. Botas contas e dis: carallo! todo son boas novas! gasto 50.000 euros, pero ingresei 140.000 da casa e 10.000 polo coche. Teño unhas plusvalías de 100.000 euros!! Aínda por riba "vivo como quero: non traballo, non gasto gasoliña e mamá dame de comer! Vou vivir así toda a vida!!"

A participación do Pastor en Unión Fenosa e o seu patrimonio inmobiliario eran, con moito, as principais partidas coas que contaba Banco Pastor pra xenerar beneficios puntuais, e maquillar así resultados. No seu informe anual do 2008 falan de participacións maioritarias en empresas non financieiras como actividade inmobiliaria (General de Terrenos y Edificios, nome orixinal), sociedades de cartera (Sobrinos de José Pastor Inversiones, cun volume de 59 millóns de euros) e investimentos en enerxías renovables, e non se detallan as participacións minoritarias en outras compañías. No seu balance, "activos financieiros dispoñibles para a venda", valorado en 1.600 millóns de euros, incluiría as participacións xa vendidas de Unión Fenosa, e aínda así, da venda total destes activos só se incorporarían as plusvalías -se as hai- á conta de resultados.

En resumo, a situación do Pastor, cunhas perdas semestrais en torno ós 100 millóns de euros, e cada vez con menos patrimonio pra disimulalo, dista moito de ser o tranquilizadoras que a súa directiva pretende transmitir. Xoga en favor do futuro do Banco Pastor como entidade galega o feito de que o 52% está actualmente en mans de 3 inversores (Fundación Barrié 41,7%, Caixanova 5,3% e Amancio Ortega 5,0%, datos a 31.12.2008), pero se a situación económica non mellora e o desequilibrio que amosa a conta de resultados da entidade acaba por requerir do apoio dos accionistas de referencia, haberá que ver si éstes están dispostos a poñer cartos do seu peto. E se non é así, non descartemos que en 2010 teñamos tamén "culebrón Banco Pastor".

AS (INCRIBLES) CONTAS DO PASTOR (1)

Últimamente andan as cousas revoltas no sector financieiro galego por mor das especulacións sobre o futuro das caixas do País. O tema non é pra menos, xa que a delicada situación que atravesan algunhas das caixas do Estado (Caixa Galicia e Cajamadrid entre elas), e os diversos intereses políticos (o soe pra que se vexa que as súas decisións en política económica van tendo aplicación práctica, o pepé por conseguir que a principal caixa do Estado estea na súa órbita política), pode dar lugar a que Galiza fique, por enésima vez, fora de xogo á hora de decidir o seu futuro económico, e perda a súa principal institución financieira ante o pasotismo (pasotismo?) do governo da Xunta.

No entorno deste preocupante escenario, o pasado 30 de xullo o Banco Pastor, principal banco do País, presentaba resultados semestrais. E segundo as fontes do banco -e así se fan eco todos os medios consultados-, seica as noticias son moi boas: consegue beneficios de 82 millóns de euros, un 34% menos que no mesmo semestre do ano anterior, pero "de non ser polas provisións voluntarias feitas para incrementar a solvencia da entidade, o beneficio tería subido un 8%". Máis aínda, afirman manter a raia o principal cabalo de batalla para as entidades financieiras: a morosidade. Manténse no 4,64%, "por debaixo da media do sector", e alonxando as preocupacións de mediados de 2008, cando o Pastor quedara marcado por publicar que a súa taxa de morosidade se triplicara en cuestión de meses.

É unha excelente noticia que se confirme que o Banco Pastor está libre de perigo -ata agora tíñaselle por unha das entidades máis "tocadas" polo deterioro do mercado inmobiliario-, máxime agora que xa temos problemas abondo coas caixas de aforro. Porque os resultados do Pastor amosan, efectivamente, que a entidade está fora de todo perigo.

Non sí?

Conta de resultados consolidada do Banco Pastor, 1S 2009
Fonte: http://corporativa.bancopastor.es/acc-inv-inf-fin-result-trim-2009.html


Os medios limítanse a reproducir o que a banca emite nos seus comunicados. Pero o certo é que unha simple ollada ás contas basta pra ver que hai moitas cousas que non cadran. E iso a pesar de que os datos que ofrecen as entidades son contas "consolidadas", de xeito que non queda outra que facer "inferencias" a partir das súas declaracións e das contas que amosan pra ver o que hai debaixo.


Na información que facilita o Pastor hai varios temas que chaman a antención:

1.- É a única das principais entidades españolas que reduce a súa marxe de intereses (diferencia entre ingresos por créditos e gastos por depósitos), e xa é o segundo ano consecutivo. Son os peores datos a nivel estatal. Axiña voltaremos en detalle sobre o que este punto quere dicir.
2.- No seu informe financieiro -ver web corporativa- non ocultan que reducen o crédito comercial un 60% (!), e que o tipo medio de créditos á clientela en xuño era do 5,40% (o euribor está hoxe no 1,35% anual, mentras que en setembro de 2008, có euribor rozando o 6%, o tipo medio dos créditos do Pastor estaba no 6,35%). Claramente están tanto restrinxindo o crédito como non reflexando en créditos e hipotecas a baixada do euribor.
3.- Pra máis inri, os puntos 1. e 2., máis a afirmación de que están a conter a morosidade, son abertamente contradictorios: por unha banda están a dicir que aumentan a marxe que obteñen nos créditos á clientela, e que os clientes pagan os seus créditos puntualmente (xa que a morosidade non despunta), e porén a súa marxe de intereses baixa. É un dato sintomático cando tódalas entidades financieiras están a conseguir incrementos de máis do 10%, de máis do 20% as dúas principais entidades do Estado, ou cáseque un 40% Caixanova ata abril.

Por un lado, o bó comportamento da maioría das entidades é síntoma do que tódolos días se escoita na rúa: os bancos están a restrinxir i encarecer o crédito. As baixadas do euribor estánse a reflexar con maior énfase na retribución dos depósitos (e iso que todas as entidades levan 2 anos "en pé de guerra", pagando primas por riba do euribor por mor da crise de liquidez) que no crédito.

Pero por outra banda, que o Pastor sexa o único con evolución negativa na marxe de intermediación indica unha de dúas (ou as dúas):

- ou unha necesidade de retribuir os seus depósitos moi por riba da media do mercado (e quen paga de máis, por algo é).
- ou ben moitos dos créditos non están a reportar ingresos. Como é iso posible sen incrementar a morosidade? Pois ben, é posible dende o momento no que a principal batalla das entidades financieiras é non facer público máis incrementos da mora. Para iso, as operacións de dubidoso cobro -clientes que xa hoxe están afogados de máis, sobre todo promotores inmobiliarios- refináncianse aliviando a situación a curto plazo (en moitos casos, directamente eximindo de pago durante un tempo), permitindo que máis adiante, cando a cousa escampe -porque escampará, non?- paguen con máis intereses.
(continúa na segunda parte)

11/08/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA, EN SETEMBRO

Visto o éxito do artigo, o máis votado na enquisa deste mes, e visto por outra banda que en agosto baixa a conexión a internet que da gusto (o blog aguantou con honor a primeira semán, pero este finde xa se notou o baixón), pospoñemos o capítulo IV da serie "La Coruña de toda la vida", onde falaremos da reinstauración do Reino de Galiza no 1296.

Ata entón, e como non vos queremos deixar sen blog no verán a un par de meses de ter principiado, publicaremos temáticas máis lixeiriñas. Que as disfrutedes.

10/08/09

AL CÉSAR LO QUE ES DEL CÉSAR

Unha idea que tentarei seguir de agora en diante será iniciar a semana cun artigo de prensa ao meu entender o máis representativo, interesante ou salientable da semana anterior.

Así, esta semana a nova seleccionada é esta:

A XUNTA DEROGA O DECRETO EÓLICO.


Hai que recoñece-lo. Os do pepé son máis listos que ninguén. Al César lo que es del César:

Agarimos pre-coitales entre Ignacio Galán e Alberto Feijóo.
Fonte: www.iberdrola.es


Se queres deixar algo feito, déixao atado e ben atado. Mira tí o que fixo o pepé có Gaiás: miles de millóns tirados ó lixo, pero velaí está, á vista de todos, a ver quén é o ghuapo aghora que o bota abaixo. Así que durante catro anos foi unha dor de cabeza para psoe-bng sen fin.

En cambio, para resolver o decreto eólico agardouse ata ás portas da pre-campaña electoral, así que hoxe o pepé non ten máis que dicir que o reparto é papel mollado porque, certamente, dos futuros parques eólicos o único palpable que hai hoxendía é a lei aprobada. Nada máis.

Así, agora os "defensores do tecido productivo galego", esa xente tan atenta que vende un audi pra mercar un citroën francés e así poder dicir que "haremos lo que haga falta por la industria gallega", poden botar abaixo ó maior reparto de riqueza ás empresas galegas que se ten feito na historia do noso País, e devolverlle como se merece a palmadiña no lombo que lle dá na foto o presidente de Iberdrola a Albertito.

07/08/09

NEGA DO CABELO DURO

A Bossa nova naceu como un xeito de tocar o samba -ritmo nacional brasileiro por excelencia- dun xeito máis pausado, que puidera ser cantado e acompañado á guitarra, e interpretado en locais pechados. Nacida á finais da década dos 50, axiña incorporou elementos da mundialmente dominante cultura americana, principalmente do jazz.

Moitos son os grandes nomes asociados á Bossa: Tom Jobim, João Gilberto, Astrud Gilberto, Vinicius de Moraes, Toquinho, Stan Getz... dos que có tempo veremos de ir escoitando cousiñas de todos eles. Pero hoxe imos adicarlle uns minutiños a unha segunda xeración da Bossa, nacida a mediados dos anos 60s, englobada na MPB (música popular brasileira, máis alonxada do jazz que na primeira etapa), na que entran moitos dos artistas do Movimento Tropicalista: Caetano Veloso, Chico Buarque, Gilberto Gil ou Elis Regina.

E asi, sirva hoxe un dos meus temas favoritos -unha dobre versión de Elis Regina- como exemplo do que constituíron a Bossa e o MPB.

Elis Regina: Aquarela do Brasil - Nega do cabelo duro




(se algún despistado non ten moito oido, velaí vos vai a letra)

E as súas respectivas versións orixinais. A primeira, Aquarela do Brasil, é un dos temas populares brasileiros máis interpretados de todos os tempos, composta en 1939 por Ary Barroso.



A segunda parte -e ademáis a que máis me gusta- é Nega do Cabelo Duro, tema que despois de moito investigar, conseguin atopa-la súa orixe: un tema composto pro carnaval do ano 1942 por Rubens Soares e David Nasser, e popularizada daquela polos Anjos do Inferno. Non hai quen atope o orixinal por ningures (se algún lector o atopa, por favor que o comparta con todos!!), máis sirva como mostra a versión de Walter Wanderley que podedes escoitar nesta páxina, e que fai idea do ritmo bastante máis acelerado que a interpretación de Elis.

Con ambos temas e a versión de Elis vos podedes facer a idea de como os artistas brasileiros dos anos 50s-60s transformaron o samba en música máis lixeira, bossa e MPB, con repercusión en todo o mundo.

05/08/09

LENDAS: SANTA COMPAÑA E MOURA ENCANTADA

Imos pasar páxina coa política... Principiamos unha nova temática máis amena para ir coñecendo cousiñas de vagar: lendas.

A morte é unha temática presente na orixe de moitas lendas da humanidade. O medo a morte, o máis alá, as ánimas en pena neste mundo, as relixións e as crenzas, etc. todos eses elementos interrelacionanse para dar as máis diversas mitoloxías nas distintas culturas. E nas culturas galego e portuguesa, o medo á morte tradúcese nas súas lendas máis populares: A Santa Compaña e a Moura Encantada.


A Santa Compaña é unha procesión de ánimas en pena e constitúe unha das figuras máis recoñecidas das tradicións galegas. En calqueira caso, as versións que dela aparecen son variadas ao longo da nosa xeografía. Explica Vitor Vaqueiro na súa "Guía da Galiza Máxica" que interpretacións, apariencia, nomes e outros aspectos son múltiples.

En canto as interpretacións, Vaqueiro apunta dúas: que as ánimas que a compoñen veñen do purgatorio e polo tanto non morreron en pecado mortal, ou ben que a Compaña é a comitiva de todos os devanceiros de aquel que vai morrer, e a quen a Visión vai visitar. Sobre a apariencia hai aínda máis versións: dende quen ve nas ánimas unha orde xerárquica, encabezada por quen leva máis tempo soterrado, ou quen di que vai encabezado por un vivo; quen di que a procesión discorre en silencio, que vai acompañada do son dunha campaíña, ou ben entoando ladaíñas envolta en poderosas luces de fachos acesos; quen considera que os vivos poden chegar a ver o séquito nocturno, correndo o risco de ter que levar a cruz ou estandarte que encabeza a Compaña, ou quen considera que só se poden sentir polo cheiro a cera ou simplemente como unha presenza -aspecto este último que emparenta con outra procesión, a das Xans, das que falaremos nun intre-, etc.

Outros aspectos son as horas de aparición (ás 12 da noite, ás 3 da madrugada, ao canto do galo, ao clarexar da alba, sempre pola noite, pode ser que tamén polo día, só en outubro, entre decembro e marzo, a diario, só venres ou sábados...), como evitar ser atrapado pola comitiva (facer un círculo no chan, deitarse, mostrar unha cruz, comer algo, apertar os puños, non mirar á comitiva facendo como que non viches nada ou, simplemente... sair correndo!!), as diferentes razóns polas que a Compaña pode ir tras dun vivo, o xeito de quedar atrapado (automáticamente, anticipando a morte do malpocado cun ano de antelación, ou sete anos noutros sitios), etc.

Con tanta variable, non extraña que o nome que reciba a Santa Compaña sexa múltiple nas diferentes vilas: Estadea (nome que emparenta coas tradicións centro-europeas), Antaruxada, As da noite, Hoste, Hostilla, Pantalla, Procesión das ánimas, Visión, Visita...

Outro dos nomes que recibe é o das Xans ou Sociedade o Óso. Máis en moitos lugares diferencianse da primeira en que os membros das Xans non son mortos, senon vivos que marchan nunha procesión nocturna en dúas filas levando un cadaleito. Esta figura emparenta coas xanas en Asturias, e as lendas da Moura Encantada en Portugal, xa que lles considera Cabaleiros de Diana.

Moura Encantada. Fonte: www.revistadadanca.com/node/91


As xanas representan ás ninfas das fontes, fermosas de cabelo louro que pentean con pentes de ouro ás beiras do río. Certos relatos abofellan que as xanas se converten en serpes, encantan aos seus pretendentes, etc. Parece contrastado que a palabra deriva de Diana, deusa da mitoloxía clásica que na Idade Media se tiña por raíña das bruxas, que desenterraban os mortos e utilizaban os osos como frautas no aquelarre, emparentando aqui coas Sociedades dos Ósos das que falabamos antes.

En Portugal, esta figura mística derivou na Moura Encantada: principal figura mística no imaxinario portugués que se repite en múltiples vilas da súa xeografía (xa que gaña relevancia có avanzo da reconquista), son "as almas de donzelas que foram deixadas a guardar os tesouros que os mouros encantados esconderam antes de partirem para a mourama. Aparecem frequentemente cantando e penteando os seus longos cabelos, louros como o ouro ou negros como a noite, com um pente de ouro, e prometem tesouros a quem as libertar do encanto", como as Xanas asturianas.

Chama poderosamente a atención que se considera que a palabra "moura" pode derivar doutras linguas prerromanas cós significados de "destino", "morte" ou "espírito" (do grego e linguas celtas), sendo finalmente aplicada na mitoloxía portuguesa ás doncelas "mouras" durante a Reconquista.

03/08/09

INSOPORTABLE

Síntoo. Tiña intención de politizar o mínimo este blog. Tiña intención de falar esta semana da Santa Compaña e a Moura Encantada; de Rio de Janeiro; da Bossa Nova de Elis Regina, das contas (que non me saen) do Banco Pastor...

Pero é que non o aturo máis.

A guerra aberta que nos está a facer (lingua, nacionalismo, medio ambiente, economía...) o des-governo de Feijóo có apoio mediático e ideolóxico de La Coz é insoportable.

- Unha enquisa-pretexto pra rematar coa recuperación da lingua, enquisa sesgada abertamente á participación dos colexios privados (de papá, o sea, muy galleguistas ellos). Enquisa cun 58% de participación que queren facernos crer que é "alta" porque nunhas eleccións sería un rexistro aceptable, cando nunhas eleccións o voto é VOLUNTARIO, mentras que a inscripción dun fillo no colexio é algo que tes que facer SÍ OU SÍ, e un 42% dos que o fixeron en xuño elexiron usar a folla da enquisa pra limpar o cú con ela.

- Nacionalismo: empregando o altofalante de La Coz pra difamar día sí e día tamén ó bng e o galeguismo do psoe; insultando á memoria de Castelao dicindo que Castelao afirmaba "Galicia es una región" e que están de acordo có seu discurso "ó 90 ou 100%". O mesmo Castelao que dixo "que diríamos se o Estado destrúe o Portico da Gloria? Pois a nosa lingua é un patrimonio 1.000 veces máis importante que a obra do Mestre Mateo". E os mesmos que a atacan e que din que "el gallego es historia" (o que se escribe nese artigo é digno do Partido Nazi) lévanlle flores o 25-X.

- Medio ambiente: "Cabo Touriñán bien vale un puesto de trabajo". O seu discurso populista é tan vergoñento que non teñen problema en utilizar a principal preocupación da xente (o paro) para xustificar a destrucción da nosa costa en beneficio dos seus amigos (íntimos) de Pescanova.

- E se de Economía falamos, xa non me meto nin co Audi, nin coas cadeiras, nin có custo da puta enquisa que superaba o "despilfarro" do Audi con creces... Vou directamente ó meollo do asunto: Sen Fenosa, Fadesa, Autopistas-del-Atlántico... agora asistimos pasmados á confirmación de que CajaMadrid e CaixaGalicia están a negociar a súa integración -da cal xa sabemos quen vai sair perdendo-, e o governo galego dí "non ter unha posición ó respecto" (Feijóo dixit).

No tema das caixas xoga en favor que o des-governo busca ante todo medidas populistas, e os galegos opoñeríanse a esta fusión case na súa totalidade. Pero como pra fiarse da raposa coidando das galiñas. Isto ten toda a pinta de ir camiño de rematar moi moi mal. Cren que unha victoria, que por inesperada non foi menos pírrica (un escano polos pelos), lles dá dereito a facer con nós, coa nosa lingua, a nosa cultura, a nosa terra e a nosa economía, o que lles peta. Hai que pararlles os pés antes de que sexa demasiado tarde!! O Prestige foi un chiste comparado có que está argallando, á vista de todos e impunemente, a dereita española. Se entón toda Galiza saíu ás rúas, desta volta non podemos ficar pasmados. Hai que sair ás rúas. Hai que parar este des-governo. Hai que convocar unha folga xeral, o que sexa, CÓ APOIO DE TODOS, psoe, bng e tódolos partidos, sindicatos, organizacións, hai que para-los XA!!.

02/08/09

GRANDOLA VILA MORENA

Tal día coma hoxe naceu hai 80 anos José Afonso (Zeca Afonso), autor do meu tema favorito en portugués (e aposto a que non son o único) e himno da Revoluçao dos Cravos.

Hoxe pretendía publicar só un post breve (xa falaremos da Revolução o vindeiro 25 de Abril) para que disfrutedes do tema, pero lendo a cronoloxía da vida de Afonso atopeime cun dato que descoñecía: Grândola Vila Morena interpretouse por primeira vez en público na Galiza, en Santiago de Compostela, o 10 de maio de 1972, dous anos antes da revolução. Non só iso, senón que ademáis o cantautor de Aveiro estivo moi vencellado a Galiza e actuou en moitas ocasións no noso país ao longo da súa vida.

Podedes ler máis sobre Zeca nas seguintes ligazóns: http://www.blogoteca.com/desons/index.php?cod=151 (ésta especialmente moi recomendable, onde recollen múltiples versións do tema) e tamén en http://www.ghastaspista.com/historia/gz-afonso.php onde dan información sobre as visitas á Galiza do autor finado no 87.






Deixamos a continuación tamén a letra do tema, para que poidades comprobar as insalvábeis diferenzas entre galego e portugues:

Grândola, vila morena, Terra da fraternidade
O povo é quem mais ordena Dentro de ti, ó cidade
Dentro de ti, ó cidade O povo é quem mais ordena
Terra da fraternidade Grândola, vila morena
Em cada esquina um amigo Em cada rosto igualdade
Grândola, vila morena Terra da fraternidade
Terra da fraternidade Grândola, vila morena
Em cada rosto igualdade O povo é quem mais ordena
À sombra duma azinheira Que já não sabia a idade
Jurei ter por companheira Grândola a tua vontade
Grândola a tua vontade Jurei ter por companheira
À sombra duma azinheira Que já não sabia a idade