26/11/10

ANXO, E ATÉ MÁIS VER

O pasado luns 22, ás 3 e 10 da mañán, naceu Anxo.


Có voso permiso, quero desfrutar del os vindeiros meses. Nosquedaportugal voltará -seguro que con renovadas forzas e optimismo- dentro duns meses. Ata entón, até máis ver. Non deixedes de crer nun futuro mellor para os nosos fillos, en galego.

11/11/10

INTERVENCIÓN EN NOVOS CAMIÑOS

No blog novoscaminhos.blogaliza.org ven de poñerse a disposición de todo o mundo os videos das intervencións dos ponentes que participamos nos debates de Novos camiños para a esquerda galega. Deixo aqui a miña intervención (xunto coa ponencia, xa que é imprescindible para seguir a charla). O resto das intervencións podedes velas no blog orixinal. Aconsello, entre outras, as intervencións de Manuel Bragado, Tati Mancebo (por varias razóns, para min a mellor do día), Camilo Nogueira e Xan López Facal.

Intervención.



Ponencia

03_David-Peon

09/11/10

OITO MESES DE PARO ALCISTA

O meu artigo este pasado luns en Xornal de Galicia (facer click na imaxe)


Agradécense comentarios!!

05/11/10

EL CASTELLANO ES UN IDIOMA INVENTADO

Mira ti por onde, despois de anos aturando ós galegófobos con argumentos como "el gallego es un idoma inventado" porque no seu momento tivemos que decidir cousas como 'que normativa empregamos para un idioma que permaneceu proscrito na escrita durante séculos' ou se 'a letra x se pronuncia xe ou xis ou a letra g ga ou gue', hoxe comprobamos que có castelán pasa exactamente o mesmo:



"Guion se queda sin tilde" (resumo da noticia por caralladas): también solo y truhan pierden la tilde, la letra y se pasa a llamar 'ye', quórum u quasar se escriben cuórum y cuásar, y ya no podremos ir a Iraq o Qatar, sino a Irak o Catar. Además aparecen nuevas palabras en el vocabulario con el prefijo ex, como exmarido, expolicía, exministro, etc, porque ya no se podrá escribir separado de guion (sin tilde, no se olviden!!) ex-ministro, etc.

Se cadra un dia destes van ser eles os que empecen a dicir "tres al caldero". Vai ti saber.

03/11/10

O DRAMA (HISTÓRICO) DO PORTO EXTERIOR

Por favor, non deixedes de ler o artigo de hoxe en Capítulo 0, 'O drama (histórico) do porto exterior da Coruña'. Hai 5 anos atopouse no lugar das obras de Punta Langosteira "a primeira factoría fortificada da Idade do Bronce localizada na Europa atlántica", pero o achado silenciouse á sociedade e desmantelouse para continuar coas obras. Seguen a roubarnos a nosa historia. E máis grave aínda, por motivos especuladores. Que rule, por favor.

Vista aérea do achádego. Fonte: www.manuelgago.org


"como mínimo hai que facer unha reflexión sobre a xestión política da arqueoloxía neste país. Sobre a ocultación, sobre unha xestión de patrimonio de despacho, sobre decidir sobre o patrimonio de costas aos cidadáns que o financian, sobre a dignidade da nosa Historia. O que aquí pasou foi terrible, propio do máis taimado construtor especulador; a diferencia é que foi financiado, silenciado e decidido por institucións públicas, que actuaron en connivencia para que o achado máis importante da arqueoloxía galega das últimas décadas non creara problemas a unha obra, o Porto Exterior coruñés, na que confluían numerosos intereses políticos, mediáticos e económicos. É un dos capítulos máis vergoñentos da nosa arqueoloxía recente, pero ninguén pedirá responsabilidades por el. . Aquí queremos horrorizarnos con este silencio das Administracións que actuaron en connivencia, sabendo que tiñan unha pataca quente nas mans, que decidiron sobre os bens públicos sen contar cos cidadáns".

02/11/10

PERIFERIAS E LOCALISMOS

Desde este mes de novembro comezo a colaborar tamén en Nova+, "O primeiro xornal económico de Galicia", do grupo Galiciaé - El Progreso de Lugo - Diario de Pontevedra.

Este mes colaboro có artigo "Periferias e localismos nun mundo globalizado" que podedes consultar facendo click na imaxe arriba (se tedes sorte e funciona a ligazón). Eiqui vos deixo un extracto:


"Imaxinen por un momento a un empresario de Boston, Bahía, Shanghai ou Singapore observando ese mapamundi no googlemaps, e decidindo onde realizar o seu próximo investimento, onde facer escala na distribución das súas mercadorías ou a quen contratar os servizos que precisa a súa empresa. Cren que discriminará algo entre A Coruña e Vigo, ou entre Vigo e Porto? Aínda hoxe, a mentalidade do minifundio está moi arraigada na nosa sociedade, os nosos políticos e entre o noso empresariado. Só vemos o que en economía se chaman xogos de suma cero: ‘a miña leira é miña’, e todo o que eu poida gañar é a costa da leira do veciño. Pero o que non vemos é que nun mundo globalizado e altamente competitivo como o actual, competir entre nós para ter tres facultades de Mediciña, sete aeroportos, vinte cámaras de comercio, e cincuenta palacios de congresos só conduce a perder competitividade contra os que cooperan e se organizan para ofreceren un servizo máis racional e competitivo.

Por que o moderno aeroporto de Porto non pode ser o aeroporto internacional de referencia dos galegos? Por que Vigo non pode ser o polo industrial da Coruña? Por que A Coruña non pode ser o centro financeiro do país? Por que Santiago non pode ser a nosa Universidade, como o foi durante 500 anos? E este xeito de pensar e traballar non ten por que significar unha única sede para todos eses organismos: traballemos en rede, física e virtualmente. Virtualmente, onde as novas tecnoloxías da información e da comunicación permiten traballar en rede entre organismos e empresas. E físicamente, do mesmo xeito que traballan outros: calquera que se achegue ós Países Baixos poderá comprobar como o maior peirao de Europa, o porto de Rotterdam, ten as súas instalacións distribuidas ó longo de toda a costa holandesa e belga (hai moito que holandeses e belgas aprenderon a cooperar –non como facemos portugueses e galegos– coa creación do Benelux, xermolo da futura Unión Europea). Acaso unha rede de peiraos desde Porto a Coruña non sería máis competitiva que Alxeciras ou Barcelona para dar servizo ás mercadorías de USA ou especialmente Brasil que se dirixen ó sur de Europa, e viceversa?"