26/11/10

ANXO, E ATÉ MÁIS VER

O pasado luns 22, ás 3 e 10 da mañán, naceu Anxo.


Có voso permiso, quero desfrutar del os vindeiros meses. Nosquedaportugal voltará -seguro que con renovadas forzas e optimismo- dentro duns meses. Ata entón, até máis ver. Non deixedes de crer nun futuro mellor para os nosos fillos, en galego.

11/11/10

INTERVENCIÓN EN NOVOS CAMIÑOS

No blog novoscaminhos.blogaliza.org ven de poñerse a disposición de todo o mundo os videos das intervencións dos ponentes que participamos nos debates de Novos camiños para a esquerda galega. Deixo aqui a miña intervención (xunto coa ponencia, xa que é imprescindible para seguir a charla). O resto das intervencións podedes velas no blog orixinal. Aconsello, entre outras, as intervencións de Manuel Bragado, Tati Mancebo (por varias razóns, para min a mellor do día), Camilo Nogueira e Xan López Facal.

Intervención.



Ponencia

03_David-Peon

09/11/10

OITO MESES DE PARO ALCISTA

O meu artigo este pasado luns en Xornal de Galicia (facer click na imaxe)


Agradécense comentarios!!

05/11/10

EL CASTELLANO ES UN IDIOMA INVENTADO

Mira ti por onde, despois de anos aturando ós galegófobos con argumentos como "el gallego es un idoma inventado" porque no seu momento tivemos que decidir cousas como 'que normativa empregamos para un idioma que permaneceu proscrito na escrita durante séculos' ou se 'a letra x se pronuncia xe ou xis ou a letra g ga ou gue', hoxe comprobamos que có castelán pasa exactamente o mesmo:



"Guion se queda sin tilde" (resumo da noticia por caralladas): también solo y truhan pierden la tilde, la letra y se pasa a llamar 'ye', quórum u quasar se escriben cuórum y cuásar, y ya no podremos ir a Iraq o Qatar, sino a Irak o Catar. Además aparecen nuevas palabras en el vocabulario con el prefijo ex, como exmarido, expolicía, exministro, etc, porque ya no se podrá escribir separado de guion (sin tilde, no se olviden!!) ex-ministro, etc.

Se cadra un dia destes van ser eles os que empecen a dicir "tres al caldero". Vai ti saber.

03/11/10

O DRAMA (HISTÓRICO) DO PORTO EXTERIOR

Por favor, non deixedes de ler o artigo de hoxe en Capítulo 0, 'O drama (histórico) do porto exterior da Coruña'. Hai 5 anos atopouse no lugar das obras de Punta Langosteira "a primeira factoría fortificada da Idade do Bronce localizada na Europa atlántica", pero o achado silenciouse á sociedade e desmantelouse para continuar coas obras. Seguen a roubarnos a nosa historia. E máis grave aínda, por motivos especuladores. Que rule, por favor.

Vista aérea do achádego. Fonte: www.manuelgago.org


"como mínimo hai que facer unha reflexión sobre a xestión política da arqueoloxía neste país. Sobre a ocultación, sobre unha xestión de patrimonio de despacho, sobre decidir sobre o patrimonio de costas aos cidadáns que o financian, sobre a dignidade da nosa Historia. O que aquí pasou foi terrible, propio do máis taimado construtor especulador; a diferencia é que foi financiado, silenciado e decidido por institucións públicas, que actuaron en connivencia para que o achado máis importante da arqueoloxía galega das últimas décadas non creara problemas a unha obra, o Porto Exterior coruñés, na que confluían numerosos intereses políticos, mediáticos e económicos. É un dos capítulos máis vergoñentos da nosa arqueoloxía recente, pero ninguén pedirá responsabilidades por el. . Aquí queremos horrorizarnos con este silencio das Administracións que actuaron en connivencia, sabendo que tiñan unha pataca quente nas mans, que decidiron sobre os bens públicos sen contar cos cidadáns".

02/11/10

PERIFERIAS E LOCALISMOS

Desde este mes de novembro comezo a colaborar tamén en Nova+, "O primeiro xornal económico de Galicia", do grupo Galiciaé - El Progreso de Lugo - Diario de Pontevedra.

Este mes colaboro có artigo "Periferias e localismos nun mundo globalizado" que podedes consultar facendo click na imaxe arriba (se tedes sorte e funciona a ligazón). Eiqui vos deixo un extracto:


"Imaxinen por un momento a un empresario de Boston, Bahía, Shanghai ou Singapore observando ese mapamundi no googlemaps, e decidindo onde realizar o seu próximo investimento, onde facer escala na distribución das súas mercadorías ou a quen contratar os servizos que precisa a súa empresa. Cren que discriminará algo entre A Coruña e Vigo, ou entre Vigo e Porto? Aínda hoxe, a mentalidade do minifundio está moi arraigada na nosa sociedade, os nosos políticos e entre o noso empresariado. Só vemos o que en economía se chaman xogos de suma cero: ‘a miña leira é miña’, e todo o que eu poida gañar é a costa da leira do veciño. Pero o que non vemos é que nun mundo globalizado e altamente competitivo como o actual, competir entre nós para ter tres facultades de Mediciña, sete aeroportos, vinte cámaras de comercio, e cincuenta palacios de congresos só conduce a perder competitividade contra os que cooperan e se organizan para ofreceren un servizo máis racional e competitivo.

Por que o moderno aeroporto de Porto non pode ser o aeroporto internacional de referencia dos galegos? Por que Vigo non pode ser o polo industrial da Coruña? Por que A Coruña non pode ser o centro financeiro do país? Por que Santiago non pode ser a nosa Universidade, como o foi durante 500 anos? E este xeito de pensar e traballar non ten por que significar unha única sede para todos eses organismos: traballemos en rede, física e virtualmente. Virtualmente, onde as novas tecnoloxías da información e da comunicación permiten traballar en rede entre organismos e empresas. E físicamente, do mesmo xeito que traballan outros: calquera que se achegue ós Países Baixos poderá comprobar como o maior peirao de Europa, o porto de Rotterdam, ten as súas instalacións distribuidas ó longo de toda a costa holandesa e belga (hai moito que holandeses e belgas aprenderon a cooperar –non como facemos portugueses e galegos– coa creación do Benelux, xermolo da futura Unión Europea). Acaso unha rede de peiraos desde Porto a Coruña non sería máis competitiva que Alxeciras ou Barcelona para dar servizo ás mercadorías de USA ou especialmente Brasil que se dirixen ó sur de Europa, e viceversa?"

31/10/10

DILMA PRESIDENTE DO BRASIL


Com o 97% dos votos apurados fica confirmado: Dilma Rousseff sucessora de Lula, primeira mulher presidente do Brasil com o 55% dos votos.

Assim a maior economía e de maior crescimento da última década na América Latina continuará a ser dirigida pelas mesmas medidas económicas de esquerdas do governo do PT de Lula da Silva.

Parabens.


Fonte da ilustração: http://oglobo.globo.com/pais/eleicoes2010/apuracao/

29/10/10

24 HORAS GALEGO FULLSCREEN


Ale, xa se pode dicir: temos a Luis Tosar, María Bouzas, Pico e Enma Lustres como xurado do concurso apadriñado por GalegoLab e Eufalo.tv, '24 horas galego fullscreen'. Eiqui as bases do concurso.


Amplíase o prazo de recepción de videos ata o 30 de novembro. Tedes que gravar un día calquera da vosa vida en galego, resumilo nun video de 5 minutos e envialo a eufalo.tv. O premio para o gañador elexido polo xurado: 300 euros.


Animádevos a participar!!

26/10/10

O QUE SOBROU DO CEU

Hoje um pouco de música brasileira, mais de muita atualidade. Uma canção do grupo de reagge - MPB 'O Rappa' com Maria Rita (a filha de Elis Regina) como artista invitada. "O que sobrou do ceu".



Uma recomendação do Andrey. Ta muito bom!!

24/10/10

ESTUDANDO AO INIMIGO

Era Michael Corleone quen dicía aquelo de "ten sempre ben cerca aos teus amigos, pero moito máis cerca aos teus inimigos". Hoxe o xornal nacionalista e monárquico español ABC adica un especial ao 'Estado imposible: En el pais de las maravillas', un alegato básicamente en defensa de que o Estado das Autonomías é un luxo que non nos podemos permitir, e adicandolle a Galiza perlas como "Galicia era una de las más hermosas regiones españolas. Ahora ha ascendido a la categoría de nación. Una nación se hace lo mismo que cualquier otra cosa. Es cuestión de quince años y un millón de pesetas".

Das deputacións, corrupción urbanística dos concellos ou as fundacións público - privadas que tanto lle gustan á dereita, nin papa. E o cadro que acompaña a noticia, simplemente absurdo. Cunha liña ascendente (a do PIB, e polo tanto o do custo da administración pública) pretenden demostrar que as autonomías son un luxo. Pois vaites home, rara forma de demostralo cunha gráfica onde ocúltanse os datos entre 1977 a 1995, e onde a partir de 1995 (cós datos que eles mesmos aportan) o peso das administracións públicas pasan do 47% en 1995 ao 41% en 2008.

Recomendo a súa lectura íntegra para que nos vaiamos facendo á idea do que nos espera os vindeiros anos. Dixen ben, anos. E se cadra quedeime algo curto.

16/10/10

DOBRE PASO ATRÁS DA EURORREXIÓN

Déixovos por unha banda unhas declaracións do Secretario Xeral do Eixo Atlântico, Xoán V. Mao (entrevistado para nosquedaportugal hai uns meses), sobre a recente implantación da peaxe nas autovías do Norte de Portugal.




(Extraído da web da RTP via domelhor.net)


E por outra banda, hai un mes confirmouse o que xa nos adiantara Mao meses atrás, que a Xunta de Galicia estaba procurando o xeito de partillarmos unha macrorrexión europea con esa emerxente potencia económica mundial chamada Soria. Unha burda manobra política para que o control dos fondos europeos pase a mans do Partido Popular: as macrorrexións están representadas a nivel rexional, onde goberna o PP en 2 de 3; mentras, a Eurorrexión actualmente dinamizada polo Eixo Atlântico está en mans de PSOE e socialistas portugueses, ao estar representado a nivel de concellos e freguesías.

Un dobre paso atrás para a Eurorrexión Galiza - Norte de Portugal do que espero sacar tempo para facer unha análise máis polo miúdo nas vindeiras semanas e compartilo con vós.

13/10/10

SINESTESIA

Cartaz do filme 'Rain man'


Habitualmente (vaia, eu diría que ata agora no 100% dos casos) os artigos que publico en nosquedaportugal están centrados en calquer cousa que teña que ver sobre Galiza (economía, sociedade, língua, cultura, música, historia, actualidade...) e coa Lusofonía, preferentemente Brasil e Portugal. Ben, pois hoxe vai ser a primeira excepción á regla... aínda que sempre hai xeito de relacionalo coa temática do blog, como logo se verá.

O video a continuación mostra un documental sobre Daniel Tammet, un superdotado que padece o 'sindrome de Savant' polo cal é capaz de facer os cálculos matemáticos máis sorprendentes ou aprender islandés nunha semana. O máis fascinante de todo é que, a diferencia da maioría dos casos similares ao de Daniel (como o caso real que inspirou o filme 'Rain Man', persoa que tamén podedes ver uns minutos neste video), Tammet conseguiu mitigar o autismo que xeralmente vai asociado a este tipo de sindromes. Por iso é un caso de incuestionable valor para os científicos, que non chegan a comprender que Daniel realmente non realiza os cálculos matemáticos, senón que describe os 'paisaxes', as 'formas' ou as 'sensacións' de placer ou desacougo que os números provocan na súa mente. Sinestesia é o nome que recibe esa experiencia de asociar números con formas ou sensacións.

O video dura 50 minutos, pero paga a pena cada un deles. Eiqui en inglés...



...podedes escoitalo en castelán en cajadelostrastos.

A lectura para nosquedaportugal? Os últimos minutos do video podedes ver que parte do experimento foi levar a Daniel a Islandia, e comprobar se era capaz en só 7 días de aprender o islandés (lingua que só falan menos persoas que as que habitan na Coruña, e acreditadamente un dos máis complicados de aprender que hai). Pois ben, por suposto Daniel foi capaz de aprendelo (e ser entrevistado na TV islandesa para demostralo), pero ahi podemos escoitar a un dos abraiados presentadores comentar: "os islandeses sentimonos moi orgullosos do noso idioma, e que alguén sexa capaz de aprendelo en só unha semana é estupendo".

Repito, hai 300.000 falantes de islandés no mundo. Creo que todos sabedes onde quero chegar.

11/10/10

LA CORUÑA, 'AL GUSTO DEL CONSUMIDOR'

Acabo de decatarme que non publiquei no blog o (pen)último artigo no Xornal, así que aproveitando que hoxe falo de 'La Coruña' e demáis tocada-de-webos do neofranquismo español que tan subidiño nos anda ás barbas últimamente, publico eiqui os dous.

Como sempre, eiqui nos títulos orixinais (habitualmente publicados como tal no xornal en papel)

'Al gusto del consumidor'.



Por certo, sobre o neofranquismo que nos invade leva uns cantos días escribindo Fermín Bouza (eiqui o último post, 'la que se nos viene encima'). O certo é que algúns 'argumentos' que hai que aturar polos medios de comunicación-adoctrinamento de sempre son realmente alucinantes, pero nos (eu) somos máis xóvenes e relativizamos estas sandeces. En cambio, xente como Bouza e outros (que tiveron que aturar esta mesma escoura en anos cando dicir cousas como as que digo eu neste blog serían motivo suficiente para ir á cadea ou recibir unha somanta de hostias que che deixase na cuneta) é lóxico entender o arrepío que lles produce. Non deixedes de seguir a Bouza estes días, paga moito a pena, como de costume.


E finalmente, o artigo de hai unhas semanas, sobre o fiasco do (excelente) concerto MTV Galicia 2010.

Gratuidade eficiente, gratuidade ineficiente

10/10/10

TROPA DE ELITE 2

Acaba de ser estreada no Brasil este pasado venres 'Tropa de Elite 2', continuación da magnífica película dirixida hai 3 anos por José Padilha e gañadora do Oso de ouro do Festival de Berlín 2008.




Xa veremos o que tarda en ser estreada por estes lares... pero de seguro pagará a pena a espera: conta có mesmo reparto da primeira entrega (Wagner Moura, André Ramiro, Maria Ribeiro...) máis Seu Jorge (Cidade de Deus, Casa de areia) no papel de Beirada, dirixente dunha revolta nun penal brasileiro, e as críticas veñenlle xa ben positivas (ler por exemplo blog amalgama).

Os que vichedes a primeira parte xa vos empeza a tardar en ser estreada, non si...?

08/10/10

FRIOL, 1979

Impagable documento o recollido esta semana no blog terrasdefriol.blogspot.com. A vida duns rapaces nunha aldea galega (pareceume ver a Balbino no video?), aló polo ano 1979, emitido daquela por RTVE. Son o único que pensa que ese país xa non existe? Moito mudamos, xa o dixen noutra ocasión... o sorprendente é que teñamos mudado tanto en tan pouco tempo.




'Unha cápsula de tempo da Galiza de fins dos anos 70' a define Diego, que nos envía a ligazón.

"Hai partes que poden lembrar algunhas cousas da vosa infancia. Eu, por exemplo, lembro que tiña mestras moi parecidas cando era máis pequeno (afortunadamente deixei de telas), e que a xente falaba o castelán moito peor (agora iso é o que pasa co galego, e aínda hai castelanfalantes que se queixan). Os que sodes de zonas rurais veredes que moitas cousas poden ser doutro xeito, outras igual non. Ante todo hai unha cousa que me incomoda do vídeo e rápido o descubriredes: TVE, igual que fai agora, describe unha Galicia na que se sabe que se fala galego, pero pouco se demostra (e, pola contra, nese video a maioría serían galegofalantes). En calquera caso, unha cápsula do tempo da Galiza de fins dos anos 70".


Grazas a Diego, e ao blog terrasdefriol.blogspot.com por ter subido o video á rede.

03/10/10

GUIA PARA AS ELECCIÓNS NO BRASIL

Hoxe é xornada electoral á Presidencia do Brasil. Estes son os datos esenciais para seguir e entender as eleccións brasileiras:

  • Cada elector(a) debe escoller cinco candidatas(os): Presidencia da República, Senado Federal, Cámara dos Deputados, Gobernador(a) estadual e Parlamento estadual.
  • Vótase en urnas electrónicas, polo que o escrutinio de resultados é moi veloz. Comezarán a ser divulgados a partir das 21h. de Galiza, e dúas horas despois xa deben coñecerse resultados ben definidos.
  • Para seguir os resultados en tempo real, é preciso instalar un aplicativo Java disponible neste enderezo ou seguir as noticias dos múltiplos xornais e blogs que farán unha cobertura online. Nós recomendamos o seguimento do equipo 48h. democracia.
  • Análises intelixentes desde a esquerda brasileira, en revistas como Carta Capital ou en blogs como o do Paulo Henrique Amorim.

----------------

Extraído do blog renovarobng. Podes ler artigo completo e + información en

http://renovarobng.blogaliza.org/eleccion-historica-no-brasil

28/09/10

PRESÉNTOVOS A MEUS PRIMOS

Sei que o video é un tanto longo, pero pídovos por favor que o escoitedes ata o final, e sobre todo no minuto 8 cando Carmen explica porque cre que a xuventude galega fala cada vez menos galego (non se pode dicir máis claro nen máis sentido), nen cara o final do video, minuto 14, cando explican porque as súas fillas falan castelán malia ser educadas en galego na casa e na escola.




Na miña aldea de Vimianzo non se falou castelán en mil anos, pero hoxe, ano 2010, miñas primas pequenas aprenden as súas primeiras verbas en castelán malia ser educadas na casa e na escola en galego. Este é o país onde a dereita chega ó governo para salvar o castelán dun 'perigo de extinción'??

------------

O video é unha colaboración de nosquedaportugal para eufalo.tv

27/09/10

PROFES CÓ GALEGO

Cando dúas leis se contradín, polo principio de xerarquia normativa teño a obriga de seguir a de rango superior. O decreto ten por riba a Lei de Normalización Lingüística, a LOE, o Estatuto de Autonomía, a Carta Europea das Línguas Minoritarias, e todas elas contradín o que nos quere obrigar o decreto.





O legal é incumprir o decreto. Moito ánimo e todo o noso apoio aos mestres que seguirán a defender o ensino en galego. "Se nos abren un expediente, haberá suspensión cautelar do decreto. Benvido sexa o expediente".

19/09/10

O PRIMEIRO LIDER DO SÉCULO XXI

Pois non, non é Obama. Os próximos anos moito nos acordaremos do que conseguiu este obreiro fillo de labregos e representante sindical que chegou a presidente do Brasil entre a conmoción neoliberal e dos mercados financeiros internacionais, para ser recoñecido unánimemente só oito anos despois como o o líder mundial máis influinte dos últimos anos.

Pero o maior éxito de Lula da Silva é outro. Lula é un símbolo de que a política tamén pode ser honesta, algo moi significativo ante o descrédito que vive a clase dirixente.




Esta entrevista hai uns meses nunha televisión brasileira mostra unha persoa que dirixíu un país durante oito anos romper a chorar porque nunha recepción con 'moradores da rua' o que lle respostaron cando lles preguntou que lles querían pedir ao presidente foi "não queremos reivindicar nada, a maior conquista nossa é o fato de estar dentro do palacio, coisa que nos jamais pensar entrar".

O 3 de outubro celebrarase a primeira ronda das eleccións no Brasil, e Lula da Silva deixará de ser presidente o 1 de xaneiro. Agardamos que no futuro siga traballando por algunha causa noble para a humanidade, porque non podemos perder a un home asi.

----------
Podes estar ao día das eleccións brasileiras en http://eleicoes.uol.com.br/ e os principais jornais brasileiros.

17/09/10

JAVIER GÓMEZ NOYA TAMÉN FALA

Nesta sociedade onde son os medios de comunicación os que determinan de que se fala e de que non, a quen se admira e a quen se ignora, nomes como Gasol, Nadal, Contador ou por suposto a selección española de fútbol están día si, día tamén, nos medios de comunicación véndendolle a un país có 20% de paro e un estado de crispación política constante (e crecente cós anos) que 'que bonito es ser español, oiga'. Só nos falta poñernos a escoitar zarzuela.

Eses mesmos medios son os que ignoran tamén constantemente a Javier Gómez Noya, hai apenas unha semana proclamado por segunda vez campión do mundo de triatlón (probablemente a proba más completa do deporte, de ahi que se lles coñeza como 'ironman' aos seus practicantes). Pero para iso está o medio de comunicación máis democrático de todos, a internet, para recordarnos que nós tamén temos un campión do mundo que defende a nosa língua.





Probablemente noutros países con máis interese polo atletismo non pasaría tal cousa. E probablemente se Javier fose de Getafe ou Cadi, miarma, tampouco. Pero é o que hai, lle pese a quen lle pese: temos un campeón mundial que fala galego, defende a nosa língua, e defende a importancia e a utilidade na nosa língua eiqui, e no mundo. Parabéns Javier. Parabéns eufalo.

15/09/10

NOVOS CAMIÑOS

Aviso a navegantes e despistados que aínda non se deran por enterados, este sábado celébrase en Santiago de Compostela o evento 'Novos camiños para a esquerda galega'.

Novos camiños para a esquerda galega. Fonte: 'renovarobng'


Evento organizado a título particular por xente ben coñecida da blogosfera galega, e que contará coa participación de ilustres do galeguismo como Beiras, Nogueira, Táboas, Bouza, Baamonde ou Bragado, entre outros. I entre eles, servidor, que agradece encarecidamente ós organizadores por invitarenme a participar e compartir inquedanzas con tan insignes nomes.

De seguro que será enormemente proveitoso o día, e desde aqui convidarvos a asistir. Será o vindeiro 18 de setembro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, de 9:30h a 20h. Eu participo ás 13h na mesa sobre 'Política económica máis aló da crise', xunto cós profesores Xan López Facal e Xoan Doldán, Manuel Meira da CIG e Ínhigo Ansotegui de +G (se non ando errado).

Tedes toda a información do evento no blog 'renovarobng', blog ao que non lle viña de máis mudarlle o nome a outro máis acaido como 'renovarogaleguismo' ou algo polo estilo, que o BNG pouco ten que renovar xa. Ou como di o profesor Bouza no seu blog 'El voto con botas', i eu suscribo íntegramente:

"O BNG é a forza política que reorganizou o galeguismo desde unha perspectiva eficaz, e ese é un mérito innegable..., có que o galeguismo foi monopolizado pola esquerda. As clases altas e as novas clases medias son moito máis galeguistas que as vellas clases medias e que unha parte das clases populares de raíz rural próxima. O pecado orixinal do PSdG é ser un partido case nacido e madurado no franquismo, nada que ver có PSOE da República, e con todos os tics da época (ata hai pouco non potenciou en absoluto a língua galega); o pecado do BNG, ter como ideoloxía de fondo a mesma que deu vida á esquerda insurxente nos anos 60. Hoxe non é de recibo unha cousa así: limita extraordinariamente a comprensión da vida social e aparta o nacionalismo das novas clases medias, que buscan organizarse nesa pespectiva galeguista e modernizadora".

O que sabe, sabe. Falaremos de todo iso este sábado. Agardo veros por alí.

13/09/10

DECRETO ILEGAL

Decreto Ilegal


Unha presentación de Alba Nogueira e Manuel Bermúdez.


Fonte www.scribd.com via Jeu de Paume.

12/09/10

DEMASIADO GRANDES PARA CAER?

Ese era o título do artigo que Xornal de Galicia publicou o pasado venres como 'Caixa Breogán' na súa edición impresa, e como 'Sistema financeiro e Caixa Breogán'. Son los problemas del directo.


O pasado 2 de setembro o Presidente da Reserva Federal declaraba as concentracións bancarias en entidades 'demasiado grandes para caer' como o principal erro da regulación económica nos últimos anos. Declaracións que non fan senón evidenciar que detrás da estratexia do Banco de España de concentrar e privatizar as caixas de aforro non está a lóxica económica, senón pura e dura ideoloxía neoliberal. A mesma que nos meteu neste 'fregao'.

10/09/10

O FUTURO DA PRENSA

Nun momento no que o peche da edición impresa de 'A Nosa Terra' provocou tantas mostras de preocupación, lemos no Xornal esta noticia: 'The New York Times prepárase para abandonar a edición impresa e cobrar en internet'.

Internet está a mudar a face do Planeta cara un mundo que aínda non sabemos moi ben como vai ser. E entre outros, quen máis está a sentir esta mudanza é a prensa. Moitos nese sector están a darlle voltas os miolos para atopar unha solución a unha situación insostible: pretender que sexa un negocio sostible cobrar pola edición en papel cando en internet podemos ter o mesmo gratuitamente.

O principal xornal do mundo apunta por onde poden ir os tiros, e eu francamente creo que será o futuro da prensa: os xornais serán dixitais, e cobrarán (pode que non todos, ou pode que os principais só por algúns contidos) por esa edición, mentras quen queira ler o xornal 'en papel', terá como alternativa as novas tecnoloxías de lectura en papel electrónico.

07/09/10

GALICIA É O GALEGO


Apoiamos o texto deste manifesto a prol dos medios de comunicación en galego:


Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.


Podedes asinar aqui: www.osmediosengalegoimportan.com

Agradécese a difusión do manifesto na rede.

(Vía Brétemas)

31/08/10

BLACK BUM

Para escoitar boa música en brasileiro non é preciso cruzar 'o charco'.

Black Bum




Black Bum é un grupo nacido na cidade da Coruña, gañador de varios concursos destacando o "Concurso Nordés 40 principales 2008”, gravaron até agora 4 demos e un CD (Nordés 2008) e actualmente están en fase de gravación do que será o seu primeiro disco.

O amigo Andrey, líder da banda, é simplemente unha mostra da gran e cada día máis ampla colonia brasileira no país. Unha colonia que, especialmente en cidades como A Coruña, muda de língua ó chegar á nosa terra porque a presenza do galego en certos sitios da nosa xeografía é ridículo. É posíbel incluso que moitos dos que aqui chegan boten anos descoñecendo que eiqui nasceu a língua que eles falam.

Mais iso é o que hai.

------------------

Tedes máis info sobre Black Bum en myspace: http://www.myspace.com/blackbum
Grazas a Charlie polo video e por subilo a youtube.

25/08/10

DÉJÀ VU

Esta semana atopábamonos cunha noticia en todos os medios de economía e xeneralistas que seica é unha novidade para algúns: Brasil supera a España como 8ª economía mundial.

Ben, nós no primeiro mes de vida de nosquedaportugal, hai agora máis dun ano, xa publicaramos este artigo:

(facer click na imaxe para ler o artigo)

Artigo que por certo, se non recordo mal foi o primeiro do blog que acadou a portada no Chuza. O curioso é que agora as cifras de 2009 suxiren que o 'sorpasso' xa se producira en 2008, así que os que pensen que Brasil acaba de adiantar a España, que saiban que andan con 2 anos de retraso.

Hoxe vou máis aló nas miñas afirmacións: esta mesma década, entre Olimpiadas e Mundiais de fútbol, Brasil adiantará a Italia. Reino Unido (2020) e Francia (horizonte 2025) colocarán a Brasil como quinta potencia mundial. Daquela, a foto no ano 2025 das principais economías do mundo será algo máis ben parecido a esto:

1.- USA; 2.- China (*); 3.- Xapón; 4.- Alemaña; 5.- Brasil; 6.- Francia; 7.- Reino Unido; 8.- Rusia; 9.- India; 10.- Italia.

Onde están España e o castelán? Mentras tanto, nós sigamos 'pasando' do portugués.

(*) Ao ritmo actual China superaría a USA xa no 2025. En calquer caso parece pouco probable que uns sigan estancados 15 anos mentras outros medran todo ese tempo ao 9%. Por iso eu colocaría o horizonte máis aló, na década dos 30s.

22/08/10

A GLOBALIZACIÓN E O TREN DA HISTORIA

O meu dobre artigo para Xornal de Galicia esta fin de semana.

Primeira parte (publicada o sábado):


E segunda parte (domingo):


Podedes facer click nas imaxes para ler os artigos completos. Edito ao sistema 'johnny rotring' que me parece como moito máis fashion e respetuoso có medio ambiente.

17/08/10

AO LONGE O MAR

Seguimos amenizando o verán con música en galego.



Exaxero se digo que me parece unha das cancións máis emotivas que coñezo, en calquer estilo i en calquer língua? Coido que non.

12/08/10

A LÍNGUA DOS NOSOS MAIORES

Xa están na rede dúas novas colaboracións de conversas galegas e nosquedaportugal para eufalo.tv.

Carmucha, muiñeira de Loira (Seixo - Marín), contándonos como foi mudando o noso país desde a súa infancia.



E nestoutro video Lola, Lilas e Raimundo coméntannos o seu parecer sobre a saúde do galego.



Non deixedes de escoitar o que comentan do himno galego na escola durante o franquismo. A aquel home, Román Pintos, había que lle facer un monumento en Seixo...

11/08/10

O ENEMIGO INCORRECTO

Levo dous meses que non paro entre os primeiros preparativos da miña tese e os últimos retoques ao libro 'Financial markets: a guided tour' (que así é como se chama polo de agora a obriña, prevista para primeiros de 2011, xa vos irei avisando). Buscando información para o libro din con esto:

Débeda privada vs pública na Unión Europea.
Fonte: Paul De Grauwe en www.voxeu.org


Non sei se o entendedes, pero máis vos vale. En maio 'os mercados' presionan ós governos para que recorten pensións, salarios dos traballadores, sanidade e o Estado do Benestar en xeral porque 'os Estados están endebedados de máis'. O que amosa a gráfica (para o conxunto de Europa, o caso español aínda é máis significativo) é que quen están endebedados (e ata as orellas) son bancos e empresas.

A suma da débeda de banca + empresas + economias domésticas é dun desorbitado 550% do PIB europeo (é unha das razóns polas que hoxe estamos no pozo no que estamos). A débeda dos Estados europeos anda polo 70%. Máis aínda, nestoutro artigo publicado hoxe mesmo, os recoñecidos economistas Reinhart e Rogoff sinalan que unha débeda inferior ó 90% do PIB non ten efectos sobre o crecemento.

Pero a lóxica neoliberal non vai por ahi. A súa lóxica é "se o meu banco ou a miña inmobiliaria quebra, que me rescate o Estado!! E se o Estado ten que rescatar todo ese volume de débeda privada... o Estado está arruinado!! Hai que tirar abaixo a Sanidade e as Pensións, no nos lo podemos permitir!!!"

08/08/10

RECADIÑO EN 'BRÉTEMAS'

Veño de deixar este recadiño no blog de Manuel Bragado, director da Editorial Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores:

Comentario en 'Brétemas'.

Ainda que estamos todos de parón vacacional hai que comezar a dar caña, senón dúrmesenos o personal...

02/08/10

SOZINHO

Ainda que estamos medio 'offline' durante xullo e agosto, non é motivo para deixar de escoitar música en galego, non é?



Desculpen que non cole a continuación a (inintelixible para un galegofalante) letra do tema.

01/08/10

AS CAIXAS NOS 'STRESS TEST'


Esta semana fixen un artigo máis longo do habitual para Xornal de Galicia: unha análise dos famosos 'stress test' da banca combinado cun artigo de opinión sobre a (agora xa é público e a ninguén parece importarlle) bancarización das caixas.

As caixas nos 'stress test'


Xornal de Galicia preferiu aproveitalo para publicalo en 3 días (mércores, xoves e venres), así que non o publico no blog ata hoxe. Por certo, que novamente modificaron o título na versión en internet sobre a que eu lles enviei. Non sei, algunha razón terán.

As caixas nos 'stress test'

Unha primeira análise dos resultados dos ‘test de esforzo’ realizados polo Comité de Supervisores Bancarios Europeos (CEBS) deixa patente que os resultados serán utilizados para respaldar a política de bancarización das caixas defendida polo Banco de España, e executada por PP e PSOE –partidos que recentemente acordaron reformar a Ley de Cajas de Ahorro (Lorca) pola vía de Real Decreto urxente.

A menor transparencia doutros países impide comparar os resultados das caixas de aforro no contexto europeo (serían moi interesantes coñecer máis en detalle, por exemplo, os casos de Alemaña e Italia, onde a maior atomización do seu sistema bancario permitiría extraer mellores conclusións), pero no contexto español, as caixas saen especialmente mal paradas. Entroutras cousas, porque 6 dos 8 bancos analizados superan a todas as caixas de aforro –agás a BBK- en termos de perdas en proporción ós seus activos, e 5 caixas suspenderían o test (o CEBS entende por ‘suspender’ ver reducido o ratio de capitalización dunha entidade por debaixo do 6%).

Pero vaiamos polo miúdo. En primeiro lugar, a maioría dos bancos, con perdón da expresión, tampouco están ‘pra botar foguetes’. Santander e BBVA, si, xogan noutra liga. Son as únicas entidades españolas que acadarían beneficios incluso nos escenarios máis extremos considerados nos tests, resultando a primeira e cuarta entidades de Europa por beneficios. Pero xogan noutra liga porque a maior parte dos seus ingresos proceden doutros mercados: todos os bancos e caixas considerados no test son bancos que operan fundamental ou totalmente en España, mentras por exemplo Brasil representou o 30% dos resultados de Santander no primeiro trimestre de 2010 (Brasil, si, un pais que para os galegos deberia ser unha oportunidade histórica, pero seica algúns seguen a xogar ó despiste).

Pola contra, os resultados de bancos como Popular, Sabadell, Guipuzcoano e, nomeadamente, Banco Pastor, son tan significativos como os das caixas de aforro. En concreto, Pastor sufriría unhas perdas de máis do 4% dos seus activos totais, e recibe un cinco raspadiño cun 6 % de ratio Tier1, inferior ao da maioría das caixas (se ben é certo que para moitas destas –incluido ‘Breogan’, o nome asignado polo CEBS para a fusión das caixas galegas- corresponden ós ratios posteriores ás axudas públicas). Especialmente significativa é tamén a exposición de Pastor e Popular ós problemas do sector inmobiliario: máis do 60% das súas perdas provirían de promotores (só superados polas caixas de Sabadell, Murcia e a intervenida Cajasur). E moi sintomático tamén dos excesos cometidos por algúns bancos é o menor peso do marxe de explotación (que mide o negocio tradicional bancario, é dicir, créditos e depósitos) en proporción ás hipotéticas perdas sufridas, que no caso do banco galego suporían consumir o 100% do marxe xenerado nun ano.

A análise das caixas de aforro ofrece uns resultados iguais ou peores á dos bancos, coas salvedades principais de La Caixa, BBK e Kutxa, estas dúas últimas fortemente capitalizadas. Unhas perdas de entre o 2,5% e o 7% dos activos totais, uns ratios de capitalización inferiores ao 8% case na súa totalidade –‘Breogán no 7,2% despois de axudas- e, sobre todo, como mostra patente de que as caixas deixaron de centrarse no negocio tradicional de créditos e depósitos, algunhas entidades como Cajasur ou o SIP CAM-Cajastur precisarían o marxe de explotación de 5 exercicios para cubrir as perdas do peor escenario posible, un dato que só podería ser calificado de moi preocupante de non contaren estas entidades con suficientes provisións ao efecto. A fusión das caixas galegas non sae moito mellor parada a este efecto, precisando máis de 3 anos.

Asi pois, varias preguntas veñen á mente: por que se chegou a esta situación? É unha problema na concepción ‘especial’ das caixas, ou un problema nas prácticas aplicadas estes últimos anos? É a solución a bancarización? A quen beneficiará ese proceso?

As caixas foron sempre unhas entidades un tanto ‘molestas’ para a banca tradicional, xa desde que naceron no século XV no norte de Italia como ‘Montes de Pietá’, unhas alternativas piadosas para as xentes de menores recursos fronte á usura dos bancos da época. E tamén son desde sempre un bocado apetecível para o sector bancario, ben por absorción (algo que a distinta natureza das caixas, entidades sen accionariado, impedía) ben se fosen capaces de desplazaren ás caixas dos seus mercados tradicionais. Sen embargo, iso é algo que ata agora non foron quen de conseguir, máis ben ó contrario, como amosa a crecente cuota de mercado destas últimas (un 55% do mercado español, segundo datos de www.cajasdeahorro.es). Se as caixas eran quen de superar ós bancos en cuota, porque están na situación que amosan os ‘stress test’?

Ata as últimas reformas do sector, as caixas de aforro centraban a súa actividade ao seu ámbito xeográfico natural. Esta condición, e a natureza social das caixas, xogaba no seu favor á hora de competir coa banca: resultaba evidente que os bancos tiñan problemas para competir con cada caixa no seu mercado local por razóns ‘sentimentais’ de moitos aforradores, a maior implicación das caixas no desenvolvemento do tecido empresarial local, e os beneficios que cada caixa reportaba ós seus veciños a través da obra social, superior en volume aos dividendos que os bancos españois destinan ós seus accionistas.

O obxectivo das sucesivas reformas foi precisamente desnaturalizar as caixas de aforro: abrir a competencia entre elas en toda a xeografía do Estado, reducir a importancia da súa función social, e asimilalas progresivamente cara unha concepción esencialmente bancaria. O resultado? A ninguén se lle escapa que as perdas de Caixanova e CaixaGalicia proceden, na súa maior parte, do sector inmobiliario no Levante e Canarias, entroutras actividades. Para gañar mercado lonxe dos seus mercados naturais, moitas caixas de aforro tiveron que arriscar máis, ofrecendo o que outros non ofrecían, ou financiando operacións que outros non querían.

A bancarización e desnaturalización das caixas conduciunos á situación na que estamos hoxe pero, cal é a alternativa que agora plantexan as autoridades? Afondar nunha maior bancarización, xusto nun intre no que os acontecementos a nivel internacional poñen en tela de xuizo se realmente sabemos o que nos traemos entre mans. Sen ir máis lonxe, mentras a creba de Lehman Brothers puxo en descrédito a teoría aquela do ‘too big to fail’, seica en España a solución pasa precisamente pola concentración.

Para saber que intereses se persiguen cando se executa unha acción, nada máis simple que plantexarse quen son os principais beneficiarios. Neste caso, os grandes poderes económicos (bancos e grandes grupos empresariais) que poderán entrar no accionariado do 55% do mercado financeiro español que ata o de agora lles era vedado; e o Goberno Central, que acomete con esta reforma o maior recorte ás competencias das Comunidades Autónomas en máis de 30 anos de democracia.

31/07/10

RAMÓN VILAR (VIEIROS) EN DIARIO PÚBLICO

Agora que se está a traballar na 'resurrección' de Chuza, habería que plantexarse que con xente tan capaz como Ramón Vilar ou moitos outros que fixeron posible o xornal 'Vieiros' estes quince anos, o peche do xornal decano da prensa galega en internet só pode ser unha paréntese.

www.publico.es/televisionygente/vieiros/ramon/vilar

Quizáis o que hai que plantexar é rematarmos coa nosa tradicional querencia polos minifundios, de leiras, de empresas, de xornais... pero tamén mental.

28/07/10

CHUZA(R)

Xa temos chuza: http://chuzar.gl/

Grazas á vontade do colectivo de usuarios de Chuza, en só 48 horas demos volta a un dos golpes que o galego na rede recibiu a pasada findesemana. Parabéns a todos os internautas en galego.

Agora só me queda preguntar(nos) porque os galegos cando nos apretan os webos reaximos e demostramos ter iniciativa, e cando non, en vez de traballar en conxunto e montar emprendimentos que saquen este país adiante, adicámonos a tirarnos os trastos á cabeza os uns ós outros e discutir parvadas.

----------------------------------------------

Estas 48 horas sen chuza realmente foron unha benzón: os usuarios do site de novas en galego acordamos que, mentras non dispuxeramos dun novo chuza, utilizariamos o site de novas português doMelhor.net. O resultado foi que por fin -como dixera Fagim na nosa conversa hai unhas semanas- galegos e portugueses (e brasileiros, que supoñen máis do 50% das visitas do site) empezamos a comunicar.

Agora que voltamos ter rede propia, non podemos deixar que pasen outros 500 anos vivindo de costas. Portugueses, brasileiros e galegos: usemos as dúas redes!!

26/07/10

PESCADERIA VELLA

Pero en que carallo de país vivimos?????

www.elpais.com/policia/amenaza/andaluza/usar/gallego/

"en la noche del sábado, en plenas fiestas del Apóstol, una periodista de EL PAÍS, andaluza, preguntó a una señora por dónde tenía que ir usando el nombre oficial del lugar, en gallego. Lo hizo al lado de un grupo de independentistas que se concentraban pacíficamente, rodeados por decenas de agentes de la Policía Nacional. Un antidisturbio la agarró del brazo: "Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú, que eres de fuera, deberías saberlo", le reprendió. Acto seguido le espetó: "Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias".

25/07/10

HAI UN MINUTO MORREU CHUZA

E onte Vieiros.

Esto non pode quedar así, xente.

23/07/10

UNHA NACIÓN DE 500 ANOS?

Imprescindible o artigo de onte do Catedrático de Historia Xosé Mª Lema en Xornal de Galicia: unha nación de 500 anos? Ler un pouquiño de historia é fundamental para saber quen somos (ou como lle di unha persoa en comentarios: "Sr. Feijoo: estudie Historia antes de decir parvadas").


Nota: Dende hai un par de días tedes tamén, á dereita do blog, a 'revista de prensa' cós artigos de interese que vou compartindo no googlereader.

22/07/10

GABILONDO EN CNN+


Gabilondo en CNN+: "La doctrina que nos arrastró al abismo nos ha impuesto su ley: vivimos en una dictadura, una dictadura disfrazada de democracia, pero una dictadura. Se ha decretado un modelo obligatorio de gobernación. La socialdemocracia ha quedado prohibida de facto: se le permite gobernar, claro, pero sólo si lo hace renunciando a sus puntos de vista. Qué hacemos? Aceptamos sin reparos esta dictadura? Para la izquierda es decisivo: o descubre su papel en esta nueva realidad, o está condenada a marchitarse y desdibujarse".





Non vin este video ata hoxe (Vía Colazo). Botoulle un par de webos Gabilondo, pero dixo verdades coma puños.

20/07/10

PEDAGOXÍA FISCAL


O meu artigo hai dez días para Xornal de Galicia

Pedagoxía fiscal


Non sei por que puxeron títulos diferentes nas versións en internet e en papel, que é a que eu lles enviei. Seguimos off-line (pero moi, moi atarefados...) ata setembro.

Pedagoxía fiscal


A segunda das eivas do sistema económico internacional causante dos desequilibrios que conduciron a actual crise é a ausencia de regulación común no libre movemento de capitais. Como non é un tema moi asequible para os non iniciados, tentarei expoñelo con altas doses de pedagoxía, para que poidades chegar ás vosas propias conclusións.

Supoñamos que dispós dun millón de euros. Nas túas mans terías a posibilidade de axudarnos a saír da crise investindo nun novo proxecto empresarial que xere traballo e riqueza para o país. O problema é en primeiro lugar, que segundo o Banco Mundial e o Foro de Davos, España é o Estado da OCDE que máis trabas e trámites burocráticos require para abrir unha empresa. Peor que Albania, Afganistán ou Zimbawe, por exemplo. E en segundo lugar, se tes sorte e consigues que a túa empresa teña éxito, tributarás no Imposto de Sociedades con carácter xeral o 30% das plusvalías.

Hai outra opción. Acudir a un banco –ou máis sinxelo, a través do internet– e apretando una soa tecla, mercar unha carteira de accións en bolsa. É moito máis cómodo, de xeito case automático e sen traba algunha. E ademáis, se tes sorte e consigues que a túa ‘empresa’ teña éxito, tributarás no IRPF con carácter xeral o 19% das plusvalías, ou o 1% se dispós dos 2,4 millóns de euros necesarios para constituires unha SICAV.

A maioría elexirá a segunda alternativa. O problema é que esta opción é precisamente a que non xera riqueza nin postos de traballo. Cando unha empresa sae por primeira vez a bolsa ou realiza unha ampliación de capital, está a procurar financiamento para a realización de novos investimentos que si xeran riqueza. Pero unha vez conseguido dito financiamento, as novas accións comezan a cotizar nos mercados secundarios pasando dunhas mans a outras sen ningún efecto real sobre a economía.

O ideal sería que os investimentos produtivos (montar unha empresa) tiveran poucas trabas e un tipo impositivo máis baixo que a especulación financeira. Necesitamos investimentos que xeneren emprego! A función da regulación é precisamente correxir as decisións –perxudiciais para o conxunto da sociedade– que cada un de nós tomaría en ausencia de regulación buscando o seu único beneficio persoal.

Entón, por que non subimos os impostos á especulación financeira? Porque aceptamos vivir nun mundo con total liberdade de movementos de capital entre –sorprendentemente– áreas económicas con moi distintas tributacións, regulacións e niveis de transparencia fiscal. “Se subides os impostos ás SICAVs –ameazan– dámoslle a unha tecla e levámolas para Luxemburgo”. É inadmisible xogar ao mesmo xogo –a globalización– con reglas distintas para cada participante. Modificar esta situación require unha acción concertada a nivel internacional para elevar o tipo impositivo ás plusvalías do capital en todos os países, levantar segredos bancarios, prohibir os paraísos fiscais (ou marxinar económicamente aos países que os auspician), etc.

Farase? Dubídoo moito. Moito máis cando vemos como admitimos a liberdade total do capital nun mundo que prohibe o mesmo trato ás persoas, trantando ós seres humanos como ‘excedentes’ (velaí a lei migratoria en Arizona, por exemplo). O noso mundo non vive unha crise económica ou financeira. Vive unha crise de valores. E moi severa.

04/07/10

Ó RALENTÍ ATA SETEMBRO

Internet é un deporte de inverno. Quizais non tanto, pero desde logo, non se lle da moi ben o vrao.

Eu despois de máis dun ano seguido tamén vou pedindo unha paradinha, así que durante un par de meses non publicaremos, ou como moito se cadra non máis que para facer algún apuntamento interesante.

Como por exemplo, esta conversa que publican hoxe en Xornal có pai de Manu Chao: "É curioso, entrei en Radio France porque falaba galego. Atopara un anuncio no que solicitaban un colaborador que soubese español, portugués e música, para ser ilustrador sonoro das emisións. Ao falar ben o galego dixen que era portugués, e entrei sen problemas".

Parécese moito á miña historia persoal que xa contei aqui, e que esperemos, con cousas como esta, vaiamos perdendo o noso habitual complexo de inferioridade.

Ata setembro.

30/06/10

CONVERSA CON VALENTIM FAGIM (2)

(Segunda parte da nosa conversa có presidente da AGAL. Podes ler a primeira parte da entrevista premendo aqui)

CARVALHO CALERO

C: 2010 é o centenario do nacemento do primeiro Catedrático de Língua e Literatura galegas. Era este ó ano idóneo no que lle tiña que ser concedida á súa figura o Día das Letras Galegas?

F: Sem dúvida, sim.

C: E a que atribúes a negativa da Real Academia Galega?


F: Segundo Ferrín porque havia vinte pessoas mais para esse posto (risos). Nom sei se lestes umha entrevista que lhe fizérom em Tempos Novos, fizérom-lhe essa pergunta e ele comentava que como Carvalho Calero havia vinte mais. Segundo Ferrín é por isso, porque nom destaca bastante. Essa é a resposta oficial (risos).

C: E ti que pensas realmente por que é...

F: (risos) Nom, o que acontece é que é mui incómodo para eles. Ai tem que primar a valentia ou a covardia, e eu penso que primou a covardia. É dizer, 'como fazemos para dedicar um ano a umha pessoa que questiona o que nós defendemos?'. Mas a valentia precisamente é isso, ser capaz de dedicar um ano a essa pessoa, isso seria espetacular, falaria mui bem deles. Mas claro, isso nom todo o mundo é capaz de fazê-lo.

C: E que actividades estades a desenvolver vós para reivindicar a figura de Carvalho?


F: Entre vários coletivos criamos um site (carvalhocalero2010.net) onde estám os áudios, os videos, um par de entrevistas, um debate que saiu na TVG no ano 87 que é mui recomendável, um debate entre ele e Constantino Garcia que é espectacular. Tendes que vê-lo, porque ai vê-se realmente qual é a visom que cada um tem da lingua e até onde podemos chegar com cada umha dessas visons.




Na AGAL estamos fazendo um projeto com o site komunikando, de música em galego. Um concurso que se vai chamar 'musicar Carvalho Calero', e que se trata de que os grupos apanhem um poema de Carvalho, ou um áudio e o transformem num sampler e fagam umha música. O dia 30 de outubro, que é o aniversário do seu nascimento, daremos a conhecer os ganhadores. É umha forma de demostrar que Carvalho Calero era umha pessoa moderna na sua ideia do galego no mundo, entom fazer o mesmo com a música.

E temos também umha campanha surpresa, mas como é surpresa, nom podemos comentar mais...


O ENSINO DE PORTUGUÉS NA GALIZA

C: Esta pregunta case cha tiña que ter feito ó principio da conversa, pero bueno, velai vai:
'galego e portugués son a mesma lingua?'.

F: De um ponto de vista social se galego e português fossem a mesma língua, a AGAL nom teria sentido que existisse. E se galego e castelhano fossem línguas diferentes, as equipas de normalizaçom lingüística nom teriam nengum sentido. Entom, a AGAL e as equipas de normalizaçom lingüística existem porque na Galiza há um conflito: que a nossa língua está sendo substituída polo castelhano, isto é um facto, e está-se misturando cada vez mais com o castelhano.

Por isso, de um ponto de vista social, galego e português nom som a mesma língua, por isso existe a AGAL, e o galego é um dialeto social do castelhano, por isso existem as equipas de normalizaçom, e a Mesa, etc.

E nós pensamos que isso é mau. É dizer, o facto de que a identidade da nossa língua esteja em questom é mau. E o facto de que as variedades do Portugal, do Brasil e de Angola sejam estrangeiras para nós, nom lhe vejo nengum tipo de beneficio. Se alguem mo pode explicar... Eu levo vinte anos lendo sobre isto, e ainda nom atopei umha razom pola qual para um galego é bom que o português seja umha língua estrangeira, que os brasileiros falem umha língua estrangeira.

C: Como explicas que despois de 30 anos de autonomía sigamos sen ensino obrigatorio de portugués?

F: É mais, como explicas que numa palestra que fizem há pouco numa faculdade, para uns 100 rapazes de 20 - 25 anos, onde preguntei "quantos de vós tivestedes um professor ou professora que vos mostrasse que graças ao galego chegades ao português?", só onze pessoas levantassem a mao. Isso é patético. Ai há umha responsabilidade global, dos professores de galego mas também das pessoas que decidem os planos de estudo. Mesmo que defendam que som línguas diferentes, pois bem, que o defendam. Mas nom feches essa porta às pessoas.

Na Galiza temos umha vantagem competitiva, e parece como que se esconde. Ja nom é questom de que nom tenhamos ensino de português, que já é incrível, mas é que a geraçons e geraçons de estudantes nom se mostra que graças ao galego podem chegar ao português.

C: Eu nom me decatei realmente ata que me pasou o que comentei no blog, e que vós publicastes despois no PGL, cando fun primeiro a unha entrevista de traballo en Luxemburgo e logo quixen estudar portugués en Madrid. Entón pensei... manda carallo!! Está un banco español gastándose moreas de cartos para que os seus directivos estuden portugués, e a min dinme "tú no, que xa sabes de máis". I eu nunca estudara portugués!!

D: Enlazando unha cousa coa outra, ainda que defendas que son linguas diferentes, non peches a esa perspectiva. É o que se fai en Luxemburgo, para eles son línguas diferentes luxemburgués e alemán, pero estudan ambas.

C: Eu polo que falei con eles, os luxemburgueses teñen claro que son "a mesma lingua". Entre comillas porque cada unha ten a sua normativa e tal. Pero teñen unha visión do tema que moitas veces lle comento á xente cando falamos de reintegracionismo: tampouco pensemos, sobre todo os reintegracionistas, que aínda que ó final a xente se acabe concienciando de que temos un idioma de 300 millóns de falantes no mundo, sabendo iso digamos
"e ainda así, prefiro manter para o galego a norma oficial". Que é o que fan en Luxemburgo. Por iso a loita do reintegracionismo, penso eu, non debe estar nesta ou noutra norma, senón en abrir a xente á perspectiva internacional da nosa lingua.

F: Ai está.

C: En Luxemburgo son plenamente conscientes de que a súa língua é o alemán tras unha serie de alteracións históricas. Pero sendo un país independente reivindican ter a súa propia norma como para dicir "este é o noso idioma". Pero eso si, non teñen xornais en luxemburgués, porque non ten sentido. Ninguén vai financiar un medio que vai chegar a cen mil persoas, cando esas mesmas persoas xa son plenamente competentes en alemán. Alí a xente lé os xornais alemáns, simplemente.


Caralladas dando a brasa. Que o entrevistado é Fagim, contra!!
Fonte propia.


Entón aqui podemos chegar á conclusión de decir "reivindicamos que temos unha norma galega, distinta da portuguesa"; ou o contrario, que son a mesma, iso que o decida a sociedade. Pero o que non pode ser é que os galegos non coñezamos a norma portuguesa, que nos vai abrir moitas máis portas que o galego oficial.

F: Sim, é como dizedes vós. É dizer, apesar de que os nossos argumentos eu penso que som mui bons, mesmo assim é certo que há pessoas que nom querem, que dizem 'sim, o português é mui útil, mas eu quero umha língua só para os galegos'. A mim isso parece-me legítimo. Ora bem, imos buscar a forma de que os que nom temos esse esquema podamos estar cómodos. Eu nom vejo a necessidade de que desapareça o galego ILG, porque é certo que contenta umha parte da povoaçom galega.

D: Hai moreas de sistemas lingüísticos e gráficos no mundo onde para esas línguas se empregan paralelamente varios sistemas, e incluso varios alfabetos. Por exemplo o tártaro, as linguas túrquicas, os diferentes sistemas de escritura que teñen no chinés, no xaponés, etc. Non deberia haber problema en recoñecer por exemplo a normativa ILG como o 'galego popular', por exemplo.

F: Sim, eu penso que isso hoje em dia nom seria complicado de fazer. O tema é meter o português a um nível paralelo, para que tenha um reconhecimento oficial na Galiza. Isso é o mais complicado, mas fazendo isso, ganhávamos todos.


NOSQUEDAPORTUGAL

C: Como sabes, o meu blog -entre outros temas- trata un pouco de abrir os galegos ó universo lusófono, principalmente Portugal e Brasil. Entón sempre inclúo algunhas preguntas sobre Portugal e Brasil nas conversas, aínda que neste caso son máis acaídas que nunca.
Entón... qué significou Portugal na vida de Valentim Fagim?

F: Como a quase todos nós, o que nos chama a atençom de Portugal é que é um sítio onde a nossa língua é normal. É o facto de estar num café, e pedir "um copo de leite morno" e nom ter que escuitar "y morno qué es eso?". Ou os livros, o tema dos livros é fascinante. Vás a qualquer livraria à procura dum autor estrangeiro na tua língua e tés cinco, procuras na Galiza e nom há.

Portugal é Galiza com êxito. No fundo é isso.

C: E que referentes da cultura portuguesa nos podes aconsellar? En calquer campo, literatura, cinema...


F: Bom, eu certamente som mais pro-brasileiro. Portugal está ai ao lado e permite um trato humano, mas o que realmente me fascina é Brasil

C: Xusto Brasil ía ser a seguinte pregunta, así que podes dicir o mesmo pero do Brasil
.

F: Eu do Brasil recomendaria evidentemente a música. Recomendaria um site, cotonete, um site tipo spotify onde ti crias a tua própria radio. Vás alí e pos 'Os Mutantes', que é um dos grupos brasileiros de que mais gosto. Entom o site crea umha emissora onde saem músicas parecidas. Eu recomendo para descobrir a imensa riqueza da música brasileira.

C: Brasil é algo ó que hoxe temos aceso grazas ás novas tecnoloxías...


F: Um dos últimos sócios que fizemos para a AGAL chama-se Jesus e tem 24 anos. Com ele vás vendo como vai mudando o esquema, porque lhe pregunto que música escuita, e mete-me aí 20 grupos brasileiros que eu alguns deles nem os conheço. Se um rapaz de 24 anos já está ainda mas à última que eu, que já estou à 'super-última', diz tu caralho!!

Graças à internet, as fronteiras caem, e o mundo fai-se muito mais pequeno. E podes ter amigos alá sem os ter diante. Mas comunicas, isso é o realmente importante. Duas variantes som umha mesma língua se pode haver comunicaçom. O galego e o português vam ser a mesma língua quando os galegos comuniquemos com certo hábito com portugueses e com brasileiros.


ACTUALIDADE

C: Moi ben, pois chegamos á última parte, e esta si é a máis política de todas...


F: Mui bem! (risos)

C: Como ves a batalla contra a lingua do goberno actual?

F: As línguas ou som umha oportunidade, ou som umha ameaça. E para este governo, o galego é umha ameaça. Este governo vê o facto de termos duas línguas como algo negativo, nom como algo positivo. Eu penso que Fraga nom era muito diferente, mas Fraga era mais inteligente e dissimulava um pouco mais. Hoje dissimula-se menos, e mesmo o governo Feijoo sente que tem mais apoio social para isso.

Realmente é umha imensa lástima, porque é o que falávamos antes: a nossa vantagem competitiva, o único que nos fai diferentes, já nom dum tipo de Múrcia, mas dum tipo de Portugal ou da Holanda, é isso: que sabemos espanhol, e temos o português a umha distância mui pequena. O lógico seria que o governo reduzisse essa distáncia, mas nesse sentido nom fai absolutamente nada, e por cima vai tirando todos os avanços que havia. Estám tentando tornar o galego nalgo inútil. E o inútil deixa de existir.

C: E cres que o galego está mellor ou peor que hai trinta anos?

F: A resposta é a típica. Qualitativamente melhor, quantitativamente muito pior. O tema é se umha cousa compensa a outra. Hoje em dia de cada 100 nenos que nascem, pode andar por volta de 10 que som educados em galego. Isso é moi pouco. Vivemos numa pequena fantasia, há muitos velhos que falam galego, mas de aqui a quarenta anos esses que nascem agora som 10%, pode que menos inclusive, porque podem perdê-lo ao longo da sua vida.

Entom, com cifras assim, nom dá.

Agora bem, se essa comunidade galego-falante fosse coesa, e fosse poderosa, e com o tema do português poderia ser poderosa, entom ai haveria algum tipo de esperança.

Dito doutro jeito: se conseguimos um esquema onde ser bilíngue espanhol-português fosse umha vantagem social, entom temos hipóteses. Se aos galegofalantes começa a lhes ir bem por conhecer o português, e chega o dia em que ser monolíngue em espanhol seja visto como algo pobre, se conseguimos isso teremos avançado bastante. Mas hoje em dia é ao revés, hoje em dia ser bilíngue é um problema.

Temos que lhe dar volta a isso.

C: E que medidas podemos tomar, todos, non só os gobernos, mais a pé de rúa, para revitalizar o galego?

F: Essa pregunta é super ampla. Pensando nos galegofalantes, eu o que lhes comentaria é tentade criar redes sociais que nos reforcem e nos apoiemos uns aos outros. Redes sociais de todo o tipo: lúdicas, profissionais, etc. Por exemplo, sei que a Mesa está a trabalhar num projeto duma lista de empresas que usam o galego. Eu por exemplo vivo em Santiago, e corto o cabelo cada mês e meio. Há umha moreia de sitios onde cortar o cabelo, mas eu sei que há um que tem todo em galego, chama-se Anil e entom eu vou a essa gente. Isso é rede social. Essa gente fica-me um pouco longe, a quinze minutos de aqui, e tenho outros sítios onde ir a dous minutos, mas tenhem todo em castelhano.

Temos que reforzar-nos uns aos outros, é quase como o movimento gai ou os judeus. Reforçar-se, criar lobby. Vistedes 'Milk', umha película dum activista gai que tem um dia umha ideia: vai a todas as tendas de um bairro de Sam Francisco e pregunta "nesta tenda ides tratar bem os gais?", e fai umha lista com os responde afirmativamente, e umha outra cos que nom. E vai onde os gais e di-lhes "esta é a lista boa". Em 5 anos as tendas que nom tratam bem os gais vam fechando, e as que sim, sobem.

Com o galego temos que fazer igual. O facto de que umha empresa queira usar o galego hoje tem um certo risco. A gente nom quer arriscar, ou nom quer aparecer como nacionalista. Entom a comunidade galegofalante temos que apoiar isso. E a forma de apoiar é saber que empresas e autónomos usam o galego em cada cidade. É algo super simples de fazer e é super poderoso.

GalegoLab. Fonte: galegolab.org


E aqui meto unha cuña publicitaria: graças a idea de Valentim Fagim propuxen en GalegoLab a idea 'selo de calidade GalegoLab', para ir elaborando unha lista de comercios e empresas que utilicen o galego con normalidade. Empresas ou comercios que destacan polo seu uso habitual da língua, creándose un 'selo de calidade GalegoLab' que se colocaría á entrada dos establecementos correspondentes como recoñecemento á súa colaboración, cos obxectivos de potenciar o uso do galego a nivel empresarial e comercial; que os que defendemos o galego teñamos un 'selo de garantía' recoñecido por todos dos comercios e empresas que usan o galego con normalidade, de xeito que poidamos discriminar positivamente aqueles que o fan; para os comercios sería un xeito de potenciar positivamente a súa imaxe entre os consumidores; e a visualización do selo á entrada do comercio facilitaría ao usuario o recoñecemento de xeito inmediato.

Se vos gusta a idea, dádevos de alta en GalegoLab e colaborade cós nosos proxectos.


--------------


E ata aqui chegou a nosa conversa con Valentim. Nin sequera houbo unha despedida formal da nosa conversa porque, apagada a gravadora, continuamos a desfrutar da nosa charla e do chá ó que nos convidou.

Moitas grazas Valentim, e serva esta conversa como ponte para todos os que defendemos a nosa língua, "seja na norma que sexa".