Tour St.-Nicholas e Tour de la Chaîne, Vieux Port, La Rochelle. Fonte propia.
La Rochelle, vila de orixe mariñeira do Atlántico francés, foi xunto a Bordeaux o porto históricamente máis importante da fachada atlántica gala. Nacida no século X, acada o seu periodo de maior prosperidade entre os séculos XI a XVII. Ata o século XIV, froito da súa vocación atlántica e comercial, a cidade estivo alternativamente baixo dominio inglés e francés ata que en 1372, a armada de Castilla (sempre Castilla...), aliada de Franza, derrota ós ingleses, pasando a pertencer a Franza de xeito -case- definitivo.
Ver mapa mais grandeMais a
historia de La Rochelle depararía aínda outro acontecemento, mencionado inclusive por Dumas na novela
'Os tres mosqueteiros', que é o tema central do artigo de hoxe. A partir do século XVI, a maior parte da poboación da vila convértese ao protestantismo, e mantén sólidos vínculos non só con Inglaterra máis tamén có Canadá, xa que os primeiros colonos deste pais e os fundadores de Montreal partiran da vila gala.
En 1572 a cidade sofre un primeiro asedio do rei francés Charles IX. Coa axuda por mar dos ingleses, a cidade resiste e consegue negociar un acordo de paz favorable. A vila conquire estatuto de
'ville libre', convírtese no centro principal dos Hugonotes na Franza, e inicia un periodo de prosperidade que se extenderá ata 1620.
Entón...
"a monarquía gala convírtese ó absolutismo có cardenal Richelieu e Luis XIII, que non toleran o autogoverno dunha cidade rica, protestante e de dubidosa fidelidade á coroa". En setembro de 1627 iníciase o
Asedio a La Rochelle. A armada real coloca 20.000 homens ao redor da cidade, cortando todas as vias de comunicación terrestes. Os reforzos só poden vir agora por mar. Para evitalo, Richelieu ordena a construcción
dun dique de 500 metros por 20 de altura.
Os víveres comezan a escasear e os navios ingleses dan volta. Abandoan La Rochelle vellos, mulleres e nenos. Os que quedan comerán o que lles resta: cabalos, cans, gatos. Cando en outubro de 1628, 14 meses despois de iniciado o asedio, a cidade termina por se render, só restan 5.500 sobrevivintes dos 28.000 habitantes. A capitulación é incondicional, os hugonotes perden todos os dereitos políticos, o comercio derrúbase, o cambio de política relixiosa conleva conversións forzosas ó catolicismo, e familias enteiras foxen á
New Rochelle, USA.
Estatua de Jean Guiton na Place de l'Hotel de Ville. La Rochelle. Fonte propia.
Hai case 400 anos, La Rochelle loitou contra Franza e o seu rei por pertencer a Inglaterra e defender o seu credo protestante. Hoxe, a historia, lonxe de agocharse, móstrase orgullosa. A estatua de Jean Guiton, alcalde e lider da resistencia de La Rochelle ó asedio francés, preside a plaza consistorial, e moitas outras mencións á aquel acontecemento están presentes nos principais monumentos e información turística que os lugareños facilitan da vila.
Algunha diferencia coa Galiza de hoxe?
Canta xente en Galiza sabe hoxe que Fernando I de Portugal foi aclamado como Rei polos galegos en 1369? Que o tenente da cidade da 'Crunha', Xoán Fernández de Andeiro, "se lle deu a coñecer e o posesionou (a Fernando I) pacifica e amistosamente da praza"(*), pois o Rei portugués, que se achegara con toda precaución á vila, non daba crédito a multitudinaria concorrencia con que fora recibido alí pola poboación. E que, cando o Rei de Castela recupera o Reino de Galiza, a propia vila da Coruña, xunto con Tui, mantiveronse fieis á Coroa Portuguesa case 20 anos máis, ata que Xoán de Gante, fillo do Rei Eduardo III de Inglaterra, desembarca na Pescadería da Coruña sen afrontar asalto, é recibido en Santiago, i é declarado Rei de Galiza sen apenas resistencia, según conta o cronista francés da época, Jehan Froissart?
Por qué o nacionalismo español é incapaz de recoñecer feitos da Historia de Galiza como, por exemplo, a Revolta Irmandiña ou o Rexurdimento das letras galegas e catalanas no XIX, como parte da súa propia historia? Como lle sentaría hoxe unha estatua de Fernando I de Portugal na Praza de Maria Pita a aqueles que hoxe nin sequera son quen de aceptar que A Coruña se chame A Coruña porque ese foi o nome que lle demos nós, os galegos, hai máis de 800 anos?
Franza hai 200 anos que derrocou ós seus propios reis, e contempla estes episodios como o que son, parte da súa propia historia. O nacionalismo español, en cambio, vive anclado no absolutismo dos mesmos reis que hoxe a seguen a governar. Dios salve al Cid, Maria de Molina e Isabel la Católica, padres de la España única e indivisible donde sólo el español tiene cabida, e onde a historia, contada tal e como a eles lles convén, se ensina nos colexios hoxendía.
Coñezamos a nosa propia historia e defendamos a nosa língua e a nosa cultura porque é o que somos realmente, non o que algúns nos queiran impoñer.
(*) 'O Reino Medieval de Galicia', de Anselmo López Carreira.