12/08/09

AS (INCRIBLES) CONTAS DO PASTOR (2)

(continuación da primeira parte do artigo)
1, 2 e 3 amosan que o Pastor é a entidade que máis problemas está a ter neste aspecto. Pero hai máis.

4.- Non son capaces de reduciren custos (gastos de administración só -1,2%) malia os despidos de persoal (este sí que se nota, -3,5%) e os peches de oficinas (105 oficinas pechadas).

5.- E, por último, o máis preocupante de todo: realmente obteñen 82 millóns de beneficio??

Os ingresos totais da entidade no primeiro semestre de 2009 foron 671,74 millóns de euros. Pero ese importe non se corresponde có negocio bancario recurrente que Banco Pastor é capaz de xenerar. A razón é que 288,5 millóns de euros proceden da venta total da participación en Unión Fenosa (180 millóns) e de patrimonio inmobiliario do banco (106,5 millóns). Xa o mesmo ocorrera o mesmo semestre de 2008, cando se apuntaran as plusvalías da primeira venda de accións de Fenosa, por 111 millóns de euros. Pero hoxe xa non hai máis "fenosas" que vender cando a cousa aprete, e o patrimonio inmobiliario tamén ten un límite.

Polo tanto, os ingresos recurrentes de Banco Pastor no primeiro semestre de 2009 foron de só 383 millóns de euros (430 no mesmo periodo do ano anterior). Tamén é certo que declaran ter feito unha provisión voluntaria por 74,7 millóns de euros para "engordar o colchón" no futuro, có que o montante dos gastos ascende a 323,66 millóns por pérdidas de activo (unha preocupante partida que recolle as insolvencias e que prácticamente se duplica dun ano a outro) máis 180,5 millóns en gastos e amortizacións, partida que como xa vimos non se reducíu nin despois do peche de máis de 100 oficinas e despidos de persoal.

En resumo, a conta de resultados do Pastor, detraídos os compoñentes extraordinarios, daría unha perda de -121 millóns de euros, mitigada este semestre polo concepto "outros resultados netos" ata unhas perdas de -97,66 millóns de euros.


Para os que non entenderan ben as contas -lóxico, despois de tal enchenta de datos-, o que está a facer o Pastor (e moitos outros bancos, eu diría que todos), é similar a isto: supoñamos que tes un patrimonio que consta de vivenda propia e automóvil, un posto de traballo e uns gastos ó ano de 50.000 euros (tes que recoñecer que vives a corpo de rei, eh...). Entón a túa empresa dache a boa nova de que quedas sen traballo. Para poder seguir vivindo como un marqués, decides vender a casa e ir vivir con mamá, e vender o coche -total xa non che fai falla pra ir traballar. Botas contas e dis: carallo! todo son boas novas! gasto 50.000 euros, pero ingresei 140.000 da casa e 10.000 polo coche. Teño unhas plusvalías de 100.000 euros!! Aínda por riba "vivo como quero: non traballo, non gasto gasoliña e mamá dame de comer! Vou vivir así toda a vida!!"

A participación do Pastor en Unión Fenosa e o seu patrimonio inmobiliario eran, con moito, as principais partidas coas que contaba Banco Pastor pra xenerar beneficios puntuais, e maquillar así resultados. No seu informe anual do 2008 falan de participacións maioritarias en empresas non financieiras como actividade inmobiliaria (General de Terrenos y Edificios, nome orixinal), sociedades de cartera (Sobrinos de José Pastor Inversiones, cun volume de 59 millóns de euros) e investimentos en enerxías renovables, e non se detallan as participacións minoritarias en outras compañías. No seu balance, "activos financieiros dispoñibles para a venda", valorado en 1.600 millóns de euros, incluiría as participacións xa vendidas de Unión Fenosa, e aínda así, da venda total destes activos só se incorporarían as plusvalías -se as hai- á conta de resultados.

En resumo, a situación do Pastor, cunhas perdas semestrais en torno ós 100 millóns de euros, e cada vez con menos patrimonio pra disimulalo, dista moito de ser o tranquilizadoras que a súa directiva pretende transmitir. Xoga en favor do futuro do Banco Pastor como entidade galega o feito de que o 52% está actualmente en mans de 3 inversores (Fundación Barrié 41,7%, Caixanova 5,3% e Amancio Ortega 5,0%, datos a 31.12.2008), pero se a situación económica non mellora e o desequilibrio que amosa a conta de resultados da entidade acaba por requerir do apoio dos accionistas de referencia, haberá que ver si éstes están dispostos a poñer cartos do seu peto. E se non é así, non descartemos que en 2010 teñamos tamén "culebrón Banco Pastor".

1 comentário:

  1. Y luego tienen otras operaciones debajo de la alfombra, que ¿¿hasta cuando podrán esconder o tapar?? sin que el olor sea insoportable

    (ejemplo: http://elsucu.wordpress.com)

    ResponderEliminar