16/08/09

EU SON...

Balbino.

Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No vrao ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta unha brocha pra espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son como espeteiras pra encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.

¡Qué saben desto os nenos da vila!

Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas.


Neira Vilas non só é responsable de ter escrito o maior best-seller na nosa lingua. Para cada un dos que temos lido a súa pequena xoia representa unha historia de amor á nosa lingua e á nosa terra. A miña: a aquel rapaz de 12 anos -que sería o que tiña eu daquela-, que naceu e creceu no entorno urbano e castelán-falante de Pontevedra i educado en castelán "como Dios manda", pero que coñecía o mundo rural en primeira persoa porque case toda a miña familia é dunha aldeíña de Vimianzo, descubrirlle os anceios dun rapaz de aldea, sentirse digno dél e do seu mundo, do rural e da súa fala, a nosa fala.

E aprendín o "Eu son Balbino..." de carrerilla (aínda hoxe podería recitar unha boa parte). E prometínme que algún día, cando teña un can que sexa meu, chamarase Pachín (día que aínda non chegou, porque esto de vivir en lacoru es lo que tiene, pero chegará), porque có que chorei por él ben o merecía. E comezei a facer o que nunca antes fixera: ler a nosa literatura, empezando por Castelao, que me encantaba "Un ollo de vidro", e moitos outros. Balbino fixo de min, en resumo, un rapaz que ama a súa lingua e a súa terra. Débollo todo.

E hoxe cando ollo o "Memorias...", o mesmo exemplar que lía de rapaz, atopo na primeira páxina esta sinatura:

Xosé Neira Vilas, 10-2-93

O certo é que, facendo memoria, coido que non foi a min, senón a meu irmán a quen llo firmou, pero... qué máis ten!!


Seguro que si o liches algunha vez, agora estás a pensar en volve-lo ler unha vez máis. Eu xa o estou a facer.

1 comentário:

  1. certifico que sabes o comezo de memoria, eu relino cando mo recitaches ;)

    ResponderEliminar