Imos pasar páxina coa política... Principiamos unha nova temática máis amena para ir coñecendo cousiñas de vagar: lendas.
A morte é unha temática presente na orixe de moitas lendas da humanidade. O medo a morte, o máis alá, as ánimas en pena neste mundo, as relixións e as crenzas, etc. todos eses elementos interrelacionanse para dar as máis diversas mitoloxías nas distintas culturas. E nas culturas galego e portuguesa, o medo á morte tradúcese nas súas lendas máis populares: A Santa Compaña e a Moura Encantada.
A Santa Compaña é unha procesión de ánimas en pena e constitúe unha das figuras máis recoñecidas das tradicións galegas. En calqueira caso, as versións que dela aparecen son variadas ao longo da nosa xeografía. Explica Vitor Vaqueiro na súa "Guía da Galiza Máxica" que interpretacións, apariencia, nomes e outros aspectos son múltiples.
En canto as interpretacións, Vaqueiro apunta dúas: que as ánimas que a compoñen veñen do purgatorio e polo tanto non morreron en pecado mortal, ou ben que a Compaña é a comitiva de todos os devanceiros de aquel que vai morrer, e a quen a Visión vai visitar. Sobre a apariencia hai aínda máis versións: dende quen ve nas ánimas unha orde xerárquica, encabezada por quen leva máis tempo soterrado, ou quen di que vai encabezado por un vivo; quen di que a procesión discorre en silencio, que vai acompañada do son dunha campaíña, ou ben entoando ladaíñas envolta en poderosas luces de fachos acesos; quen considera que os vivos poden chegar a ver o séquito nocturno, correndo o risco de ter que levar a cruz ou estandarte que encabeza a Compaña, ou quen considera que só se poden sentir polo cheiro a cera ou simplemente como unha presenza -aspecto este último que emparenta con outra procesión, a das Xans, das que falaremos nun intre-, etc.
Outros aspectos son as horas de aparición (ás 12 da noite, ás 3 da madrugada, ao canto do galo, ao clarexar da alba, sempre pola noite, pode ser que tamén polo día, só en outubro, entre decembro e marzo, a diario, só venres ou sábados...), como evitar ser atrapado pola comitiva (facer un círculo no chan, deitarse, mostrar unha cruz, comer algo, apertar os puños, non mirar á comitiva facendo como que non viches nada ou, simplemente... sair correndo!!), as diferentes razóns polas que a Compaña pode ir tras dun vivo, o xeito de quedar atrapado (automáticamente, anticipando a morte do malpocado cun ano de antelación, ou sete anos noutros sitios), etc.
Con tanta variable, non extraña que o nome que reciba a Santa Compaña sexa múltiple nas diferentes vilas: Estadea (nome que emparenta coas tradicións centro-europeas), Antaruxada, As da noite, Hoste, Hostilla, Pantalla, Procesión das ánimas, Visión, Visita...
Outro dos nomes que recibe é o das Xans ou Sociedade o Óso. Máis en moitos lugares diferencianse da primeira en que os membros das Xans non son mortos, senon vivos que marchan nunha procesión nocturna en dúas filas levando un cadaleito. Esta figura emparenta coas xanas en Asturias, e as lendas da Moura Encantada en Portugal, xa que lles considera Cabaleiros de Diana.
Moura Encantada. Fonte: www.revistadadanca.com/node/91
As xanas representan ás ninfas das fontes, fermosas de cabelo louro que pentean con pentes de ouro ás beiras do río. Certos relatos abofellan que as xanas se converten en serpes, encantan aos seus pretendentes, etc. Parece contrastado que a palabra deriva de Diana, deusa da mitoloxía clásica que na Idade Media se tiña por raíña das bruxas, que desenterraban os mortos e utilizaban os osos como frautas no aquelarre, emparentando aqui coas Sociedades dos Ósos das que falabamos antes.
En Portugal, esta figura mística derivou na Moura Encantada: principal figura mística no imaxinario portugués que se repite en múltiples vilas da súa xeografía (xa que gaña relevancia có avanzo da reconquista), son "as almas de donzelas que foram deixadas a guardar os tesouros que os mouros encantados esconderam antes de partirem para a mourama. Aparecem frequentemente cantando e penteando os seus longos cabelos, louros como o ouro ou negros como a noite, com um pente de ouro, e prometem tesouros a quem as libertar do encanto", como as Xanas asturianas.
Chama poderosamente a atención que se considera que a palabra "moura" pode derivar doutras linguas prerromanas cós significados de "destino", "morte" ou "espírito" (do grego e linguas celtas), sendo finalmente aplicada na mitoloxía portuguesa ás doncelas "mouras" durante a Reconquista.
Sem comentários:
Enviar um comentário