31/08/09

FEIRA FRANCA EN PONTEVEDRA

Vaia por diante que o que suscribe é de Pontevedra. Porque direi moito e moi bó da miña vila natal, así que poderedes dicir que estou "barrendo pra casa". Pero coido tamén que estou a ser todo o obxectivo que me é posibel.

Moitas cousas cambiaron en Pontevedra nos últimos tempos. De feito, se hai un governo nacionalista que vai xa pra 12 anos nunha vila tanto tempo domiñada socialmente polo "pijerío" -para algúns segue a ser a vila das corridas de toros e as "puestas de largo"-, será que moi mal non o farían. Algo arrogantes foron algunhas veces, todo hai que dicilo, razón pola que seguen a perder votos elección tras elección, máis tiveron moitos acertos recoñecidos e que fixeron de Pontevedra a única cidade de Galiza onde o nacionalismo governa sen interrupción por máis dunha década: a recuperación da Zona Vella, completamente degradada durante anos, a peonalización do centro urbán (contra a que cargaron todolos medios e representantes da dereita, e hoxe ante o pulo do comercio e do turismo que xenerou, calan coma... -iso sí, aínda lles queda a retahila de "es que ahora el tráfico está fatal" pra xustificárense-), a recuperación do río Lérez -falta ver qué pasa coa Celulosa na ría, aceptanse apostas-, etc.

Pontevedra e Ría de Pontevedra
Fonte: www.concellopontevedra.es

Todo iso levou a que Pontevedra é dende hai 10 anos a segunda vila de maior crecemento poboacional de entre as principais cidades galegas, só por detrás de Lugo. E, a diferencia da capital lucense, o seu pulo non se debe á absorción de poboación dos concellos rurais do entorno, senón que xunto as vilas colindantes de Marín ou Poio fai da comarca de Pontevedra o cuarto polo económico e poboacional de Galiza, só por detrás de Vigo, A Coruña e Santiago.

Evolución da poboación nas 7 vilas galegas. Ano 1991 base 100.
Fonte: www.ige.eu



Pero imos ó conto. De entre as medidas máis acertadas dos últimos anos estivo a implantación da Feira Franca, evento que "se fundamenta no mercado libre de impostos que comezou a celebrarse en Pontevedra a partires do ano 1467, en virtude dun privilexio real concedido por Enrique IV, que autorizaba a celebración dunha feria que duraba quince días antes e quince despois do 24 de agosto, día de San Bartolomeu". A festa non está exenta de simboloxía nacionalista, xa que rememora os tempos de maior esplendor da burguesía galega, nun tempo no que "a documentación dos concellos de Santiago, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Ourense está case totalmente redactada en galego". Pero, a diferenza das festas sectarias dos touros e absolutamente rancias e vergoñentas de "puestas de largo" e demáis, que só reciben o interese dun sector da sociedade local, a Feira Franca conseguiu en apenas uns anos todo o interese da sociedade e ser orgullo dos lerezanos. Unha festa pra tódalas idades, pra celebrar nas rúas durante todo o día, xantando, asistindo a recreacións históricas, mercadillos, cetrería, etc.

Praza da Leña - Pontevedra
Fonte: http://leovigildo.lacoctelera.net

E todo iso, no marco incomparable da Zona Monumental pontevedresa. I é que nos últimos anos, quen teña visitado por vez primeira Pontevedra descobriría sorprendido que conta coa maior e mellor conservada zona monumental de Galiza. Está claro que non conta con monumentos do renome dos nosos Patrimonios da Humanidade -Catedral de Santiago, Muralla de Lugo e Torre de Hércules-, máis as prazas e recunchos que poderedes atopar camiñando de vagar pola nosa vila son do máis fermoso do País. A este respecto, sinalar tamén que "a construción da Basílicia de Santa María ao longo do século XVI, impulsada pola poderosa Confraría do Corpo Santo, é a manifestación artística máis sobranceira daquela etapa de esplendor".

Basílica Santa María - Pontevedra
Fonte: www.colon-gallego.com

E se fermosas son as rúas da Boa Vila, moito máis no fin de semana da Feira Franca. O entorno pontevedrés é o esceario máis axeitado pra recrear o medievo, transportándonos por un día a aqueles tempos como non o consegue ningunha outra das -cada vez máis- festas medievais que se celebran en Galiza. Por iso, convidámosvos a visitar Pontevedra esta fin de semana do 4 e 5 de setembro -se vides disfrazados, moito mellor-, e para aqueles que non poidades vir, a vindeira semana faremos entrega dun novo artigo onde (se a climatoloxía -principal temor dos pontevedreses nestas datas. nolo permite) recolleremos algunhas estampas na nosa festa máis sentida.

(Toda a información que precisedes sobre a Feira Franca, en: http://feirafranca.info )

6 comentários:

  1. Disfrazados?, mellor vestidos. E o que xa sería a hostia sería en pelotas. Parabéns polo artigo. Onte fondeei por primeira vez neste lugar. Penso que farei unha boa marea nestas augas cheas de peixe e marisco. Saúde.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polo comentario. Agardámoste logo por estes lares cando gostes. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Muy interesante vuestro articulo sobre la feria franca. Me gusta la informacion detallada de la pagina oficial de turismo de galicia.

    http://turgalicia.es/

    ResponderEliminar
  4. Pois si está ben recuperar un dos breves intres bos da historia deste país. Pontevedra na Idade Media e no XVI foi unha das vilas máis dinámicas.
    Por outra banda coñecin o teu blogue a través de Federico e se non che importa penso ligalo o meu e aproveitar as túas anotacións de "La Coruña de toda la vida" como introdución as miñas propias anotacións sobre historia de Galiza.
    Saudos.

    ResponderEliminar
  5. Hola Anónimo, moi retranqueiro, sí señor: http://www.turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?ordRs=1&ctre=festas&crec=31231&idversion=1-4ECTTC&refnumber2=02010208&cidi=G&premium= Un mar de información nesa web. Moitas grazas polo comentario.

    Señor Tywin, dende logo, vostede e o seu amigo Federico gostan dos nomes peculiares... Xa me dixo Federico que alguen tivera unha idea similar, e por suposto podes empregar o que precises dos artigos deste blog, agradecéndose referencia ó mesmo. Por certo, que en breve publicaremos o seguinte capítulo, que deixaramos aprazado en agosto por se baixaba a audiencia.

    Rematar animándote a que sigas dando caña no voso blog, http://lannister.blogaliza.org/, vexo que despois do verán voltades con enerxías renovadas!!

    Un saúdo e grazas a todos polos comentarios.

    ResponderEliminar
  6. Ben. Cando teña tempo penso escribir unha anotación sobre as cidades galegas no XIV e no XV e enton será cando use coma contexto o de "La Coruña de toda la vida". Por certo xa empreguei os do Pastor nunha anotación sobre caixa galicia. En fin grazas e non dubides en pasarte e comentar o que queiras.

    ResponderEliminar