Mostrar mensagens com a etiqueta La Coz. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta La Coz. Mostrar todas as mensagens

03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?

29/08/09

4 CENTÉSIMAS

Un breve apunte sobre cómo domina a propaganda o governo da Xunta coa axuda de Santiago Rey, "la bienpagá".

Hai unhas semanas confirmábase que o PIB galego levaba dous trimestres en negativo. A máis dun na Xunta non lle debeu sentar moi ben recoñecer que Galiza entraba en recesión xusto no seu mandato, e pra máis inri cando expiraba o plazo no que Feijoo prometera rematar coa crise grazas ó seu “plan de austeridade”, consistente básicamente en vender un Audi pra financiar os colexios do Opus Dei.

Pero hoxe nos atopamos conque, sen reparo ningún, acaban de “retocar” o dato do PIB galego do 3º trimestre do 2008. Agora resulta que daquela non medráramos, senón que descendeu o PIB en 4 centésimas (nin Usain Bolt apura tanto!!). Unha cantidade tan pequena que se resolve de xeito sinxelo movendo contablemente unha partidiña presupuestaria aqui e alá... Esta burda manipulación permítelles por unha banda dicir que a crise comezou moito antes do recoñecido polo bipartito, e por outra deixar para a posteridade que o comezo oficial da recesión (enténdese por recesión 2 trimestres consecutivos de caidas de PIB) aconteceu o 1 de xaneiro de 2009, durante a presidencia de Touriño, e non no 2 trimestre deste ano, xa baixo o mandato popular.

Por suposto, en La Coz de hoxe -que non imos reproducir nin facilitar ligazón porque neste blog tamén practicamos o boiCoz- o publicitaban ben clariño na portada, “la recesión en Fachicia dura ya 4 trimestres!!”. E máis adiante, cando o PIB entre en positivo, poderán dicir que na crise se entrou có bipartito e se saíu grazas a SuperFrijolito. Iso sí, xa non poderá acontecer nos 100 días que nos prometera o superheroe.

18/08/09

AS MENTIRAS DE FEIJOO

Desta volta, o artigo da semana non é un artigo, senón unha nova páxina en internet. Un medio de comunicación do que me quero facer eco porque estamos ante un dos mellores -senón o mellor- que teño lido nunca e que, de seguro, dará que falar.

http://feijoomente.blogaliza.org/

Medio nacido o pasado mes de xuño "cunha vocación de crítica política, pero sobre todo cunha vontade de realizar un servizo público, na medida en que pretende servir de espazo para a denuncia dos incumprimentos programáticos de quen ostenta a máxima responsabilidade institucional galega" e que co tempo, non sabemos se só polos seus propios medios ou grazas tamén á colaboración de xente moi ben documentada, estanse a revelar como unha das fontes de información máis fiables e reveladoras do País.

O seu artigo do 10 de agosto é un resumo das súas primicias. Sinalan que na Xunta xa empezan a estar nervosos pola capacidade desta xente, que xa foron quen de facer rectificar á mesma Xunta e o seu altofalante La Coz de Fachicia, cando tras publicar que "quedaba derogado o Decreto Eólico", Feijoomente sinalaba que "As leis só entran en vigor unha vez aprobadas polo Parlamento e publicadas integramente no DOG (non no Diario Oficial de Santiago Rey)". Un día despois La Coz de Fachicia rectificaba en portada, e ó día seguinte a Xunta colgaba un simple borrador do anteproxecto para tentar darlle credibilidade á suposta derogación.

I é que este novo medio de comunicación en internet, con máis de 5.000 suscritos en pouco máis de 2 meses, está chamado a ter moito que dicir no eido xornalístico e político nos vindeiros anos. Que así sexa. Parabéns e moito ánimo!!

03/08/09

INSOPORTABLE

Síntoo. Tiña intención de politizar o mínimo este blog. Tiña intención de falar esta semana da Santa Compaña e a Moura Encantada; de Rio de Janeiro; da Bossa Nova de Elis Regina, das contas (que non me saen) do Banco Pastor...

Pero é que non o aturo máis.

A guerra aberta que nos está a facer (lingua, nacionalismo, medio ambiente, economía...) o des-governo de Feijóo có apoio mediático e ideolóxico de La Coz é insoportable.

- Unha enquisa-pretexto pra rematar coa recuperación da lingua, enquisa sesgada abertamente á participación dos colexios privados (de papá, o sea, muy galleguistas ellos). Enquisa cun 58% de participación que queren facernos crer que é "alta" porque nunhas eleccións sería un rexistro aceptable, cando nunhas eleccións o voto é VOLUNTARIO, mentras que a inscripción dun fillo no colexio é algo que tes que facer SÍ OU SÍ, e un 42% dos que o fixeron en xuño elexiron usar a folla da enquisa pra limpar o cú con ela.

- Nacionalismo: empregando o altofalante de La Coz pra difamar día sí e día tamén ó bng e o galeguismo do psoe; insultando á memoria de Castelao dicindo que Castelao afirmaba "Galicia es una región" e que están de acordo có seu discurso "ó 90 ou 100%". O mesmo Castelao que dixo "que diríamos se o Estado destrúe o Portico da Gloria? Pois a nosa lingua é un patrimonio 1.000 veces máis importante que a obra do Mestre Mateo". E os mesmos que a atacan e que din que "el gallego es historia" (o que se escribe nese artigo é digno do Partido Nazi) lévanlle flores o 25-X.

- Medio ambiente: "Cabo Touriñán bien vale un puesto de trabajo". O seu discurso populista é tan vergoñento que non teñen problema en utilizar a principal preocupación da xente (o paro) para xustificar a destrucción da nosa costa en beneficio dos seus amigos (íntimos) de Pescanova.

- E se de Economía falamos, xa non me meto nin co Audi, nin coas cadeiras, nin có custo da puta enquisa que superaba o "despilfarro" do Audi con creces... Vou directamente ó meollo do asunto: Sen Fenosa, Fadesa, Autopistas-del-Atlántico... agora asistimos pasmados á confirmación de que CajaMadrid e CaixaGalicia están a negociar a súa integración -da cal xa sabemos quen vai sair perdendo-, e o governo galego dí "non ter unha posición ó respecto" (Feijóo dixit).

No tema das caixas xoga en favor que o des-governo busca ante todo medidas populistas, e os galegos opoñeríanse a esta fusión case na súa totalidade. Pero como pra fiarse da raposa coidando das galiñas. Isto ten toda a pinta de ir camiño de rematar moi moi mal. Cren que unha victoria, que por inesperada non foi menos pírrica (un escano polos pelos), lles dá dereito a facer con nós, coa nosa lingua, a nosa cultura, a nosa terra e a nosa economía, o que lles peta. Hai que pararlles os pés antes de que sexa demasiado tarde!! O Prestige foi un chiste comparado có que está argallando, á vista de todos e impunemente, a dereita española. Se entón toda Galiza saíu ás rúas, desta volta non podemos ficar pasmados. Hai que sair ás rúas. Hai que parar este des-governo. Hai que convocar unha folga xeral, o que sexa, CÓ APOIO DE TODOS, psoe, bng e tódolos partidos, sindicatos, organizacións, hai que para-los XA!!.