30/03/10

VISITA Ó MAIOR ATENTADO ECOLÓXICO

'Interrumpo' brevemente a desconexión do blog para comentar que venres, sábado e domingo de Semana Santa, de 12 a 14 horas, é a única semana do ano na que hai días abondo para organizar unha visita ó maior atentado ecolóxico perpetrado na historia do noso país contra un río galego.

Fervenza do Ézaro. Fonte: costameiga.blogspot.com

Se todo vai ben alí estaremos esta fin de semana, i en breve faremos un artigo ó respecto. Simplemente quixen avisar por se alguén aínda está a tempo de facer plans para estas vacacións.

28/03/10

APRENDENDO PORTUGUÊS DESDE NENOS

Xa temos avogado en varias ocasións pola histórica oportunidade que para a nosa cultura e a nosa língua representa a conxunción de varios factores: a queda de fronteiras con Portugal, a eurorrexión que conformamos co norte luso, a emerxencia do Brasil como potencia internacional e a globalización das tecnoloxías da comunicación, con internet como principal ferramenta.

A cultura galega sofreu durante a maior parte do século XX un verdadeiro asoballamento da cultura en español motivado principalmente pola aparición dos medios de masas e a presión das autoridades, principalmente durante a dictadura franquista. O resultado foi o que todos coñecemos: unha sustitución lingüística xeralizada en todos os estratos da sociedade, algo que nin 3 séculos escuros foran quen de provocar.

Pois ben, no século XXI temos unha oportunidade histórica de invertir este proceso: este ten que ser o século da apertura do galego ó seu rexistro internacional.





Durante 4 anos non teremos galescolas, pero hoxendía non só podemos ter acceso a cantos medios en portugués queiramos, senón que tamén temos un xeito sinxelo e gratuito de lle ensinar galego ós nosos rapaces: internet.

Pocoyo é só un exemplo, hai moitas máis ferramentas. Pero hoxe queríalle prestar especial atención a este magnífico xeito de lle ensinar galego ás crianzas de 0 a 3 anos. En youtube podedes atopar ducias de videos de pocoyo en portugués, así como na súa versión en portugués do Brasil.





Tamén para os que temos xa máis aniños temos posibilidade de aprender portugués a través de internet. Un dos máis interesantes que temos atopado é 'português para nós', un curso multimedia de portugués online para galegos. Só tes que darte de alta facilitando apenas o teu nome e unha dirección de e-mail, e terás acceso a máis de 100 breves leccións de portugués para galegos, incluíndo audios e videos. Un xeito moi ameno de aprender o rexistro internacional da nosa língua.

Tomámonos unha semaniña de descanso. Vémonos á volta de vacacións, e todo apunta que será cun artigo sobre economía, xa supoñeredes por que. Que desfrutedes dos cursos de português ata entón!


(moitas grazas a Susana pola recomendación de Pocoyo e a María pola de 'português para nós')

25/03/10

RIO CÁVADO: GERÊS

- primeira parte: río Cávado
- segunda parte: Montalegre

Non se me ocorre mellor xeito de principiar esta etapa da nosa viaxe polo río Cávado que dicindo que chegamos probablemente ó entorno natural de maior beleza en Portugal, cando menos que eu coñeza. A todos os lectores que aínda non se achegaran á Serra do Gerês, o canón do río de Vila da Ponte á Caniçada, e o entorno da Barragem da Caniçada, dicirlles que a 150 km de Vigo e 95 de Ourense atópase un espectáculo natural tal, que ningunha fotografía que vos poida mostrar lle pode facer xustiza.

A vila de Gerês en primeiro termo, e a Albufeira da Caniçada ó fondo,
vistas desde a Serra do Gerês. Fonte propia.


Principiamos a terceira etapa polo Cávado na Albufeira da Venda Nova, un dos múltiples encoros no curso alto do río, bordeando o Parque Nacional da Peneda - Gerês. Único Parque Nacional de Portugal, no Gerês "tratava-se de conservar solos, águas, a flora e a fauna, assim como preservar a paisagem nessa vasta região montanhosa do noroeste português".

Albufeira da Venda Nova, a Serra do Gerês ó fondo.


Na páxina oficial do Parque (http://portal.icnb.pt/ICNPortal/vPT2007-AP-Geres) tedes acceso a unha ampla información sobre a riqueza non só paisaxística, senón de flora (máis de 600 especies vexetais, moitas delas protexidas) e fauna, entre elas máis de 200 especies de vertebrados protexidos (troitas, anguías, morcegos, salamandras, águias, mouchos, esquíos, corzos...). 70 delas son especies ameazadas.

O canón do río Cávado ó seu paso polo Gerês. Fonte propia.


Percorrendo a estrada N-103 en dirección a Braga contemplamos unhas vistas magníficas tanto do canón do río como dos montes que atravesa. Finalmente, o espectáculo é abraiante ó chegar á Caniçada, coas súas dúas pontes cruzando o encoro.

Vista da Barragem da Caniçada, só unha das pontes aparece visíble.
Fonte propia.

Non moi lonxe de alí, un pouco máis ó norte transcorría a Geira ou Vía Nova Romana que ligaba Braga e Astorga, da que aínda se conservan treitos e desde a que se poden tirar vistas coma estoutra.

Panorâmica da Albufeira da Caniçada, Vila do Gerês, Terras de Bouro.
Fonte: pt.wikipedia.org


Finalmente, non podemos deixar de desviarnos un intre do curso do Cávado pra adentrarnos na Serra en dirección á Galiza, pola estrada que une a vila de Gerês coas terras de Entrimo. A zona entre a Caniçada e a vila do Gerês está ateigada de hoteis rurais e apartamentos pra quen queira achegarse uns días a disfrutar do entorno. Incluso diría que ten un certo aquel cos Alpes, pra aqueles que os coñezan.

Deixada atrás a vila de Gerês -a, por así dicilo, capital da comarca- entramos de cheo no parque, no que non collemos ningunha das rutas pedestres, pero coido que só con estas tres fotografías a pé de estrada que vos deixo a continuación vos quedará constancia de que paga moito a pena a visita.

Precioso polo día... pero aqui non quedo eu só pola noite nin de coña.
Fonte propia.

Fervenza neste punto. Fonte propia.

E pechamos o artigo como o abrimos, coas maravillosas vistas.
Fonte propia.


Non deixedes de ir!!

22/03/10

UNHA MARABILLA

Un video é quen de demostrar o absurdo dos tempos que vivimos. En troques de diseñar as políticas educativas pra que tod@s @s nen@s poidan ser Xulia, deséñannas os hipócritas que reclaman o seu dereito a ser ignorantes.





Unha marabilla. Bravo, eufalo.tv Adiante, non desesperemos, temos futuro.

20/03/10

RIO CÁVADO: MONTALEGRE

(ven da primeira parte)

Dos dous camiños por Trás-os-Montes de Chaves a Montalegre, nós probablemente fomos escoller o peor. Ou eso pensou o noso automóvil, cando pouco antes de pasar por Soutelinho da Raia, na mesma fronteira ficticia entre Galiza e Portugal, pinchamos unha roda.



Ver mapa más grande


Era a primeira vez que pinchaba, asi que aínda botei un bó cacho tentando averiguar como se cambiaba pola roda de bicicleta que veñen agora de reposto nos coches. Asegúrovos que co Ferrari de Alonso tardan bastante menos...


O traxecto transcorre por unha paisaxe semi-desértica (tanto de vexetación como de aldeas arraianas) ó pé da Serra do Larouco, xusto á altura do Couto Mixto, aquela Andorra galega da que xa temos falado en Nosquedaportugal.

O Couto Mixto (en verde), apenas a 5 quilómetros de Montalegre.
Fonte: gl.wikipedia.org


O río Cávado nasce apenas a un par de quilómetros das aldeas -Rubiás, Santiago e, un pouco máis lonxe, Meaus- que compoñen o Couto Mixto, en plena Serra do Larouco. Non transcorrerá outro tanto antes de chegar a Montalegre, antiga vila de apenas dous mil habitantes, cuio carácter defensivo nos lindes da raia galego-portuguesa queda de manifesto polo seu castelo medieval.

Vista á entrada de Montalegre. O castelo medieval á dereita.
Fonte propia.


O castelo, iniciado polo Rei D. Dinis no século XIII, constituía xunto ós castelos da Piconha (Tourém) e de Portelo (Padornelos) o conjunto defensivo das Terras de Barroso. Representaba un ponto de alto valor defensivo, encadrado entre as Serras do Gerês ó oeste, do Larouco ó leste, e rodeado polo río Cávado ó norte.

Malia que nun excelente estado de conservación, o castelo non ten chegado a nós íntegramente por mor do tristemente famoso terremoto de 1755, que provocou a queda dunha das ameias. No século XX foi declarado Monumento Nacional e na actualidade integra conxunto co núcleo museológico anexo.

Castelo medieval de Montalegre. Fonte propia.

Ó leste e ó sur desenvolveuse a vila medieval cós privilexios concedidos polo Rei D. Dinís para o seu poboamento. Dende o castelo as vistas de Montalegre son ben fermosas, máis nun día nevado (e ben frío, carallo!) como aquel.

Vistas da vila de Montalegre dende o seu Castelo Medieval.
Fonte propia.

No camiño alternativo (e mellor comunicado) que leva de Chaves a Montalegre, a estrada atravesa o outro município do Barroso, a tamén vila turística de Boticas, ben coñecida polas Termas de Carvalhelhos. A visita a algún dos hoteis rurais do entorno apúntoa na lista de asignaturas pendentes...

Vila de Boticas, Portugal. Fonte: www.maplandia.com

Esta segunda rota alternativa trasncorre paralela á barragem do Alto Rabagão, encoro da conca do río Cávado, nun dos seus tributarios poucos quilómetros antes da súa confluencia.

Barragem do Alto Rabagão. Fonte propia.

Será a partir desa confluéncia cando o Cávado colla forzas para atravesar a difícil orografía da Serra do Gerês. Verémolo na seguinte etapa.

18/03/10

RIO CÁVADO

Non ten a fama doutros. O pai Miño ou Minho, que nunca foi fronteira de nada nos séculos da Gallaecia, do Reino Suevo ou da alta Idade Media, simboliza o que nos divide (e nos une) a Galiza e Portugal. O Río Lima, nacido nas terras galegas de Xinzo, é un dos máis fermosos ó seu paso polas vilas de Ponte da Barca e Ponte da Lima, 'a vila máis velha de Portugal', pra rematar morrendo xunto a Viana do Castelo. Nen moito menos ten a sona do Douro, rota dos Vinhos Verdes en chegando a Porto, ou do Tejo e o seu espectacular esteiro ós pés da bela Lisboa.



Ver mapa más grande


Mais entre Lima e Douro baña boa parte das terras do Portugal Norte un río nacido ás portas da provincia de Ourense, na Serra do Larouco, que non é tan recoñecido coma outros pero que é o nexo de unión entre algúns dos lugares de maior beleza do país veciño: Montalegre, Serra do Gerês, Barragem da Caniçada, Braga, Barcelos ou Esposende.

O río Cávado.


Barragem da Caniçada, río Cávado e Serra do Gerês ao fondo.
Fonte: viajar.clix.pt

Por iso, neste e nos vindeiros artigos de Nosquedaportugal convidámosvos a nos acompañar por unha fermosa viaxe percorrendo os vales e vilas veciñas deste río por descobrer.


Unha viaxe que principia en Chaves, cidade veciña á Serra do Larouco onde nace o Cávado. Unha vila que neste caso é bañada por outro río que como o Lima nace en Ourense pra transcorrer a maior parte do seu percorrido en Portugal, o Támega.

Ponte Romana de Trajano en Aquae Flaviae (Chaves).
Fonte propia.


Poboado xa dende a antigüidade, a fertilidade do val do Támega, as augas quentes dos seus manantiais termais e o feito de ser lugar obrigado de paso entre dúas das capitais dos tres conventos da Gallaecia -Braccara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga)- fixo deste asentamento romano un centro de grande importancia, que foi elevado á categoría de municipio no século I por Flavio Vespasiano có nome de Aquae Flaviae.

Nos anos do nacemento de Portugal, a vila xogaría un papel fundamental na defensa do novo reino independente. Alí Afonso III e o seu sucesor, o Rei Dinis, ordean levantar o castelo de Chaves, a torre de menagem e as murallas que ainda hoxe dominan as vistas da cidade.

Torre de menagem, Castelo de Chaves. Fonte propia.


Hoxendía, Chaves constitúe unha das dúas patas dun dos proxectos máis ambiciosos da Eurorrexión Galiza - Norte de Portugal: a Eurocidade Chaves - Verín. Un novo modelo de organización municipal dentro do marco da cooperación da Eurorrexión.

Outros puntos de interese turística a visitar son a Praça de Camões, coas igrexas da Misericórdia e Santa Maria Maior, o Forte de São Francisco ou a Igreja da Madalena, cruzando ó outro lado do río pola Ponte de Trajano.

Praça de Camões, coa Igreja de Santa Maria Maior ó fondo.
Fonte propia.


E de Chaves partimos cara o oeste, nun percorrido de apenas 40 quilómetros que nos levará a Montalegre, capital da Serra do Larouco onde nace o río Cávado.

Verémolo na vindeira etapa.

16/03/10

REFLEXIÓN SOBRE O DECRETO

Prometinme que en 2010 tentaría adicar os artigos de nosquedaportugal a, principalmente, seguir achegando en positivo Galiza a Portugal e demáis países da lusofonía, con especial atención a esa futura potencia económica que axudará á nosa língua a sair adiante nestes tempos escuros, Brasil.

Por iso, na miña análise sobre o decreto do carallo non me vou extender, non paga a pena. Apenas unha liña. Quen queira unha análise máis polo miúdo, pode consultar a declaración de Prolíngua ou os artigos de Manuel Bragado, Fermín Bouza, Antón Losada ou Antón Baamonde, entre outros.

Unha liña pra dicir que toca aturar cós tempos que corren, non queda outra. Eles governan e o decreto da infamia sairá adiante. Coa nosa máis contundente oposición, mais sairá adiante. Pero nada é pra sempre, e menos en democracia. O galeguismo ten por diante 3 anos pra presentarlle á sociedade unha alternativa críbel de governo, unha alternativa que ilusione á sociedade, unha alternativa que nos permita, ós que hoxe asistimos indignados ó atentado que contra a nosa cultura propia cometen esta panda de pijos acomplejados, volver crer no noso país.

Que partidos políticos, plataformas en defensa da língua, organizacións de todo tipo e todos os cidadáns dispostos a non deixar morrer este país traballen a reo pola nosa cultura en todos os campos e sectores da sociedade. En todos. Con creatividade, con ilusión, con intelixencia. Iso significa facer moito máis que unha concentración/manifestación/cacharrada/folgaxeral cada quince días. Pero cando toque facer unha manifestación, POR FAVOR, que sexa convocada conxuntamente por todas as plataformas e organizacións que aman a nosa língua, sen afán de protagonismo de ninguén, sen intereses políticos agochados e sen intención algunha por parte de ninguén de patrimonializar o que é de todos: o galego.

Quen queira entender, que entenda.

14/03/10

BLOGS DE REFERENCIA EN ECONOMÍA

Home, se hai un blog de referencia en economía a nivel internacional é o do Nobel de Economía máis blogueiro de todos os tempos, Paul Krugman, The Conscience of a Liberal; e non quero tampouco deixar pasar a oportunidade de mencionar unha páxina imprescindible, www.project-syndicate.org, onde colaboran con artigos de opinión en economía, política internacional ou crecemento sostible personalidades tan recoñecidas como os economistas Nouriel Roubini ou Joseph Stiglitz (Nobel de Economía o segundo), Kenneth Rogoff (ex-economista xefe do FMI), os ex-ministros de exteriores de Alemaña ou Israel Joschka Fischer e Shlomo Ben-Ami, e moitos outros (Bradford deLong, Jeffrey Sachs, Robert Skidelski...)


Pero non. Eu estaba a falar de dous blogs de referencia en economía de Galiza e de Portugal.




1.- A FURADA DO TRASNO

site: http://afuradadotrasno.blogspot.com/

Blog sobre economía de Galiza do que xa temos feito referencia nalgunha ocasión en Nosquedaportugal, e non está de máis adicarlle tamén este artigo. O máis suliñable é que cunha linguaxe básica e ben explicativa vai ofrecendo con regularidade información e artigos de opinión sobre a situación económica galega ó alcanzo tamén dos lectores con menores coñecementos en economía. Imprescindibles o seu seguimento da lea das caixas de aforros, e dos datos macroeconómicos de PIB i emprego en Galiza.

Só me queda dicir dúas cousas máis: pedirlle desde aqui que lle adique máis artigos a Portugal e a Eurorrexión que formamos cos minhotos; e segundo deixar unha pregunta non aire: quén carallo será o trasno? (supoño que non son o máis indicado pra facer esa pregunta, pero bueno...)



2.- THE PORTUGUESE ECONOMY

site: http://theportugueseeconomy.blogspot.com/

Blog sobre economía de Portugal. Unha eiva que temos moitas veces desde este lado do Miño os que queremos estar ó día do que acontece en Portugal é que non sabemos chegar a fontes de información que nos permitan seguir de continuo a realidade dos nosos veciños. Ben, pois en economía iso xa non ten por que nos pasar máis:


The Portuguese Economy. Fonte: theportugueseeconomy.blogspot.com


Hai apenas un mes ven de nacer o blog The Portuguese Economy, interesante iniciativa dun grupo de quince economistas e historiadores económicos portugueses de universidades do pais veciño, España, Reino Unido, USA e Canadá, coa intención precisamente de dar a coñecer ó exterior cal é a situación económica de Portugal, cales son as razóns que leva á economía portuguesa a ser a que xenera a menor renda per cápita do seu entorno, e que solucións se poden aportar.

O blog está escrito en inglés pra fomentar precisamente o intercambio de coñecemento a nivel internacional e a participación de calquer interesado de fóra de Portugal. Para moitos, o principal punto en contra deste blog é que non chegará a tanta xente por mor de estar en inglés e porque a súa linguaxe é bastante máis técnica que a da furada do trasno, por exemplo. Pero por outra banda, neste caso considero que é máis axeitado para os obxectivos que persiguen, e de atopar algo de especial valía para ser comentado en Nosquedaportugal non teñades dúbida que o faremos.

Polo de agora, o único que quero suliñar é que chama moito a atención o constante (e familiar no caso galego) 'victimismo' dos economistas portugueses á hora de botarlle as culpas de todos os problemas da economía lusa á súa situación periférica. Ben, iso pode ter a súa parte de razón, pero por unha banda non sei que pensarán en Tanzania ou Bolivia diso, i en segundo lugar, neste mundo da información instantánea e a crecente integración do comercio internacional, falar de periferia ten cada vez menos sentido: periferia respecto a qué? Ademáis... a Terra non foi sempre esférica? Logo non ten esquiñas nen nunca as tivo...

11/03/10

ENQUISA 'IDENTIDADE COMO PAÍS'

Pechada a enquisa que plantexamos hai uns días sobre a nosa identidade nacional, podemos sacar algunhas interesantes conclusións con, cando menos, a mesma credibilidade estatística que as enquisas de La Coz. I é que, segundo explicaba Calidonia nun dos seus recentes artigos, os recentes inquéritos do blog persoal de Santiago Rey foron feitos coas respostas de como moito 100 persoas por concello. No noso caso, coa participación de 52 lectores e tendo en conta que era posível a resposta múltiple (126 votos en total), podemos extraer conclusións con bastante máis criterio...


O principal activo para a nosa identidade está na aportación da familia, ou así o consideran os nosos lectores. Con esta resposta, fica patente a preocupación pola perda do galego na transmisión interxeracional. Só unha concienciación desta segunda xeración, a de fillos educados en castelán por pais galegofalantes, por invertir este proceso pode salvar á nosa língua de pasar a ser a minoritaria no país nos vindeiros anos. A escola (4º) e a familia (1º) serán fundamentais neste senso.

Pero non menos significativos me parecen os votos acadados polos medios de comunicación (20 votos, 2º lugar) e as empresas (19 votos, 3º lugar). No caso das empresas foi unha alegría saber que compartimos o convencimento de que a nosa cultura ten que demostrar que pode sobrevivir non só porque é a nosa, senón porque é útil. Sei que a moitos esto non lles gusta, pero canto antes nos deamos conta de en qué mundo vivimos, mellor. No caso dos medios de comunicación, sinceiramente, considero que está sobredimensionado o seu papel neste senso. Pero de ser así, a ampla presenza do galego e a nosa cultura en internet é un motivo de optimismo, como sinala o ciberirmandiño sHs.

Por último, os actores que quizáis teñen feito máis estes últimos 30 anos pola normalización da nosa língua e a nosa cultura, o mundo da cultura e institucións autonómicas, quedan nun nivel intermedio que eu interpreto como "sabemos o importantes que son, pero reciben máis votos aqueles que botamos máis en falta". Pode ser? Os mal resultado de 'partidos políticos' ante o descrédito que teñen non sorprende; o que sorprende é que en Franza quedaron terceiros nesa mesma enquisa (foron ordeadas pola importancia que lle outorgaron os franceses). Diferencias culturais, está claro.

Agradecervos a todos a vosa participación, e calquer cousa que queirades comentar sobre os resultados da enquisa, por suposto, son ben agradecidos.

08/03/10

FINOU JOHNNY ALF

Coido que é cando menos a segunda vez que teño que adiar o artigo que lle quero adicar a un dos temas imprescindibeis da bossa, 'desafinado', pero desta volta é por causa de forza maior.

A semana pasada era ben difícil non atopar un xornal, blog ou calquer medio carioca que non fixera referencia ó pasamento de Johnny Alf, músico e compositor brasileiro, considerado por moitos precursor da bossa nova.


Nacido en Rio en 1929, desde a adolescencia tomou interese polo jazz e a música do cinema americano, tomando influencias de músicos como Cole Porter. Foi desa mistura de tendencias e intereses musicais de onde, en 1953, xurdiría a composición 'Rapaz de Bem', incluido no album do 55 'Johnny Alf', e que está considerado o tema que abríu camiño ó estilo musical que máis fama ten aportado a Brasil.





Da mesma época é outro dos seus temas precursores, 'Ceu e mar', que eiqui podemos desfrutar na interpretación de dous grandes da música popular brasileira, Elis Regina e Tom Jobim:




Alfredo Jose da Silva, Johnny Alf, finou o xoves da semana pasada en São Paulo por mor dun cancro. Déixanos a súa música pra desfrute de todos.

-------------------------

Máis información:

- Wikipedia: http://pt.wikipedia.org/wiki/Johnny_Alf
- Discografía: http://www.sombras.com.br/johnnyalf
- Morre Johnny Alf: www.estadao.com.br/morre-johnny-alf

05/03/10

CENTRO DE ESTUDOS EURORREXIONAIS

Recibimos no e-mail do blog, caralladas76@gmail.com, hai dez días unha comunicación que publicamos en canto lle puidemos facer oco:

Amplio apoio institucional entre Galicia e o norte de Portugal para impulsar o Trofeo Interuniversitario de Remo. Asinase en Braga o convenio para celebrar a 1º Competición.

A 1º Competición de Remo Interuniversitaria no Río Miño terá lugar no concello de Tui o 22 de Maio e nela partciparan equipos de equipos de remo das universidades galegas de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e as do Norte de Portugal, Minho, Tras os Montes e Alto Douro e Porto.

Representantes das Institucións asinantes. Fonte: www.fceer.org

A competición realizarase en barcos canoa-dragóns e participan en cada embarcación 10 remeiros/as, un tamborileiro/a e un timonel. Estas embarcacións, típicas do Norte de Portugal, teñen unha gran espectacularidade ao ir surcando o río en función do tamborileiro que marca o camiño. O obxectivo deste encontro, no que participan tanto homes como mulleres nun so barco, é mostrar o deporte como un exemplo de superación, integración, respecto á persoa, tolerancia, perseverancia, traballo en equipo, superación dos límites, autodisciplina, responsabilidade, cooperación, honestidade e lealdade, valores que os asinantes do convenio comparten.

Este encontro celebrarase na cidade de Tui o 22 de maio e espera convertirse no evento deportivo por excelencia da Eurorrexión Galicia –Norte de Portugal, grazas ao interese mostrado por todas as partes involucradas nesta competición, para o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás, “ a competición de remo debe ser unha ponte máis na relación entre deporte e coñecemento, entre Galicia e o Norte de Portugal e en definitiva un espazo de colaboración, esforzo e sacrificio”.

Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza - Norte de Portugal.
Fonte: www.fceer.org


Aproveitamos pra dar a coñecer o Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza - Norte de Portugal, www.fceer.org, fundación integrada polas universidades de Porto, Minho, Tras os Montes, Vigo, Santiago e A Coruña, que desde hai anos leva traballando por "buscar sinerxias nos eidos académicos universitarios da Eurorrexión coa finalidade de reforzar as vinculacións entre as universidades de Galicia e o Norte de Portugal".

Na mesma liña, anunciabase en prensa esta semana o proxecto das universidades que integran a Fundación CEER de poñer en funcionamento un Erasmus Galiza - Norte de Portugal a partir de 2010. Parabéns por estas iniciativas e todas as que a fundación está a promover en favor da cohesión social, docente e científica da nosa eurorrexión.


(Agradecido a Francisco García, da Fundación CEER, pola súa comunicación)

02/03/10

A CAMPAÑA DO 2009

Lembrades quen lle fixo a campaña ó PP en 2009?




Tal día como hoxe hai un ano eles mesmos pegábanse entre si polo recoñecemento ós seus logros. País.