20/03/10

RIO CÁVADO: MONTALEGRE

(ven da primeira parte)

Dos dous camiños por Trás-os-Montes de Chaves a Montalegre, nós probablemente fomos escoller o peor. Ou eso pensou o noso automóvil, cando pouco antes de pasar por Soutelinho da Raia, na mesma fronteira ficticia entre Galiza e Portugal, pinchamos unha roda.



Ver mapa más grande


Era a primeira vez que pinchaba, asi que aínda botei un bó cacho tentando averiguar como se cambiaba pola roda de bicicleta que veñen agora de reposto nos coches. Asegúrovos que co Ferrari de Alonso tardan bastante menos...


O traxecto transcorre por unha paisaxe semi-desértica (tanto de vexetación como de aldeas arraianas) ó pé da Serra do Larouco, xusto á altura do Couto Mixto, aquela Andorra galega da que xa temos falado en Nosquedaportugal.

O Couto Mixto (en verde), apenas a 5 quilómetros de Montalegre.
Fonte: gl.wikipedia.org


O río Cávado nasce apenas a un par de quilómetros das aldeas -Rubiás, Santiago e, un pouco máis lonxe, Meaus- que compoñen o Couto Mixto, en plena Serra do Larouco. Non transcorrerá outro tanto antes de chegar a Montalegre, antiga vila de apenas dous mil habitantes, cuio carácter defensivo nos lindes da raia galego-portuguesa queda de manifesto polo seu castelo medieval.

Vista á entrada de Montalegre. O castelo medieval á dereita.
Fonte propia.


O castelo, iniciado polo Rei D. Dinis no século XIII, constituía xunto ós castelos da Piconha (Tourém) e de Portelo (Padornelos) o conjunto defensivo das Terras de Barroso. Representaba un ponto de alto valor defensivo, encadrado entre as Serras do Gerês ó oeste, do Larouco ó leste, e rodeado polo río Cávado ó norte.

Malia que nun excelente estado de conservación, o castelo non ten chegado a nós íntegramente por mor do tristemente famoso terremoto de 1755, que provocou a queda dunha das ameias. No século XX foi declarado Monumento Nacional e na actualidade integra conxunto co núcleo museológico anexo.

Castelo medieval de Montalegre. Fonte propia.

Ó leste e ó sur desenvolveuse a vila medieval cós privilexios concedidos polo Rei D. Dinís para o seu poboamento. Dende o castelo as vistas de Montalegre son ben fermosas, máis nun día nevado (e ben frío, carallo!) como aquel.

Vistas da vila de Montalegre dende o seu Castelo Medieval.
Fonte propia.

No camiño alternativo (e mellor comunicado) que leva de Chaves a Montalegre, a estrada atravesa o outro município do Barroso, a tamén vila turística de Boticas, ben coñecida polas Termas de Carvalhelhos. A visita a algún dos hoteis rurais do entorno apúntoa na lista de asignaturas pendentes...

Vila de Boticas, Portugal. Fonte: www.maplandia.com

Esta segunda rota alternativa trasncorre paralela á barragem do Alto Rabagão, encoro da conca do río Cávado, nun dos seus tributarios poucos quilómetros antes da súa confluencia.

Barragem do Alto Rabagão. Fonte propia.

Será a partir desa confluéncia cando o Cávado colla forzas para atravesar a difícil orografía da Serra do Gerês. Verémolo na seguinte etapa.

Sem comentários:

Enviar um comentário