24/02/10

QUÉ É 'SER GALEGO'?

Comenta intelixentemente Suso de Toro no seu blog que "a vida é así, non se pode con ela. Négase sempre e en calquera sitio a ser homoxénea", cando resume a identidade gala nunha nación que xurdíu a costa de destruir línguas e identidades pra construir un Estado homoxéneo, e que agora ve cómo lle entran novas línguas e identidades "pola xanela".

O conto ven en relación á campaña orquestada polo presidente Sarkozy, o 'Grand débat sur l'identité nationale' da Franza que podedes consultar na web www.debatidentitenationale.fr.

Atrevédesvos a facer o mesmo sobre nós? Qué consideras nos define como galegos? Non hai moito certa cadea de distribución orquestou unha intelixente campaña de promoción en torno a esta cuestión...

Galego?? ... Galego!! Fonte: www.zazzle.es


Estás especialmente orgulloso de ser galego? Ser galego está por riba ou por baixo de qué outras conviccións persoais túas? Defíneste mellor só como galego, galego-portugués, como galego i español, galego i europeo, cidadán do mundo...? Qué iconos definen mellor a Galiza (Rosalía, Castelao, a catedral de Santiago...)?

Anímovos a facer as vosas aportacións en comentarios, pero ademáis pra facer o artigo máis participativo, plantexamos a enquisa (de resposta múltiple!!) que estará dispoñible durante algúns días pra respostar a unha das preguntas que me pareceron máis interesantes do debate identitario francés: qué actores son claves á hora de poñer en valor a nosa identidade nacional?

6 comentários:

  1. Voume permitir facer un exercicio de flexión verbal:

    Quen pode facer máis, quen debe facer máis ou quen debería facer máis?

    Todas as opcións encaixan nalgunha destas preguntas. Parabéns pola proposta!

    ResponderEliminar
  2. bueno, parece que aínda que na enquisa participades bastantes, a opinar non vos atrevedes moito... así que vou dar exemplo:

    estou moi especialmente orgulloso de ser galego, e leveino sempre por diante alá onde fun e onde vivin. síntome galego, e portugués un pouquiño e cada día máis. pero sobre todo vexo a portugal (e brasil) como unha enorme oportunidade pro noso pais e a nosa cultura de agromar mil anos máis.

    e como iconos... home, está mal dicilo pero por ahi identifícanos ca chuvia en menos de nada, i eu estou ben orgulloso dela. a quen non lle ghuste que se molle, oss!! Na cultura os grandes, pero eu ó neno labrego Balbino sempre o levarei no meu corazón.

    ResponderEliminar
  3. Ben, eu tamén me apunto a opinar:
    Algo que nos caracteriza é o amor pola nosa terra. Todos sabemos o apego que a xente ten á terra. Cando estamos fóra botamos en falla o verdor dos nosos montes, as montañas e mesmo o mar, o cheiro a salitre...
    A lingua tamén nos caracteriza, que seríamos sen a nosa lingua? Está claro: seríamos outra cousa.
    Por tanto sentenzo: Somos terra e lingua
    Saúde!

    ResponderEliminar
  4. Aínda que a pregunta é sinxela a resposta non é tanto, porque o que caracteriza a un pobo dos demais é a unión de moitos factores que desde que nacemos (ou antes)forman parte de nós.
    Eu pódoche contar unha anécdota que vivín aló pola miña xuventude, aos 14 anos marchei para Valladolid interna, alí estiven ata os 21. Só viña nas vacacións de Nadal e no verán. Din que o que máis se bota de menos son os olores e a min pasábame, cando chegaba á aldea e ulía aquela aroma de mestura de esterco de vaca e terra, para min era estar na casa, ese olor forma parte de min, o que para uns pode ser desagradable para min é o fogar onde nacín e non hai lugar na terra que ula mellor.
    A lingua é a que mamei, na que penso, na que soño... a lingua son eu e aínda que fale outras, a miña, o mesmo que as miñas mans, o meu nariz ... É O GALEGO, podo cambiar de imaxe, facer a cirurxía pero por dentro seguirei a ser a que era.
    Non sei se souben explicarme
    Bicos

    ResponderEliminar
  5. Explicácheste xenial, Dilaida. Igual que o resumo de Nitinho, "somos terra e lingua", pareceume magnífico. Tomo nota!

    ResponderEliminar
  6. A risco de parecer heterodoxo direi o que significa para min:

    "Unha terra, un povo, unha fala". Estou de acordo só parcialmente.

    1) Penso que ser galego é unha circunstancia xeográfica. Somos de onde nacemos mais especialmente de onde medramos e nos formamos como persoas. Eu son galego porque medrei nesta terra. Pero a condición de galego é algo que tamén se pode escoller, con independencia dos precedentes familiares ou do lugar de nascimento. Por moi galegos que sexan os meus pais, se eu tivese medrado na Andalucía, non me podería considerar galego só por ter nacido na Galiza, moi posiblemente sería un andaluz feliz da súa circunstancia vital e de interactuar co seu medio próximo. Tendo nacido e medrado na Escocia, se eu chegase aquí, comprendese o noso hábitat e á nosa xente e desexase ser galego, podería selo con todo dereito.

    2) Cada país ten unha identidade, isto é así por moito que algúns rosmen que os territorios non teñen dereitos. A identidade do país evidénciase en que hai un grupo humano que adaptou unha terra ás súas necesidades e que tamén se soubo adaptar a ela, o pobo galego. Podemos observar que a paisaxe está intensamente relacionada co seu pobo, que ao longo dos séculos lle imprimiu formas determinadas. E tamén, por que non, podemos coñecer ese pobo pola maneira que ten de cuidar esa paisaxe). O pobo ten cultura e lingua propias, que son as formas de comunicación propias dun territorio chamado Galiza. Cando vivamos nela teremos que coñecelas. E estas non poden escollerse, veñen dadas, aínda que obviamente evolucionan cos anos. Portanto, a nivel individual, cada quen pode incluirse na cultura que queira igual que pode falar na lingua que lle pete, mais iso non é viable en sociedade. Un galego é o que vive en Galicia e traballa por ela. Afortunadamente, temos algún tipo de forma de goberno que nos representa nas dimensións anteriores e debe protexelas.

    3) Ao respeito da lingua, concordo tamén só en parte coa afirmación inicial. Un galego non é tal só por falar nesta lingua. Milleiros de persoas falan galego nas Asturias, no Bierzo, en varias zonas da provincia de Zamora e mesmo en Cáceres. Isto non os fai galegos, e ademais non é necesario que o sexan, pois poboan territorios diferentes, pertencen a outras administracións, nalgúns casos as súas paisaxes ou mesmo a historia non teñen case relación coas galegas, en definitiva, teñen identidade propia.

    Temos unha terra, unha cultura e unha lingua estreitamente ligadas, as tres produto dun proceso histórico. Mais o que realmente nos fai galegos non é o nacemento, a residencia, a historia nin a lingua. O que nos fai galegos é a consciencia de ditos elementos, a súa asunción e o desexo de facermos parte deles como membros do pobo galego.

    ResponderEliminar