22/02/10

ESCOLMA

Hoxe toca unha pequena escolma dalgunhas das cousas que se están a quedar fora do blog ás veces por falla de espazo, ás veces porque prefiro manter unha liña editorial centrada no coñecemento mútuo de Galiza e Portugal, e a maioría das veces... simplemente por falla de tempo. Son tantas as cousas das que quixera falar, tantas as ideas que se pasan pola cabeza, e tan pouco o tempo que teño de sentar a escribir, que hoxe vou só mencionar algunhas delas pra que non caian en saco roto.

Consello da Cultura Galega. Fonte: consellodacultura.org


- os meus parabéns ó Consello da Cultura Galega polo que me pareceu o mellor, máis sereno pero tamén máis contundente e mellor argumentado análise do borrador do decreto do ensino. Estaba convencido de que Ramón Villares, Henrique Monteagudo e os demáis non nos ían defraudar, pero foron moito máis alá. E foron ademáis a puntilla contra o movemento galegófobo, porque supón a clara oposición dun organismo oficial do noso autogoverno.

- parabéns tamén a Luis Tosar e ó filme 'Celda 211' da que xa falamos no seu momento neste blog. Pode que algúns me chamen oportunista agora, pero de certo que eu estaba tan convencido de que Tosar non ía pasar por alto a ocasión pra reivindicar a nosa língua, que incluso comentei horas antes á miña nai: "vai gañar Tosar, e xa verás como dí algo de Feijoo e do galego". En parte trabuqueime, porque o noso actor máis internacional e ó tempo un dos máis comprometidos coa nosa cultura (xa sabedes, 'ensimismados' que estamos) tivo a intelixencia de non facer reivindicación política expresa: simplemente demostrar que pra nós non hai nada máis natural que o galego. En qué língua adicarlle o premio ós seus pais senón na nosa língua?

Luis Tosar. Fonte: www.quedepeliculas.com

Bravo Luis. Con 38 anos que tes, cantas alegrías nos quedan aínda por diante que nos vas dar!!


- No blog da Editorial Galaxia coñecemos a recente publicación dun libro sobre Prisciliano, bispo galego do século IV executado pola Igrexa de Roma por herexía. O seu autor, Victorino Pérez Prieto, reivindica a figura do que considera "un símbolo necesario para a construcción da identidade galega". Se lembrades, temos falado recentemente en nosquedaportugal das figuras de Prisciliano e São Martinho de Dume no artigo 'De Correctione Rusticorum' e da súa importancia na conformación da identidade galega (ó norte e sur do Miño, séculos antes da aparición de Portugal).

- E por último, temos que volver falar neste blog de sendos artigos de Xosé Manuel Pereiro, "Sacando el seguro de la pistola" e Fermín Bouza, "La lengua que no cesa". Non me extendo, prefiro que os leades íntegramente. Simplemente esenciais para entender un tema que hai tempo me ten preocupado: o nulo espírito democrático que reina neste Estado da crispación, carente dun verdadeiro debate de ideas que á maioría (especialmente á prensa partidista) non lle interesa.


Houbo moitas máis cousas, pero velaí unha pequena escolma. Ó fin e ó cabo, son dos que pensa que en parte á nosa cultura veulle ben este atizar de conciencias en defensa da nosa língua e dos ataques que está a sofrer por "los de siempre".

Sem comentários:

Enviar um comentário