13/01/10

DE CORRECTIONE RUSTICORUM

Estas semanas de 'vacacións' adiqueinas a cavilar qué temas deberían centrar os artigos de nosquedaportugal e alemdominho durante o 2010. A decisión foi voltar á idea inicial: "Os blogs "Menos mal que nos queda Portugal" e "Alem do Minho" pretenden axudar ao coñecemento mutuo das realidades económicas, sociais e lingüisticas de ambos lados da 'raia', recoñecéndose ambas na súa historia e orixe lingüistica común, dentro do marco da Eurorrexión que forman".

En 2009 a confirmación do despegue internacional do Brasil, o ataque á língua galega por parte da actual Xunta de Galicia, algúns artigos de análise da actual crise económica, etc., ocuparon boa parte da temática dos blogs. Pero 2010 será un ano onde a historia en común de Galiza e o Norte de Portugal voltan estar de actualidade:


1.- En 2010 cúmplese o 1600 aniversario da fundación do Reino Suevo de Gallaecia. Como vimos no artigo de Anselmo López Carreira, Galiza foi o reino máis antigo de toda a Europa post-romana, nacendo no ano 410 co Imperio Romano aínda en pé, e tal Reino de Galiza tivo rango oficial ata 1833.

2.- O Ano Santo Xacobeo a celebrar en 2010 pon de relieve que o maior periodo de esplendor da cultura galega aconteceu durante a 'Era Compostelá', nun intre onde Galiza e o Norte de Portugal formaban un mesmo país, constituían a vangarda económica e social de Europa e onde a cultura galego-portuguesa brilou ó máis alto nivel na Europa medieval.


Por iso, este 2010 os blogs nosquedaportugal e alemdominho arrancan coa intención de centrar boa parte dos seus artigos na divulgación da historia en común de Galiza e o Norte de Portugal dende o reino suevo ata os governos absolutistas do XVI, así como todo tipo de artigos de actualidade sobre cultura e sociedade de Galiza e Norte de Portugal.


Estatua de São Martinho de Dume, Braga. Fonte propia.


Nesta liña, principiamos 2010 con dous artigos adicados á figura de São Martinho de Dume, extraído este primeiro en boa medida do libro 'Historia de Galicia' de Ramón Villares.

"No remate do século III iníciase unha etapa de crise que afectará de vez ao Imperio Romano e a súa definitiva quebra. Época de dificultades que, pola contra, prepara o terreo en Galicia para a conformación da sociedade medieval: difúndense as villae, reocúpanse algúns castros e fortifícanse cidades como Lugo, e comeza a se espallar o cristianismo que, case nos seus albores, se confunde có Priscilianismo. Colle corpo a idea de Gallaecia, pero tamén se acentúa a asunción da cultura latina, en especial en Braga, onde agromará un núcleo cultural, contectado coas principais correntes filosóficas e teolóxicas do Mediterráneo oriental e do Norte de África, do que son sinalados representantes a monxa Exeria, o bispo Hidacio e, nomeadamente, Paulo Orosio. Todos eles son a tona do que E. López Pereira ten chamado 'o primeiro espertar cultural de Galicia'.

Neste contexto no ano 410 nace o Reino Suevo de Gallaecia, como parte do foedus ou acordo entre os pobos invasores xermánicos e as autoridades romanas. A chegada do cristianismo á Iberia é máis cedo nas rexións mediterráneas, máis romanizadas, mentras en Galiza é un feito serodio. "Ningunha noticia, nin literaria nin arqueolóxica, permite falar de cristianización de Galicia denantes (...) de mediados do século III".

"Os suevos que chegaron a Galicia eran poucos -aproximadamente uns trinta mil- e a súa zona de ocupación e asentamento foi a rexión bracarense. O asentamento fíxose de forma pacífica e procurando a fusión coa sociedade galaico-romana. Braga foi a capital do futuro Reino Suevo".


Paulo Orósio, representado numa iluminura pertencente ao códice de Saint-Epure.
Fonte: pt.wikipedia.org/wiki/Paulo_Orósio


Durante esta cristianización no Reino Suevo, a figura máis importante da cultura galego-portuguesa foi Martinho de Braga, quen a través da súa obra catequética e reformadora, encarreixou "as prácticas relixiosas priscilianistas da poboación galaico-romana pola vía cristiá". A influencia da figura do dumiense chegou ata os nosos días, principalmente por dúas vías:

- A primeira, "a (re)cristianización de Galicia, mediante unha activa acción doutrinal e catequética consistente na loita contra as herexías, tradicións paganizantes e restos de priscilianismo", tivo na obra do bracarense "De correctione rusticorum" o seu principal referente:

Acender cirios xunto ás pedras, ás árbores, ás fontes e polas encrucilladas,
¿que outra cousa é senón culto ao diabo?
Feitizar herbas para encantamentos e invocar os nomes dos demos,
¿que outra cousa é senón culto ao diabo?

De Correctione Rusticorum, cap 16. São Martinho de Dume


- A segunda "refírese á organización eclesiástica da Gallaecia que supón non só unha mostra do asentamento institucional da Igrexa cristiá, senón tamén un poderoso instrumento político. A pegada histórica de Martinho de Braga foi decisiva para a estructuración da sociedade galaico-sueva, agrupada en torno a unha vida monástica vizosa e unha ordenación eclesial espallada por todo o territorio".


Non só iso, senón que a herdanza do santo bracarense máis presente hoxendía é ben coñecida por todos: a adopción dunha denominación ordinal dos nomes dos días da semana ("segunda feira", "sexta feira") "que segue en vigor en Portugal e da que aínda se atopan rastros na fala popular de Galicia".


Así que, có libro de Ramón Villares 'Historia de Galicia' na mán, este pasado Nadal baixamos á 'freguesía' de Dume, en Braga, có obxectivo de dar cos vestixios da Basílica Sueva de São Martinho.

Verémolo mañá.

1 comentário: