17/01/10

BASÍLICA SUEVA DE DUME E SÃO MARTINHO

(continuación do artigo do pasado mércores 'De Correctione Rusticorum' sobre São Martinho de Braga)

Có libro de Ramón Villares 'Historia de Galicia' na mán, este pasado Nadal baixamos á 'freguesía' de Dume, en Braga, có obxectivo de dar cos vestixios da Basílica Sueva de São Martinho.

Chegamos a Braga pola autoestrada IP1 Porto-Valença, e a pouco de atravesar o Río Cávado (o mesmo que transcorre paseniño e maxestuoso por Barcelos, sabedor de que pouco lle falta xa para morrer bicando Esposende) tomamos a saída norte de Braga.



Ver mapa más grande


A freguesía de Dume atópase ó norte da antiga capital do Reino de Gallaecia, a carón do Estadio Municipal de fútbol. Xusto á altura do estadio, uns carteis avisan que estamos chegando a Dume, onde poderemos admirar unhas ruinas históricas e un conxunto patrimonio arqueolóxico.

Será o último cartel que atoparedes indicando nada. Logo arréghlatelas miniño.



Ver São Martinho de Dume en un mapa más grande


O certo é que as ruinas da antiga Basílica e Mosteiro suevos non están moi lonxe de aqui, apenas a 500 metros do Estadio en pleno centro da freguesía de Dume. Pero sen cartel algún indicando, e ante o total descoñecimento dos paisanos (ruinas?; mais aqui não hai ruinas; isto é São Martinho, sim; eu não conheço, desculpe...) tornouse ben complicado.

Estatua de São Martinho de Dume, Braga. Fonte propia.


Porque dar coa estatua de São Martinho é ben sinxelo: está ó pé da estrada en pleno centro da vila. Pero descubrir que alí mesmo, na igrexa e camposanto que está diante da homenaxe ó santo, agóchanse as ruinas que andábamos a procurar, levounos como unha horiña...

Aparcamos xunto ó camposanto (que percorremos enteiriño á procura dalgunha pista...), ata que uns pequenos restos á dereita da porta da igrexa confirmounos que estabamos no bó camiño. Máis á dereita, un local máis moderno locía na súa entrada o cartel definitivo: Núcleo Museológico de São Martinho de Dume

Igreja de Dume, ruinas da Basílica e Mosteiro Suevos, e Núcleo Museológico
de São Martinho de Dume (á dereita na foto). Fonte propia.



Un sabado pola tarde (e máis se é o dia seguinte ó día de nadal) non soe ser o momento máis propicio pra atopar abertas as portas dun museo deste tipo. Mais desta volta tivemos sorte: a muller encargada de abrir o museo chegaba nese preciso instante.


E neste punto tivo lugar o momento máis divertido da viaxe: a encargada do museo non daba crédito!

Explicounos que eramos case os únicos visitantes en moito tempo dun museo que, a estas alturas, aínda que aberto xa ó publico está en construcción. O remate estaba previsto xa para hai anos, pero o certo é que (agora parece que xa por fin sí) non estará definitivamente concluido ata finais deste ano.

Tivo a amabilidade de nos mostrar as instalacións dun museo que, polo de agora, está case totalmente baleiro, así como sinalarnos o pasadizo soterráneo -aínda non transitable polos visitantes- que conduce ás ruinas da basílica sueva, que "localizam-se sob a actual igreja paroquial, no centro da freguesia, marcando a sacralidade do lugar desde há mais de 1500 anos", segundo indican no libro "A Basílica Sueva de Dume e o Túmulo dito de São Martinho" que alí mesmo se pode adquirir. Efectivamente, o museo aínda está en proceso de apertura, pero a tenda funciona sen problema!!

Iso sí, a peza máis importante e de maior valor histórico e artístico está xa no museo e pódese visitar:

'Túmulo Dito' de São Martinho, museo de Dume. Fonte propia.


"En 1103 regista-se a devolução de Dume á diocese de Braga, na qual se integra já não como bispado-mosteiro, mas sim como paróquia. É neste periodo, finais do século XI e inicios do XII, que se produz uma das mais notáveis peças de escultura funerária pré-românica do actual território português: o túmulo dito de São Martinho de Dume".

O sartego foi retirado da igrexa en 1919, e circulou por dependencias diversas ata que en 2006 principiou a construcción do museo actual, para albergar definitivamente o Túmulo. "Constituído por duas peças de calcário (pedra de Ançã): uma arca tumular con cavidade antropomórfica, com o lateral direito decorado em baixo-relevo; e uma tampa ligeiramente trapezoidal, com a face superior também decorada em baixo-relevo".


Iso sí, a empregada do museo non puido reprimir a súa dúbida, e preguntounos: "como é que voçés conhecíam o museio? Ninguem em Dume o conheçe!". Abofé que o puidemos comprobar, lle dixemos!!



(a finais deste ano agardamos a apertura completa do museo, momento no que poderemos visitar as ruinas da Basílica Sueva, o antigo Mosteiro, restos dunhas antiguas termas e necrópole da Alta Idade Media. Entón agardaremos podervos ofrecer novamente un artigo sobre o conxunto histórico que, en calquer caso, paga a pena igualmente visitar se vos achegades a Braga).

Sem comentários:

Enviar um comentário