26/02/10

CONVERSA CON ANTÓN LOSADA (1)

O vindeiro 1 de marzo cúmplese o cabodano da victoria electoral do Partido Popular. Hai xa un tempo que tiña pensado que un tema de tal calado sería moito máis interesante analizalo para Nosquedaportugal e Alemdominho coa colaboración dun experto en análise política.

Por iso hai xa case un par de meses contactamos con Antón Losada (Xove, 1966), profesor de Ciencia Política, colaborador habitual dos medios Cadena Ser e Galicia Hoxe, e articulista en A Nosa Terra, El Periódico de Catalunya, El Pais, TVE, TVG... a quen podedes visitar a diario no seu blog persoal http://antonlosada.blogspot.com/

Antón Losada. Fonte: www.galicia-hoxe.com


Antón ofrecéuse moi xentilmente pra mantermos unha conversa hoxe mesmo venres no seu despacho da Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela, e desde estas liñas lle quero mostar a miña gratitude pola oportunidade de coñecelo persoalmente e pola interesantísima entrevista que nos brindou.



Caralladas: Como che adiantara, Antón, o obxectivo principal da entrevista é analizar o que foi este primeiro ano de governo do Partido Popular. E comezando polo que aconteceu aquel 1 de marzo, esperabas a victoria do PP?

Antón Losada: Non. E á vista de como está governando Feijoo, el tampouco a esperaba.

C: Non entendo.

AL: Á vista de como está governando, é evidente que fixo unha campaña convencido de que a) non ía gañar, e b) non tería que atender todas as promesas que fixo en campaña. Eu creo que nin el o esperaba.

C: E que foi o primeiro que pensaches cando soubemos que gañara o Partido Popular?

AL: Non pensei así... nada especial. Non teño un recordo... aquela noite estaba comentando na SER, entonces o único que recordo é que como o de Galiza todo se decantou máis ou menos rápido, todo pasou a ser o que pasaba en Euskadi. Foi unha noite de certa tristeza porque a competencia coas eleccións vascas gañaron claramente as vascas en atención mediática. E pouco máis... estaba traballando, así que non tiña tempo pra pensar!! (risas)

C: Gañou o PP ou perdeu o bipartito?

AL: Sinceramente paréceme que é un debate que non leva a ningún lado. O PP tivo a enorme habilidade de manter os seus votos e non perder ningún. Tampouco sumou moitos máis, sumou 3.000 votos máis. I eu creo que o gran problema foi co bipartito. Non se deu conta de dúas cousas: a crise acababa de estoupar, e as crisis sempre devoran ao que governa, i estamos vendo moitos exemplos, Obama, Zapatero, Sarkozy, Merkel... é dicir, arrasa todo o que toca. I eles seguiron governando como se non houbera crise, dando esa imaxe de división e de estar máis ocupados polos seus problemas que polos problemas dos cidadánas. Máis unha profunda división interna tanto no Psoe como no BNG.

C: Interna dentro de cada partido ou entre eles?

AL: Non, interna, dentro de cada partido. É dicir, é un feito coñecido que o Psoe tiña un contencioso con Touriño, o entorno de Touriño, e que tivo grandes problemas de movilización durante a campaña. I é un feito coñecido que a metade do BNG levaba catro anos facendo campaña contra a outra mitade. O que non pode esperar ninguén é que despois de estar catro anos dicíndolle á túa militancia que o governo é unha basura, que de repente lle digas que vaia votar e a xente vaia votar. E deso que se chama tanto a desmovilización ou o desencanto do votante nacionalista, o principal responsable é o BNG, e concretamente a UPG.

C: Eso seguro.

AL: É que eu vivino!

C: E a última pregunta sobre aquel 1-M: pensas que coa derrota electoral remataron as carreiras políticas de Touriño e Quintana?

AL: Depende do que entendamos por carreira política. Se o que me dices é se rematou o seu periplo como candidatos á Presidencia eu penso que si. Agora, a min me parecería un despilfarro para un país coma este tirar ó lixo a esperiencia política de xente coma Touriño e Quintana. Psoe e BNG cometerían un grande erro prescindindo alegremente dun capital político que non teñen, con independencia dos moitos erros que cometeron os dous, pero hai corenta mil sitios onde poden prestar unha enorme utilidade tanto ó BNG como ó PSdG. Eu faría o posible pra que non rematara a dos dous, agora me temo que no es ese el sentimiento general ni en el Psoe ni en el BNG.


C: Pasando xa ó que foi este ano de governo do PP. O Partido Popular chegou afirmando que resolvería a crise en 45 días coa súa política de austeridade. Tí pensas que foi un governo austero?

AL: Austero? Eu penso que non. Invirteu moito esforzo en intentar convencernos que era un governo austero, pero me da a sensación que o gran éxito da austeridade de Feijoo foi lograr vender un Audi, no?

C: (risas) Si, tiña apuntada a seguinte pregunta "darán vendido algún día os Audis"?

AL: O gran éxito da campaña de austeridade de Feijoo foi dar colocado, non sabemos aínda moi ben a quen nin por qué, un Audi. Hai que recoñecerlle que fixo uns orzamentos moi ortodoxos coa filosofía do PP: contendo o gasto e apostando fundamentalmente polo cemento, que foi a única partida que aumentaron. E os resultados están á vista: se a súa política ía producir algunha diferencia en termos de creación de emprego, en termos de riqueza i en termos de PIB, é evidente que non o están conseguindo. Levamos un ano que destruímos emprego máis rápido que os demáis...

C: Si, xa vimos en Nosquedaportugal que é a primeira vez en anos que ocurre iso.

Evolución do Paro en Galiza vs Estado. Fonte: afuradadotrasno.blogspot.com.


AL: É que igual que España entrou en recesión máis tarde que en Europa, Galiza entrou en recesión máis tarde que o resto de España porque son ritmos económicos diferentes. É dicir, eu recoñézolle a Feijoo que fixo uns orzamentos equilibrados; agora, eu creo que non son os orzamentos que necesita neste momento Galiza. I en parte algo está correxindo, porque vin que o outro día -o que pasa é que é imposible saber o que é información do que é propaganda, porque eu non sei cantos plans contra a crise leva aprobados-, pero vin que o outro día aprobaba unha especie de Plan E, ou Plan G á galega, cuarenta e non sei cantos millóns de euros para que os concellos fagan obras: xusto o que lle están...

C: ...o que lle están criticando...

AL: ...a Zapatero! É dicir, por sintetizar: equilibrados si. Eu creo que se recortou sobre todo en partidas sociais, pero o que é o recorte de custo corriente é mínimo. I eu estou convencido que non son os presupostos que Galiza precisa neste momento, Galiza necesita endebidarse máis aínda, e os resultados son os que son. Si el ía producir algún factor diferencial no noso rendemento económico, é evidente que os orzamentos da Xunta a día de hoxe non o están producindo.

C: Entra dentro desa campaña as subvencións que está recibindo La Voz de Galicia: 4 millóns de euros en 5 meses?

AL: Eu creo que non hai que obsesionarse cos medios de comunicación, sinceramente. Eu que traballo moito neles, creo que teñen a influencia que lle conceden os políticos, e teñen a influencia que lle queiramos dar os demáis. Eu sei que hai unha teoría que intenta relacionar a derrota do bipartito có comportamento de certo medio de comunicación, i eu creo que sinceramente non. Evidentemente non axudou. Pero eu creo que a súa influencia nos resultados, nos estados de opinión hai que relativizala moito. E respecto ás subvencións que recibe La Voz de Galicia, bueno, estamos volvendo á política que sempre foi tradicional. É dicir, a min cando estaba no governo se me acusaba de que facíamos moita propaganda: se nos podía acusar que faciamos moita propaganda porque a xente sabía o que gastábamos en propaganda. Podía ter unha opinión. Eu nunca firmei un convenio cun medio de comunicación, todos foron contratos e asignacións publicitarias. Entón se podía saber o que gastabamos. Con este modelo evidentemente non.

C: E respecto aos conselleiros, fixen unha distinción:

'echeoquehai'. Fonte: ecodiario.eleconomista.es

por un lado non podemos falar que fixeran moitas 'fichaxes galácticas', por facer un símil futbolístico: Agustín Hernández Fernández de Rojas, Rosa Quintana, Javier Guerra, Samuel Juárez... algúns deles teño que buscalos en Google, porque eu a verdade que non...


AL: Bueno, pero eu eso creo que non é sólo un problema de Feijoo, é dicir, hoxe o sector público ten un problema grave, que é moi difícil atraer xente que teña un currículum potente cós incentivos que un pode recibir na administración pública. É dicir, o salario dun Secretario Xeral como era eu é pouco máis do que gaña un profesor titulado de universidade, que é o que tamén son eu. A oferta non é competitiva, non tanto pola cantidade de traballo, senón pola exposición pública á que te sometes. Entón é moi difícil convencer a alguén que ten unha carreira exitosa no ámbito privado, que se veña ó ámbito público con moitos menos incentivos materiais, pra entendernos, i encima asumindo que lle van caer bofetadas por todos lados, algunhas merecidas, pero outras que non saben nin por onde lles veñen.

C: I en cambio outros foron verdadeiros descubrimentos: Jesús Vázquez, Pilar Farjas, Roberto Varela... Non che vou preguntar se Roberto Varela ten que dimitir ou non ten que dimitir, como pediron os nosos 11 Premios Nacionales, pero si se prevés que pode haber cambios de governo.

AL: Home, se Feijoo é un pouco listo debería facelos. É dicir, ten un governo de un ano que transmite unha sensación xeral, moi extendida, de primeiro mediocridade, e segundo falla de pulso político. Entón a día de hoxe penso que hai un grupo de conselleiros que están bastante tocados: o Conselleiro de Educación, o Conselleiro de Cultura...

C: Pero tamén daría un pouco imaxe de que "como o fixeron mal, imos sacalos do medio", se o fan moi pronto, vaia.

AL: Non é tanto que o fixeran mal ou o fixeran ben, eu creo que simplemente... a un ano o que non pode é ter a xente a sensación que tes un governo cansado, acabado. I eu penso que esa é un pouco a sensación que temos todos. Incluso os que empezaron máis forte desapareceron por completo. Por exemplo, o Conselleiro de Economía, que empezou fortísimo, leva meses desaparecido. A min dame a sensación de que temos un governo que vai cumplir un ano, pero que parece que ten cen. Desde ese punto de vista, si eu fose o Presidente desde logo me plantearía cambialo. E despois temos un governo que abreu moitos máis frentes dos que foi capaz de pechar. E abreu moitas máis guerras e creou moitos máis problemas dos que foi capaz de resolver. Refírome pois as áreas de cultura, língua, o tema das caixas...

C: Si, eu chámolle "Demolition Man" a este home, porque o decreto eólico, as galescolas, a enquisa do galego, a lei dos 500 metros, os servizos sociais... é dicir, meteuse a desfacer máis que...

Feijoo 'Demolition Man'. Fonte: seioque.com

AL: Eu penso que Feijoo acreditou neste primeiro ano primeiro, que destrúe mellor que crea; segundo, que é moito mellor candidato que presidente, i eso explica en boa medida a excelente imaxe que ten fora de Galiza e os problemas que xenera aqui; e terceiro, que xestiona moito mellor do que governa. É dicir, pode pasar por un bó administrador, pero eu creo que á hora da verdade está acreditando unha inexperiencia á hora de governar que a min persoalmente me sorprende. E unha capacidade pra meterse en 'embolados', pra entendernos, que un, a distancia, xa ve que te vas meter nun embolao. É dicir, eu creo que calquera neno pequeno de calquera galescola, lle ensinan o borrador do galego antes de presentalo, e xa lle dice: "Presidente, se va usted a meter en un lío". Ou alguén tenta facer unha fusión das caixas, contra o criterio dunha das caixas, e contra o principal partido da oposición, e lle dirán "vas ter problemas". E o caso para min máis rechamante de todos, que é a guerra esa suicida que iniciou en Ourense contra Baltar sen nada. É dicir, vas á guerra contra un que leva controlando o partido os últimos 30 anos con man de ferro... sen nada? É un misterio, non sei si é un home inexperto ou é moito máis listo que todos nos xuntos, é a dúbida que me queda.

C: Preguntábaste recentemente nun artigo en El Pais, "El misterio Feijoo"...

AL: ... esto é.

C: ... quen é este político que "deslumbra ante los foros más selectos de Madrid para explicarle a Zapatero cómo salir de la crisis, a Rajoy cómo ganar unas elecciones", e que porén deambula como presidente en Santiago. Eu che quería preguntar: tí realmente cres que só deslumbra en Madrid? É dicir, o que quero preguntar é: qué impresión cres que ten agora mesmo un votante do Partido Popular.

AL: De aqui?

C: Si, de aqui.

AL: É que o votante está razonablemente contento. Primeiro porque volveron governar os seus. E segundo porque, home, digamos o que nós consideramos erros de Feijoo, pois pra xente do PP, ou pra moita xente con independencia de a quen vote, non sei ata que punto son erros. É dicir, eu non sei ata qué punto o tema das caixas ten un impacto na opinión dos votantes, máis alá de ámbitos locais moi restrinxidos. Eu creo que o tema do galego ten cabreada a unha parte importante dos seus votantes, ou polo menos non a ten contenta. E tamén ten unha parte dos seus votantes que están moi enfadados, pero pola razón contraria.

C: Xa.

AL: Pero eu sinceiramente a miña impresión é que os problemas que está a abordar Feijoo se encamiñan cara varios fracasos, pero aínda non tivo ningún. Entonces aínda é cedo pra dicir que iso teña algún impacto. É dicir, un se para a analizar un pouco o que está facendo, e un pode intuir que no futuro pode meterse dúas ou tres bofetadas boas, pero ata o día de hoxe aínda non se meteu ningunha. E logo hai que recoñecerlle outra cousa: leva o cargo de Presidente coma un guante. Digamos que consolidou moi rápidamente a súa imaxe como Presidente.

C: Home, eu dígoche unha cousa. A verdade é que é "o governo de Feijoo".

AL: Eso está claro.

C: É dicir, ó mellor no outro caso era un bipartito, había un governo de dous partidos... aquí é "o governo de Feijoo".

AL: Si, si, por iso che digo. Fixo un relevo rápido, ben, consolidou rápidamente a súa figura, leva a presidencia coma un guante, coma che dixen antes. E non rompeu nada. Un pode intuir que hai dúas ou tres cousas que están a punto de caer e romper, pero aínda non rompeu ningunha. Entón eu non creo que haxa unha valoración especialmente negativa, nin sequera creo que haxa unha valoración especialmente negativa en moitos votantes do outro lado, quitando o tema do galego, que pode provocar. Pero en xeral coido que é cedo pra que haxa desafección, i despois el coida moito esto.



Continúa o domingo, cando trataremos en profundidade os puntos fortes do primeiro ano de governo -o decreto do galego e as caixas de aforro-, xunto con outros temas de análise política como a situación no governo do Estado, perspectivas para as vindeiras eleccións municipais, e Portugal, claro, sempre algo nas nosas conversas no tocante á relación Galiza - Portugal.

Verémolo na segunda parte da nosa conversa con Antón Losada.

3 comentários:

  1. Está claro que non gañou o PP, perdeu o bipartito por desatender as demandas dos seus votantes e prestar máis atención a dos que non lles ían votar -crendo que si o farían e a moreas-. Non concordo con que sexa un debate esteril, a non ser que se queiran eludir responsabilidades, claro. Niso, no nacionalismo, estamos afeitos,... por iso os irresponsables se perpetúan nos seus postos.

    Unha aperta!

    ResponderEliminar
  2. Pois eu non considero que Núñez Feijoo leve ben o cargo de Presidente da Xunta cando é o primeiro en desacreditar dito cargo. Ten acudido a 'saraos' lamentábeis co cargo de Presidente, cando sería mesmo discutíbel que o fixese a título persoal mentres o ocupa.

    ResponderEliminar
  3. Aínda que me sorprendo estou de acordo con Losada: como votante galeguista, é moi desmotivante ver que unha parte do "partido", ou da fronte, o que sexa, da agrupación que representa e/ou pode defender as túas conviccións, está a facer xogo suxo contra a outra. Véxase o que fixeron por detrás á Anxela Bugallo os da UPG durante catro anos. Esas cousas pódense facer de portas para adentro, que é o que pasa en todos os partidos, mais non á vista de todos. Así foi a imaxe da consellería e por extensión de todo o executivo, foi vergoñento.

    Outro asunto que me parece vital é o dos líderes. Tanto o Touriño como o Quintana están preparados para máis traxectoria. Está claro que non se pode derrubar dun día para outro un líder que levou anos fabricar, son moitos esforzos botados ao lixo. Anxo Quintana era antes e durante a experiencia na Xunta un líder coñecido por máis do 50% dos galegos. É certo que creou antipatías, pero estaba na mente de todos, iso é un logro tendo en conta que nos dous anos previos a sombra do altísimo Beiras lle tapaba o tupé. E quen coñece agora o Pachi ou o Guillerme Vázquez, canta xente? Está claro que como moito son líderes de transición, lamento que o tempo investido neles (infructuosamente) siga aumentando.

    ResponderEliminar