04/02/10

PORTO, ALMINHAS DA PONTE

Ter un xeito de cruzar a pé o río Douro foi sempre unha preocupación dos habitantes da cidade do Porto. Ó longo dos séculos construíronse varias 'pontes das barcas', construídas aliñando varias barcas unidas entre sí, pero sempre con carácter temporal.

A primeiros do século XIX, no ano 1806, construíuse a coñecida Ponte das Barcas con vocación de permanencia. Era pois unha ponte no río Douro que unía Porto con Gaia, que recibía o seu nome por estar feito por vinte barcas unidas entre sí por cabos de aceiro. Mais a Ponte das Barcas tería un final tráxico apenas 3 anos máis tarde.

Alminhas da ponte (1897). Baixo-relevo de Teixeira Lopes, Porto
Fonte: www.snpcultura.org


En outubro de 1807 as tropas de Napoleón apoiadas polas tropas españolas invaden Portugal, fuxindo a familia real portuguesa a Brasil. En 1808 as tropas españolas retíranse a España tras a invasión francesa do seu país. Nese momento principia a revolta popular do Porto (7 de xuño de 1808), que se extende a todo Portugal e que recibirá apoio dunha expedición británica capitaneada polo Duque de Wellington, que conseguirá botar por terra os plans de Napoleón de ocupar Portugal e dividilo en 3 reinos. Franza intentará ocupar novamente Portugal en dúas invasións posteriores: a capitaneada polo Mariscal Soult (1809), e ó ano seguinte a dirixida por Massena. Ambas serán derrotadas pola alianza luso-británica.

Mais foi durante a invasión comandada por Soult cando se produxo a catástrofe da Ponte das Barcas: máis de catro mil persoas morreron o 29 de marzo de 1809 cando a ponte que atravesaban para fuxir da carga das tropas francesas cedeu ó seu paso.

Baixo-releve de Teixeira Lopes no Muro da Ribeira, en Porto. Fonte propia.

Hoxe o baixo releve 'Alminhas da Ponte', na Ribeira do Porto -unha das zonas máis turísticas da cidade xunto ó río- garda memoria daquela traxedia.

Sem comentários:

Enviar um comentário