09/09/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (4ª PARTE)

No ano 1296 reinstáurase o Reino de Galiza, só 66 anos despois de ser anexionada ó Reino de Castela por Fernando III. Para entender os feitos que deron lugar á recuperación oficial do reino galego, tres son os "actores" a ter en conta:

1.- Castela: inmersa nunha guerra de sucesión, acontecida nos últimos anos de vida de Afonso X O Sabio, e á morte deste. Deixáramos a situación da Coroa de Castela pendente neste punto ó final do capítulo II.

2.- Portugal: governa o Rei Dinís, de quen falabamos no capítulo III. A expansión do reino portugués cara o sur chega ó seu fin ó conquistar o Algarve. Será entón cando Dinís centre os seus esforzos en consolidar a identidade portuguesa... i en tentar de expandir o seu reino na única dirección factíbel: o antigo Reino de Galiza-León, que abarca neses anos os territorios da Extremadura e Sevilla.

3.- Galiza. Integrada na Coroa de Castela, máis non só conserva o título de Reino de Galiza, senón tamén aínda boa parte do seu poder, prestixio e institucións propias. A representación do Reino de Galiza na Coroa de Castela corre a cargo do Adiantado Maior do Reino, figura implantada por Afonso X, que habitualmente é elexido polo rei castelán entre a alta nobreza galega e que era a máxima autoridade xudicial e governativa do Reino de Galiza. Un feito enormemente salientable pon en evidencia a predisposición de Galiza e dos seus nobres de recuperar a condición de reino independente: 3 foron os Adiantados Maiores galegos entre finais do XIII e principios do XIV -Xoan Afonso de Albuquerque (de 1287 a 1292), Paio Gómez Chariño (entre 1292 e 1295, no que é asasiñado) e Fernando Rodríguez de Castro-, e os 3, có apoio do Rei Dinís de Portugal, loitaron pola reinstauración do Reino de Galiza na persoa do Infante Don Xoán.

Estátua Rei Dinís e Raínha Santa Isabel. Fonte: http://img.geocaching.com


--------------------
Pra quen desexe ampliar información, as fontes bibliográficas empregadas principalmente (ademáis da sacrosanta wikipedia) foron as seguintes:
- "Grandeza e decadencia do Reino de Galicia", de Emilio González López, do cal tedes unha vista previa en googlebooks.
- "O Reino Medieval de Galicia", de Anselmo López Carreira.
- "História de Portugal em datas", coordinador António Simões Rodrigues.

Sirva tamén como acreditación por se entre tantos apuntes persoais misturados con "cortaepega" desas fontes, se me escapa algunha liña sen parafrasear.
--------------------

O proceso que deu lugar á reimplantación do Reino de Galiza, e que veremos ó longo deste e dos vindeiros dous capítulos de La Coruña de toda la vida, foi como segue.

En Castela, no 1282, morre sen chegar a reinar o herdeiro ó trono Infante D. Fernando, fillo de Afonso X. Entre 1282 e 1284, o infante Sancho, irmán de Fernando, reclama ó Rei Sabio que lle declare a él como herdeiro. Afonso X deixa pola contra escrito en testamento que o reino debe pasar ó seu neto primoxénito, fillo do falecido Fernando. Non só iso, senón que "parece ser que cando xa aguniaba en Sevilla, recoñeceu ó seu fillo Xoán como Rei de Sevilla e Badaxoz", territorios asociados ó Reino de Galiza e León na súa expansión cara o sur.

O Infante Sancho, quen non contaba coa simpatía do Rei Sabio por ser analfabeto, sublévase contra o seu pai, có apoio das Hermandades castellanas e as Órdenes militares de Santiago, Calatrava e San Juan. En 1284 falece Afonso X, e o infante proclámase Rei Sancho IV en Toledo nese mesmo ano, co apoio da maioría do pobo e nobres casteláns, entendendo que apoiar o lexítimo -e menor de idade- fillo do falecido Fernando suporía un motivo de debilidade para a Coroa.

Sancho IV de Castela. Fonte: www.galeon.com


Narra Emilio González que entón "o Infante D.Xoán fixo valer os seus dereitos sobre Sevilla e Badaxoz... coa axuda do Rei D.Denís". O Infante Xoán non só basea a súa reclamación no testamento do seu pai Afonso X, senón que "o historiador portugués Fortunato de Almeida da como razón do alzamento... 'que trataba de facer valer o testamento do seu bisabó o Rei de Galiza Afonso IX, que non quería que estes dous reinos (Galiza e León) se uniran xamáis a Castela".

---------------------
Un breve inciso: lembremos que Afonso IX fora o último rei galego, a quen se lle foran anulados dous matrimonios por consanguineidade, e a quen non se lle respetou o seu testamento de manter Galiza-León separadas de Castela. 54 anos despois da súa morte, herdaría a Coroa de Castela Sancho IV, de xeito tamén ilexítimo, e quen por certo... casara tamén coa súa curmá, Maria de Molina. Feito que non só foi aceptado na súa época, senón que hoxe para o nacionalismo español Maria de Molina é un "icono de la España Eterna". A Historia -e a historiografía nacionalista española- eche o que ten.
---------------------

Don Xoán contaba co apoio do aliado do Rei de Portugal, o futuro Adiantado Maior de Galiza D.Xoán Afonso de Albuquerque- e co propio Rei Denís, quen envía reforzos ó Infante Xoán en Badaxoz. Máis "o rei castelán Sancho marcha contra Badaxoz e gaña". A batalla ten lugar nas terras da Extremadura, pero a rebelión non só se extendera a Galiza, senón que "quizais a nosa terra fora o principal centro dela, xa que segundo a 'Crónica del Rey Don Sancho', 'có pretexto de facer unha peregrinaxe a Compostela percorreu tódalas terras galegas, poñendo orde na xustiza que, ao parecer, non andaba ben nelas' ".

Castelo de Luna, Alburquerque. Fonte: www.panoramio.com


Dous feitos interrompen a loita pola independencia do Reino de Galiza. O primeiro foi esa derrota do Infante Xoán en Badaxoz fronte a Sancho. A segunda, a guerra que lle declara a Sancho IV o infante portugués D. Afonso (irmán de Dinís), có apoio do magnate castelán Álvaro Nunes de Lara. Lembremos que a lexitimidade do Rei Sancho era cuestionada por diversas faccións, máis neste caso o Rei Dinís apoiará ó rei castelán, desconfiando das intencións do seu irmán Afonso -con quen xa estivera en guerra entre 1281 e 1282, por tentar "a criaçao de um potentado feudal hereditário junto á fronteira, no importante senhorío atribuído ao Infante por doação de seu pai Afonso III en 1270, das vilas de Portalegre, Marvão, Arronches e Vide".

Así pois, o Rei Denís de Portugal apoia agora a Sancho IV, desconfiando da intervención do seu irmán nos asuntos de Castela. O infante D. Xoán apoia a Denís e, polo tanto, ó seu irmán. Deste xeito, queda patente quen estaba detrás da operativa por devolverlle a Galiza o seu rango de reino: o Rei de Portugal. "O triunfo en Astorga e Arroches da entente Denis-Xoán-Sancho fronte a Afonso-Núñez de Lara establece as bases da paz momentánea entre Castela, Galiza e Portugal", sendo declarado o fiel aliado do Rei Denis, Xoán Afonso de Albuquerque, Adiantado Maior de Galiza.


A solución acordada ten cando menos dúas implicacións:
- convirte, de facto, a Galiza nun protectorado portugués: o representante da Coroa de Castela no Reino de Galiza é o man dereita do Rei de Portugal.
- comeza a facerse evidente o diferente grao de aspiracións soberanistas de Galiza fronte á posición tomada polos restantes territorios do Reino de León-Extremadura-Sevilla. Có tempo, estes territorios quedarán absorvidos definitivamente pola Coroa de Castela, mentras Galiza dende agora en máis de dous séculos tentará recuperar o seu carácter de Reino independente.


Continúa no capítulo V.

2 comentários:

  1. Ollo, o reino non se reinstaura (pois como tal seguía sendo), o que se reinstaura é a súa independencia!

    ResponderEliminar