07/09/09

REFORMA FISCAL E SICAVs

A nova que salientamos da semana pasada é a intención do Governo Central de levar a cabo unha reforma fiscal que equilibre un pouco as contas do Estado, moi perxudicadas tanto pola caída de ingresos motivada pola crise económica, como polo esforzo inversor do Estado para compensar a caída da demanda.

Antes de nada, queremos facer un paralelismo entre a idea de "política de austeridade" do señor Feijóo (falamos de idea, porque a despilfarros inútiles -enquisiñas, derogacións eólicas, galiñas azuis, concesionarios de audi, compras de favores a La Coz, subvencións ó Opus Dei, etc.- a este governo non hai quen lle gañe) e a amarga queixa que facía o Nobel de Economía 2008, Paul Krugman, no seu artigo de marzo "Pode América salvarse?".

Queixábase Krugman sobre a mesma política de austeridade que propoñía un político conservador americano. "Preocúpame que a idea que ten este home de economía sexa de tolos. Fala da crise como se fose motivada por unha mala colleita, de xeito que canto máis consumo eu, peor é pra ti. En realidade, estamos nun mundo desesperantemente curto de demanda. Se tí consumes máis, iso é BÓ para min, porque axudas a crear traballo i elevar ingresos".

Por iso, o que está a facer o Governo Central, tras os primeiros titubeos da era Solbes, é o axeitado -incrementar o gasto público, a poder ser en inversións productivas e que palíen o alarmante nivel de desemprego-, mentras que o señor Feijóo e o seu governo populista andan completamente equivocados sobre o que hai que facer pra sair da crise, e non porque o diga eu, senón porque o din os Nobel Krugman, Stiglitz, etc. Pero tanto lles ten, porque se tardamos en sair, "la culpa es de Zapatero".


Pero agora, pra compensar o déficit das contas públicas motivados polo incremento do gasto público, compre ineludiblemente elevar impostos. I é neste punto onde ficamos totalmente abraiados. Segundo esta nova de El Pais da semana pasada, nin os socialistas teñen intención de facer tributar ás SICAVs.

Qué é iso das SICAVs e por qué poñemos o grito no ceo?

As Sociedades de Inversión de Capital Variable son vehículos de inversión para xente con patrimonio superior ós 2,4 millóns de euros (400 millóns das antigas pesetas, seguro que tí, lector, contas con ese saldo en calderilla na túa conta corrente), que tributan únicamente ó 1% no Imposto de Sociedades, fronte ó 18% que pagamos o resto de mortais.

Os defensores das SICAVs argumentan que non hai evasión fiscal por parte das grandes fortunas cando, no momento de producirse un reembolso, hai que tributar polo 18% das plusvalías, como "todo fillo de veciño". Pero na práctica, cando na SICAV se poden incluir case tódalas formas de inversión (depósitos, accións, contas correntes, etc. e non tardarán en chegar as Sociedades Inmobiliarias), os reembolsos se reducen ó mínimo imprescindible, e o adiamento do impacto fiscal pode ser postergado impúnemente de xeneracións en xeneracións. Ademáis, no tocante ó que manteñan como patrimonio persoal, tras a recente extinción do Imposto do Patrimonio, e a práctica exención do Imposto de Sucesións na maioría das CCAA, hoxendía a evasión fiscal das grandes fortunas é perfectamente legal en España a través das SICAVs.

Os ingresos do Estado corren a día de hoxe a cargo de asalariados con taxas de ata o 43%, e aforradores "de medio pelo" tributando ó 18%, mentras que rentistas e especuladores bursátiles, con patrimonios superiores ós 2,4 millóns de euros, son os máis beneficiados ata o punto de estar prácticamente exentos de impostos. E seica o Governo de Zapatero non ten intención de meterlle man a iso?? Se isto non o remedia un governo socialista... qué non fará a dereita cando volva á Moncloa?

Sem comentários:

Enviar um comentário