--------------------
O Rei Don Denís e o Infante Don Xoán, por unha banda, e o Rei Afonso IV de Aragón e os Infantes de la Cerda, por outra, concertan unhas capitulacións repartindose varios reinos dos que integran a Coroa de Castela. "Entraban naquel acordo os reis de Franza, Portugal, Aragón e Granada. O primeiro acto dos coaligados foi coroar ao infante Don Xoán, Rei de Galiza, León e Sevilla".
Corría o ano 1296. Tras 66 anos, reinstaurábase o Reino de Galiza.
---------------------
No acordo entre os 4 reinos tamén se recoñecerá pouco tempo despois, en Sahagún, como Rei de Castela a Afonso de la Cerda (o neto de Afonso X o Sabio que éste recoñecera como lexítimo no seu testamento). Máis aqui queda de manifesto o respaldo que ten a entente nuns reinos e noutros: mentras en Castela algunhas vilas continúan fieis a Fernando IV, o que motiva que as tropas aragonesas emprendan o camiño de volta, o novo Rei de Galiza conta co apoio non só dos principais nobres galegos, senón tamén do novo Adiantado Maior de Galiza, Fernán Rodríguez de Castro, quen fora nomeado no seu cargo... polos rexentes do rei castelán!!
A actitude do novo Adiantado Maior galego, Rodríguez de Castro, herdeiro da casa de Traba e señor de Lemos, non debe ser pasada por alto. É enormemente sintomática do apoio que os nobres galegos lle daban á opción soberanista fronte a Castela. Todos os Adiantados Maiores de Galiza, cargo ostentado polo máximo representante da clase alta nobiliaria galega, durante os 20 anos que durou o conflicto, apoiaron militarmente a Don Xoán. E os tres foran nomeados pola Coroa de Castela... "O primeiro, Xoán Afonso de Albuquerque, foi preso i estivo a piques de ser decapitado; ó segundo, Paio Gómez Chariño, o seu apoio á causa soberanista costoulle a vida. Pero aínda o terceiro no cargo, Fernán Rodríguez de Castro, malia tódolos antecedentes, dispúñase a manter o apoio a Don Xoán como Rei de Galiza".
Có apoio de Rodríguez de Castro á causa soberanista iníciase "a activa belixerancia desa familia -a familia de Castro- a favor da aproximación a Portugal durante todas as etapas de conflitividade so século XIV, con tal fidelidade que o definitivo fracaso do obxectivo traerá consigo a ruina da liñaxe e, en xeral, da alta nobleza galega. No proxecto político atlantista (ou anti-castelán) decidíase, en efecto, a sorte dese sector social". Tempo teremos de falar do que lle aconteceu a Galiza e Portugal durante a segunda metade do século XIV, nos tempos da liñaxe de Castro, en vindeiros capítulos de La Coruña de toda la vida.
Os rexentes de Fernando IV conseguen recuperar o control político de Castela, máis non o do reinstaurado Reino de Galiza. En 1297 asínase o Tratado de Alcanises, "pelo que se estabelecem as fronteiras do reino de Portugal e de Castela. Este tratado fixou até hoje, com pequenas alterações, as fronteiras entre Portugal e Castela". En 1298, o Rei Dinís funda "o primeiro condado português (o Condado de Barcelos), em favor de João Afonso de Albuquerque", e invade o territorio castelán, sen consecuencias bélicas.
"Redefinición de la frontera luso - española después del Tratado de Alcañices"
Fonte: www.dip-badajoz.es
Fonte: www.dip-badajoz.es
Entre os anos 1296 e 1301 mantívose a independencia do Reino de Galiza, sempre en medio dunha continua inestabilidade política e militar entre os reinos de Galiza e Portugal por unha banda, e o de Castela pola outra. Don Xoán buscou, de feito, que o Rei Dinís lle fixese de valedor ante a Coroa de Castela pra que aceptasen o reparto: Castela lle recoñecía oficialmente como Rei de Galicia, e a entente recoñecía a Fernando IV como Rei de Castela. A Raíña viuva Maria de Molina, en cambio, negábase "a que se le diese (ao Infante Don Xoán) todo el Reino de Galicia, de que se llamaba Rei". A inestabilidade política tamén era patente a nivel dos estamentos da sociedade medieval: fronte á implicación da alta nobleza galega que quedaba patente no apoio de Fernán Rodríguez de Castro, os rexentes de Fernando IV contaban co apoio da alta aristocracia castelá e do alto clero galego.
En 1301, "forzado por un cúmulo de circunstancias adversas, o Rei Don Xoán avense entón á reconciliación con Fernando IV, e renuncia ó título rexio, confirmándose a reunificación dos reinos. No futuro, a historiografía española (a mesma que idealiza a María de Molina por ter satisfeito as perspectivas unitaristas preconizadas pola historiografía española contemporánea) descartouno da nómina oficial de reis, tachándoo de ilexítimo. A realidade histórica non varía por iso". En 1302 Fernando IV acada a maioría de idade e, recentemente recoñecido por Don Xoán como lexítimo herdeiro, reunifica a Coroa de Castela baixo o seu -breve- reinado.
María de Molina, a rexente Raíña viúva. Fonte: www.cigales.es
A breve reinstauración do Reino de Galiza abrangueu pouco máis de 5 anos. Tampouco nos queixemos, durou máis que o bipartito...
Pero, por riba de todo, a principal diferencia entre esta reinstauración do Reino de Galiza có apoio de Portugal, e a que habería de vir a mediados do século XIV, estivo precisamente na súa solución de continuidade: quedou patente a opción soberanista galega; quedou patente a opción atlantista, pro-portuguesa, anti-castelá, da alta nobreza galega. A situación de grave descomposición do Reino de Castela durante a primeira metade do século XIV (María de Molina aínda tería que facer fronte a unha segunda etapa de rexencia, entre 1312 -cando morre Fernando IV, con só 28 anos- ata a súa morte en 1321, quedando a Coroa de Castela rexida por Afonso XI, de 10 anos de idade) desembocará en anos de guerra civil, primeiro entre 1312 e 1325, ano no que, con 14 anos, Afonso XI asume formalmente o trono, e posteriormente entre os fillos de Afonso XI, Pedro I e o bastardo Henrique de Trastámara.
Fernando IV El Emplazado e o século XIII:
Deste xeito, durante a primeira metade do século XIV Castela descompónse, mentras Galiza, que conta dende 1307 có irmán de Fernando IV, o Infante Felipe, como Adiantado Maior do Reino, vai gañando autonomía. Por unha banda, o Infante Felipe aproveita a minoría de idade de Afonso XI pra ir ampliando enormemente o grao de autonomía institucional; por outra, o poder do municipalismo galego -movemento característico na Europa dos séculos XIV e XV fronte ó histórico poder medieval da Igrexa e dos señoríos feudais- vai gañando peso fronte ó poder do clero; e por último, a alta nobleza galaica, capitaneada pola liñaxe de Castro, continúa a profundizar nos lazos que unan a Galiza con Portugal, e que se resolverán nun dós acontecementos -na miña opinión- máis apaixoantes da historia de Galiza: a reunificación de Galiza e Portugal, durante a segunda metade do século XIV.
Verémolo en vindeiro capítulos de "La Coruña de toda la vida", que non sei cando serán publicados porque despois do que escribin este último mes xa me quedou a cabeza quente...
Sem comentários:
Enviar um comentário