25/09/09

CASTELAO EN GUIMARÃES (1)

"Aqui nasceu Portugal". Muralha da vila de Guimarães. Fonte propia.


Guimarães, Patrimonio da Humanidade dende 2001, Capital Europea da Cultura no ano 2012, visita turística obrigada en Portugal e, alén diso, orixe da propia nación portuguesa. Así o atestigua o icónico texto na muralla da vila a pé do Largo do Toural, "Aqui nasceu Portugal".

De feito, a cidade de "Vimaranis" asóciase á fundación da identidade portuguesa porque alí, en 1128, ten lugar a Batalha de São Mamede, entre Dom Afonso Henriques e as tropas da súa nai, D. Teresa, e do conde galego Fernán Pérez de Trava, "que se tentava apoderar do governo do Condado Portucalense". A orixe da nación portuguesa aínda haberá de agardar algún tempo, principalmente a partir do Rei Dinís. De todos xeitos, Guimarães coñécese desde entón en Portugal como "O Berço da Nação Portuguesa" ou "Cidade Berço", como explican na wikipedia "devido ao facto aí ter sido estabelecido o centro administrativo do Condado Portucalense por D. Henrique e pela importância histórica que a Batalha de São Mamede, travada na periferia da cidade, teve para a formação da nacionalidade".

Estatua de Dom Afonso Henriques en Guimarães. Fonte: www.panoramio.com


Guimarães ten, así, un sabor agridoce para os galegos: significou o primeiro distanciamento histórico entre Galiza e Portugal, que ata entón formaran a mesma identidade, e os avatares da Historia entre os séculos XII e XV farían que a nosa lingua e cultura prosperaran nunha Portugal independente, mentras Galiza entraba nos Séculos Escuros sometida finalmente a Castela.

Máis Guimarães non esquece a Galiza, e resérvalle ós galegos que alí se acheguen unha "homenagem" á nosa cultura en común que é un inmenso motivo de ledicia, e a ela lle adicamos este artigo. Haberémolo de ver nun intre.

Castelo de Guimarães. Fonte propia.

Paço dos Duques de Bragança, Guimarães. Fonte propia.


Na parte alta do Centro Histórico de Guimarães podemos visitar os monumentos máis importantes da vila: o Paço dos Duques de Bragança e o Castelo de Guimarães. O primeiro, edificado no século XV polo primeiro Duque de Bragança ó estilo borgoñés, quedou abandonado pouco tempo despois, ata que en 1933 foi recuperado -de xeito polémico- polo ditador Salazar, que o converteu na súa residencia oficial.

"O Castelo de Guimarães na história".
Fotografías expostas no Paço dos Duques de Bragança. Fonte Propia.



O segundo, o Castelo de Guimaraes, agocha (é un falar, porque o certo é que está ben á vista na súa fachada principal) o tesouro do que falamos. O Castelo, unha das sete maravillas de Portugal, principiou a se construir no ano 958, e tivo especial relevancia nos feitos que deron lugar ó nacemento de Portugal, xa que "dentro dos muros dessa cerca terá resistido D. Afonso Henriques ao assédio das forças do rei Afonso VII", e "no vizinho campo de São Mamede, o castelo foi testemunha do embate entre as forças de D. Afonso Henriques e as de D. Teresa" mencionado antes.

Interior do Castelo de Guimarães. Fonte propia.

É aqui, no Castelo de Guimarães, na súa fachada principal xunto á porta que dá acceso ó interior do monumento, onde podemos atopar esta placa:

"Homenagem à cultura luso-galaica:
'A nossa língua floresce em Portugal' - Castelao
'A minha pátria é a língua portuguesa' - Fernando Pessoa
Guimarães, 7 maio 1988"

Coido que no precisa de máis comentarios. Puxéronseme os pelos de punta ó ve-lo. Muito obrigado, Guimarães!!! Xa vedes amigos, non só "nosquedaportugal" e "alemdominho" traballan por homenaxear á nosa cultura en común...

Mais Guimarães, Patrimonio da Humanidade, agocha máis tesouros que veremos mañán na segunda parte deste artigo.

6 comentários:

  1. A última vez que fun aló pasei polo posto de Turismo. Foi un día chuvioso no que a auga xogaba coa pedra da cidade. Os do posto quixeron ser amábeis pedindo desculpas polo "mal tempo". Entón dixemos: "estamos afeitos, somos galegos". E nos seus rostros formouse un sorriso de satisfacción que os levou a dicir: "Portugal é Galiza sul... e Galiza é Portugal norte!" Semellante á súa sorpresa pola placa do castelo, naquel momento descubrín que a afirmación da nación portuguesa non ten por que ser entendida de costas á galega. Ao final, somos irmáns.

    Para moitos de nós Guimarães é tamén un lugar especial por termos na casa membros da familia Guimeráns, Guimaraens ou Guimarans. Un motivo máis para sempre voltar ao berce de Portugal ("Galiza sul").

    ResponderEliminar
  2. Envíame Charlie, con bó criterio, este video da serie "Historias de Galicia": http://www.youtube.com/watch?v=MggxZH-EHPw&feature=related

    Non comentamos nada desta serie en "La Coruña de toda la vida" porque, polo que atopei en youtube, céntranse na primeira etapa do Reino de Galiza, e máis adiante na época da revolta irmandiña, deixando os séculos XIII-XV nos que me estou a centrar un pouco de lado.

    Máis neste capítulo cítase a fundación do Reino de Portugal e a súa orixe en Guimarães, polo que pode ser interesante para o artigo de hoxe.

    Saúdos dende Portugal Norte!!

    ResponderEliminar
  3. Concordo máis co de Galiza sul, que Portugal norte.Galiza, naçon soberana, podera chegar acordos de calquera índole con calquera outra naçon soberana e extranxeira coma a irmá Portugalou o Brasil.Pero cada un respeitando a sua propía independencia.Saudos
    P.D.É só para facer un comentario e animar un pouco.

    ResponderEliminar
  4. Galiza é Galiza, e Portugal é Portugal. Máis temos moito en común, e 5 séculos de illamento e ignorancia mútua por desandar. Paseniño e boa letra.

    O importante é que xestos como o de Guimarães demostra que alá tamén saben de nós, o cual é imprescindible.

    P.D.: Animade por favor, animade!! :-D

    ResponderEliminar
  5. Xa, por que aínda que intento comprender e mirar de xeito aberto todo o movemento lusófono na Galiza,eche complicado entendelo. En osacións pareceme ca algúns queren mudar capital, de madrid a Lisboa,moi bela cidade iso si pero para ser embaixador da Galiza.Isto que digo pode ser un pouco exaxerado pero algo diso pode ocorrer.Iso non quita para acrecentar con moita forza nosa relación con toda a galefonía.Saudos

    ResponderEliminar
  6. Hehe, pois si, Galiza sul. E por moito tempo foi a Gallaecia sur, de feito era en Braga onde tiñamos a capital. Mais tamén é certo que varios séculos de ollar para ángulos opostos conseguiron distanciarnos.

    Gústame iso de galefonía, duar. Penso que afortunadamente entre os lusófonos galegos unha maioría son "galéfonos".

    Dá para pensar que do mesmo xeito que Colombia, Chile e España comparten idioma, ou que en Austria ou na Suíza se fala alemán, Galiza pode manter perfectamente a súa identidade sendo consciente de que comparte algo moi grande cos países da "lusofonía".

    ResponderEliminar