Tiña pensado incluir un adianto dos grupos que van vir ó Festival de Paredes de Coura 2010, que normalmente a estas alturas de abril outros anos xa tiñan adiantado algo, pero non podo agardar máis porque o Festival de cinema IndieLisboa iniciase en apenas 10 días, así que adicolle este artigo e xa falaremos de Paredes cando saibamos algo máis.
Abertas desde setembro as inscripcións, o festival celébrase do 22 abril ó 2 maio e exhibirá perto de 300 películas e curtametraxes nas súas seccións de cinema nacional e internacional, cinema independente e cinema emerxente, entre outras. Este é o programa completo, e tedes máis información no site www.indielisboa.com
Outro motivo máis pra achegármonos a Lisboa nas vindeiras semanas, e os prezos son ben asequibles, uns 3 euros por exhibición.
De Paredes de Coura (www.paredesdecoura.com) só están confirmadas as datas -28, 29, 30 e 31 de xullo- e pola información que atopamos nalgúns foros (www.efestivals.co.uk/forums por exemplo) só estarían confirmados The Specials e Gallows, especúlase que viría Iggy Pop e completamente descartado -pola propia organización- Radiohead, polo seu elevado caché (750.000 euros de 2 millóns de presuposto do festival).
De momento, polo tanto, poucas confirmacións relevantes tendo en conta que na última década poidemos desfrutar a só 20 quilómetros de Tui de grupos da talla de Sex Pistols, Coldplay, Pixies, Arcade Fire, Morrisey, PJ Harvey, Sonic Youth, Primal Scream, Franz Ferdinand, Suede, Nine Inch Nails, Placebo, Nick Cave, Scissor Sisters, Cansei de Ser Sexy, Flaming Lips, Stone Temple Pilots, Queens of the Stone Age, Incubus, Motorhead, Foo Fighters, Kaiser Chiefs, New York Dolls, Bloc Party...
Se lembrades, iniciamos 2010 nos blogs con sendos artigos adicados á figura de São Martinho de Dume, 'De correctione rusticorum' e 'A basílica sueva de Dume', figura decisiva para a estructuración da sociedade galaico-sueva. Non moi lonxe de alí, apenas a 3 quilómetros, transcurre o río Cávado camiño de Barcelos, o maior concelho de Portugal e un dos máis antigos e de historia máis rica relacionada coas orixes da nación portuguesa. Non en van foi desde sempre residencia de homes ligados ao poder rexional i estatal: atribúese a carta de fundación da vila a Afonso Henriques -aínda que xa poboada desde tempos da invasión romana-, elevado a Condado de Barcelos polo rei D. Dinis, e máis adiante no século XV tamén sería sede dos Duques de Bragança.
É ó seu paso precisamente xunto o Pazo dos Duques de Bragança, -outra victima do terremoto de 1755- onde o Cávado nos agasalla con esta fermosa estampa:
Ponte medieval, Paço dos duques de Bragança e Igreja Matriz, Barcelos. Fonte propia.
Na 'Princesa do Cávado', debido á súa importancia histórica, agromou unha intensa actividade cultural que se reflexa tanto nas manifestacións arquitectónicas (o Paço dos Duques, a Igreja Matriz de orixe románica, a ponte medieval do século XIV, os restos da muralha de Barcelos, a Igreja do Bom Jesus da Cruz, e outras ) como nas súas innumerables lendas e tradicións. De entre elas, se unha destaca sen dúbida por riba de todas e aínda hoxe é a lenda que deu orixe ó símbolo de Portugal: a lenda do galo de Barcelos.
O galo de Barcelos. Fonte propia.
E se o nacemento de Portugal está íntimamente relacionado con Galiza, o símbolo de Portugal e a lenda que lle da orixe tamén o están, como non podía ser de outro xeito. Así contan a historia na ligazón que vos deixei arriba:
"Os habitantes andavam alarmados com um crime por não se ter descoberto o criminoso que o cometera. Certo dia apareceu um galego que se tornou suspeito. As autoridades resolveram prendê-lo e, apesar dos seus juramentos de inocência, ninguém julgava crível que se dirigisse a S.Tiago de Compostela em cumprimento duma promessa. Foi condenado á forca, e antes de ser enforcado pediu que o levassem á presença do juiz que o condenara, que nesse momento se banqueteava com alguns amigos. O galego voltou afirmar a sua inocência e, perante a incredulidade dos presentes, apontou para um galo assado que estava sobre a mesa e exclamou: 'é tão certo eu estar inocente, como certo é esse galo cantar quando me enforcarem'. Risos não se fizeram esperar, mas o que parecia impossível, tornou-se realidade! Quando o peregrino estava a ser enforcado, o galo assado ergueu-se na mesa e cantou.
O home salvaría a vida e pasados os anos voltaría á vila a erguer un monumento a Santiago. Digo eu que acreditar que un galo na vila cantara cando o ían aforcar, pase... pero que o galo estivera asado, xa será un pouco esaxerar, non??
En fin, lendas.
Na seguinte e última etapa chegaremos a Esposende, non sen antes deixarvos algunhas estampas desta fermosa vila que acabamos de coñecer.
Igreja Matriz e pelourinho. Fonte propia.
Paço dos Duques de Bragança en 1786. Fonte propia.
Paço dos Duques de Bragança na actualidade. Fonte propia.
Centro de Barcelos, á dereita a Igreja do Bom Jesus da Cruz. Fonte propia.
Pelourinho en primeiro termo, ó fondo o rio Cávado. Fonte propia.
Tiña eu a teoría de que o conto este pra non durmir polas noites, titulado 'fusión si, fusión no', a este paso habería chegar vivo ó 2011. Hai unhas semanas comenteille esta miña inquietude a Marcelino F. Mallo, quen entre outras cousas por vivir dentro dun dos bichos sabe desto bastante máis que eu (véxase o seu artigo as caixas: momento cero), e diciame que non, que para ben ou para mal o asunto tiña que se resolver xa, porque unha das caixas -todos supoñemos cal- está nunha situación crítica tal que non se sostén por moito máis tempo.
A semana pasada publicábase -nesa febre da prensa online por ver quen da a primicia- que a fusión era xa un feito, pero poucas horas despois descubriamos que o único que había en firme era un pomposo anuncio de tres liñas na boca de Núñez Feijoo "que sepais que las cajas están hablando de fusionarse, oisteis?". Pois moitas grazas, home.
Eu xa expresei a miña opinión hai uns meses (ver cortina de fume): en resumo, alguén puxo enriba da mesa a pregunta que da título ó conto, "fusión si, fusión no?", e todos como toritos desbocaos entraron ó trapo, sen 1.- facerse as preguntas importantes (qué modelo de sistema financeiro queremos? a quen interesa esta concentración? cal é a situación financeira das caixas? quen son os responsables de as caixas teren chegado a esa situación (e esíxanse cabezas)? cal é o obxectivo último na estratexia do BdE? etc.) e 2.- moito máis importante, saber transmitirlle á sociedade con claridade por qué modelo apostan uns e outros, en lugar de enredar con liortas que a xente non entende.
Agora que a necesidade apremia hai maior vontade de entenderse, e incluso eu considero que o conto deu xa tantas voltas que non queda outra que posicionarse, asi que finalmente sumeime ó carro dos que opinan que "se non queda outra, adiante fusión" como mal menor, ou 'second best' que di Xavier Vence. Pero de todos xeitos, eu creo non só que ó conto da fusión aínda lle quedan moitos capítulos por diante (incluso con fumata branca este martes non remataría, se cadra non faría máis que comezar...), senón que o conto DEBERÍA CONTINUAR.
Pra explicarme, prégovos que vexades primeiro este video:
(Extraído do blog neocon portugués A arte da fuga. Xa o dicía Michael Corleone: 'ten sempre ben perto ós teus amigos, pero moito máis perto ós teus inimigos')
Non pretendo falar do que comenta o video, nin rebater os seus argumentos do nivel 'mercado güeno, estado caca', pero si facer mención á habilidade que ten a dereita (aqui tamén, pero moito máis nos USA, que é onde os de aqui se miran ó espello) para levar o debate a un nivel básico ó alcanzo de todo o mundo. Unha constante chuvia fina de ideas básicas como libertaz ou imposición, pervertidas no seu uso como eiqui ben sabemos pero que, guste ou non, é unha estratexia que resulta efectiva.
E a esquerda, na súa autocomplacencia 'somos mellores e a xente finalmente entenderá que temos razón' non só nin sabe expoñer moitas veces as súas ideas á sociedade coa claridade e metade de efectividade que os outros, senón que moitas outras non ten nin a intelixencia de non entrar no terreo enlamado que lle tiñan preparado.
Por iso, velai van as miñas conclusións, tan clariñas como son capaz de expoñelas, nas que coido deberia empezar a traballar o galeguismo político a partir de xa, haxa fusión das caixas ou non:
1.- Galiza debe contar cun sistema financeiro propio, sexa cunha entidade, dúas ou vinte.
2.- O segmento do sector financeiro que o Estado das Autonomías reserva para o autogoverno dos galegos son as nosas caixas de aforro. Ningunha alteración na situación das caixas de aforro debería reducir o noso autogoverno.
3.- As caixas de aforro NON son banca pública. Do mesmo xeito que porque unha ONG sexa unha empresa sen ánimo de lucro non significa que sexa dirixida polo Estado ou a Xunta, as caixas de aforro cumplen unha función social, son propiedade dos seus depositarios e son dirixidas por quen son dirixidas (incríblemente polos mesmos desde hai décadas, por certo).
4.- A lei de caixas pretende darlle ó autogoverno dos galegos o papel que lle corresponde no equipo de governo das caixas, có obxectivo fundamental de reorientar a xestión da/s entidade/s cara un modelo onde prime, en palabras de Carlos Aymerich, que "a nova Caixa estexa ao servizo do país na súa política crediticia e de investimentos e na súa obra social".
5.- Con iso débese tamén rematar có nepotismo nas caixas, aclarar a súa situación financieira real e -de ser tan nefasta como todo semella sinalar- exixir e depurar responsabilidades.
6.- e por último, facer ver que os países que apostaron por manter un espazo relevante á banca pública fronte ós poderes privados (China, Brasil) son -será casualidade?- os que mellor se están a comportar na crise financiera actual, e os que lle quitaron espazo na súa totalidade (USA, España) son -casualidade tamén?- os que máis sofren.
Non debemos perder a ocasión agora que, por primeira vez en 30 anos, temos de cara os ventos que sopran a nivel internacional (xa non favorables ó modelo neocon responsable da actual crise económica de orixe financeira baseada nos lemas “canto máis grande mellor” e "o sistema financeiro privado é eficiente, o público non") coas propostas de Obama de reducir os tamaños dos bancos ou regular a actividade dos seus equipos directivos, de Merkel e Sarkozy de introducir un imposto á gran banca, etc etc.
E debemos poñer ese debate enriba da mesa antes de que o BdE, o PP e o PSOE fagan coas caixas o que levan décadas argallando como facer: regalarllas ó sector privado.