Mostrar mensagens com a etiqueta caixanova. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta caixanova. Mostrar todas as mensagens

05/04/10

O CONTO DE NUNCA ACABAR

Tiña eu a teoría de que o conto este pra non durmir polas noites, titulado 'fusión si, fusión no', a este paso habería chegar vivo ó 2011. Hai unhas semanas comenteille esta miña inquietude a Marcelino F. Mallo, quen entre outras cousas por vivir dentro dun dos bichos sabe desto bastante máis que eu (véxase o seu artigo as caixas: momento cero), e diciame que non, que para ben ou para mal o asunto tiña que se resolver xa, porque unha das caixas -todos supoñemos cal- está nunha situación crítica tal que non se sostén por moito máis tempo.

A semana pasada publicábase -nesa febre da prensa online por ver quen da a primicia- que a fusión era xa un feito, pero poucas horas despois descubriamos que o único que había en firme era un pomposo anuncio de tres liñas na boca de Núñez Feijoo "que sepais que las cajas están hablando de fusionarse, oisteis?". Pois moitas grazas, home.

Eu xa expresei a miña opinión hai uns meses (ver cortina de fume): en resumo, alguén puxo enriba da mesa a pregunta que da título ó conto, "fusión si, fusión no?", e todos como toritos desbocaos entraron ó trapo, sen 1.- facerse as preguntas importantes (qué modelo de sistema financeiro queremos? a quen interesa esta concentración? cal é a situación financeira das caixas? quen son os responsables de as caixas teren chegado a esa situación (e esíxanse cabezas)? cal é o obxectivo último na estratexia do BdE? etc.) e 2.- moito máis importante, saber transmitirlle á sociedade con claridade por qué modelo apostan uns e outros, en lugar de enredar con liortas que a xente non entende.


Agora que a necesidade apremia hai maior vontade de entenderse, e incluso eu considero que o conto deu xa tantas voltas que non queda outra que posicionarse, asi que finalmente sumeime ó carro dos que opinan que "se non queda outra, adiante fusión" como mal menor, ou 'second best' que di Xavier Vence. Pero de todos xeitos, eu creo non só que ó conto da fusión aínda lle quedan moitos capítulos por diante (incluso con fumata branca este martes non remataría, se cadra non faría máis que comezar...), senón que o conto DEBERÍA CONTINUAR.

Pra explicarme, prégovos que vexades primeiro este video:




(Extraído do blog neocon portugués A arte da fuga. Xa o dicía Michael Corleone: 'ten sempre ben perto ós teus amigos, pero moito máis perto ós teus inimigos')


Non pretendo falar do que comenta o video, nin rebater os seus argumentos do nivel 'mercado güeno, estado caca', pero si facer mención á habilidade que ten a dereita (aqui tamén, pero moito máis nos USA, que é onde os de aqui se miran ó espello) para levar o debate a un nivel básico ó alcanzo de todo o mundo. Unha constante chuvia fina de ideas básicas como libertaz ou imposición, pervertidas no seu uso como eiqui ben sabemos pero que, guste ou non, é unha estratexia que resulta efectiva.

E a esquerda, na súa autocomplacencia 'somos mellores e a xente finalmente entenderá que temos razón' non só nin sabe expoñer moitas veces as súas ideas á sociedade coa claridade e metade de efectividade que os outros, senón que moitas outras non ten nin a intelixencia de non entrar no terreo enlamado que lle tiñan preparado.


Por iso, velai van as miñas conclusións, tan clariñas como son capaz de expoñelas, nas que coido deberia empezar a traballar o galeguismo político a partir de xa, haxa fusión das caixas ou non:

1.- Galiza debe contar cun sistema financeiro propio, sexa cunha entidade, dúas ou vinte.

2.- O segmento do sector financeiro que o Estado das Autonomías reserva para o autogoverno dos galegos son as nosas caixas de aforro. Ningunha alteración na situación das caixas de aforro debería reducir o noso autogoverno.

3.- As caixas de aforro NON son banca pública. Do mesmo xeito que porque unha ONG sexa unha empresa sen ánimo de lucro non significa que sexa dirixida polo Estado ou a Xunta, as caixas de aforro cumplen unha función social, son propiedade dos seus depositarios e son dirixidas por quen son dirixidas (incríblemente polos mesmos desde hai décadas, por certo).

4.- A lei de caixas pretende darlle ó autogoverno dos galegos o papel que lle corresponde no equipo de governo das caixas, có obxectivo fundamental de reorientar a xestión da/s entidade/s cara un modelo onde prime, en palabras de Carlos Aymerich, que "a nova Caixa estexa ao servizo do país na súa política crediticia e de investimentos e na súa obra social".

5.- Con iso débese tamén rematar có nepotismo nas caixas, aclarar a súa situación financieira real e -de ser tan nefasta como todo semella sinalar- exixir e depurar responsabilidades.

6.- e por último, facer ver que os países que apostaron por manter un espazo relevante á banca pública fronte ós poderes privados (China, Brasil) son -será casualidade?- os que mellor se están a comportar na crise financiera actual, e os que lle quitaron espazo na súa totalidade (USA, España) son -casualidade tamén?- os que máis sofren.


Non debemos perder a ocasión agora que, por primeira vez en 30 anos, temos de cara os ventos que sopran a nivel internacional (xa non favorables ó modelo neocon responsable da actual crise económica de orixe financeira baseada nos lemas “canto máis grande mellor” e "o sistema financeiro privado é eficiente, o público non") coas propostas de Obama de reducir os tamaños dos bancos ou regular a actividade dos seus equipos directivos, de Merkel e Sarkozy de introducir un imposto á gran banca, etc etc.

E debemos poñer ese debate enriba da mesa antes de que o BdE, o PP e o PSOE fagan coas caixas o que levan décadas argallando como facer: regalarllas ó sector privado.

22/11/09

CORTINA DE FUME

O pasado día 19, o blog Feijoomente, As mentiras de Feijoo, publicou un artigo sobre as intencións do desgoverno da Xunta a respecto das caixas de aforro galegas, que podedes ler premendo nesta ligazón. Nel sinalan que, xa o 10 de agosto, apuntaban cal ía ser a estratexia do PP: "presentar como inevitable a absorción de Caixa Galicia por unha entidade foránea, responsabilizar tecnicamente o Banco de España e politicamente o PSOE, dar imaxe de que se pensou en clave de país mais entregando Caixa Galicia a Caja Madrid, reforzar o papel de Feijoo no aparato estatal do PP".

Despois de ler o artigo de Feijoomente esta semana, a Caralladas entroulle cargo de conciencia por levar xa máis de 2 meses sen publicar ningún artigo sobre economía ou finanzas, malia que, como algúns sabedes, se adica profesionalmente a iso. Así que se vos interesa, esta é a opinión de Caralladas sobre a teima das fusións, que foi publicado como comentario en Feijoomente.



Cáseque me entran gañas de pedir desculpas, por non sacar tempo e gañas de poñerme a escribir sobre este tema que a tanta xente preocupa, e que eu coido en xeral a sociedade galega, e a esquerda en particular, non está a saber enfocar ben. Supoño que por estar todalas semanas envolto nestes ‘fregaos’, cando saco tempo só me apetece falar de calquer cousa, menos de bancos.

Así que tentarei resumir:

1. Todo o tema ‘fusión de caixas de aforros’ en xeral é unha cortina de fume. Non falo de caixagalicia – caixanova, falo da instrucción do Banco de España “las cajas de ahorros tienen que fusionarse, tienen que ser más grandes para resistir mejor la crisis”. A crise financieira internacional que provocou a crise económica actual non a provocaron as caixas de aforros nin a lexislación laboral en España, pero como os temas a correxir para que esto non volva suceder (supresión de paraísos fiscais, regulación dos mercados de capitais, derivados e hedge funds, etc.) nin se regulan a nivel do Estado, nin teñen vontade política de cambialo no plano internacional, pois “hay que hacer como que hacemos algo”. En cuestión de semanas pasouse de falar dos paraisos fiscais á fusión de caixagalicia con cajamadrid, e morreu o primeiro conto. Curiosamente, a crise actual demostrou que o de “too big to fail” (demasiado grande para caer) era un mito, pero a solución eiqui ‘disque’ pasa xustamente por iso. Curiosamente, se hai uns anos caixavigo, caixapontevedra e caixaourense non se tiveran fusionado (ergo estaríamos nunha situación semellante a Catalunya ou Andalucía, con 5-10 caixas), diríannos que “la salvación para que no nos coja el toro” sería que esas 3 entidades se fusionaran nunha que se chamaría… emm… governando feijoo pode que cajanueva? Bueno, é igual, o conto é que nos dirían que con iso o problema está arranxado. Uns venderían xornais, outros farían como que “estamos trabajando en ello”, e todos contentos.

2. O modelo de caixas, tal e como está montado hoxendía, é un verdadeiro despropósito. Entidades que non ‘parecen’ privadas pola súa función de ‘obra social’ pero, ollo! non é banca pública. É unha mistura de intereses privados e políticos nauseabundo (*). E a esquerda, e moito máis en concreto, o bng, non está a saber desmarcarse deste modelo nin de saber transmitir á sociedade o modelo polo que deberia apostar.

3. A pésima situación dalgunhas caixas (caixagalicia entre elas) e o despropósito do modelo actual mixto de intereses privados e públicos danlle xogo á dereita pra pedir o cambio de modelo que levan décadas pedindo: “100% bancos privados ya!”. Curiosamente, ábreselles a porta cando a nivel internacional, a crise financieira provocou a nacionalización dos principais bancos americanos, británicos, holandeses, belgas… poñendo en entredito que os mercados financieiros funcionen eficientemente cando non se lles regula, cando non se lles controla, e canto cando máis grande, mellor.

4. “despolitizar” é unha palabra que soa moi ben. Soa moito mellor que “privatizar”, que é o obxectivo a medio prazo de todo isto. E soa a chiste, por non dicir insulto, que fale de despolitizar as caixas o pp madrileño coa que montaron en cajamadrid. Ademáis, se algo é máis criticable que a politización das caixas é como os señores particulares, privados, que as dirixen (Méndez, Gayoso, Blesa, Rato cando lle toque) fan destas entidades o seu coto privado: por exemplo, en caixanova ou caixagalicia non entra a traballar ninguén que non teña un familiar ou coñecido dentro. Iso o sabe caralladas en primeira persoa, e non vos vou contar eiqui cómo o sabe.

5. Non falemos tanto de Vigo e A Coruña. Eiqui o ‘localismo’ que está en xogo é o localismo de ‘Gayoso & friends’ por unha banda, e ‘Méndez y amigüitos’ por outra. Xa no mes de abril (xa governaba o pp de feijoo) souben por algunha xente de nivel directivo medio de caixanova que sabían que o xogo ía ser que a xunta lles ía tentar fusionar con caixagalicia, e que caixanova non lle interesaba a operación nin de coña. principalmente, claro, a quen non lle interesaba era ó cú de Gayoso, que perdería a silla.

6. ‘disque’ caixagalicia está có auga ó pescozo. Bueno, ese ‘disque’ anda por ahi rondando no sector dende hai 2 anos xa. Caixanova está bastante máis solvente, mais é a metade de grande que a outra. Na filosofía do BdE esta fusión non encaixa: ten que ser o peixe chico, en mal estado, o que sexa comido polo grande, máis solvente, e non ó revés. Senón, se ó final se apostase por esa opción así, tal cual, continuando baixo o modelo ‘caixa de aforro’ cunha única entidade, corremos o risco de que a grande i en peor estado contamine tamén á pequena.

7. Cando un banco está en perigo, por ahi adiante o que se fixo foi inxectar capital público. é unha medida que á banca privada e ós neocon non lles gusta nada, claro, mais cando non queda outra, carallo cómo se alegraron os de ING ou os de AIG cando os viñeron rescatar papá estado holandés e papá estado americano!! Pola contra, eiqui ninguén propón como solución para este híbrido privado-público a entrada de capital público. Por qué non? Ah, si, claro, que o problema polo que agora están tan afogadas non foron as decisións tomadas polos seus directivos senón a súa ‘politización’…

8. En Galiza hai sitio abondo pra dúas caixas. E se unha delas está en perigo, inxección de capital público e control da xunta. E por suposto, que ese control se traduza en revisar as contas, auditoría contabel, e ‘levantar alfombras’. E a depurar responsabilidades.

9. E con tempo, non atolondradamente, plantexar a nivel do Estado a transformación deste modelo de caixas. I entón, se se aposta por banca pública galega, poderase plantexar a fusión das dúas entidades. O carallo é que nin o psoe aposta por un modelo de banca pública para as caixas, “que eso ya no es progre”, mira tú. Así que poucas (ningunha, máis ben) posibilidades lle vexo eu a esta opción.

10. Como ninguén vai dar pasos nesa dirección; como a aqueles que desde madrid piden “despolitización” o que queren é xustamente o contrario, ter eles a chave do poder económico-político das caixas dende Fisterra a Cabo de gata; como ninguén sabe, pois, na Xunta o que facer; como ninguén se atreve na Xunta a quedar ante a opinión pública como responsables da perda do noso capital financieiro; como non temos, pois, un poder político propio, alleo a intereses de fóra…

… pois logo, “que dios nos coja confesados”, porque Feijoo vai convocar un ‘debate social’ para que a culpa de que pase “lo que tenga que pasar” sexa das caixas galegas, “que son unas localistas, igual que vigo y lacoru, quenohesidoyo, lojuro!”.


---------------------------------------------------------

(*) Sobre a titularidade público/privada das caixas, o seu funcionamento interno, e as intencións privatizadoras que ahi detrás de todo isto, explícanno moi ben nesta ligazón:

http://www.altermundo.org/content/view/2800/1/