Mostrar mensagens com a etiqueta Paio Gómez. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Paio Gómez. Mostrar todas as mensagens

16/09/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (5ª PARTE)

(Ven do capítulo IV)

A paz entre Galiza e Castela non ha durar moito. Entre 1287 e 1291, o recentemente nomeado Adiantado Maior, e o aspirante ó trono do Reino de Galiza, voltan sublevarse contra Sancho IV. Segundo conta Emilio González, "moi graves debían ser as causas da revolta de Don Juan, a xulgar polas graves medidas que tomou o rei", quen finxe perdoar ós sublevados logrando atraélos a Alfaro sen a protección das súas tropas. Don Xoán queda preso, e o seu alíado Don Lope é executado. Galiza, capitaneada polo seu Adiantado Maior Xoán Afonso de Albuquerque, sublévase contra o Rei Sancho IV. "A ambición galega tiña estesas raizames, pois as ambicións do Infante de crear en Galicia un reino arredado de Castela coincidía coas aspiracións de moitos señores galegos".

Un dos magnates da rebelión é o bispo de Lugo, Fernán Pérez, que é executado, mentras que Xoán Afonso de Albuquerque é preso i está a piques de ser decapitado. Finalmente, a rebeldía do Adiantado Maior galego é perdoada -probablemente, por non provocar ó seu fiel aliado o rei portugués-, máis Sancho IV solicita entón que Portugal non interfira nas querellas do seu reino.

O Rei Dinís e o Rei Sancho reúnense con tal motivo no ano 1291 en Ciudad Rodrigo, e como garantía de paz entre ambos reinos exemplifican a súa alianza có asinamento do contrato de casamento estratéxico da filla do primeiro, Doña Constança, có príncipe herdeiro da Coroa de Castela, Fernando, quen contaba 7 aniños de idade.


CIUDAD RODRIGO:




En 1292, Sancho IV nomea no cargo de Adiantado Maior de Galiza a Paio Gómez Chariño, "pacificador del Reino de Galicia, famoso almirante e insigne poeta en lengua gallega" según conta a historiografía españolista. Máis o certo é que o almirante pontevedrés, fiel aliado no seu tempo de Afonso X o Sabio -quen lle nomeara Almirante Maior en 1284, nos anos da guerra civil de Sancho-, é o mesmo Paio Gómez Chariño que, á morte do Rei Sancho en 1295, ponse do lado dos nobles galegos que, en 1296, conseguerán que o Infante Xoán sexa declarado Rei Xoán de Galiza, acadando a reinstauración do reino galego.

Tras o nomeamento de Paio Gómez como Adiantado Maior, en 1293 prodúcese o enfriamento definitivo "nas relações luso-castelhanas, com a protecção de D. Dinís a D. João Nunes de Lara e a anulação do contrato de casamento do herdeiro do trono, pelo rei de Castela, em benefício da filha de Filipe, o Belo".

Dous anos despois, en 1295, morre prematuramente o rei castelán Sancho IV, obrigando a súa curmá i esposa, María de Molina, a asumir a primeira das súas dúas rexencias, desta vez durante 7 anos ata a maioría de idade de Fernando IV. Será durante este periodo cando Galiza recupere oficialmente o título de Reino polo que levaba loitando dente 1284.

Morto Sancho, o Infante Xoán -quen xa nos últimos dous anos de vida de Sancho IV reiniciara por terceira vez a súa tentativa de acadar o trono do Reino de Galiza có apoio do deposto Adiantado Maior Xoán Afonso de Albuquerque, atacando Badaxoz e outras vilas extremeñas- declárase lexítimo herdeiro das Coroas de Castela, León e Galiza (lembremos que Sancho fixera o mesmo á morte do seu irmán maior), argumentando que Fernando IV estaba "deslexitimizado pola ilegalidade do matrimonio do seu pai, Sancho IV, pois María de Molina, a súa muller, éralle tamén prima". Don Xoán "entrevistouse en A Guarda (Portugal) có Rei Dinís para que éste recoñecera os seus dereitos... 'e el Rey de Portugal ovó su consejo, e respondiole que fallaba por su corte que el derecho... suyo era... e luego envió sus cartas a cada concejo del reino de León... e que les aconsejaba tomasen por Rey al Infante Don Juan" (Crónica del Rey Fernando IV).

Sé, Guarda, Portugal. Fonte: http://www.panoramio.com/photo/5777617


------------------
Un inciso moi breve. De todo o que estamos a contar, para a historiografía nacionalista española non existíu nada e conta só o que lle interesa. Fixádevos senón na wikipedia en español o que se conta do Infante Don Juan, irmán de Sancho e futuro Rei de Galiza. "Al morir Alfonso X y ser proclamado rey el infante rebelde, con el nombre de Sancho IV, Juan le reconoció como tal". 13 anos de liortas "fraternas" resumidas nunha frase "fraternal". E sobre o futuro nomeamento de Don Xoán como Rei de Galiza, en 1296, a seguinte liña "encriptada": "Al quedar libre el infante Juan... se unió a otros descontentos, para luchar contra la reina regente... La vida del infante Juan estuvo marcada desde entonces hasta su muerte... por las conspiraciones contra la corte de su cuñada María de Molina, bien para hacer valer los derechos de otros miembros de la familia real al trono, o bien defendiendo los de su esposa al Señorío de Vizcaya". Chim-púm.
----------------------


A Castela dirixida agora pola Raíña rexente María de Molina atópase nunha grave encrucillada: o aspirante ó trono Don Xoán conta co apoio do Rei de Portugal e tamén có apoio militar do Rei mouro de Granada, mentras a situación interna da Coroa, con abertos enfrontamentos entre as clases nobres e os representantes das vilas, deixa a Castela ó borde da guerra civil. María de Molina suprime entón as Cortes, nomea rexente ó irmán de Afonso X o Sabio, o infante Don Enrique (tío do aspirante ó trono galego Don Xoán), e negocia có rei portugués: en 1295, prodúcese o "compromisso de Maria de Molina e do tutor do herdeiro de Castela á entrega de Moura, Serpa, Aroche e Aracena a Portugal, em troca da neutralidade de D. Dinís em relação ao conflito criado com a sucessão de Sancho IV".

Os pactos, nesta época medieval caracterizada polas loitas fraticidas e traizóns, duran ben pouco.

É entón cando se producirá un dos feitos máis nomeados da historia medieval galega. O rexente Don Enrique acode a Ciudad Rodrigo, cuartel xeneral do Infante Don Xoán, a entrevistarse có seu sobriño. Don Enrique pídelle que renuncie á Coroa de Castela a cambio de prazas e fortalezas nas que exercer o seu señorío. En presencia de Don Xoán e Don Enrique, o Adiantado Maior de Galiza, Paio Gómez Chariño, principal valedor da causa do aspirante ó trono, é asasinado a mans dun parente, Rui Pérez Tenorio, do séquito do rexente Don Enrique.

"Estando un día fablando el infante Don Enrique y el infante Don Juan en la dehesa de Ciudad Rodrigo, estando Gómez Chariño apartado, llego a él un caballero que decía Ruy Pérez Tenorio, e diole con un cuchillo en el medio del corazón, e cayó luego de su caballo en que estaba muerto a tierra, e luego fuyó ese caballero para Portugal; e cuando lo supo el infante Don Juan... fuese en pos de este Ruy Pérez e alcanzole e matole".

(Crónica del Rey Don Fernando IV, Cap. I)

sartego de Paio Gómez no convento de San Francisco, Pontevedra.
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Pai_Gómez_Chariño


A morte de Paio Gómez Chariño foi un asasinato político que quebrou as alianzas de Don Xoán, pois lle debía ó Adiantado Maior de Galiza a lealdade de Salamanca e Zamora, principais cidades do Reino de León. Don Xoán abandona pois, a súa rebeldía, e "acataba a autoridade do seu sobriño Don Fernando, o rei-neno, como Rei de Castela".


Máis cando todo parece resolto ós intereses de Castela, a historia da un novo xiro de 180 graos no ano 1296. Hai 5 anos que o Rei Dinís e o finado Sancho IV acordaran o casamento de Fernando IV de Castela coa princesa portuguesa Constança, e o compromiso dista moito de ser respectado. O Rei Don Denís e o Infante Don Xoán, por unha banda, e o Rei Afonso IV de Aragón e os Infantes de la Cerda, por outra, concertan unhas capitulacións repartindose varios reinos dos que integran a Coroa de Castela.

"Entraban naquel acordo os reis de Franza, Portugal, Aragón e Granada. O primeiro acto dos coaligados foi coroar ao infante Don Xoán, Rei de Galiza, León e Sevilla".

"Grandeza e decadencia do Reino de Galicia", Emilio González López.


Corría o ano 1296. Tras 66 anos, reinstaurábase o Reino de Galiza.

09/09/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (4ª PARTE)

No ano 1296 reinstáurase o Reino de Galiza, só 66 anos despois de ser anexionada ó Reino de Castela por Fernando III. Para entender os feitos que deron lugar á recuperación oficial do reino galego, tres son os "actores" a ter en conta:

1.- Castela: inmersa nunha guerra de sucesión, acontecida nos últimos anos de vida de Afonso X O Sabio, e á morte deste. Deixáramos a situación da Coroa de Castela pendente neste punto ó final do capítulo II.

2.- Portugal: governa o Rei Dinís, de quen falabamos no capítulo III. A expansión do reino portugués cara o sur chega ó seu fin ó conquistar o Algarve. Será entón cando Dinís centre os seus esforzos en consolidar a identidade portuguesa... i en tentar de expandir o seu reino na única dirección factíbel: o antigo Reino de Galiza-León, que abarca neses anos os territorios da Extremadura e Sevilla.

3.- Galiza. Integrada na Coroa de Castela, máis non só conserva o título de Reino de Galiza, senón tamén aínda boa parte do seu poder, prestixio e institucións propias. A representación do Reino de Galiza na Coroa de Castela corre a cargo do Adiantado Maior do Reino, figura implantada por Afonso X, que habitualmente é elexido polo rei castelán entre a alta nobreza galega e que era a máxima autoridade xudicial e governativa do Reino de Galiza. Un feito enormemente salientable pon en evidencia a predisposición de Galiza e dos seus nobres de recuperar a condición de reino independente: 3 foron os Adiantados Maiores galegos entre finais do XIII e principios do XIV -Xoan Afonso de Albuquerque (de 1287 a 1292), Paio Gómez Chariño (entre 1292 e 1295, no que é asasiñado) e Fernando Rodríguez de Castro-, e os 3, có apoio do Rei Dinís de Portugal, loitaron pola reinstauración do Reino de Galiza na persoa do Infante Don Xoán.

Estátua Rei Dinís e Raínha Santa Isabel. Fonte: http://img.geocaching.com


--------------------
Pra quen desexe ampliar información, as fontes bibliográficas empregadas principalmente (ademáis da sacrosanta wikipedia) foron as seguintes:
- "Grandeza e decadencia do Reino de Galicia", de Emilio González López, do cal tedes unha vista previa en googlebooks.
- "O Reino Medieval de Galicia", de Anselmo López Carreira.
- "História de Portugal em datas", coordinador António Simões Rodrigues.

Sirva tamén como acreditación por se entre tantos apuntes persoais misturados con "cortaepega" desas fontes, se me escapa algunha liña sen parafrasear.
--------------------

O proceso que deu lugar á reimplantación do Reino de Galiza, e que veremos ó longo deste e dos vindeiros dous capítulos de La Coruña de toda la vida, foi como segue.

En Castela, no 1282, morre sen chegar a reinar o herdeiro ó trono Infante D. Fernando, fillo de Afonso X. Entre 1282 e 1284, o infante Sancho, irmán de Fernando, reclama ó Rei Sabio que lle declare a él como herdeiro. Afonso X deixa pola contra escrito en testamento que o reino debe pasar ó seu neto primoxénito, fillo do falecido Fernando. Non só iso, senón que "parece ser que cando xa aguniaba en Sevilla, recoñeceu ó seu fillo Xoán como Rei de Sevilla e Badaxoz", territorios asociados ó Reino de Galiza e León na súa expansión cara o sur.

O Infante Sancho, quen non contaba coa simpatía do Rei Sabio por ser analfabeto, sublévase contra o seu pai, có apoio das Hermandades castellanas e as Órdenes militares de Santiago, Calatrava e San Juan. En 1284 falece Afonso X, e o infante proclámase Rei Sancho IV en Toledo nese mesmo ano, co apoio da maioría do pobo e nobres casteláns, entendendo que apoiar o lexítimo -e menor de idade- fillo do falecido Fernando suporía un motivo de debilidade para a Coroa.

Sancho IV de Castela. Fonte: www.galeon.com


Narra Emilio González que entón "o Infante D.Xoán fixo valer os seus dereitos sobre Sevilla e Badaxoz... coa axuda do Rei D.Denís". O Infante Xoán non só basea a súa reclamación no testamento do seu pai Afonso X, senón que "o historiador portugués Fortunato de Almeida da como razón do alzamento... 'que trataba de facer valer o testamento do seu bisabó o Rei de Galiza Afonso IX, que non quería que estes dous reinos (Galiza e León) se uniran xamáis a Castela".

---------------------
Un breve inciso: lembremos que Afonso IX fora o último rei galego, a quen se lle foran anulados dous matrimonios por consanguineidade, e a quen non se lle respetou o seu testamento de manter Galiza-León separadas de Castela. 54 anos despois da súa morte, herdaría a Coroa de Castela Sancho IV, de xeito tamén ilexítimo, e quen por certo... casara tamén coa súa curmá, Maria de Molina. Feito que non só foi aceptado na súa época, senón que hoxe para o nacionalismo español Maria de Molina é un "icono de la España Eterna". A Historia -e a historiografía nacionalista española- eche o que ten.
---------------------

Don Xoán contaba co apoio do aliado do Rei de Portugal, o futuro Adiantado Maior de Galiza D.Xoán Afonso de Albuquerque- e co propio Rei Denís, quen envía reforzos ó Infante Xoán en Badaxoz. Máis "o rei castelán Sancho marcha contra Badaxoz e gaña". A batalla ten lugar nas terras da Extremadura, pero a rebelión non só se extendera a Galiza, senón que "quizais a nosa terra fora o principal centro dela, xa que segundo a 'Crónica del Rey Don Sancho', 'có pretexto de facer unha peregrinaxe a Compostela percorreu tódalas terras galegas, poñendo orde na xustiza que, ao parecer, non andaba ben nelas' ".

Castelo de Luna, Alburquerque. Fonte: www.panoramio.com


Dous feitos interrompen a loita pola independencia do Reino de Galiza. O primeiro foi esa derrota do Infante Xoán en Badaxoz fronte a Sancho. A segunda, a guerra que lle declara a Sancho IV o infante portugués D. Afonso (irmán de Dinís), có apoio do magnate castelán Álvaro Nunes de Lara. Lembremos que a lexitimidade do Rei Sancho era cuestionada por diversas faccións, máis neste caso o Rei Dinís apoiará ó rei castelán, desconfiando das intencións do seu irmán Afonso -con quen xa estivera en guerra entre 1281 e 1282, por tentar "a criaçao de um potentado feudal hereditário junto á fronteira, no importante senhorío atribuído ao Infante por doação de seu pai Afonso III en 1270, das vilas de Portalegre, Marvão, Arronches e Vide".

Así pois, o Rei Denís de Portugal apoia agora a Sancho IV, desconfiando da intervención do seu irmán nos asuntos de Castela. O infante D. Xoán apoia a Denís e, polo tanto, ó seu irmán. Deste xeito, queda patente quen estaba detrás da operativa por devolverlle a Galiza o seu rango de reino: o Rei de Portugal. "O triunfo en Astorga e Arroches da entente Denis-Xoán-Sancho fronte a Afonso-Núñez de Lara establece as bases da paz momentánea entre Castela, Galiza e Portugal", sendo declarado o fiel aliado do Rei Denis, Xoán Afonso de Albuquerque, Adiantado Maior de Galiza.


A solución acordada ten cando menos dúas implicacións:
- convirte, de facto, a Galiza nun protectorado portugués: o representante da Coroa de Castela no Reino de Galiza é o man dereita do Rei de Portugal.
- comeza a facerse evidente o diferente grao de aspiracións soberanistas de Galiza fronte á posición tomada polos restantes territorios do Reino de León-Extremadura-Sevilla. Có tempo, estes territorios quedarán absorvidos definitivamente pola Coroa de Castela, mentras Galiza dende agora en máis de dous séculos tentará recuperar o seu carácter de Reino independente.


Continúa no capítulo V.