04/10/11

RESULTADO DA ENQUISA (2)

Desde este mes o meu fillo Anxo é novo socio da asociación GalegoLab (é o mellor xeito que se me ocorreu de facerlle chegar á asociación os euros do premio dos lectores do blog...). En canto á AGAL, este foi o pedido que acabo de facer na súa loja imperdível:


'Caracol e caracola' + 'Navega, caracol!'
(coido que Anxo vai ser o principal beneficiado do resultado da enquisa...)

'Som voltas' - Servando e Contradança


Por último, como xa indiquei ao propoñer a enquisa, a lista de asociacións e empresas que propuxen era ben curta en comparación coas moitas asociacións no país que traballan con sentido de país e conciencia social. Un exemplo é implicadas.com, organización galega sen ánimo de lucro que "basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable, entendendo a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, poida tomar decisións sobre as súas vidas". A elas adicaremos o noso vindeiro post. Deica entón.

03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?

13/09/11

RESULTADO DA ENQUISA

Feliz volta de vacacións, temos xa a enquisa 'doa 120 euros en galego' pechada. Ademáis de aproveitar para darlle as grazas a google por pecharnos o invento... estes son os resultados da enquisa:


80 euros para a asociación GalegoLab e 40 para a AGAL. Coido que o principal beneficiario vai ser Anxo: vai ser novo socio de GalegoLab a partir de outubro (e moitos máis que fan falta, por favor...) e hei de entrar na loja imperdível a ver que atopo para el por ahi (bueno, para o seu papá algo teño pensado xa, que o 'do ñ para o nh' xa hai tempo que o quería mercar).

Só un pensamento ao vento: 120 euros son nada en comparación cós 800.000 euros que os (xxxx) veñen de secuestrar, có obxectivo de darlle a puntilla a un sector editorial e unha lingua, a nosa, ambos en perigo. Necesitamos moitos 120 euros. Por favor.