Moitas cousas cambiaron en Pontevedra nos últimos tempos. De feito, se hai un governo nacionalista que vai xa pra 12 anos nunha vila tanto tempo domiñada socialmente polo "pijerío" -para algúns segue a ser a vila das corridas de toros e as "puestas de largo"-, será que moi mal non o farían. Algo arrogantes foron algunhas veces, todo hai que dicilo, razón pola que seguen a perder votos elección tras elección, máis tiveron moitos acertos recoñecidos e que fixeron de Pontevedra a única cidade de Galiza onde o nacionalismo governa sen interrupción por máis dunha década: a recuperación da Zona Vella, completamente degradada durante anos, a peonalización do centro urbán (contra a que cargaron todolos medios e representantes da dereita, e hoxe ante o pulo do comercio e do turismo que xenerou, calan coma... -iso sí, aínda lles queda a retahila de "es que ahora el tráfico está fatal" pra xustificárense-), a recuperación do río Lérez -falta ver qué pasa coa Celulosa na ría, aceptanse apostas-, etc.

Fonte: www.concellopontevedra.es
Todo iso levou a que Pontevedra é dende hai 10 anos a segunda vila de maior crecemento poboacional de entre as principais cidades galegas, só por detrás de Lugo. E, a diferencia da capital lucense, o seu pulo non se debe á absorción de poboación dos concellos rurais do entorno, senón que xunto as vilas colindantes de Marín ou Poio fai da comarca de Pontevedra o cuarto polo económico e poboacional de Galiza, só por detrás de Vigo, A Coruña e Santiago.
Pero imos ó conto. De entre as medidas máis acertadas dos últimos anos estivo a implantación da Feira Franca, evento que "se fundamenta no mercado libre de impostos que comezou a celebrarse en Pontevedra a partires do ano 1467, en virtude dun privilexio real concedido por Enrique IV, que autorizaba a celebración dunha feria que duraba quince días antes e quince despois do 24 de agosto, día de San Bartolomeu". A festa non está exenta de simboloxía nacionalista, xa que rememora os tempos de maior esplendor da burguesía galega, nun tempo no que "a documentación dos concellos de Santiago, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Ourense está case totalmente redactada en galego". Pero, a diferenza das festas sectarias dos touros e absolutamente rancias e vergoñentas de "puestas de largo" e demáis, que só reciben o interese dun sector da sociedade local, a Feira Franca conseguiu en apenas uns anos todo o interese da sociedade e ser orgullo dos lerezanos. Unha festa pra tódalas idades, pra celebrar nas rúas durante todo o día, xantando, asistindo a recreacións históricas, mercadillos, cetrería, etc.

Fonte: http://leovigildo.lacoctelera.net
E todo iso, no marco incomparable da Zona Monumental pontevedresa. I é que nos últimos anos, quen teña visitado por vez primeira Pontevedra descobriría sorprendido que conta coa maior e mellor conservada zona monumental de Galiza. Está claro que non conta con monumentos do renome dos nosos Patrimonios da Humanidade -Catedral de Santiago, Muralla de Lugo e Torre de Hércules-, máis as prazas e recunchos que poderedes atopar camiñando de vagar pola nosa vila son do máis fermoso do País. A este respecto, sinalar tamén que "a construción da Basílicia de Santa María ao longo do século XVI, impulsada pola poderosa Confraría do Corpo Santo, é a manifestación artística máis sobranceira daquela etapa de esplendor".

Fonte: www.colon-gallego.com
E se fermosas son as rúas da Boa Vila, moito máis no fin de semana da Feira Franca. O entorno pontevedrés é o esceario máis axeitado pra recrear o medievo, transportándonos por un día a aqueles tempos como non o consegue ningunha outra das -cada vez máis- festas medievais que se celebran en Galiza. Por iso, convidámosvos a visitar Pontevedra esta fin de semana do 4 e 5 de setembro -se vides disfrazados, moito mellor-, e para aqueles que non poidades vir, a vindeira semana faremos entrega dun novo artigo onde (se a climatoloxía -principal temor dos pontevedreses nestas datas. nolo permite) recolleremos algunhas estampas na nosa festa máis sentida.
(Toda a información que precisedes sobre a Feira Franca, en: http://feirafranca.info )