25/04/10

25 DE ABRIL SEMPRE!!




Segundo a cronologia da Revolução, ás 00:20 horas do 25 de abril de 1974 "é dada a senha definitiva, quando foi transmitida a leitura gravada da primeira estrofe da canção "Grândola, Vila Morena" de José Afonso, no programa independente Limite transmitido através da Rádio Renascença. A senha definitiva confirma o início simultâneo das operações em todo o País e comanda o avanço das forças sobre os seus objectivos".

O Estado Novo, réxime de Marcelo Caetano continuador da autarquia fascista do dictador Salazar, atopábase na década dos 70 isolado a nivel internacional, enfrontado ás vellas colonias portuguesas onde comezaran a xurdir movimentos independentistas, e contaba cun respaldo cada vez menor non só na rúa, senón entre as filas do propio exército tras destituir a António de Spínola como vice-chefe do Estado Maior das Forças Armadas.

Na madrugada do 25 de abril execútase de xeito concertado e simultáneo en todo o país o golpe de estado militar contra o governo dictatorial en Portugal. Tras varios comunicados, ás 8:45 horas da mañá emítese nos micrófonos da Emissora Nacional portuguesa o sexto comunicado do Movemento das Forças Armadas, responsable do golpe:
As Forças Armadas iniciaram uma série de acções com vista à libertação do País do regime que há longo tempo o domina. Nos seus comunicados, as Forças Armadas têm apelado para a não intervenção das forças policiais, com o objectivo de se evitar derramamento de sangue. Embora este desejo se mantenha firme, não se hesitará em responder, decidida e implacavelmente, a qualquer oposição que venha a manifestar-se. Consciente de que interpreta os verdadeiros sentimentos da nação, o movimento das Forças Armadas prosseguirá na sua acção libertadora e pede à população que se mantenha calma e que recolha às suas residências.
Viva Portugal!

Os defensores do réxime dictatorial agóchanse: nin un só home morreu por defendelo, nin un tiro é disparado na súa defensa. O cravo vermello tórnase símbolo da Revolução cando ao amanecer o povo e as tropas coinciden, hai vivas a Portugal e ao Exército, e a euforia desbórdase. 50 anos de dictatura véñense abaixo, mentras "uma florista, que levava cravos para um hotel, terá dado um cravo a um soldado, que o colocou no cano da espingarda. Outros o imitaram, enfiando cravos vermelhos nos canos das suas armas".

A revolução tem triunfado.




Revolução dos Cravos, pola TV francesa, parte 1 de 3
Fonte: http://arrastao.org/


Á Revolução seguiríana dous anos de incertidume e a proclamación dunha Constituição. 36 anos despois, Portugal segue inmerso nunha longa crise económica que se víu continuada no recente escenario internacional, así como nunha crise de identidade no actual contexto de globalización, que só a recuperación dun espíritu de unidade nacional como a do '25 de abril sempre!' pode proporcionar solucións.

Pero os tempos cambian, claro.


Máis info:

- Blog Arrastão, 'Imagens da Revolução'
- Wikipedia, 'Revolução dos Cravos'
- Monografias.com, 'A Revolução dos Cravos'

23/04/10

A CORUÑA, 1926

Hai cousa dun par de meses atopei esta xoia do tempo, un video de Barcelona desde un tranvía, ano 1908. Coido que foi nalgún dos blogs que sigo a diario, pero agora non lembro cal, así que vos deixo a ligazón do youtube.




Ocorréuseme entón procurar algún video similar de Galiza ou Portugal, un incunable videográfico que puidera ser interesante pro blog, pero non atopei nada interesante. A maior parte dos videos eran collages de fotografías antigas.


Onte asistín na facultade de informática da UdC á primeira destas charlas:

Xornada sobre a sociedade 2.0 Fonte: http://renovarobng.blogaliza.org


Na mesma facultade onde centos de rapaces se apuntan para un botellón no centro que deu que falar, na charla de Berto Yáñez -creador de chuza.gl e membro do equipo de anavallasuiza, entre outras- os asistentes non chegabamos á ducia. O primeiro que pensei foi que esta xuventude non se entera ou anda parva de todo. Pero logo lembrei que cando eu estudiaba na facultade de economía de Santiago era fiel devoto do santo botellón mércores, xoves e festas de guardar, mentras que se me preguntades dalgunha charla non obrigatoria á que asistin por vontade propia... pois agora mesmo non me ven ninguna. Asi que supoño que todo sigue como sempre e hai cousas que nunca cambian.

Ou si. Porque nun dos proxectos de anavallasuiza, flocos.tv -web de videos e curtametraxes galegas que funciona tamén como rede social para a xente do audiovisual galego- podemos atopar un dos videos documentais máis antigos que se teñen rodado en Galiza, concretamente na Coruña en 1926. Moi poucas cousas non mudaron na Coruña en case 100 anos (a Torre, claro, máis o edificio do Banco Pastor -no seu día o rañaceos máis alto de España- e algunha outra cousa tamén), o resto está case irrecoñecible, como Sada (min 3), Riazor (min 4:30) ou o porto, có mar chegando ata o mesmo pé dos edificios (min 16).

Asi pois, finalmente din coa xoia do tempo que andaba procurando. Comentou Berto que só se poden atopar dúas copias: a orixinal, e a que podemos visionar en flocos.tv. Así que non deixedes de premer na ligazón e desfrutar:

flocos.tv - 'tranvias de la coruña'

21/04/10

LECTURA EN POSITIVO DA ENQUISA DO IGE

Recentemente ten sido publicado unha enquisa sobre 'coñecemento e uso do galego' en Galiza por parte do Instituto Galego de Estatística, que vos animo a ler (é moi breve e intelixible para todo o mundo) se aínda non o fixestes.

Como calquera que viva neste país debería supoñer xa, os datos seguen a confirmar que o galego sofre unha verdadeira hemorraxia cuantitativa de falantes. O desánimo -ás veces cunha visión dramática de máis, coido eu- volve xurdir entre as filas galeguistas (podedes consultar os artigos e comentarios dos lectores nos blogs de Bouza e Baamonde) e a desorientación que provoca sobre qué medidas normalizadoras deberiamos promover para darlle a volta a esta situación é tal, que as receitas propostas por lingüistas como Mauro Fernández ou Henrique Monteagudo raian na capitulación, mentras Bouza cáseque non ve máis solución que a política, ou morrer.

Por iso, á vista dos datos coido que é momento máis que nunca de estarmos tranquilos, respirar fondo, non deixarse levar polo desánimo e menos aínda alentalo, e tentar ver a situación con realismo pero sabendo tamén facer unha lectura en positivo da enquisa para procurar novas estratexias a seguir ante unha situación que -non nos enganemos- para a nosa língua aínda non tocou fondo.

Estas son as miñas lecturas en positivo:

1.- Non fagamos como as avestruces, agochando a cabeza pra non ver a realidade: o galego é xa unha língua minoritaria no seu propio país. Os datos falan dun 56% de falantes só ou maioritariamente en galego, pero caendo máis dun 1% anual e coa distribución por idades que presenta

Distribución dos usos do galego por idade en 2008. Fonte: www.ige.eu

a estas alturas se o galego non é xa minoritario, seráo irremediablemente nos vindeiros anos, e a situación manterase así polo menos durante décadas, xa que só unha inversión radical da situación nos tramos máis novos de idade que compensasen porcentaxes do 52,9% de falantes íntegramente en galego entre os maiores de 65 anos permitirían compensar o efecto vexetativo de perda de falantes.

Como ese escenario é simplemente irreal, o futuro do galego pasa por evitar que, por ser xa minoritario na sociedade e manterse nesa situación durante longo tempo, non remate sendo unha lingua marxinal.

2.- Para evitar caer na marxinalidade, o galego debe atopar espazos de convivencia pública nunha sociedade bilingüe. Só un 20% dos galegos vive alleo á súa língua propia, e a situación non é moito peor nos tramos de futuro (un 25% entre a poboación de 14 a 50 anos). Se o 75% da xente moza non lle dá as costas ó galego -e moitos dos que non o falan nunca, probablemente non sexan todos nin moito menos contrarios á normalización lingüística-, evitar a marxinalidade do galego pasa por potenciar e facer ver as bondades dunha sociedade plurilingüe, incrementar a visibilidade do galego a nivel social -en moitos máis eidos que na escola-, potenciar a súa dimensión internacional a través do coñecemento do portugués e incrementar a percepción do galego como língua útil.

3.- Hai uns meses xa nos fixemos eco das verbas de Henrique Monteagudo no Ecolíngua, cando insistía en que "a grande perda na transmisión interxeracional do galego producíuse durante o franquismo. Coa chegada da democracia, foi suficiente con que a presión política e social contra o galego afrousaxe para que a perda na transmisión do galego se ralentizase. Porén, temos que ser conscientes: nos próximos anos percibiremos unha reducción do número de falantes de galego por un efecto simplemente demográfico". A enquisa do IGE -e as que virán- ven a confirmalo: entre os 14 e os 50 anos a presenza do galego é case idéntica, cun incremento na competencia e uso de ambas linguas e o estancamento do sector da poboación que vive só en castelán. E sen embargo, a porcentaxe total dos galegos que falan só ou maioritariamente en galego caeu 5 puntos -e seguirá caendo os vindeiros anos a ese ritmo- por razóns case exclusivamente demográficas.

4.- Case 47.000 persoas cambiaron o castelán polo galego nos últimos 5 anos. 20.000 máis mudaron á inversa, pero 4.000 falantes máis de castelán "netos" cada ano nun país de 3 millóns non é drama algún. Moito máis drama é -e moito máis medo mete a quen a saiba interpretar- a pirámide poboacional deste país: as-americas-2. O problemático do asunto é que a maior parte dos que mudan en favor do galego o fan por 'motivos persoais'

Persoas que cambiaron de língua en Galiza. Fonte: www.ige.eu


Segundo as miñas contas, e axustando por voto múltiple na enquisa, 21.000 persoas mudaron castelán por galego por motivos persoais. Pero esa cifra, ademáis de relativamente pequena, é cáseque idéntica ós que se pasan ó español porque me da la gana (unhas 20.500 segundo as miñas contas). É hora de abrir os ollos: a batalla da recuperación da lingua baseada en mensaxes de amor ó país, á cultura propia, ó galego porque é noso e é a língua propia do país non revertiron nin van revertir a situación. E moito menos a politización da língua. Nun contexto como o actual, unha clara maioría da poboación respeta e non lle ten desde logo aversión ó galego, pero non é razón suficiente pra mudar de língua da noite á mañá, e menos en contextos sociais onde facelo é pouco menos que unha ousadía. As tornas comezarán a mudar o día que o galego demostre que pode ser unha língua socialmente útil. Díxeno cen veces e direino cen veces máis se fai falla: fai máis pola normalización lingüística unha política económica axeitada que vinte normativas de 'porcentaxes mínimas' do galego no comercio ou nos medios de comunicación, que aínda por riba dan argumentos á 'imposición'. O galego ten que ser que ser útil, por exemplo, á hora de conseguir un posto de traballo. Dentro de 20 anos Brasil será a quinta potencia mundial, por se alguén precisa de máis pistas.

5.- Falando da imposición do galego, a que están esperando algúns políticos pra poñer estes datos enriba da mesa e pedir explicacións os que chegaron ó governo afirmando que "el castellano está en peligro en Galicia". O ensino non está a provocar mudanzas significativas, mentras que o dobre de persoas mudan a súa língua habitual do galego ó castelán por mor do seu traballo, cambio de residencia (do rural ás vilas, evidentemente) ou as novas amizades. Mentras o galego sexa marxinal en Vigo e A Coruña, motores económicos do país, a cousa seguirá estando moi difícil. E a situación nesas dúas vilas, advirto, non se vai invertir esixindo 'cupos' a ningún sector alleo ou contrario á nosa língua. Busquemos espazos de convivencia, e sobre todo, provoquemos que saia á rúa o galego agochado nos fogares dos barrios: o galego aínda mantén porcentaxes do 40-50% entre os que falan íntegramente en galego con pais, fillos, avós, amigos, etc. (por certo, realmente falamos menos en galego cós avós que cós fillos?? un dato abraiante) mentras en ámbitos profesionais a exclusividade en castelán supera o 30%, e probablemente de ter datos pras grandes vilas serían abafantes.

6.- Por último, e como resumo, esta xeración de xente moza foi educada en galego: o 60% declárase perfectamente competente en galego, máis do 70% dos menores de 30 anos aprenderon o galego na escola fronte ó 8% dos maiores de 50 anos, e recibiron máis do 50% das súas materias en galego (nin o decreto galegófobo debería conseguir que se baixase desa marca). O reto está en conseguir que esa xeración perciba que a língua na que foron educados vailles ser útil na sociedade na que viven. Tendo en conta que viven e vivirán nunha sociedade onde o galego é minoritario, comecemos por potenciar e facer ver as bondades dunha educacion plurilíngüe, a riqueza dun país con dúas línguas e a vantaxe comparativa e competitiva que esto supón, e finalmente, pero non menos importante, nun mundo cada vez máis globalizado, potenciar a utilidade do galego como ponte á cultura lusófona e como valor económico nas relacións cunha eurorrexión sen fronteiras e un Brasil (e, a menor escala, Angola) en claro apoxeo económico a nivel internacional.