17/12/09

AS AMÉRICAS (2)

(ven da primeira parte)


I.- A poboación de Galiza. Unha análise histórica:

Galiza leva 3 séculos perdendo peso específico no Estado por mor do seu minguante peso demográfico. Os primeiros datos dos que ten disposición o Instituto Nacional de Estatística, INE, datan do censo de Floridablanca de 1787, resumido no artigo da wikipedia Evolución demográfica moderna de España.

Daquela a 'provincia de Pontevedra' (entre comillas porque non existían as provincias) contaba coa maior densidade de poboación do Estado, 74 hab/km2:


As nacións históricas Galiza, Euskadi e Catalunya eran, xunto con Asturias, Cantabria e o Levante, as rexións con maior peso demográfico. Ó longo das décadas, fruto da emigración primeiro, e da crise demográfica máis adiante, Galiza irá perdendo peso específico no conxunto do Estado, como se pode apreciar na seguinte evolución:


En 1950 Galiza xa non encabeza a densidade poboacional do Estado.

E a partir de ahi a situación agravarase, xa que a variación da poboación galega será negativa entre 1950 e 2005, especialmente no interior, onde a provincia de Lugo perde máis do 20% da súa poboación entre 1950 e 1981:



Dando como resultado esta nova situación, do ano 2005, na que Galiza perdeu por completo o seu peso demográfico no Estado:


Un dato que pode ser de utilidade é facer unha comparanza entre a evolución da poboación en Galiza e en Catalunya: na primeira gráfica, Galiza tiña un 50% máis de poboación (representaba o 13% do Estado en 1787, fronte ó 8,5% de Catalunya). En 2009, Galiza 'pesa' no total do Estado aproximadamente un terzo de Catalunya (6% vs 16,8%).








Táboa 1. Evolución da poboación de España, Galiza e Catalunya, 1787-2009.
Fonte: elaboración propia con datos de http://www.ine.es/




E isto en termos demográficos, porque en termos económicos a situación é aínda peor. Só habería que comprobar os datos do PIB de Galiza e Catalunya para corroboralo.

Máis aínda, no que á poboación se refire, o proceso está lonxe de rematar. A pirámide poboacional de Galiza amosa que a situación está a tomar tintes dramáticos:

Gráfica 1. Pirámide de poboación galega, ano 2004. Fonte: http://www.imsersomayores.csic.es/

Coido que non son precisos comentarios. Sen impulso á natalidade, e cunha economía que non só é incapaz de atraer inmigración que palíe a dramática situación, senón que segue a exportar capital humano a outros territorios, Galiza leva camiño de reducir drásticamente a súa poboación nas vindeiras xeracións. Como se aprecia na gráfica, ó rango de idades entre os 25 e os 40 anos -cunha poboación para cada grupo de máis de 40.000 homes e mulleres- séguelle o grupo de idades entre os 0 e os 15, que apenas chega ós 10.000 nenos e nenas.

E non esquezamos que o envellecemento da nosa sociedade, amáis doutros efectos sociais, fará que a nosa economía sexa terribelmente improductiva.

(Continúa mañán coa terceira entrega)


1 comentário:

  1. a verdade sorpréndeme que non haxa comentarios sobre este tema. non sei se será porque asusta tanto pensar en como nos estamos inmolando como pobo que xa quedamos sen palabras...

    ResponderEliminar