16/12/09

AS AMÉRICAS (1)

'As Américas.
Análise da demografía e o emprego en Galiza'.


Ás Américas van os homes,
ás Américas pra gañar.
E as Américas aquí as teñen
os que queiran traballar.

Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas.

Balbino éravos un rapaz ben intelixente e observador. Cando seu irmán Miguel marchaba prás Américas, atendeu á rifa entre seu pai e o padriño sobre quen marchaba praló e quen quedaba na terra: "os nugalláns non se van, saben que en ningures choven moletes cocidos. O que traballan de máis os emigrantes axuda a medrar ós outros, e moitos son os que non fan cartos e non poden voltar. Pra morrer probe máis vale pechar os ollos onde un nace", dicía o padriño.

Cando Balbino cavilaba nesto, dábase conta do problema: "...vaise a xente que traballa, e o país queda cheo de vellos e nenos".

A historia non mudaría cós anos.

Memorias dun neno labrego, Xosé Neira Vilas. Ilustración de Isaac Díaz Pardo.
Fonte: www.prazadasletras.org/libros/memorias-dun-neno-labrego

Galiza vivíu a súa peor crise có andazo da emigración ás Américas nos séculos XIX e primeira metade do XX. Pero a partir da segunda metade do século XX, o drama da emigración tornouse no andazo da demografía en decadencia, con resultados para a economía do país moi semellantes: envellecemento da poboación, ausencia de relevo xeracional e fuga dos traballadores máis productivos -xente moza cualificada- a outras partes do Estado (nesta nova forma de emigración chamada 'movilidade do capital humano' que, curiosamente, segue a viaxar na mesma dirección).

Poderiamos dicir que se Balbino vivira hoxendía, o seu pensamento sería estoutro: "...vaise a xente xove cualificada, os nenos non queren nacer aquí, e o país queda cheo de vellos".

Coas palabras de Balbino en mente, adicaremos os próximos artigos de nosquedaportugal a unha análise sobre a evolución da demografía en Galiza nos últimos 2 séculos, así como a un estudo dos resultados obtidos polas políticas de emprego nos últimos 20 anos. Con esta análise pretendemos facer ver cómo Galiza leva séculos perdendo peso específico -demográfico, económico e político- no Estado por mor da nosa incapacidade para xerar emprego no país e medrar demográficamente ó ritmo do noso entorno.

1 comentário: