20/04/10

VOLTAMOS DE CONTADO

Fáiseme raro non ver o blog actualizado en máis de 3 días, é algo que tentei que non acontecera máis que cando collín pequenos recesos (nadal, semana santa...) pero últimamente os proxectos son tantos e por traballo e outros temas o tempo libre é tan pouco, que conseguiron recordarme que nosquedaportugal non é máis que un 'hobby' e cando non se pode, non se pode.

O parón tamén se leva notando un pouco nas visitas, todo apunta a que abril será un mes frouxiño, pero supoño que non é un caso único. Estase notando en moitas páxinas e blogs un pequeno parón, que non sei se achacar un pouco á saturación, levamos meses falando da crise, o desgoverno na Xunta, os ataques á lingua, as caixas, o sistema xudicial... e todo cansa. Non hai máis que ver os datos estatísticos do chuza, que leva un 2010 máis ben frouxiño:


páxinas descargadas e visitas únicas a www.chuza.gl
datos semanais desde o 1 de xaneiro de 2009
fonte: http://my8.statcounter.com


En calquer caso son moitas as cousas das que quero falar que espero permitan recuperar o pulo do blog nas vindeiras semanas, en primeiro lugar da recente enquisa do CIS sobre o galego que nos veu confirmar o que xa sabiamos, e malia iso semella que foi quen de reinstaurar a desesperanza entre as filas galeguistas. Ou rematar a nosa viaxe polo río Cávado, ensinarvos o video que grabei na fervenza do Ézaro, o aniversário da Revolução dos Cravos, que xa está a volta da vindeira semana, etc. etc.

Teremos tempo pra eses temas proximamente, pero hoxe non quixera perder a oportunidade de lembrar a situación pola que están a atravesar os dous traballadores gravemente feridos na factoría de Repsol na Coruña, agardar pola súa pronta melloría i enviar unha mensaxe de apoio e ánimo ás súas familias neste mal momento que están a pasar, especialmente a Jose Luis, compañeiro meu de traballo e a quen lle tocou sofrer esta desgraza moi de perto na súa familia. Moito ánimo.

14/04/10

BANDEIRAS

A semana pasada as relacións entre Galiza e Portugal eran portada nos informativos por mor desta noticia, supoño que coñecida por todos.


Protestas en Valença do Minho. Fonte: www.elpais.com


E un non pode deixar de pensar que van facer falla 100 blogs como nosquedaportugal e alemdominho a ver se así conseguimos que -cando menos nunha vila tan perto de nós como Valença, xa non pido máis- coñezan cáles son a bandeira e a língua, tan achegada á portuguesa, propias dese país veciño chamado Galiza que lle abre as portas ós seus servizos de urxencias.

12/04/10

A ÚLTIMA INTEGRACIÓN DE GALIZA E PORTUGAL

Non vaiades pensar que esquecin que hai xa máis de 6 meses deixei aparcado a serie de artigos 'La Coruña de toda la vida', sobre a historia de Galiza nos séculos XIII a XV.

Pasei uns meses documentándome coas obras -que aproveito pra recomendar- 'A memoria da Nación' de Camilo Nogueira, e 'Historia de Galicia' de Ramón Villares, para poder falarvos dun dos episodios máis significativos (e ocultados) da nosa historia, a reintegración de Galiza e Portugal baixo os reinados de Fernando I e o Duque de Lancaster. Pero agora o certo é que necesito folgos e tempo pra poñerme a elo... e os últimos meses, por cousas que agora non podo contar -pero contarei, todo ó seu tempo- non ando moi sobrado de ambas cousas.

Intentarei escribir sobre a reintegración galego-portuguesa no século XIV a partir de xuño, pero ata entón deixovos cun adianto: un video algúns dos feitos acontecidos a última vez que Galiza e Portugal se reunificaron... que non foi outra que na ficción de Air Galicia, claro:




Ou vos qué pensabades, ho?