30/03/10

VISITA Ó MAIOR ATENTADO ECOLÓXICO

'Interrumpo' brevemente a desconexión do blog para comentar que venres, sábado e domingo de Semana Santa, de 12 a 14 horas, é a única semana do ano na que hai días abondo para organizar unha visita ó maior atentado ecolóxico perpetrado na historia do noso país contra un río galego.

Fervenza do Ézaro. Fonte: costameiga.blogspot.com

Se todo vai ben alí estaremos esta fin de semana, i en breve faremos un artigo ó respecto. Simplemente quixen avisar por se alguén aínda está a tempo de facer plans para estas vacacións.

28/03/10

APRENDENDO PORTUGUÊS DESDE NENOS

Xa temos avogado en varias ocasións pola histórica oportunidade que para a nosa cultura e a nosa língua representa a conxunción de varios factores: a queda de fronteiras con Portugal, a eurorrexión que conformamos co norte luso, a emerxencia do Brasil como potencia internacional e a globalización das tecnoloxías da comunicación, con internet como principal ferramenta.

A cultura galega sofreu durante a maior parte do século XX un verdadeiro asoballamento da cultura en español motivado principalmente pola aparición dos medios de masas e a presión das autoridades, principalmente durante a dictadura franquista. O resultado foi o que todos coñecemos: unha sustitución lingüística xeralizada en todos os estratos da sociedade, algo que nin 3 séculos escuros foran quen de provocar.

Pois ben, no século XXI temos unha oportunidade histórica de invertir este proceso: este ten que ser o século da apertura do galego ó seu rexistro internacional.





Durante 4 anos non teremos galescolas, pero hoxendía non só podemos ter acceso a cantos medios en portugués queiramos, senón que tamén temos un xeito sinxelo e gratuito de lle ensinar galego ós nosos rapaces: internet.

Pocoyo é só un exemplo, hai moitas máis ferramentas. Pero hoxe queríalle prestar especial atención a este magnífico xeito de lle ensinar galego ás crianzas de 0 a 3 anos. En youtube podedes atopar ducias de videos de pocoyo en portugués, así como na súa versión en portugués do Brasil.





Tamén para os que temos xa máis aniños temos posibilidade de aprender portugués a través de internet. Un dos máis interesantes que temos atopado é 'português para nós', un curso multimedia de portugués online para galegos. Só tes que darte de alta facilitando apenas o teu nome e unha dirección de e-mail, e terás acceso a máis de 100 breves leccións de portugués para galegos, incluíndo audios e videos. Un xeito moi ameno de aprender o rexistro internacional da nosa língua.

Tomámonos unha semaniña de descanso. Vémonos á volta de vacacións, e todo apunta que será cun artigo sobre economía, xa supoñeredes por que. Que desfrutedes dos cursos de português ata entón!


(moitas grazas a Susana pola recomendación de Pocoyo e a María pola de 'português para nós')

25/03/10

RIO CÁVADO: GERÊS

- primeira parte: río Cávado
- segunda parte: Montalegre

Non se me ocorre mellor xeito de principiar esta etapa da nosa viaxe polo río Cávado que dicindo que chegamos probablemente ó entorno natural de maior beleza en Portugal, cando menos que eu coñeza. A todos os lectores que aínda non se achegaran á Serra do Gerês, o canón do río de Vila da Ponte á Caniçada, e o entorno da Barragem da Caniçada, dicirlles que a 150 km de Vigo e 95 de Ourense atópase un espectáculo natural tal, que ningunha fotografía que vos poida mostrar lle pode facer xustiza.

A vila de Gerês en primeiro termo, e a Albufeira da Caniçada ó fondo,
vistas desde a Serra do Gerês. Fonte propia.


Principiamos a terceira etapa polo Cávado na Albufeira da Venda Nova, un dos múltiples encoros no curso alto do río, bordeando o Parque Nacional da Peneda - Gerês. Único Parque Nacional de Portugal, no Gerês "tratava-se de conservar solos, águas, a flora e a fauna, assim como preservar a paisagem nessa vasta região montanhosa do noroeste português".

Albufeira da Venda Nova, a Serra do Gerês ó fondo.


Na páxina oficial do Parque (http://portal.icnb.pt/ICNPortal/vPT2007-AP-Geres) tedes acceso a unha ampla información sobre a riqueza non só paisaxística, senón de flora (máis de 600 especies vexetais, moitas delas protexidas) e fauna, entre elas máis de 200 especies de vertebrados protexidos (troitas, anguías, morcegos, salamandras, águias, mouchos, esquíos, corzos...). 70 delas son especies ameazadas.

O canón do río Cávado ó seu paso polo Gerês. Fonte propia.


Percorrendo a estrada N-103 en dirección a Braga contemplamos unhas vistas magníficas tanto do canón do río como dos montes que atravesa. Finalmente, o espectáculo é abraiante ó chegar á Caniçada, coas súas dúas pontes cruzando o encoro.

Vista da Barragem da Caniçada, só unha das pontes aparece visíble.
Fonte propia.

Non moi lonxe de alí, un pouco máis ó norte transcorría a Geira ou Vía Nova Romana que ligaba Braga e Astorga, da que aínda se conservan treitos e desde a que se poden tirar vistas coma estoutra.

Panorâmica da Albufeira da Caniçada, Vila do Gerês, Terras de Bouro.
Fonte: pt.wikipedia.org


Finalmente, non podemos deixar de desviarnos un intre do curso do Cávado pra adentrarnos na Serra en dirección á Galiza, pola estrada que une a vila de Gerês coas terras de Entrimo. A zona entre a Caniçada e a vila do Gerês está ateigada de hoteis rurais e apartamentos pra quen queira achegarse uns días a disfrutar do entorno. Incluso diría que ten un certo aquel cos Alpes, pra aqueles que os coñezan.

Deixada atrás a vila de Gerês -a, por así dicilo, capital da comarca- entramos de cheo no parque, no que non collemos ningunha das rutas pedestres, pero coido que só con estas tres fotografías a pé de estrada que vos deixo a continuación vos quedará constancia de que paga moito a pena a visita.

Precioso polo día... pero aqui non quedo eu só pola noite nin de coña.
Fonte propia.

Fervenza neste punto. Fonte propia.

E pechamos o artigo como o abrimos, coas maravillosas vistas.
Fonte propia.


Non deixedes de ir!!