31/07/09

NON SOMOS OS ÚNICOS

Afortunadamente, non somos os únicos que vemos en Brasil, Portugal e o portugués unha chave para o futuro de Galiza e o galego. Como mostra, dous botóns.

Os primeiros son recén chegados, e quitaranlle a máis de un a idea de que o lusismo "es cosa de radicales del bloque". Entendendo por radical, claro, a todo quisqui que non pense como eles. O segundo é un dos grandes escritores e pensadores na nosa lingua, e xa hai moito que ven dicindo o que propoñemos modestamente dende este blog.


1.- Converxencia XXI: Tentan ser un xerme dun partido nacionalista de dereitas (outro máis, a ver cómo lles vai). Pero cando menos teñen o valor de ser xente xove que se arreda do españolismo do pepé para propor unha visión en clave nacionalista.

O que nos interesa: defenden "un achegamento ortográfico do galego ao portugués. Este é un debate que ten que ser desdramatizado e feito desde formulacións que pensen no mellor para o idioma e para os seus usuarios, e non para as cúpulas do PP e o PSOE nas rúas Genova e Ferraz de Madrid e outros intereses alleos á cidadanía e ás empresas galegas. O idioma produce riqueza, o español contribúe mais ao PIB de España que o turismo, nós, ademais do español tamén falamos a lingua do Brasil, Angola, Mozambique, Macau, etc. É mais, a lingua de todos eses lugares naceu no noso territorio e forma parte do noso patrimonio; seria un desperdicio moi grave continuar botando todos os días ese activo tan valioso ao lixo. O portugués non é outra cousa que o galego cultivado. Como galegos temos que lle dar á nosa lingua o tratamento de lingua latina culta e non de variante ortográfica do español. A actual ortografía do galego, na que está escrito este texto, é unha escrita puramente fonetista de quen estaba alfabetizado en español".

Podedes atopar máis información sobre esta nova organización na súa web http://www.converxencia.eu/ ou na recente entrevista en A Peneira Dixital.


2.- Suso de Toro. Coa súa maestría, debullou nun só artigo o que nós tentamos facer entender neste blog: que se Portugal fose Alemaña, "gallego el último". E ademáis, xa o ven dicindo dende o ano 2007, cando menos.

Do artigo -publicado no xornal El Pais (en castelán) a raiz da polémica acontecida por teren levado a Estremadura un organismo de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal-, resumimos algúns extractos a continuación:


Que quere Galicia de Portugal?

E que Portugal de Galicia. Portugal e Galicia mantemos relacións á galega: si pero non. E por confusas son frustrantes. Na nosa imaxinación segue habendo aduanas, garda civil e guardinhas. O noso pensamento é reaccionario, vive case trinta anos atrasado: xa non hai fronteiras, nin pesetas e escudos senón euros, non hai dous espazos senón un e a raia que separa as manchas non existe.

Actuamos ignorando a Portugal porque temos a imaxinación colonizada (polo) nacionalismo español? Si. Pero tamén explícano as relacións de poder, o máis forte, o máis rico sempre lle coloca por riba do máis feble ou máis pobre. Portugal sempre estivo economicamente por detrás de España, e así, os galegos, a pesar de estar postergados en España en case todo, puidéronse e pódense sentir por riba dos portugueses. Recoñezámolo: gostanos sentirnos superiores, máis ricos, máis modernos que os nosos veciños. Os galegos somos os penúltimos dos españois, pero ollamos por riba do ombro aos portugueses, grazas a que non temos memoria e á nosa ignorancia.

Grazas a que non temos memoria, porque o atraso económico portugués non é tan distinto do noso, só lles levamos uns anos de adianto no atraso. Tamén esquecemos como nos viron sempre os demais: o novelista e diplomático Palacio Valdés lle dicía a un portugués, "crense vostedes ingleses e non son máis que galegos". Pero, que ninguén o dubide, se Portugal tivese a riqueza, poder, prestixio de Francia aquí todo quisque falaría portugués con sotaque lisboeta. Gallego el último!

E ignoramos a Portugal tamén por ignorancia: a da nosa historia. Un continuo histórico que, con loitas dinásticas por medio, chegou ata o século XV en que Galicia, a Galiza, "domada e castrada", quedou xunguida a unha coroa radicada no centro peninsular. Aínda así compartimos un espazo lingüístico. Os portugueses mozarabizaron a lingua falandoa á maneira do sur peninsular, lingüisticamente son os nosos andaluces, dando lugar ao mesmo paradoxo dun santanderino en Cádiz: costa entendelos. Pero as nosas palabras, levadas por eles polo mundo, recoñecémolas facilmente nesa potencia en marcha que é Brasil, alí florece o galego, e sorprende idéntica fala en Angola e Mozambique. Só un país tolo desprezaría esa riqueza, ese patrimonio lingüístico. Galicia faino. Pola súa ignorancia e prexuízos, por unha ideoloxía nacionalista dun Estado uniformizador e centralista.

A única saída de Galicia é aceptar o mapa, a realidade e construír a nosa eurorrexión, erguida sobre o reencontro sen prexuízos. E se non é así, non nos queixemos tanto pois temos o que merecemos. Estremadura non ten vergonza nin complexo en aprender a falar portugués: merecen ser sede dese organismo transfronteirizo. É triste, pero nós non. A merecelo.



Podedes seguir ademáis no día a día ao autor galego no seu blog, http://susodetoro.blogaliza.org/.

29/07/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (3ª PARTE)

No capítulo II viamos cómo foi que Galiza perdeu a súa independencia por primeira vez en séculos. Neste terceiro capítulo, veremos que a parte galegofalante do sur do Miño correría unha sorte moi distinta.

Pero para explicar por qué Galiza e Portugal non son hoxe unha mesma nazón... teremos que explicar primeiro como é que a Reconquista da Iberia por parte dos pobos cristiáns deu lugar a dous países distintos na franxa galegogalante. Isto é, como é que existe Portugal.


Tres son os episodios que definen o nacemento e consolidación da identidade portuguesa:

1.- O Condado Portucalense e a súa transformación en Reino de Portugal no ano 1139 tra-la victoria na batalla de Ourique, no Alentejo, na que Afonso Henriques derrota ao exército moro e se declara primeiro rei do Reino de Portugal, Afonso I.

2.- Porén, non podería falarse dunha toma de conciencia da nacionalidade portuguesa ata o Rei D. Dinís, o equivalente -e coetáneo- ao Rei Afonso X O Sabio en Castela. Denís ou Dinís, fillo de Afonso III de Portugal, é unha das figuras máis notables da historia portuguesa: chegados ao Algarve e rematado así o espazo de reconquista posible para Portugal, madurou a conciencia nacional do país, fundou a Universidade de Coimbra e fixo da lingua galego-portuguesa sinal de identidade nacional. Non por nada presúmese que foi o primeiro rei portugués non analfabeto.




3.- A dinastía Afonsina verase extinguida na persoa de Fernando I, Rei de Galiza e Portugal, na segunda metade do século XIV. A guerra de sucesión en Portugal e os continuos intentos de independizarse da Coroa de Castela por parte do Reino de Galiza enfrontará a Castela fronte a Portugal, Galiza e Inglaterra. A batalla decisiva, que consolida a Portugal como Reino independente na Península Ibérica, data do ano 1385 na célebre batalla da Aljubarrota.





O destacable é que os tres episodios son claves non só na historia de Portugal, senón tamén na de Galiza:

1. A transformación de Portugal en reino deixa ó Reino de Galiza encaixonado entre os Reinos de Castela e Portugal, sen máis posibilidade de expansión que a franxa de Extremadura a través do Reino de León. É moi probable que a perda de influencia a partir de entón do reino máis poderoso na península na Alta Idade Media se deba precisamente a este feito. Cando a unión de Castela e León deixa ó Reino de Galiza fora de xogo, a nobleza galaica tentará de reorientar o seu espazo político cara a Portugal en multitude de ocasións ao longo de 2 séculos.

3. Os acontecementos da segunda metade do século XIV son para min sen dúbida os máis apaixonantes de toda esta época. Por desgraza, son tamén os que determinarán a sorte que correrá Galiza a partir do século XV en diante. Mentras para Portugal significan a súa consolidación como reino peninsular nunha nova liñaxe (a dinastía Avis, de sangue galega), para Galiza significan a extinción do poder desa mesma liñaxe -os De Castro, herdeiros do Rei García de Galicia- e a súa definitiva integración en Castela como reino "rebelde".

Escudo da familia Castro.
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Familia_Castro



2.- Deixamos para o final o punto 2 porque é o que enlazará co noso seguinte capítulo. Xa que é precisamente o Rei Dinís, figura esencial na consolidación da identidade nacional portuguesa, quen respalda a finais do século XIII a tentativa da nobleza galega de reinstaurar o Reino de Galiza. Algo que se acadaría en 1296.


Verémolo no capítulo IV.

28/07/09

MAMASUNCIÓN

Eu en cinema brasileiro e portugués non vos ando tan posto como poida estalo noutras lides, así que namentras me poño ó día, imos principiar pola xoia da coroa da nosa (pequena) filmografía en galego. A curtametraxe Mamasunción (1984).

Se tes 18 minutos (non dura máis), e aínda non viches a pequena grande obra do noso malogrado Chano Piñeiro, polo teu ben non deixes de ver este emocionado retrato da emigración galega no século XX. E se xa a viches, seguro que non queres perder a oportunidade de vela de novo.


Parte I:




Contan na wikipedia que a TVG abriu a súa primeira emisión con Mamasunción. A min colleume algo novo, pero aínda así lembro aquel día. E o que lembro (ai, a memoria, qué selectiva é!!) é que todo o mundo andaba como tolos por ver a JR falando galego...


Segunda e última parte:




Se despois de rematar de vela non te emocionou... ti non es deste mundo!!