12/09/10

DEMASIADO GRANDES PARA CAER?

Ese era o título do artigo que Xornal de Galicia publicou o pasado venres como 'Caixa Breogán' na súa edición impresa, e como 'Sistema financeiro e Caixa Breogán'. Son los problemas del directo.


O pasado 2 de setembro o Presidente da Reserva Federal declaraba as concentracións bancarias en entidades 'demasiado grandes para caer' como o principal erro da regulación económica nos últimos anos. Declaracións que non fan senón evidenciar que detrás da estratexia do Banco de España de concentrar e privatizar as caixas de aforro non está a lóxica económica, senón pura e dura ideoloxía neoliberal. A mesma que nos meteu neste 'fregao'.

10/09/10

O FUTURO DA PRENSA

Nun momento no que o peche da edición impresa de 'A Nosa Terra' provocou tantas mostras de preocupación, lemos no Xornal esta noticia: 'The New York Times prepárase para abandonar a edición impresa e cobrar en internet'.

Internet está a mudar a face do Planeta cara un mundo que aínda non sabemos moi ben como vai ser. E entre outros, quen máis está a sentir esta mudanza é a prensa. Moitos nese sector están a darlle voltas os miolos para atopar unha solución a unha situación insostible: pretender que sexa un negocio sostible cobrar pola edición en papel cando en internet podemos ter o mesmo gratuitamente.

O principal xornal do mundo apunta por onde poden ir os tiros, e eu francamente creo que será o futuro da prensa: os xornais serán dixitais, e cobrarán (pode que non todos, ou pode que os principais só por algúns contidos) por esa edición, mentras quen queira ler o xornal 'en papel', terá como alternativa as novas tecnoloxías de lectura en papel electrónico.

07/09/10

GALICIA É O GALEGO


Apoiamos o texto deste manifesto a prol dos medios de comunicación en galego:


Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.


Podedes asinar aqui: www.osmediosengalegoimportan.com

Agradécese a difusión do manifesto na rede.

(Vía Brétemas)