20/01/10

COMENTARIOS NO BLOG

Só mencionar que os 'amos do blogspot' están tentando arranxar un problema que polo visto é xeral coa aplicación que vedes á dereita, "comentarios dos lectores", que é un resumo dos últimos comentarios que tedes feito no blog, e que leva semanas sen funcionar. Simplemente que saibades que non só os comentarios a pé de artigos funcionan perfectamente e son por suposto publicados, senón que son moi ben recibidos. Agradécese saber que estades ahi e que o blog interesa. En canto a aplicación que non funciona, esperemos que sexa arranxado moi cedo, pero non ten nada que ver coa miña total e máis que probada incompetencia en materia informática...

Falando de informática, os amigos Charlie e Tacho (editor do blog, que desde eiqui recomendamos, 'A fiestra de Masoucos') axudaronme a instalar a semana pasada o google analytics en nosquedaportugal e alemdominho, ferramenta do demo que me permite saber todo o que facedes cando visitades os blogs, cando entrades, por onde entrades, qué visitades, canto tempo vos quedades de visita, etc etc. Así, agora sei polos rexistros de só unha semana que o blog alemdominho recibe na súa maioría visitas desde Portugal (poucas, sí, pero que para eso está!!), e nosquedaportugal por suposto maioritariamente de Galiza, pero tamén chegan visitas dende sitios tan diversos como Madrid, Funchal, Londres, Praga, Dublin, Luxemburgo, USA, Brasil... Máis de un seguro que se perdeu no ciberespacio para acabar dando en nosquedaportugal, non digo que non... pero grazas por visitar!!

Algún día adicarei un post ós datos do google analytics porque de verdade que son moi interesantes. Xa hai moitos que din que Google estase a converter nun 'big brother' a escala mundial, e falan moi en serio...

19/01/10

NEVARADA NO RIBEIRO

O domingo 10 de xaneiro fomos de excursión a Ribadavia e a súa comarca do Ribeiro. A idea é ir recopilando material fotográfico e información para unha serie de artigos que teño en mente publicar cara o verán, antes da Festa da Istoria e a Feira Franca pontevedresa, acerca do momento conxunto de esplendor destas dúas vilas galegas, nos séculos XV e XVI.

Pontevedra foi naquel momento a vila máis rica e poboada de Galiza, e foino grazas á exportación a Europa da sardiña das nosas costas e, sobre todo, ó viño do Ribeiro, moi apreciado daquela en países coma Inglaterra. Viño que se producía na antigua capital do Reino de Galiza, o Burgo in Rippa Avie, e a súa comarca. Pontevedra e Ribadavia viviron conxuntamente os seus anos de grandeza, o último momento de esplendor de Galiza antes de caer nos Séculos Escuros, non só lingüísticos máis tamén económicos e políticos.

Mais, ó pouco de chegar a Ribadavia...

Ás dúas da tarde comezan a caer flocos de neve en Ribadavia. Fonte propia.


Veunos enriba a grande nevarada da semana pasada. Os veciños do lugar non recordaban algo así desde hai máis de 30 anos.


Pazos do Arenteiro e río Navia. Fonte propia.


Tempo teremos máis adiante de falar de Pontevedra e Ribadavia, Feira Franca e Festa da Istoria. Hoxe déixovos con algunhas fotos da grande nevarada no Ribeiro a semana pasada.

Comarca do Ribeiro, á altura de Eirado. Fonte Propia

Beade, Ourense. Fonte propia.


Cruceiro en San Clodio. Fonte propia.

Mosteiro de San Clodio. Fonte propia.


Tranquilos. Cheghamos ben a casa!!

17/01/10

BASÍLICA SUEVA DE DUME E SÃO MARTINHO

(continuación do artigo do pasado mércores 'De Correctione Rusticorum' sobre São Martinho de Braga)

Có libro de Ramón Villares 'Historia de Galicia' na mán, este pasado Nadal baixamos á 'freguesía' de Dume, en Braga, có obxectivo de dar cos vestixios da Basílica Sueva de São Martinho.

Chegamos a Braga pola autoestrada IP1 Porto-Valença, e a pouco de atravesar o Río Cávado (o mesmo que transcorre paseniño e maxestuoso por Barcelos, sabedor de que pouco lle falta xa para morrer bicando Esposende) tomamos a saída norte de Braga.



Ver mapa más grande


A freguesía de Dume atópase ó norte da antiga capital do Reino de Gallaecia, a carón do Estadio Municipal de fútbol. Xusto á altura do estadio, uns carteis avisan que estamos chegando a Dume, onde poderemos admirar unhas ruinas históricas e un conxunto patrimonio arqueolóxico.

Será o último cartel que atoparedes indicando nada. Logo arréghlatelas miniño.



Ver São Martinho de Dume en un mapa más grande


O certo é que as ruinas da antiga Basílica e Mosteiro suevos non están moi lonxe de aqui, apenas a 500 metros do Estadio en pleno centro da freguesía de Dume. Pero sen cartel algún indicando, e ante o total descoñecimento dos paisanos (ruinas?; mais aqui não hai ruinas; isto é São Martinho, sim; eu não conheço, desculpe...) tornouse ben complicado.

Estatua de São Martinho de Dume, Braga. Fonte propia.


Porque dar coa estatua de São Martinho é ben sinxelo: está ó pé da estrada en pleno centro da vila. Pero descubrir que alí mesmo, na igrexa e camposanto que está diante da homenaxe ó santo, agóchanse as ruinas que andábamos a procurar, levounos como unha horiña...

Aparcamos xunto ó camposanto (que percorremos enteiriño á procura dalgunha pista...), ata que uns pequenos restos á dereita da porta da igrexa confirmounos que estabamos no bó camiño. Máis á dereita, un local máis moderno locía na súa entrada o cartel definitivo: Núcleo Museológico de São Martinho de Dume

Igreja de Dume, ruinas da Basílica e Mosteiro Suevos, e Núcleo Museológico
de São Martinho de Dume (á dereita na foto). Fonte propia.



Un sabado pola tarde (e máis se é o dia seguinte ó día de nadal) non soe ser o momento máis propicio pra atopar abertas as portas dun museo deste tipo. Mais desta volta tivemos sorte: a muller encargada de abrir o museo chegaba nese preciso instante.


E neste punto tivo lugar o momento máis divertido da viaxe: a encargada do museo non daba crédito!

Explicounos que eramos case os únicos visitantes en moito tempo dun museo que, a estas alturas, aínda que aberto xa ó publico está en construcción. O remate estaba previsto xa para hai anos, pero o certo é que (agora parece que xa por fin sí) non estará definitivamente concluido ata finais deste ano.

Tivo a amabilidade de nos mostrar as instalacións dun museo que, polo de agora, está case totalmente baleiro, así como sinalarnos o pasadizo soterráneo -aínda non transitable polos visitantes- que conduce ás ruinas da basílica sueva, que "localizam-se sob a actual igreja paroquial, no centro da freguesia, marcando a sacralidade do lugar desde há mais de 1500 anos", segundo indican no libro "A Basílica Sueva de Dume e o Túmulo dito de São Martinho" que alí mesmo se pode adquirir. Efectivamente, o museo aínda está en proceso de apertura, pero a tenda funciona sen problema!!

Iso sí, a peza máis importante e de maior valor histórico e artístico está xa no museo e pódese visitar:

'Túmulo Dito' de São Martinho, museo de Dume. Fonte propia.


"En 1103 regista-se a devolução de Dume á diocese de Braga, na qual se integra já não como bispado-mosteiro, mas sim como paróquia. É neste periodo, finais do século XI e inicios do XII, que se produz uma das mais notáveis peças de escultura funerária pré-românica do actual território português: o túmulo dito de São Martinho de Dume".

O sartego foi retirado da igrexa en 1919, e circulou por dependencias diversas ata que en 2006 principiou a construcción do museo actual, para albergar definitivamente o Túmulo. "Constituído por duas peças de calcário (pedra de Ançã): uma arca tumular con cavidade antropomórfica, com o lateral direito decorado em baixo-relevo; e uma tampa ligeiramente trapezoidal, com a face superior também decorada em baixo-relevo".


Iso sí, a empregada do museo non puido reprimir a súa dúbida, e preguntounos: "como é que voçés conhecíam o museio? Ninguem em Dume o conheçe!". Abofé que o puidemos comprobar, lle dixemos!!



(a finais deste ano agardamos a apertura completa do museo, momento no que poderemos visitar as ruinas da Basílica Sueva, o antigo Mosteiro, restos dunhas antiguas termas e necrópole da Alta Idade Media. Entón agardaremos podervos ofrecer novamente un artigo sobre o conxunto histórico que, en calquer caso, paga a pena igualmente visitar se vos achegades a Braga).