17/07/09

CATRO LIÑAS EN INGLÉS

Catro liñas en inglés (para os que saibades inglés), ligadas no blog do Nobel de Economía Paul Krugman. Unha idea moi simple, resumida en catro liñas, explicando por qué as políticas económicas monetarias son aceptadas pola dereita e sen embargo as políticas fiscais (máis peso do sector público) non, e deberían, claro.

16/07/09

CONVERSAS GALEGAS NA CORUÑA

Para os que vivides (vivimos) na Coruña, dende hai uns meses todos os sábados no bar Mathews lévanse a cabo "conversas en galego" para todos os que se queiran achegar por ali. Tedes máis información en http://www.conversasgalegas.blogspot.com

E por suposto, animar a que xente doutras vilas galegas se apunten a facer o mesmo. O futuro da nosa lingua está en cada un de nós.

15/07/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (1ª PARTE)

Hoxe iniciamos unha serie de artigos que durante as vindeiras semanas pretenderán resumir a Historia en común de Galiza e Portugal durante a Idade Media até o século XV. Unha época na que ambos pobos compartiron lingua, reis, identidade, destino e obxectivos comúns, e polos que loitaron durante máis de 250 anos até que finalmente tomaron camiños moi distintos. Unha serie de artigos que para algúns lectores non aportará moito de novo, pero só porque xa antes se esforzaron en coñecer da nosa Historia pola súa conta, porque á maioría lle provocará máis dunha sorpresa xa que na "educación libre" do Estado Español coidánse ben de obviala por ser un "episodio perdido de la época feudal".

Este ensaio podería terse titulado "A Historia en común de Galiza e Portugal", ou "Os reis galegoportugueses", por exemplo, máis o título escollido con toda a retranca tentará deixar en evidencia aos que aínda hoxe pretenden soterrar o noso pasado afirmando que o castelán é tan idioma propio da Galiza como o galego e que se llama La Coruña de toda la vida, porque quereis ahora "quitarle la ele"?. Chamaríalles panda de analfabetos se non fora porque precisamente o que pretenden é "pasarse de listos".

Bandeira do Reino de Galiza
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Reino_de_Galicia

O periodo que vai centrar os vindeiros capítulos abarca os anos 1230 a 1486. Son os anos da resistencia do Reino de Galiza a pasar a depender de Toledo, e apostando en repetidas ocasións pola unión co Reino de Portugal. 250 anos de sucesivas e constantes loitas con remate na Doma y castración del Reino de Galicia por parte dos Reis Católicos.

Mapa político do noroeste da Península Ibérica a finais do século XI.
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Europe-south-west-kingdoms.png.


Por iso, vou cáseque a pasar por alto a que precisamente é a época de maior gloria da nosa Historia e da nosa Lingua: os anos do Reino de Galiza dende o século IX, do Camiño de Santiago, de Xelmírez e do esplendor lírica medieval galego-portuguesa a nivel internacional. O máis interesados podedes como sempre comezar por ler na Wikipedia o artigo Historia de Galiza na Idade Media e investigar a partir de ahi.

Como este blog non remata eiqui, teremos tempo de voltar máis adiante sobre ela, pero agora tomaremos como punto de partida o ano 1230, cando falece Afonso IX e o seu fillo Fernando III, rei de Castela, non respeta o testamento do pai e loita por integrar o Reino de Galiza á Castela.

No vindeiro capítulo.