Coido que é cando menos a segunda vez que teño que adiar o artigo que lle quero adicar a un dos temas imprescindibeis da bossa, 'desafinado', pero desta volta é por causa de forza maior.
A semana pasada era ben difícil non atopar un xornal, blog ou calquer medio carioca que non fixera referencia ó pasamento de Johnny Alf, músico e compositor brasileiro, considerado por moitos precursor da bossa nova.
Nacido en Rio en 1929, desde a adolescencia tomou interese polo jazz e a música do cinema americano, tomando influencias de músicos como Cole Porter. Foi desa mistura de tendencias e intereses musicais de onde, en 1953, xurdiría a composición 'Rapaz de Bem', incluido no album do 55 'Johnny Alf', e que está considerado o tema que abríu camiño ó estilo musical que máis fama ten aportado a Brasil.
Da mesma época é outro dos seus temas precursores, 'Ceu e mar', que eiqui podemos desfrutar na interpretación de dous grandes da música popular brasileira, Elis Regina e Tom Jobim:
Alfredo Jose da Silva, Johnny Alf, finou o xoves da semana pasada en São Paulo por mor dun cancro. Déixanos a súa música pra desfrute de todos.
-------------------------
Máis información:
- Wikipedia: http://pt.wikipedia.org/wiki/Johnny_Alf
- Discografía: http://www.sombras.com.br/johnnyalf
- Morre Johnny Alf: www.estadao.com.br/morre-johnny-alf
