10/05/10

CREANDO REDES: LINGUA, AVE, PORTOS E AEROPORTOS

(Terceira e última parte da nosa conversa có Secretario Xeral do Eixo Atlântico.
Podedes consultar aqui a primeira e a segunda partes da entrevista)



C: Falabamos do AVE Porto – Vigo, cal é a situación agora mesmo?

X: O retraso que anunciaron as autoridades portuguesas este ano é o retraso que xa coñecíamos e que ninguén quixo asumir. A comezos do ano pasado fixen unhas declaracións no Correo Galego que saíron en primeira páxina, donde dicía que o AVE estará en 2015 si ou si. E o dixen simplemente porque foi o que dixo a Secretaria de Estado portuguesa no Parlamento de Lisboa. Como Touriño dixera 2013 estaban cabreadísimos, me mandaron mensaxes e tal. Pero se en Portugal xa se sabía que vai estar o 2015, por qué aqui se empeñan en dicir 2013?

Polo tanto o único que fixeron foi poñer por primeira vez por escrito no PEC, o Plan de Estabilidade e Crecemento, a data do 2015. O tema vai i é irreversible porque nunha reunión hai anos coa vicepresidenta da Comisión Europea, Loyola de Palacio, conseguimos que a liña de alta velocidade da Eurorrexión entrara nas liñas prioritarias europeas; por eso Europa está aceptando retrasos sen afectar ós fondos, alo menos ata certo punto. Polo tanto, vaise facer, haberá fondos e Europa aguantará (ata certo punto). Entón de que depende o asunto? Básicamente deste problema ó chegar á fronteira:

Alternativas ó trazado do AVE Porto - Vigo.
Fonte propia



A liña actual de Vigo a Porto vai pola costa, por Viana, a versión cutre do Shangai Express que pra facer 150 km bota 3 horas, un tren ó día. Pero Porto ten unha liña nova de boas prestacións ata Braga, e ten o Alfa Pendular que logo sigue a Lisboa a velocidades de 185 km hora. Por que tarda case 3 horas pra facer 300 km? Porque a mesma liña a comparte con rexionales e mercadorías. Pensan facer un desdoblamento da liña, pero vanno deixar para a última fase porque teñen xa unha (nunhas condicións que non son óptimas pero son suficientes, porque en 3 horas vas de Porto a Lisboa, mentras o avión entre que vas ó aeroporto e tal che leva máis de 2 horas). Entre Porto e Braga a liña tamén existe, só teñen que convertila en alta velocidade.

Pero entre Vigo e Braga non hai nada. Absolutamente nada, non existe liña. Polo tanto para nós esa é a prioridade. Agora mesmo válenos calquer cousa que conecte Vigo con Braga, porque ainda que os trens viaxaran a 100 km hora ata Braga, que é ridículo, chegaríamos a Porto nunha hora. Entón o problema está ó chegar a Valença. O governo portugués ten que convencer á súa cidadanía do AVE, porque houbo unhas voces bastante demagóxicas, entre elas a do principal partido da oposición...

C: E agora como están con estes ataques especulativos a moeda...

X: Xusto. E provocaron na xente ese temor de dicir “cómo imos gastar diñeiro se non o temos?”. Precisamente, agora é cando temos que facer investimento productivo para sair da crise!!

Ademáis está o discurso centralista de Lisboa. Portugal é un país tremendamente centralista, onde Lisboa acumula un ratio de poder económico e político que non se da en ningún país de Europa. É unha loita Porto – Lisboa onde non se collen prisioneiros. Entón cando fan este discurso non o fan contra as infraestructuras de Lisboa, senón contra as de Porto. Por iso é un suicidio que apoiemos inconscientemente esa lóxica de Lisboa atacando Sá Carneiro, porque lle estamos facendo pinza.

O problema é que o governo español non acaba de sair de Vigo. Estaba paralizado a declaración de impacto ambiental, leva varios anos paralizado, agora acaba de encargar unha nova.

C: Entón, o AVE que vai chegar no 2015 é o de Portugal, o de aqui aínda está por ver?

X: Non, o problema é que os portugueses lle din ó seu governo: “vostede está seguro que van facer o AVE de Vigo á fronteira, non?”. Porque claro, non vou facer o gasto dunha liña nova, cun terreno orográfico moi complexo entre Braga e Valença, se chego alí e vostede non está. Como llo explico á miña xente?

Eu levo anos avisando nos medios de comunicación que o problema non está en Portugal, está aqui. Están furando ata chegar á vía norte, perfecto. Pero agora van expropiar un terreno onde van a desmontar as tuneladoras. Van desmontalas e volvelas montar, co custo que ten? Eso quere dicir que durante un tempo vai estar parado, polo tanto a saída sur de Vigo está cun enorme interrogante. E onde está a ponte sobre o Miño? Cando se reunen pra falar da estación internacional de Badajoz, porque non se reúnen tamén pra falar da ponte sobre o Miño? Ese é o problema do AVE.

C: Respecto do Sá Carneiro, tes dito noutros medios: “A batalla de Galicia contra o Sá Carneiro non será tal porque xa está perdida”. Defendes a integración do sistema aeroportuario galego no Sá Carneiro, e quería preguntarche por que –aínda que xa contaches algo- e cómo funcionaría esa integración.

X: A integración funcionaría levando ese comité de rutas que crearon en Galiza ao ámbito transfronteirizo. O modelo a seguir é o de Londres, onde teñen City, Stansted, Heathrow e Gatwick, e non se pelean entre eles. Nós temos aqui tamén no noso territorio un dos aeroportos máis modernos de Europa. Se a nós nos dixeran que en Galiza se ía crear un aeroporto onde se investisen 19.000 millóns non estaríamos contentos –máis alá de pelexarnos por onde se crearía, claro. Si, non? En cambio se crea, danos servizo, pero como está ó outro lado dunha fronteira que non existe, facémoslle a guerra? Eso non é razoable.




Temos 4 estructuras: imos coordinalas, e especializalas. Os aeroportos teñen que seguir unha lóxica que non se está seguindo. Por exemplo, Vigo está pelexando por voos a Londres, qué pasa, aqui imos todos facer compras?

C: Si, porque xa hai en Santiago e xa hai en Coruña.

X: En cambio, ninguén está reivindicando Frankfurt. Frankfurt é un dos principais hubs por exemplo para as tripulacións das nosas pesquerías. Sabes canto gasta ó ano Pescanova nos intercambios de tripulacións? Hai barcos que están todo o ano na zona austral, Arxentina, Sudáfrica, Seychelles... as tripulacións van e veñen, e pra facelo teñen que facer tres ou catro escalas. Con Paris tamén ten sentido que se fagan voos desde Vigo, pola Citroen. En cambio, os tres aeroportos estanse a pelexar por ter todos voos a Londres, é ridículo. Tampouco temos ningunha comunicación có leste Europeo, que é un dos grandes escenarios para os nosos empresarios. Non temos comunicación có norte industrial de Italia, có Mediterráneo moi pouco.

Mentras, Santiago é o aeroporto turístico por excelencia. O que temos que ter é un bó AVE pra que a xente que veña de Santiago, veña logo a Vigo, ou a Coruña, porque leva media hora.

C: Pero hai que conectar eses AVEs cós aeroportos.

X: Ese é outro problema, a intermodalidade. Un problema que España non quere ver e Portugal está vendo: Sá Carneiro vai ter estación debaixo, os aeroportos galegos ningún. Todo o máis Santiago vai ter unha lanzadeira. E non o quixeron ver, cando por exemplo Vigo tiña condicións; se en Vigo se colocara a estación de tren no exterior, porque a cidade vai crecendo, o tren en vez de entrar en Vigo podería terse comunicado có aeroporto. É un problema de visión estratéxica, cortoplacista.

O aeroporto é un transporte ligado á personalidade da cidade. Santiago é unha cidade turística referencial en todo o mundo, deixen que os vóos veñan a Santiago, que é o atractivo, e despois que a xente vaia a Vigo e Coruña en tren. Mentras, Vigo é a cidade industrial, logo o aeroporto de Vigo ten que ter esa lóxica industrial. Vigo ten pesca, logo teremos que buscar escenarios de pesca. Agora por exemplo Vigo vai ser unha base de cruceiros, haberá que establecer comunicacións en función deses viaxes. Os cruceiros rematan en Copenhague? Haberá que establecer rutas con Dinamarca para devolver eses paxaseiros. E Coruña exactamente igual. E logo hai outras lóxicas distintas, como a comunicación diaria con Madrid ou Barcelona, que a poden ter todas as cidades, alo menos ata que exista o AVE.

C: Outro tema. Brasil. Portugal e Galiza cooperamos ou somos competencia?

X: A relación de Portugal con Brasil xa está perfectamente definida desde hai séculos i é fluidísima. En canto a Galiza, Brasil é a mostra máis absoluta da nosa miopía política, a uns niveis alucinantes. Algúns dos grandes eventos que van a marcar os próximos anos a nivel internacional van ser en Brasil: Mundial de fútbol en 2014, Olimpiadas en 2016, e están traballando tamén no tema dunha Expo. Nós podiamos ter acceso a ese escenario a través da nosa porta privilexiada que é Portugal. Estamos dando algún paso? Hai unha mínima estratexia nese sentido? Non.

Hai anos o Partido Popular español invitou ós líderes do seu partido homólogo en Brasil para un congreso, e os brasileiros chamaron ós seus homólogos do PSD portugués para preguntarlles “imos a esto?”, e de paso pedirlles que tamén estiveran para avalar un pouco a operación. Se a nivel empresarial estamos constantemente atacando a Portugal, que si o Sá Carneiro é o inimigo, que se cando veñen lles poñemos multas, que si tal... e logo chegas e dis “ah, oye, pero para lo de Brasil bótame unha man”. Evidentemente, primeiro ten que haber un caldo de cultivo onde se superen honestamente as diferencias, para traballar xuntos, “eu vouche abrir a ti as portas de Latino América de fala española, e ti a min as de Brasil, pero non gratis, imos facer empresas compartidas, imos asociarnos”.

Outro exemplo de miopía: cantos portos temos? De interés nacional Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo, Viana e Porto. 5 galegos e 2 portugueses. 7 que se os miras desde o aire son peiraos, que van estar comunicados por TGV –e agora falaremos do AVE de mercadorías-. Qué traballos se están facendo para poñelos en rede, para crear unha estructura portuaria compartida?

C: Do tema portuario, eu sempre menciono o modelo portuario de Rotterdam, que ten peiraos ata en Bélxica.

X: Efectivamente! Ademáis é un tema de situación estratéxica: o mundo é redondo, polo tanto, esto é a Península, esto é Europa, i esto é América. Nova York pode quedar así, ou así:


Quen carallo dixo que somos periferia?
Fonte propia.


C: Nova York está á altura do Porto, que o teño eu máis que calculado...

X: Entón fíxate, temos o gran mercado tradicional, non suficientemente explorado, dos Estados Unidos. Vai buscar un albariño galego a Estados Unidos, a ver se o atopas...

C: É un mercado moi complicado.

X: E cantos esforzos facemos alí para entrar no mercado? Porque complicado é, pero eu vou alí e viños franceses encontro, e viños italianos encontro. Se outros poden, porque nós non? Se vas alá atoparás “hasta el agua de san pelegrino”, intenta buscar Cabreiroá, que por certo é bastante mellor.

E logo temos o mercado emerxente de Mercosur. Europa ten unha grande zona nodal portuaria que é Rotterdam que está completamente desbordada. A outra zona nodal vai ser si ou si os portos hanseáticos; o eixo que constitúe Hamburgo con Gantz vai ser clave, xa están encamiñados, teñen recursos, tecnoloxía. Teñen man de obra barata, cualificación tecnolóxica, claro unha cousa a poñen os polacos, outra os alemáns... O que está por definir é cal vai ser na Europa sur o nodo referencial de comunicación con Mercosur. E ahi compiten os franceses con nós. Vigo alíase con Porto nesta estratexia? Non, Vigo alíase có Cantábrico, non sei pra que facemos Eurorrexión. Cando se nós facemos un contínuo dos portos galegos e portugueses, baixando case ata Lisboa, este sería o grande enlace nodal có Mercosur.

C: Está clarísimo.

X: E quen faga isto, converterá a súa área de influencia –a 100 km á redonda e cara o interior- nun gran polígono loxístico europeo, porque as mercadorías terán que vir ata aqui para logo embarcar, non van ir ó Mediterráneo, a dar toda a volta por Algeciras.

Estamos preparándonos para competir? Non. Estamos creando redes para competir? Non. Seguimos pelexando entre nós. En resumo: hai que integrar o sistema portuario; hai que integrar os aeroportos, pra que a xente chegue por un e saia por outro; e comunicalo todo có AVE e cós trenes de proximidade. Esta é a fórmula.

C: E sobre as mercadorías, que aínda non comentamos nada?

X: Nós sempre defendemos vías mixtas. O governo di que as quere diferenciadas. Claro, nun momento no que xa nos costa traballo sacar o AVE, ata que punto podemos impoñer que fagan vias mixtas? En calquer caso, o que non pode ser é o que temos hoxe, onde unha mercadoría que entre polo porto da Coruña ten que ir por Lugo, baixar a Ourense e vir a Vigo. E con Portugal non temos nin comunicación.

O problema vai ser que imos ter unha via de comunicación de alta velocidade, pero non temos mercadorias entre os nosos portos. Entón claro, cando falamos dun sistema ferroviario integrado e integral, é por algo. Necesitamos a atención política necesaria para o tema, e iso aínda non o temos. De Madrid hai a atención política necesaria para facer o AVE ata Galiza, pero non para facer aínda –nin de parte de Portugal- un sistema de transportes integrado.

C: Penúltima, moi breve. Comentou Feijoo nunha visita que fixo a Portugal xa non sei cando, debeu ser en febreiro, de ampliar a Eurorrexión ata Lisboa. Eso como afectaría?

X: Non, eso foi unha expresión política, porque a Eurorrexión técnicamente só pode ser a rexión Norte e Galiza. Eu supoño que falaba en termos políticos, de colaboración. Outra cousa é a Macrorrexión, que eso é outro elemento distinto.

Bruselas está sacando 2 figuras, as macrorrexións e as megarrexións. Non están definidas, por exemplo, toda a fronteira España – Portugal a consideran macro ou mega? Todo o espazo atlántico (sur de Irlanda, sur de Inglaterra, Franza, norte de España e Portugal) a consideran macro, ou mega? Como Castela ten fronteira có norte de Portugal, eu fun unha das persoas que aconsellou que se incluira no ámbito das macrorrexións. Galiza, norte de Portugal e Castela e León pode ser unha cooperación en termos de macrorrexión.

Esto cárgase a Eurorrexión? Ó contrario, a potencia. Son escalas. Máis lobby para conseguir fondos para a zona. Hai que ter en conta que a escala de Europa tamén cambiou, non é o mesmo a UE-15 que a UE-27.

C: Pero nesa macrorrexión, se entra Castela e León, vai entrar ata Soria?

X: Está por definir.

C.T.: Tampouco na Eurorrexión entra todo Portugal, só o norte de Portugal. Logo podería entrar na macrorrexión só unha parte de Castela e León.

X: Aínda está por definir, pero de todas formas, a parte ‘sensible’ é a fronteira Zamora – Salamanca con Portugal.

C: E a última pregunta, no tema lingüístico non me quería meter moito...

X: Pois podes meterte con toda confianza, eh.


Línguas con máis falantes do mundo.
Fonte propia. Dados: en.wikipedia.org


C: Pois unha cousa que nunca entendín: pasaron -como falaches antes- vinte governos a todos os niveis, e seguimos sen ensino de portugués obrigatorio en Galiza.

X: Non é que non o teñamos obrigatorio, é que nin sequera o temos como optativo; en cambio Extremadura, si. Eu entendo que os idiomas non deben ser obrigatorios, en único caso o inglés. Pero o que si temos é que normalizar o portugués para que ocupe o mesmo papel que o francés, e sexa un idioma opcional nos estudos, para que toda a xente que queira poida matricularse. Que é exactamente o que fixo Extremadura, que o ten como optativa en todo o ensino.

C: Pois eu penso que igual que tes que estudar obrigatoriamente matemáticas, debería ser obrigatorio estudar portugués, aínda que sexa só un par de anos. A Galiza non lle interesa que toda a súa poboación saiba falar portugués? Ou polo menos que todo o mundo estude un ano portugués ou dous. E non tanto por Portugal, senón de aqui a dez anos, o que vai representar Brasil a nivel mundial...

X: Eu douche a razón, pero temos que analizar o tema.

Primeiro: partimos dunha situación que eu creo que foi un erro histórico. Cando se fai a normalización lingüística desbótase completamente o lusismo porque se vencella con posicións políticas radicais. O debate, como moitos debates en Galicia, é levado sen ningún tipo de rigor. Aqui non son as opinións máis rigurosas, senón as que máis voz teñen as que ó final priman, e as acaban influindo. I eu vivin como o tema do lusismo se vivíu dunha forma absolutamente marxinal. É evidente que é un debate complicado, que debía terse aberto con máis calma. É evidente que o galego que se fala agora non é o portugués, pero tamén é evidente que houbo unha orixe común, e que se podía haber feito –eu non son lingüísta nin sociolingüísta...

C: ...un achegamento...

X: ... unha estratexia tendente a que nunha década ou dúas converxeran os dous idiomas, ou polo menos tiveran unha afinidade. Porque eso abriríanos as portas: convertiría unha lingua que sobrevive sobre a tradición oral baseada nun rural que cada vez ten menos peso nunha lingua sen problema de supervivencia. Os problemas de supervivencia do galego non veñen do decreto nin do non decreto, o problema ven porque se deixa de falar. Eu o vexo na miña casa, as miñas fillas non falan galego, len galego aínda con máis dificultade que castelán, e van a un colexio público, perfectamente bilingüe... pero é un problema de motivación!

C: De utilidade.

X: A miña filla pequena o que ven son os Simpson, e son en castelán. Se foran en galego vería Xabarín Club. Un dos momentos que eu vin ós rapaces máis interesados no galego era cando La Voz de Galicia sacaba ‘golfiños’, pola linguaxe da comic. Cales son os vehiculos para chegar ós rapaces? O comic e a televisión. Deixémonos de coñas, estamos nunha cultura urbana!

A xente non está habituada a falar galego ou oir falar galego, porque ten outras prioridades: o castelán é unha prioridade e o inglés é unha prioridade para traballar. Polo tanto o galego é algo que se fala, pero cando vai desaparecendo a xente maior, que é a xente que aínda o fala, ou cando vai desaparecendo ese compoñente rural, periurbano, por exemplo no caso de Vigo, a xente vai deixando de falar galego. Entón o galego estase perdendo porque está perdendo a lóxica cotián, porque non se está sabendo adecuar ós tempos, e porque non se optou no seu momento por apoiarnos nunha lingua viva moito máis dinámica como é o portugués.

C.T.: Acercámonos máis ó castelán.

X: Exacto, e iso pechóunos completamente unhas portas de futuro.

E segundo: en Galiza a xente non ten ningún interese en aprender portugués, do mesmo xeito que en Portugal a xente non ten interese en aprender galego, porque son idiomas veciños. Aqui o dito ‘idioma veciño, idioma enemigo’. Pero como nos entendemos sen falar o idioma do outro, para que aprendelo? Porque en Extremadura é distinto. Ti aqui vas ó Corte Ingles: - “fala português?” – “non, pero fale que lle entendo”. Nin sequera coa demanda histórica que teñen ós empregados do Corte Inglés se lles demanda portugués. Hai anos o concello de Vigo foi o primeiro concello da Eurorrexión que deu clases de portugués para funcionarios. O montamos entre Marta Souto, que era a directora xeral de normalización, i eu. Bueno, é que non se che apuntaba ‘nindiós’, ‘nindiós’!!. I eran cursos pagados, financiados, con puntos para os funcionarios... Os orientamos para a Policía Local, bueno, a Policía Local ni de puta coña, “estos portugueses de mierda”, se non lle chamaban así pouco menos. Cursos para asistentes sociais? Nada...

C: As propias empresas de cara a exportar alá tampouco?

X: Que va! Non, porque a xente se entende có galego. É certo que o de ter montado aqui o Instituto Camões está axudando, pero tampouco fan unha promoción tremenda dos cursos. Non hai unha filosofía. Agora Feijoo falou de dar pasos nese sentido, pero realmente o problema é que non se creou previamente a necesidade que faga que a xente se motive na conveniencia de aprender un idioma. Os españoles somos a xente que peor idioma falamos, e priorizamos aqueles que son necesarios para o traballo. Se non lle vemos a necesidade, o último que facemos é aprender un idioma.

É un problema histórico e de falta de visión da necesidade do tema. Como superalo? No momento en que efectivamente se normalice o portugués como segundo idioma no ensino.

C: Pois ata aqui chegamos. De verdade, non sabedes o agradecidísimo que vos estou por todo este tempo que nos dedicastes. Moitas grazas.

10 comentários:

  1. así que en Extremadura poden estudar portugués ainda que sexa de forma optativa e nós non!!!! descoñecía ese dato, temos que abrir os ollos dunha vez, parecemos cegos ... ou é que non queremos ver ....

    ResponderEliminar
  2. Interesantísima entrevista, talvez a máis interesante das que teñen aparecido neste blogue pois trata directamente os temas que o motivaron.

    Aínda que me vai levar un tempo ler todas as preguntas e as respostas, quixen afondar no tema dos camiños de ferro. Non comprendo como unha rede tan boa como a galega pode ser desaproveitada e desmantelada en favor do transporte por estrada. Para ir da Coruña a Lugo-Monforte tan só circulan dous trens ao día, un á mañá e outro á noite. Deste xeito é imposible fixar poboación ou pedir á xente que vaia ao traballo no tren. Outros países como Grecia (igual nestas datas non é unha boa comparación, ou si) teñen redes máis simples pero con frecuencias de rexionais e intercities realmente competitivas.

    Nunha viaxe recente polo centro de Europa coñecín os trens que unen Dresden (D) con Wroclaw (PL) e Viena (A) con München (D), os chamados interrexional exprés. Nón só están no máis alto da tecnoloxía e o confort, mais detéñense en poboacións de países diferentes como se estivesen nunha liña nacional. Non fai falta cambiar de tren e adoitan ter frecuencias non peores que as do mini-Eixo Atlántico (Coruña-Vigo). Mentres non comprendamos que Braga pode ser un destino tan próximo para alguén de Vigo como o é Santiago de Compostela, non estaremos a formar parte dunha Euro-rexión.

    ResponderEliminar
  3. Fai anos que non collo o tren Coruña-Lugo pero a última vez creo que eran 2 horas e 15 minutos de viaxe cando en coche levaba 1 hora .... con esas duracions non da para poñer moitos máis trens ;)

    ResponderEliminar
  4. Interesantísima entrevista e interesantísimo persoeiro, debe de ser a primeira vez que o entrevistado fala mais que caralladas.

    Non sei que comentar..., é todo tan lóxico e non se fai nada...

    ResponderEliminar
  5. Carbuntxo, non sei quen es... pero heino de averiguar! De momento, podes consideralo unha afrenta...

    ResponderEliminar
  6. Desculpame Charlie, eu discrepo. O argumento que está a utilizar Renfe para non pór máis trens é que a xente non os demanda. Mais e falso, o que queren dicir é que non ten uso, que é certo. Efectivamente se só hai dous servizos ao día con 11 horas de baleiro polo medio a xente non os utiliza. É pouco útil coller un tren en Lugo ás 8 da mañá e non poder voltar ata as 6 e media da tarde.

    O principal problema da Lugo-A Coruña é o trazado que pasa por Teixeiro e Curtis, o cal demora a viaxe unha hora (e aínda así pode competir co autobús, salvo co directo). Mais esta liña funciona moi ben como servizo de proximidade, comunica moi ben as dúas poboacións mencionadas con Guitiriz, Parga, Baamonde, Begonte, Rábade, Lugo, Sarria e Monforte. Na provincia de Lugo, sempre que vai haber eleccións, os políticos sentan para prometer o cercanías, pero nunca se materializa.

    Hai outro punto vital: non existe conexión directa por bus entre A Coruña e Monforte de Lemos. A alternativa é moverse 30 km ata Chantada ou ir por Lugo (mínimo 1 hora se se quere usar o transporte público). O tramo Monforte-Sarria-Lugo é francamente rápido, pois non hai grandes accidentes orográficos.

    A liña Monforte-Coruña, conectada tamén con Ferrol dende Enfesta, pasa por Oza dos Ríos, Betanzos, Cecebre, Cambre, O Burgo e a Universidade da Coruña. Se esta fose calquera outra cidade de España (por exemplo, Oviedo...) xa habería un sistema de cercanías neste eixo e outro na liña de Ferrol. Se a isto se sumase un maior número de frecuencias no tramo que discorre pola provincia de Lugo, xa estaría mellor aproveitada a rede e sería realmente útil. Menos rápido que o coche particular mais sen dúbida máis barato e en calquera caso máis confortable que o autobús, ofrecendo o mesmo servizo. E aínda así nas horas puntas entrar na Coruña pódese convertir nun pesadelo, algo que co tren se dispensa en apenas uns minutos.

    Moita xente decatouse do grande favor que fai o tren cando estivo inoperativa a ponte das Pías, despois do choque do Discoverer Entreprise. Puxéronse trens para os traballadores procedentes da Coruña e ían encantados pois podían descansar ou ler o xornal comodamente, ou erguerse e andar un pouco. E como fai pequenas paradas en Miño e Pontedeume, alguén pensou que non era mala idea usalo no verán para ir ás praias rápido e barato e non colapsar a estrada. Como che digo, o que non hai é vontade de facer as cousas mellor. Mesmo parece que ás veces a Xunta só quere favorecer as empresas de autobuses.

    ResponderEliminar
  7. Xa sei quen é carbuntxo: de pontevedra, xoga ó xadrez, gusta de ir a London de vacacións... desde logo, internet é un sitio ben indiscreto.

    As grandes cidades (polo menos) precisan xa de definir unha área metropolitana e actuar como tal. E o primeiro paso é dotalos de servizos de cercanías. Non pode ser que o gran Vigo e a gran Coruña, cidades de 500.000 habitantes, teñan os servizos que teñen.

    ResponderEliminar
  8. Vixía vexo q o tren segue cos mesmos horarios que antes polo menos o da tarde era ás 6:30 (e había outro cedo non sei a que hora) e sí ten q parar en 'xanonmelembroonde' pra que pase un que ven de Madrí -ou eso se comentaba-, claro que a xente que vive en zonas con estación demanda o tren e por prezo compite co autobús (e máis se tes carné xove que tes un 20% dto) pero eu de Coruña a Lugo so o collín un par de veces porque levavalle 1 hora máis que o bus directo que tarda hora e cuarto (de estacion a estación) e media hora máis que o bus indirecto que tarda 1h45', e tendo en conta que a estación de autobuses de Lugo está no centro da cidade e a de tren non (xa sei que Lugo é pequeno e a de tren non queda tan lonxe ....) pero hoxendía usar o tren para facer o traxecto Coruña-Lugo ... non sei paréceme moitísimo tempo pra 100km ... e non sei se os trens teñen wifi .... ;)

    ResponderEliminar
  9. Pois seica a conversa co noso amigo londinense pode ser moi interesante. Mais opino como o Caralladas, non se trata de se conformar cunha opción porque a outra está infradesenvolvida, trátase de poder escoller, polo menos, entre esas dúas. Está claro que eu sempre serei máis tendente ao tren, gustos persoais, mais vexo que aquí hai un campo totalmente esquecido ou mesmo peor, ignorado. Na intermodalidade conflúen coches, trens, buses, tranvía ou biciletas, hai que regulalos para que se poda viaxar comodamente e intercambiando transportes. Actualmente na Galiza interior é difícil, e non digamos se queremos ir para o sur, Portugal, en transporte público. Opino que a eurorrexión funcionará cando nos identifiquemos dunha vez con ela e haxa vontade de interconectar ben as estacións e os aeroportos.

    ResponderEliminar
  10. Pois a pesar do que di Xoán, esto non ten moi boa pinta:

    http://www.xornal.com/artigo/2010/05/17/galicia/portugal-quiere-desviar-lisboa-fondos-ue-ave-porto/2010051722420401315.html

    Se hai máis novidades adicaremoslle un artigo especial nos próximos días.

    ResponderEliminar