12/11/09

CONVERSA CON MANUEL LOURENZO (1)

Como adiantábamos onte, para celebrar os primeiros 100 artigos de Nosquedaportugal temos un convidado moi especial.

'Homenaxe a Manuel Lourenzo'. Fonte: www.fervenzasliterarias.com


Hai menos dun mes comentabamos neste mesmo blog que lle fora outorgado o Premio Álvaro Cunqueiro de teatro a Manuel Lourenzo, unha das maiores figuras da nosa cultura, e probablemente a máis importante figura do teatro galego, como impulsor do teatro independente en pleno franquismo, actor, director teatral, e un longo etcétera.

A pasada semana achegámonos ó centro de teatro que él mesmo dirixe na Coruña, CasaHamlet, onde Manuel tivo a xentileza de nos ofrecer unha tranquila conversa pra falarmos de todo un pouco: o premio recibido, o teatro, a súa obra, Portugal, a nosa língua... e a vida en xeral. Un océano de sabedoría este home, a quen teño o enorme pracer de coñecer persoalmente, e a quen lle quero agradecer que nos ofrecese a oportunidade de lle facer esta sentida homenaxe dende este blog.



Caralladas: Manuel, 'Flores de Dunsinane' é unha obra baseada no 'Hamlet' de Shakespeare pola que acabas de recibir recentemente o Premio Álvaro Cunqueiro. Sen embargo, a obra fora escrita hai moitos anos xa, non?

Manuel Lourenzo: En 1980, si.


C: E tamén se presentara a este mesmo concurso entón, mais non fora premiada. Como foi?

ML: Realmente foi a un "concurso universitario", ou algo así, que acabou sendo, anos despois, o actual Premio Álvaro Cunqueiro. Roberto Vidal Bolaño contoume que non houbo premio ese ano, non o concederon. Dixo que un xurado dixera que eso xa o fixera Cunqueiro. Debe ser tratar un tema shakesperiano polo 'Don Hamlet', porque non creo que fosen ignorantes do 'Don Hamlet' de Cunqueiro. Naquel momento pensei eu, pensei... 'qué zopencos, coño!' (risas)


C: É que estiven buscando información da túa obra e non daba con este nome.

ML: Non, é que non se chamaba asi antes, chamábase 'Os Macbeth' daquela. A versión longa. Ó cabo de bastantes anos publiquei nun libriño que ten varias obras cortas, unha, moi curta, que se titula 'Os Macbeth', que debe ter dúas follas ou algo así, que é unha especie de síntese daquela outra. Como sabía que me ía dar moito que arranxar, funa deixando, así coma outras que teño, unha ducia, máis ou menos. Agora por certo vou publicar outra que sairá prontísimo, que se chama... (pensa) 'Medea dos fuxidos', que tamén é dos anos 80, premiada en Ribadeo, que tamén a tiven moitos anos porque non sabía por onde debía tirar, sabía que estaba a obra inconclusa, ou non ao meu gusto, e nunca tiña tempo.


C: E por qué sempre tocas... (Manuel xa adiviña a pregunta por onde vai, e resposta:)

ML: Sempre non, cuidado!


C: Moitas veces! ... tocas os clásicos?

ML: Coidado! Non sempre, moitas veces! Porque son, neste caso Medea de Eurípides, son temas que están en absoluta vixencia hoxendía. En realidade eu creo que vou de vez en cando ós clásicos para non esquecer que o que teño que escribir é teatro, e non outras tonterías. E non digo que o outro sexan tonterías, pero vamos, o meu é o teatro. Entón cando me desnorto un pouco, ou cando o edificio do teatro parece que vai derrubarse polos áticos ou polos baixos, e un está un pouco confuso, o que fago é recorrer ó maxisterio de sempre: os gregos, Shakespeare. toda a xente que creou cousas que aínda hoxe son definitivas.


C: E qué pensas de que cando escribiches 'Os Macbeth' non gañaras ó concurso e agora si, anos despois?

ML: Pois que... a vida é como é! (Ri, e ponse a cantar): "La vida es una ton-tería, tatatá!!" (risas). Esas cousas forman parte da comedia humana. Claro.


C: E tamén dis que non é un premio calquera, por qué non é un premio calquera?

ML: Ah pois non sei por qué o dixen, supoño que para min non porque...


C: ... o Cunqueiro...

ML: ... porque leva o nome de Cunqueiro. E Cunqueiro é como para os arxentinos Maradona, non sabes? Deus. Entón, eu teño algúns autores sacralizados: Otero Pedrayo, Cunqueiro, qué sei eu, Rosalía...


C: pero por Cunqueiro, non polo premio en sí.

ML: Por Cunqueiro, sí, por Cunqueiro. Os premios son todos máis ou menos iguais.


C: Igual que o de fillo predilecto de Valadouro?

ML: home, non... (risas), é distinto, diferente. É unha cousa que se agradece moitísimo porque ademáis alí estás entre amigos sempre. O de Cunqueiro é que me gustaba te-lo porque ten o nome de Cunqueiro, que para mín é moi importante.


C: Para os non iniciados: cómo definirías o teatro?

ML: Uf!! Definir?


C: Que é o teatro?

ML: Para min o teatro... definíumo unha vez Isaac Díaz Pardo, unha vez que discutín moito con él deste tema, dixo "bah, bah, bah! O teatro son gritos nunha praza". É unha definición que me parece perfecta. É sair a unha praza, é dicir, un lugar público, a un lugar público calquera, e crear alí un mundo para os demáis. Iso é o teatro. Unha 're- presentación' da vida, unha metáfora, unha 're- presentación'. Para que os demáis vexan o que facemos, por onde andamos, qué comportamentos hai, por qué se move a xente, qué é o que a move, que aspiracións teñen, qué desexos, en qué omnubilan, por qué matan, por qué morren. O teatro son todas esas cuestións... que eu non lle quero chamar grandes para que non pareza que estou a falar dunha ceremonia relixiosa. Cuestións humanas, son as cuestións humanas, o teatro. É o que non pode faltar, senón non hai país nen hai nada.


C: O poder tamén?

ML: O poder, que é un dos grandes temas...


C: Dicías hai pouco nunha entrevista "o poder só acepta o teatro mentras sexa un adorno".

ML: Claro.


C: E che quería preguntar sobre eso: por qué está sempre o teatro a expensas do poder?

ML: Esa é a gran contradicción, desde Grecia, eh. Porque en Grecia tamén lles pasaba igual. Tiñan que ser aqueles tíos os que organizaban todo, os que permitisen, os que desen o diñeiro...

C: os bancos, como dis sempre...

ML: si, a banca é... puff!!


C: As subvencións. Vive moito de subvencións o teatro galego?

ML: Si, moito. Case totalmente. Non o teatro galego, o teatro occidental, prácticamente. E a min non me parece mal que o Estado apoie o teatro, pero coidado, sen intervir no máis mínimo. Se interven o máis mínimo, xa o contamina, e xa todo empeza a revolverse. Entón eso é tan difícil, tan difícil, que posíblemente sexa imposible. I esa é a grande crise do teatro. Cando os do teatro eramos uns desgraciados, é dicir, os cómicos da legua na antiguedade, e logo pois, no franquismo eses grupos de teatro independente que recorríamos a Península co carromato e actuando por ahí como se podía, escapando das censuras, das policías e demáis, había un atisbo de liberdade e de anarquía tamén, por qué non dicilo, de anarquía, que facía que o fenómeno resultase fermoso, resultase unha aventura. Agora eso son episodios que acontecen entre épocas, antes de que unha época cambie un pouco de sino. Agora nesta época de... de qué?, de... de 'mercanchifles', e de... eso, de mercanchifles, de banqueiros, de sicarios e tal, é moi difícil. Pero eu creo que sempre hai un mínimo da xente que se dedica ó teatro que é capaz de facer esa aventura contra vento e marea, e ás veces ten que enganar ás circunstancias, e ás veces poñerse directamente ó frente de todas elas. Pero mira: o teatro nunca ha perder. Perde a vida, o teatro nunha ha perder. Mentras exista, hai un lugar de confrontación coa puta realidade. E iso é o que ten o teatro, e se non o temos, pois desgraciado o pobo que non ten teatro.


C: E pensas que a crise que está a vivir o cine có tema das descargas en internet, todo esto, pode axudar a que a xente...

ML: Non, non quixera eu que unha cousa servise para comer outra, esa especie de vampirismo que ten a nosa sociedade. O cine é unha cousa moi diferente do teatro. Agrupa ós espectadores nunha cámara oscura, é unha fotografía en movimento, fotografía viva, ten un contaxio coa realidade moitísimo maior, é máis documental, non é a presenza viva, en directo. É unha cousa completamente diferente, é necesaria, pero ó mellor se traslada definitivamente á casa, á pantalla de televisión.


C: Aínda hai moita xente que te coñece como Melgacho...
Melgacho (Manuel Lourenzo) e Couto (Tuto Vázquez), en Mareas Vivas.
Fonte: www.culturagalega.org


ML: Si pero eso é aparte. Esas cousas... Home, se fas teatro só, pois esa obsesión de hoxendía por ser coñecido e popular, se fas teatro só es menos popular, porque te ve menos xente. Se traballas na televisión vete máis xente mentas estás alí, pero despois quén se lembra? A ver, tí lembraste dalgún... tí en que ano naciches?


C: no 76.

ML: no 76. No 86 xa verías a tele, e verías ó mellor algún telediario coa familia, lémbraste qué locutor daba o telediario da noite cando tí eras pequeno? Non. Non, porque cando chos pasan así nun percorrido, "ai mecagontal, xa me lembro aquel...", i estuveche cinco anos con él, ou dez. "Ai mira este, mira este!", e non sabes nin os nomes. Todo corre, pola pantalla todo corre, todo flúe cunha rapidez enorme, i entón personaxes que poden sair no cine ou na tele, ó día seguinte, non digo que ó día seguinte, á semana seguinte, ó mes seguinte, ó ano seguinte, xa son pó, xa non son nada. Eso vai a tono con como pasan as cousas na actualidade: rápidas, fragmentarias e nunca definitivas. Entón eso tamén é unha cousa que incide na paranoia da xente. Porque todo é así, non é só a televisión, ou o cine ou o teatro, é todo así. Todo pasa demasiado rápido, i entón chega o momento en que nos dá a impresión de que a vida pasa tamén demasiado rápido, e a xente vólvese tola i empeza ós 30 anos a estirar a cara, a poñer botox para aquela enruga, e tal... Esa especie de histeria que hai. E somos máis susceptibles a deixarnos enganar por todas as mensaxes que son miles ó día, miles de mensaxes de todo tipo.


(Continúa mañá na segunda parte do artigo, onde falaremos da súa obra, de Portugal, da situación do galego, e máis)

3 comentários:

  1. Moi boa entrevista caralladas,dende logo un mestre do teatro e un grande actor,canto ben teñen feito pola nosa nación os nosos "cómicos", palavra de connotacións positivissimas para mín.Gostei moito da resposta sobre as subvencións.Sabes que como liberal non gosto delas, e moito menos,espántame, o intervencionismo político. Debendo ter en conta a discriminación sob o galego(De meus impostos van intre 3 ou 5 veces a cultura castellá que galega), como podese axudar da mellor forma ao teatro ou a cultura en xeral?. Ponto de interese, acho eu.Saudos e parabéns a ambolos dous

    ResponderEliminar
  2. Pois agora publico a segunda parte, que é ben divertida por unha banda, ben instructiva por outra, e ben comprometida coa língua ó final. Nuns minutiños...

    ResponderEliminar
  3. Magnífico! Tanto a primeira parte como a segunda. Se dás o permiso, publicarémolo proximamente. Reitéroo, penso que somos uns cantos os que coñecemos persoalmente a Lourenzo e nos gustaría pasar un anaco con el: hai que convencelo para ir tomar unha caña ao sitio habitual. ;-)

    ResponderEliminar