18/11/09

UNHA MAGNIFICA NOTICIA

A língua galega atravesou un periodo de decadencia na escrita literaria e nos rexistros oficiais entre os séculos XVI a XVIII, coñecidos como Séculos Escuros. Motivados polas consecutivas derrotas da nobleza galega nas loitas dinásticas pola Coroa de Castela no século XV e o apoio da Igrexa galega á nova monarquía, a nosa língua pervivíu principalmente a través da fala da práctica totalidade da poboación. A substitución lingüística aínda habería de agardar ata o século XX, e principalmente na súa segunda metade, por motivos ben coñecidos por todos.

Mais aínda que a presenza do galego na escrita neses tres séculos é moi escasa, non é nula. Na entrevista da semana pasada, Manuel Lourenzo nos contaba cómo hai anos recorrera o sur de Galiza e o norte de Portugal representando a obra 'Entremés famoso sobre a pesca no Río Miño', obra teatral de Gabriel Feijoo de Araújo do ano 1671, escrita íntegramente en galego con intervencións en portugués dos personaxes fidalgos da outra beira do Miño.

Non é o único caso na nosa literatura (romances varios como o Lamento da Frouseira, o Soneto de Monterrei ou o Coloquio de 24 Gallegos Rústicos de Frei Martin Sarmiento, entre outras, e tamén de artistas galegos que naquela época escribían en portugués), así como na narrativa histórica (composicións sobre os saqueos de Cangas polos turcos -episodio do que falamos hai pouco en 'María Soliña'-, ou sobre a Batalla de Rande, en 1702, atribuído o Padre Feijoo). Tamén houbo espazo para a presenza do galego en panxoliñas -probablemente cáseque a única presenza do galego nas igrexas- e na clase fidalga autóctona galega ate a súa total substitución pola nobleza castelá.

Da presenza do galego na escrita durante os Séculos Escuros tedes ampla información no artigo da wikipedia A literatura galega dos Séculos Escuros.


Manuscrito inédito en galego escrito durante os Séculos Escuros.
Fonte: www.editorialgalaxia.es


Mais a pasada semana vimos de recibir unha magnífica noticia ó respecto: o achado dun documento de valor histórico incalculábel, un manuscrito en galego do primeiro terzo do século XVIII, autoría de Pedro Otero e que leva por título ‘Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y translacion ala compostelana’.

O manuscrito, íntegramente escrito en galego, "trátase dunha completa historia de Galicia e vai ser unha ferramenta de traballo esencial para filólogos e historiadores, moito máis, segundo destaca Noia, que a 'Crónica de Santa María de Iria', códice escrito por Rui Vásquez en 1468".

Unha excelente noticia, pois, por dúas razóns: ven a engadirse á escasa bagaxe literaria deses séculos que ten chegado ata nós hoxe, e pode ofrecernos información sobre a nosa Historia en anos dos que apenas temos coñecemento máis que polo que contan de nós os imparciais historiadores de la una e indivisible España Imperial.

Máis información, en www.editorialgalaxia.es

1 comentário:

  1. É unha nova moi importante, tes razón será un documento máis que engadir a escasa obra literaria dos Séculos Escuros.
    Bicos

    ResponderEliminar