27/11/09

ESTATUTO DA ALDRAXE

O 22 de novembro de 1979, a UCD aprobaba o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza con todos os demáis partidos en contra. Euskadi e Catalunya -que contarían con sendos estatutos de nacionalidade histórica ratificados en nadal do 1979- saían gañando, mentras Galiza era usada como 'moeda de cambio'. A idea era "tomar o Estatuto galego como ponte de todos os estatutos das rexións, rebaixándoo ao nivel das non nacionalidades históricas", explica Pablo González Mariñas en www.novoestatuto.com.

Manifestación en Vigo contra o 'Estatuto da Aldraxe', 4 de nadal do 1979.
Fonte: www.elcorreogallego.es


Quince días máis tarde, centos de miles de galegos saían ás rúas en todo o país a reivindicaren pra Galiza un Estatuto de nacionalidade histórica, ó nivel de Euskadi e Catalunya, rexeitando o recentemente aprobado, que foi alcumado o 'Estatuto da Aldraxe'. A data da manifestación histórica: o 4 de nadal de 1979, da que o vindeiro venres se cumplirá o 30 aniversario.

Conta Rodri Suárez no seu artigo do 27 de xullo en Xornal.com que "este decembro cumpriranse trinta anos dunha das maiores mobilizacións xerais da historia moderna de Galicia. Centos de miles de cidadáns saíron á rúa –bandeira galega en man– para protestar contra o “Estatuto da aldraxe”, ou sexa contra a intención do Goberno central de negarlle ao país a súa autonomía plena. As manifestacións truncaron esa idea e forzaron a creación dun Estado autonómico que inicialmente só estaba pensado para Euskadi e Cataluña".

A presión popular obrigou á revisión do Estatuto, "realizada en setembro de 1980 nas conversas coñecidas como Pactos do Hostal. O novo Estatuto, que eliminaba as cláusulas consideradas aldraxantes, permitía que fose sometido a plebiscito do pobo galego con acordo da maioría das forzas políticas galegas, coa excepción do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG)", segundo explican en novoestatuto.com.

O Estatuto sería ratificado polo pobo en referendo un ano despois das manifestacións contra o Estatuto da Aldraxe, no mes de nadal de 1980. O resultado é ben coñecido por todos: 73% de votos a favor, "pero coa máis alta abstención rexistrada en calquera das eleccións celeradas en Galiza (máis do 70%). A autonomía de Galiza naceu, pois, con plena forza legal, mais orfa de calor popular".


Hoxe, 30 anos despois, non está de máis lembrar aqueles feitos. E tamén apuntar que semella que Galiza, sempre afastada dos intereses do poder central i en moitas ocasións marxinada nestes xogos da política, só ten acadado o respeto para os seus intereses cando todo o pobo (Estatuto da Aldraxe, Nunca Máis, Queremos Galego...) reaccionou. Mágoa que sempre teña que ser así, pero de momento non nos queda outra.


Máis información:

- artigo no Xornal de Rodri Suárez: http://www.xornal.com
- artigo en novoestatuto.com: http://www.novoestatuto.com
- conversa con Jose Luis Meilán Gil: páxina 90 do libro '25 anos despois: o difícil nacemento da Autonomía' en http://books.google.es
- opinión de Meilán Gil, Barreiro Rivas, Ceferino Díaz, Luis Sobrado, Anxo Guerreiro e Camilo Nogueira, en www.elcorreogallego.es

4 comentários:

  1. Para máis información sobre este tema recomendo a leitura do Ceferino Díaz: "A esforzada conquista da autonomía".

    ResponderEliminar
  2. Hoxe é tarefa imposíbel que os rotativos galegos tomén unha determinación semellante ao caso catalán. Supoño que inflúe que aquí non hai realmente unha prensa comprometida co país, senón que temos un montón de xornais movidos por intereses locais.

    ResponderEliminar
  3. Dous apuntamentos importantes,O gran traballo do galeguistas Piñeiro a cabeza, movilizando a sociedade,coma sempre o bng-upg a velas vir e fora do sucesso.Debemos destacar ó fin político e a derrota dos sectores galeguistas tanto na ucd no 81 e o psdg no 82, que levou o predomínio da pior direita(pp) e españolismo(tamén psdg)na política galega. Algo non mudou o bng a velas vir.Sauods

    ResponderEliminar
  4. Entre os que non apoiaron a manifestación dese 4 de nadal de 1979 estaba o BN-PG (antecesor do BNG), que non estaba por un Estatuto de Autonomía e si por unhas bases Constitucionais.

    ResponderEliminar