29/01/10

UNHA EXPERIENCIA PERSOAL

As novas tecnoloxías aportan unha información que a miña memoria xa non estaría en condicións de dar: foi un 15 de novembro de 2003.

Luxemburgo (Basée Ville desde Grund). Fonte propia.


Aquel día Caralladas acudíu a Luxemburgo para participar na última rolda dun proceso de selección de persoal do European Investment Bank, EIB, institución financieira da Unión Europea creada en 1958 có obxectivo de apoiar nos obxectivos prioritarios da UE de integración europea e desenvolvemento das rexións máis desfavorecidas da unión.

Eramos só 5 os candidatos seleccionados para a última rolda, e como ocorre nos filmes que desvelan o final da película desde o primeiro minuto -porque a chicha da historia está no que aconteceu polo camiño- non houbo sorte. De ter conseguido o posto, probablemente a miña vida tería cambiado radicalmente como funcionario da Unión Europea.


Pra facer o currículo en inglés que enviei para participar no proceso de selección traducín o que tiña en castelán de cando conseguin o traballo que tiña daquela en Madrid. No orixinal dicía que as miñas linguas maternas son galego e castelán. "Como no EIB non van ter idea do que é o galego -pensei- pois non vou quitar unha língua do currículo: poño que o portugués é a miña língua materna, e arreando. Total, o traballo que ofertan é de xestor de fondos de renta fixa e monetarios, qué carallo lles importará en Luxemburgo se o que falo é portugués ou galego?"

Instalacións centrais do EIB en Luxemburgo no ano 2003. Fonte: http://www.flickr.com/photos/puisney/1674531849/


A entrevista principal foi un 'bombardeo' de preguntas que me ían facendo simultáneamente entre 3 ou 4 persoas do EIB sobre temas académicos, profesionais, etc. Cal sería a miña sorpresa cando unha parte da entrevista centrouse no meu portugués como língua materna:

- Unha das razóns polas que fuches seleccionado para a última rolda é a túa competencia en idiomas. O inglés por suposto vaiche ser imprescindible no traballo, pero no día a día non o vas a usar moito. En Luxemburgo as línguas oficiais son francés, alemán e luxemburgués, cando menos vas necesitar o francés. Qué nivel tes?.

- Bueno... estudiei dous anos no instituto... falar non o falo moito...

- Xa. Pois vas ter que estudar francés, porque vaiche facer falta no día a día. Pero tes sorte, porque outra das línguas que comentas no teu CV vaiche ser de moita utilidade en Luxemburgo: tamén falas portugués língua materna, non? En Luxemburgo non é un idioma oficial, pero houbo moitísima inmigración hai anos de xente de países de fala portuguesa, i é un idioma moi falado. Algún dos teus pais é portugués?


E aqui pensei "trágame terra, a ver cómo llo explico". Por un intre véuseme á cabeza as típicas conversas en Galiza con españolistos: "el gallego y el portugués no son lo mismo, eso sólo lo decís los nacionalistas porque el gallego no sirve para nada". Así que traguei saliva, e comencei a explicarlles ós entrevistadores que Galiza é unha parte do Estado Español que na Idade Media falaba a mesma língua que Portugal, e que por razóns históricas, desde o século XVI quedou definitivamente integrado en España, e as línguas tomaron camiños diferentes.

- Na escrita -lles dixen- son moi parecidas, case idénticas; na fala o portugués cambia bastante.
- Pero vos entendedes?
- Sí, sí, sen problema.
- Perfecto, entón vaiche ser moi útil eiqui.

I entón, para a miña sorpresa, explicáronme que entendían a situación perfectamente porque en Luxemburgo pasa unha cousa moi semellante entre o Luxemburgués e o Alemán.

Luxemburgo. Catedral Notre Dame de Luxembourg ó fondo. Fonte propia.


I entón, o galeguiño ó que lle dixeron que "cuando salgas de la aldea verás que el gallego no te sirve para nada", non só descubríu que non era certo, senón dúas cousas máis:

- Que alí onde a xente non está contaminada polo discurso nacionalista español acepta perfectamente que dúas línguas que non son idénticas pero sí moi cercanas poden considerarse unha mesma língua a efectos prácticos se permíten a dous falantes comunicarse entre sí, cada un no seu rexistro. Así que, para quen non quera ver ó galego como a mesma língua que o portugués, o que non pode negar é que saber galego é tan válido internacionalmente como saber portugués.

- Que Galiza non é un caso único no mundo. Que non somos uns 'bichos raros'. Toda Europa está plagada de casos semellantes, linguas que tiveron que compartir espazos, guerras que foron mudando fronteiras non só políticas mais tamén lingüísticas. E hoxendía, noutros países europeos como Luxemburgo respétase esta variedade lingüística e foméntase que as línguas históricas non só non se perdan, senón que sexan hexemónicas nas sociedades que as crearon.


Por iso, cando vin no Ecolíngua 2009 'O caso de Luxemburgo', entendín moitas das cousas que me aconteceron naquela entrevista do EIB no ano 2003:

Ecolingua 2009: O caso de Luxemburgo from IGEA on Vimeo.


Quen teña tempo de escoitar esta palestra de Edelmiro Momam sobre a realidade lingüística de Luxemburgo, coñecerá a situación que xa vos adiantei en parte de convivencia de 3 línguas oficiais (francés, luxemburgués e alemán) e 2 moi usadas en distintos ambientes (inglés na banca internacional, portugués na inmigración). Pero, se cadra máis importante aínda, a partir do minuto 22:50 fálase de cómo se aborda no ensino esta situación de 5 línguas utilizadas socialmente.

Pensade en toda a carraxe que algúns vil.lingües están botando contra o ensino en galego nunha sociedade de 2 línguas, e agora observade cómo resolven en Luxemburgo un ensino en 4 línguas:

- Un alumno ó final do bacherelato para obter o título ten que demostrar competencia plena nas 4 línguas: luxemburgués, francés, a norma internacional do luxemburgués (isto é, o alemán) e o inglés. Sería o mesmo que exixirlle a todos os rapaces galegos que para rematar o seu ensino obrigatorio deben ser competentes en galego, español, a norma internacional do galego (isto é, o portugués) e o inglés.

- Cómo se consegue esto? Os nenos de primaria comezan os seus estudos con varios anos de inmersión lingüística no idioma propio do país, o luxemburgués (o galego), porque é "o idioma do corazón". O ensino do alemán (portugués) e o francés (español) xa están presentes no ensino desde moi cedo, pero dentro dunha inmersión lingüística en luxemburgués (galego). Despois continúase con inmersión lingüística en alemán (portugués) desde o final da primaria ós primeiros cursos da secundaria. Progresivamente vanse introducindo o francés (español) e o inglés, ata que nos seguintes anos da secundaria se procede a varios cursos de inmersión lingüística en francés (español).

Deste xeito, os alumnos rematan os seus estudos perfectamente competentes en polo menos 4 línguas, e a sociedade luxemburguesa é perfectamente cuatrilíngüe. E a iso hai que sumar a población que ten o portugués ou outras línguas como propia.

Funciona este modelo?

No próximo capítulo contareivos por qué sei que si.

26/01/10

ECOLINGUA 2009

O pasado mes de Nadal celebráronse en Vigo as Xornadas Internacionais Ecolíngua 2009. organizadas polo IGEA, que pretenden afondar no coñecemento da situación do galego na sociedade, e comparar a convivencia de línguas en Galiza coa realidade doutros países multilíngües.

Os organizadores do evento colgaron un resumo destas xornadas Ecolingua 2009 en videos na web Vimeo. Máis de 20 palestras de temáticas tan diversas como o mapa sociolingüístico de Galiza, o galego nos medios de comunicación, na administración, no ensino, marketing ou sociedade civil, outras realidades multilíngües como Finlandia, Luxemburgo, Quebec, etc., a lusofonía, culturas emerxentes en galego, etc etc.

A miña recomendación sería que, con tempo e con calmiña, botásedes un ollo a aqueles videos que vos poidan parecer máis interesantes, porque como dixo Anxo Quintana ao respecto, "a información é o mellor antídoto contra a mentira". Pero como sei que moitos non teredes tempo de facelo, o artigo de hoxe e os vindeiros dous artigos serán adicados a resumir algúns dos que máis me interesaron.


1.- 'O Mapa Sociolingüístico', polo profesor Henrique Monteagudo:


Ecolingua 2009: O mapa sociolingüístico from IGEA on Vimeo.


Nel fai un interesante estudo da evolución histórica nos usos do galego, língua inicial, língua habitual e competencia lingüística. A análise por idades permite facer proxeccións en tempo aparente, e a variable língua inicial dá pistas sobre a transmisión interexeneracional da língua.

Algunhas da conclusións son ben interesantes:

- Nos últimos anos incrementouse o número de falantes monolíngües, tanto en castelán como tamén en galego. Nun contexto no que a través do ensino se incrementa a competencia de ambas línguas, o cidadán "elixe" máis entre elas, e os verdadeiros bilingües diminúen. Esta realidade -a 'polarización sociolingüística progresiva' en palabras do profesor Monteagudo- pode ser unha das razóns que se agochan detrás dos últimos enfrontamentos pola língua na sociedade galega.

- O dano máis terrible contra o galego levouse a cabo nos anos do franquismo. Pasamos de porcentaxes de galego como língua inicial do 80% entre os nacidos nos anos 35-40, ó 35% entre os nacidos nos 70. "A grande perda na transmisión interxeracional do galego producíuse durante o franquismo". Coa chegada da democracia, foi suficiente con que a presión política e social contra o galego "afrousaxe" para que a perda na transmisión do galego se ralentizase até prácticamente deterse.

Porén, desta segunda conclusión extráese unha consecuencia da que temos que ser conscientes: nos próximos anos percibiremos unha reducción do número de falantes de galego no noso entorno por un efecto simplemente demográfico. Non significará necesariamente que o galego 'foi a peor', pero si que, ou moito revirte a situación do galego entre a xente moza, ou nos vindeiros anos a porcentaxe de castelán falantes superará ós galegofalantes.


2.- Moi interesantes parecéronme as intervencións de María Yáñez na presentación de eufalo.tv e, sobre todo, ó final da palestra 'Língua e culturas emerxentes':

Ecolingua 2009: Lingua e culturas emerxentes from IGEA on Vimeo.


Nesta palestra, María Yáñez comenta, acerca da fortísima presencia do galego en internet, que "nun día coma hoxe escribíuse máis galego que en todo o século XIX". Aconséllovos que escoitedes as palabras de María ó final da palestra porque alégranlle o día a calquera.

Tamén Xosé Manuel Pereiro e Suso Iglesias en 'O galego e os medios de comunicación' fan mención a que a forte presenza do galego en internet fronte ó ínfimo espazo que ocupa na prensa e medios de comunicación -todos eles inútilmente subvencionados para que fomenten a nosa língua- demostra que o galego está moi vivo: "cando a sociedade ten o poder de decisión de qué se publica i en qué língua se publica, o galego incrementa enormemente o seu espazo".

E iso os que escribimos ou lemos a diario ducias de blogs en galego (dos case 9.000 que cita o blogomillo) sabémolo ben.


3.- Menciono a mesa redonda "Língua e Sociedade Civil", coa participación de Queremos Galego, Prolíngua, CambiaGalicia, Galego Patrimonio da Humanidade e, si, Galicia Bilingüe, porque de seguro que, por polémica, é tamén das máis vistas. Pero eu persoalmente penso que non aporta nada novo ó que xa vemos e lemos a diario. O único suliñable é a cara dura dos vil.lingües para plantarse nun evento como éste a dicir xusto o contrario do que din nos demáis foros. Se GB pensara realmente moito do que o seu representante veu dicir nesta palestra, hoxe non habería conflicto algún na sociedade galega e, quizáis, Touriño e non Feijoo seguiría a ser o Presidente da Xunta de Galicia.


4.- A participación de Rafael Cuíña.

Só un necio confunde ser nacionalista ou galeguista coa súa particular visión de cómo debería ser a sociedade galega. Nunha Galiza verdadeiramente dona de sí mesma, consciente e orgullosa da súa língua, da súa cultura, da súa realidade nacional, haberá homes e mulleres de esquerdas... e de dereitas, claro. Haberá labregos, obreiros i empresarios. Ateos e católicos. Do Celta e do Dépor. Porque Galiza e o galego son de todos os que aman o noso país e a nosa língua.

E logo está a posición política de cada un, pero iso vai aparte. Cada un que defenda a súa visión da sociedade, conservadora, liberal, socialdemócrata, marxista ou a que sexa. Pero o galego é de todos, e de todos é responsabilidade sair a defendelo nestes intres de noxenta demagoxia do nacionalismo español, de hipócritas alusións á 'liberdade' e a unha suposta 'imposición' saída das bocas dos mesmos que impuxeron o castelán durante séculos nunha terra que xa tiña língua de seu dende hai máis de mil anos.

Por iso, as verbas de Rafael Cuíña son tan valiosas. Unha declaración da que quero destacar por riba de todo a súa valentía e o seu compromiso: "...unhas xornadas representativas da dignidade de un País"; "como Castelao, penso que sendo galego non debo ser máis que galeguista"; "Denuncio ós irresponsables políticos dispostos a ser verdugos de todo aquilo que non sexa pragmatismo castelanista, e ós partidos que o sustentan".

Só dura 8 minutos, paga a pena que a escoitedes.

Ecolingua 2009: Sesión de apertura con Rafael Cuíña from IGEA on Vimeo.


Por último, eu tamén teño experiencias persoais que quixera contar porque creo que son moi ilustrativas. Nos vindeiros dous artigos falarei de como no seu día me abriron os ollos sobre as posibilidades do galego a nivel internacional, e para iso apoirareime noutros dous videos do Ecolíngua que me faltan por destacar. Espero que vos interesen, porque a min quedoume clariño que mentras o galego ven sendo 'ninguneado' polo nacionalismo español como língua "inútil" internacionalmente, por ahi fora o galego pódenos abrir moitas portas.

Verémolo esta semana.

23/01/10

10 MELLORES FILMES BRASILEIROS DA DÉCADA

Nun dos blogs do xornal brasileiro O Globo veñen de publicar o pasado mes de Nadal unha "lista cós 10 melhores filmes brasileiros da década" que acaba de rematar, elaborado por un xurado de 10 críticos de cinema brasileiros.

http://oglobo.globo.com/blogs/cinema/os-melhores-filmes-brasileiros-da-decada


1. "Cidade de Deus", de Fernando Meirelles
2. "Edifício Master", de Eduardo Coutinho
3. "Tropa de elite", de José Padilha
4. "O invasor", de Beto Brant
5. "Cinema, aspirinas e urubus", de Marcelo Gomes
6. "Estômago", de Marcos Jorge
7. "Serras da desordem", de Andrea Tonacci
8. "O cheiro do ralo", de Heitor Dhalia
9. "Lavoura arcaica", de Luiz Fernando Carvalho
10. "Ônibus 174", de José Padilha

Além desses, outros 42 filmes foram lembrados pelo menos uma vez pelo júri: "500 almas", "Abril despedaçado", "Amarelo manga", "Apolônio Brasil", "Auto da compadecida", "Bicho de sete cabeças", "Boleiros 2", "Cão sem dono", "Carandiru", "O céu de Suely", "Chega de saudade", "Cidade Baixa", "Crime delicado", "Desmundo", "Dias de Nietzsche em Turim", "Ensaio sobre a cegueira", "Estamira", "Estorvo", "Eu me lembro", "Eu tu eles", "Fabricando Tom Zé", "Falsa loura", "Filme de amor", "Garapa", "Glauber, o filme - Labirinto do Brasil", "O homem que copiava", "Houve uma vez dois verões", "Janela da alma", "Jogo de cena", "Linha de passe", "Lost Zweig", "Madame Satã", "Meu nome não é Johnny", "Moscou", "Narradores de Javé", "Nelson Freire", "O passado", "O príncipe", "Quase dois irmãos", "Santiago", "Separações" e "Vinicius".


"Buscapé" (Alexandre Rodrigues) en 'Cidade de Deus'.
Fonte: oglobo.globo.com/blogs/cinema


"Cidade de Deus"
ficou em primeiro lugar com sete votos. Meirelles: "Em 'Cidade de Deus', tentei contar a história usando a linguagem que sabia, não houve intenção de estetizar a violência ou a pobreza. Não existe mesmo uma verdade objetiva, tudo depende dos olhos de quem vê".

José Padilha é o único director que aparece dúas veces na lista de 10, con "Tropa de elite" e "Ônibus 174". Padilha: "Acho que 'Tropa de elite' é um filme que quebrou uma série de paradigmas temáticos do cinema brasileiro. Ter um policial como protagonista, ter um narrador politicamente incorreto, de direita e violento... Tudo isso gerou bastante polêmica e críticas dos mais variados tipos".


Na lista definitiva sorprende unha ausencia (cando menos entre os dez mellores filmes): Walter Salles. Autor da maravillosa 'Central do Brasil' (non figura por ser de 1998) ou do seu maior éxito internacional 'Diarios de Motocicleta' (sobre a vida do Che Guevara, non figura por ser en español), queda a súa presencia reducida ó voto por 'Abril despedaçado', de 2001. Falaremos algún día de Walter Salles máis adiante neste blog.

Cartaz de 'Central do Brasil'. Fonte: http://shihzhu.wordpress.com


Podes ler o artigo completo no 'blog do bonequinho' no xornal O Globo.