04/07/09

BRAZIL, 8ª ECONOMÍA DO MUNDO

Segundo os datos de FMI, Banco Mundial e CIA (ver Wikipedia e as respectivas webs), Brasil era a décima economía de Mundo a peche do ano 2008. Nos sete primeiros postos da lista a única variación nos últimos anos é a imparable emerxencia de China, quen probablemente a finais de 2010 será oficialmente a segunda economía do Mundo por diante do Xapón.

Elaboración Propia.
Datos http://en.wikipedia.org/wiki/List_of_countries_by_GDP_(nominal)
agás (*) Datos para Galiza: Estimación propia.


Nesa clasificación, 4 países levan algúns anos competindo pola oitava posición: Rusia, España, Brasil e Canadá. Rusia e Brasil, como potencias emerxentes, levan as de gañar, pero os últimos acontecementos económicos están a facer que as prediccións deban ser revisadas.

No caso de Brasil, as previsións de crecemento económico para os vindeiros anos pasaron, en cuestión de meses e por mor da actual crise económica mundial, de estimacións de crecemento medio do 5-6% nos próximos 5 anos a taxas do -1,30% en 2009 e +2,2% en 2010 segundo o FMI. A propia contabilidade da Presidencia da República apunta a unha caida no primeiro trimestre de 2009 do -1,78%, ainda que correxida pola estacionalidade resulta un -0,83%.

A posibilidade de que o Brasil acadara o título de 8ª economía do Mundo parecía claro con perspectivas de crecemento do 5-6%, có permiso únicamente de Rusia que estaba a medrar a taxas inclusive superiores. Agora, no novo escenario económico, as cousas apuntan aínda máis en favor do Brasil, xa que a contracción da súa economía non só non é un caso aillado, senón que é unha das que mellor están resistindo o actual entorno, xusto o contrario que Rusia (-6,0% estimado en 2009) ou España (para a que aínda en 2010 se agardan taxas negativas de crecemento).

Con estes datos, a perspectiva para estas catro economías nos vindeiros anos é a seguinte:

Elaboración Propia.
Datos http://www.imf.org/external/pubs/ft/weo/2009/01/pdf/text.pdf



O Brasil converterase na 8ª economía do mundo, nalgún punto entre finais deste ano 2009 e principios do 2010, lugar que inclusive en termos de paridade de poder de compra debería traducirse no 6º en menos dunha década. E supón a día de hoxe unha economía 7 veces máis grande que a economía de Portugal, e 20 veces a de Galiza.


Pero non só en termos de volume da súa producción se mide a puxanza da economía brasileira:

- unha poboación de case 200 millóns de habitantes, e unha forza laboral superior aos 100 millóns de traballadores, ambas medrando a taxas do 1% anual:


- un crecemento económico moi superior ao dos países occidentais (5,1% en 2008), nunha economía igualmente estable: inflación 4,5% en 2008, desemprego do 8%, governo democrático dende hai máis de 20 anos, peso do sector terciario nun 66%, poboación por baixo do limiar da pobreza do 23% -elevado, pero idéntico ao de Galiza...-, etc.

- unha estructura demográfica moi pouco envellecida: os maiores de 65 anos só son o 6,5% da poboación e hai 4 veces máis rapaces (25%), resultando unha figura moi diferente á das pirámides de poboación dos paises occidentais que poñen en perigo a sostenibilidade dos seus sistemas de pensións. A esperanza de vida e superior aos 70 anos.

- poboación urbanizada -20 cidades superan o millón de habitantes, con Sao Paulo (11 millóns) e Rio de Janeiro (6 millóns) á cabeza- e históricamente multiétnica.


A cuarta democrácia e oitava economía mundial fala portugués. Unha lingua que como ben sabemos, na Galiza temos enormes dificultades para entendela e facermonos entender. 200 millóns de persoas no Brasil e 11 no pais veciño de Portugal, con economías 20 e 3 veces máis grandes que a nosa, falan portugués. E só a teima que algúns teñen de negarlle ao galego a utilidade que lle recoñecen ao español para integrarnos no mundo é a explicación de que hoxe pretendan converter o galego nunha lingua flolclórica, sen utilidade no mundo.

A economía galega ten, grazas a empresas como Inditex, Citroën ou Pescanova, un grao de apertura ao exterior superior incluso á española, pero a exposición ao puxante mercado brasileiro non supera o 4% da nosa balanza. Tempo é de cambiar esa estatística, aproveitando as nosas potencialidades e puntos en común.

03/07/09

LIBERDADE

Liberdade é unha palabra que evoca os mellores sentimentos cando oimos falar dela. En nome da liberdade as democracias impuxéronse ás tiranías, os avanzos científicos a séculos de escurantismo e o libre comercio acadou un progreso económico sen parangón na historia da Humanidade.

É por iso que empregar a verba liberdade como argumento para xustificar os nosos actos resulta moi convincente, xa que –sempre que se respete a norma “a miña liberdade remata onde empeza a dos demáis”- ninguén que se considere demócrata sería quen de poñela en cuestión.


Ter unha ferramenta tan potente vóltase moi atractiva políticamente, xa que calquer opinión pode defenderse mentando “o meu dereito” a pensar, facer ou decidir. É por iso que non deberíamos perder de vista que a liberdade non pode servir como excusa para calquer feito. Do mesmo xeito que ninguén sería quen de lexitimar o dereito a matar en base o seu albedrío, deberíamos esixir que a palabra liberdade non sexa maltratada para xustificar calquer acto, xa que no seu nome non só se defenden os máis altos ideais, senón tamén pretenden algúns acreditar o seu dereito a quebrantar as máis elementais normas humanas:

- En nome da liberdade de empresa xustifican algúns que son máis importantes as patentes e os beneficios das compañías farmacéuticas que as vidas dos millóns de seres que morren cada ano no Terceiro Mundo de sida, malaria ou simplemente gripe (A, B ou Z, que alí tanto ten). Que se queira facer extensible a tódolos ámbitos o mercado libre –especulativo- dunhas elites, permite que lucrarse no casino dos futuros sobre os alimentos básicos condene á fame a medio mundo.
- O suposto dereito dos traballadores a laborar tanto tempo como lles sexa permitido era o pretexto para autorizar as xornadas de 65 horas (qué capacidade para negarse terá aquel que depende do seu salario para sustentar á súa familia?). E a liberdade de horarios no comercio beneficia ás grandes superficies –onde, claro, contratarán traballadores que “elixan” facer xornadas de 65 horas-, perxudicando ó comercio de autónomos que non pode competir 24x7.
- Os exemplos non aplican únicamente ao ámbito económico: o impacto da actividade humana sobre o medio ambiente, a colonización sobre linguas e culturas en desvantaxe, o menoscabo dos dereitos das minorías étnicas e de todo tipo, etc.


Pero ese uso inmoral da palabra liberdade non é o único que quero censurar aqui.

Se só denunciaramos o “nivel moral” desas decisións e cómo repercuten sobre a xente, a discusión entraría no plano da ética; e poderían argumentar que a moral de cada un é persoal, que non hai baremos absolutos para xulgar as consecuencias dos seus actos.
Pero é que os mesmos que din falar en nome da liberdade para xustificarse nos casos anteriores, foxen dela cando non lles é propicia. Detrás dese argumento agóchase en ocasións a dobre moral ou, simplemente, a lei do máis forte:

- As regras do libremercado só se defenden cando somos o lado forte da balanza: esiximos aos paises en vías de desenvolvimento que non poñan barreiras ó comercio internacional, mentras nós subvencionamos a agricultura; pedímoslle a China e India que busquen un modelo económico que non perxudique ao medio, mentras nós non mudamos o noso; reclaman ao Estado “laissez faire!”, e logo claman por “unha paréntese na economía de mercado” (esa frase do presidente da CEOE quedará para sempre na miña memoria…).
- O estatus dunha lingua depende de cal sexa a lingua, quen a fale e onde: “as linguas non teñen dereitos, senón os falantes”, din eles, pero ese dereito négase a un galego en Madrid porque alí o idioma único é o español (non era que o dereito é dos falantes e non das linguas?); os que alaban que a convivencia “harmónica” nos territorios bilingües é unha virtude, nas súas rexiónsnon queren aprender outra lingua do Estado – como fan en Suiza, Canadá, etc.-, ou critican o uso dos anglicismos que poñen “en perigo” a lingua de Cervantes.
- E o dereito individual a elexir, tantas veces defendido noutros ámbitos, négano segundo quen sexa quen o reclama: ás mulleres, cando se trata de planificar a súa maternidade, primando sobre ela o dereito do óvulo fecundado; ou a quen reclama algo tan básico como o seu dereito a morrer en paz.


Todo iso é facer uso da palabra liberdade para, simplemente, xustificarse na lei do máis forte. E por suposto, facelo só cando lles convén. Cando son o lado feble da balanza, ou buscan axuda (rescate do Estado ás empresas e bancos en apuros), ou buscan acreditar a súa “liberdade de elección” dende o nivel que lles resulte máis rendible aos seus intereses: o dereito de autodeterminación dos pobos a nivel do Estado e o funcionamento da economía do Estado ao mercado; o dereito a defender a lingua propia dun país a nivel individual e o dereito dun individuo a ter unha morte digna en manos del Señor.

Eso non é liberdade, é aproveitarse do seu bó nome. E isa dobre moral non os fai “máis demócratas”, senón todo o contrario.

Liberdade é a capacidade de poder dicir o que penso sen ataduras de ninguén. E o que penso é que eu xamais utilizaría a miña liberdade para xustificar que haxa persoas no Terceiro Mundo que morran de enfermidades das que calqueira en Occidente pode sanar; que a lingua e a cultura dos meus devanceiros esmoreza, e meus fillos herden un Planeta en perigo e uns recursos esgotados; que un traballador non teña unhas condicións de traballo e un salario dignos; que unha muller non poida decidir cando e cando non quere ter un fillo; ou que se obrigue a un home a vivir unha vida que eu non quixera para min.

02/07/09

MOITO MUDAMOS

Hoxe ás 20:00, na Fundación Caixa Galicia de Lugo, inaugúrase a exposición "Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano". 164 imaxes tomadas pola etnógrafa e fotógrafa Ruth Mathilda Anderson na Galiza, entre os anos 1924 e 1926.


Podedes ver algunhas das fotografías que compoñen a exposición nas webs www.culturagalega.org e www.xornal.com. Moito mudamos...