05/04/10

O CONTO DE NUNCA ACABAR

Tiña eu a teoría de que o conto este pra non durmir polas noites, titulado 'fusión si, fusión no', a este paso habería chegar vivo ó 2011. Hai unhas semanas comenteille esta miña inquietude a Marcelino F. Mallo, quen entre outras cousas por vivir dentro dun dos bichos sabe desto bastante máis que eu (véxase o seu artigo as caixas: momento cero), e diciame que non, que para ben ou para mal o asunto tiña que se resolver xa, porque unha das caixas -todos supoñemos cal- está nunha situación crítica tal que non se sostén por moito máis tempo.

A semana pasada publicábase -nesa febre da prensa online por ver quen da a primicia- que a fusión era xa un feito, pero poucas horas despois descubriamos que o único que había en firme era un pomposo anuncio de tres liñas na boca de Núñez Feijoo "que sepais que las cajas están hablando de fusionarse, oisteis?". Pois moitas grazas, home.

Eu xa expresei a miña opinión hai uns meses (ver cortina de fume): en resumo, alguén puxo enriba da mesa a pregunta que da título ó conto, "fusión si, fusión no?", e todos como toritos desbocaos entraron ó trapo, sen 1.- facerse as preguntas importantes (qué modelo de sistema financeiro queremos? a quen interesa esta concentración? cal é a situación financeira das caixas? quen son os responsables de as caixas teren chegado a esa situación (e esíxanse cabezas)? cal é o obxectivo último na estratexia do BdE? etc.) e 2.- moito máis importante, saber transmitirlle á sociedade con claridade por qué modelo apostan uns e outros, en lugar de enredar con liortas que a xente non entende.


Agora que a necesidade apremia hai maior vontade de entenderse, e incluso eu considero que o conto deu xa tantas voltas que non queda outra que posicionarse, asi que finalmente sumeime ó carro dos que opinan que "se non queda outra, adiante fusión" como mal menor, ou 'second best' que di Xavier Vence. Pero de todos xeitos, eu creo non só que ó conto da fusión aínda lle quedan moitos capítulos por diante (incluso con fumata branca este martes non remataría, se cadra non faría máis que comezar...), senón que o conto DEBERÍA CONTINUAR.

Pra explicarme, prégovos que vexades primeiro este video:




(Extraído do blog neocon portugués A arte da fuga. Xa o dicía Michael Corleone: 'ten sempre ben perto ós teus amigos, pero moito máis perto ós teus inimigos')


Non pretendo falar do que comenta o video, nin rebater os seus argumentos do nivel 'mercado güeno, estado caca', pero si facer mención á habilidade que ten a dereita (aqui tamén, pero moito máis nos USA, que é onde os de aqui se miran ó espello) para levar o debate a un nivel básico ó alcanzo de todo o mundo. Unha constante chuvia fina de ideas básicas como libertaz ou imposición, pervertidas no seu uso como eiqui ben sabemos pero que, guste ou non, é unha estratexia que resulta efectiva.

E a esquerda, na súa autocomplacencia 'somos mellores e a xente finalmente entenderá que temos razón' non só nin sabe expoñer moitas veces as súas ideas á sociedade coa claridade e metade de efectividade que os outros, senón que moitas outras non ten nin a intelixencia de non entrar no terreo enlamado que lle tiñan preparado.


Por iso, velai van as miñas conclusións, tan clariñas como son capaz de expoñelas, nas que coido deberia empezar a traballar o galeguismo político a partir de xa, haxa fusión das caixas ou non:

1.- Galiza debe contar cun sistema financeiro propio, sexa cunha entidade, dúas ou vinte.

2.- O segmento do sector financeiro que o Estado das Autonomías reserva para o autogoverno dos galegos son as nosas caixas de aforro. Ningunha alteración na situación das caixas de aforro debería reducir o noso autogoverno.

3.- As caixas de aforro NON son banca pública. Do mesmo xeito que porque unha ONG sexa unha empresa sen ánimo de lucro non significa que sexa dirixida polo Estado ou a Xunta, as caixas de aforro cumplen unha función social, son propiedade dos seus depositarios e son dirixidas por quen son dirixidas (incríblemente polos mesmos desde hai décadas, por certo).

4.- A lei de caixas pretende darlle ó autogoverno dos galegos o papel que lle corresponde no equipo de governo das caixas, có obxectivo fundamental de reorientar a xestión da/s entidade/s cara un modelo onde prime, en palabras de Carlos Aymerich, que "a nova Caixa estexa ao servizo do país na súa política crediticia e de investimentos e na súa obra social".

5.- Con iso débese tamén rematar có nepotismo nas caixas, aclarar a súa situación financieira real e -de ser tan nefasta como todo semella sinalar- exixir e depurar responsabilidades.

6.- e por último, facer ver que os países que apostaron por manter un espazo relevante á banca pública fronte ós poderes privados (China, Brasil) son -será casualidade?- os que mellor se están a comportar na crise financiera actual, e os que lle quitaron espazo na súa totalidade (USA, España) son -casualidade tamén?- os que máis sofren.


Non debemos perder a ocasión agora que, por primeira vez en 30 anos, temos de cara os ventos que sopran a nivel internacional (xa non favorables ó modelo neocon responsable da actual crise económica de orixe financeira baseada nos lemas “canto máis grande mellor” e "o sistema financeiro privado é eficiente, o público non") coas propostas de Obama de reducir os tamaños dos bancos ou regular a actividade dos seus equipos directivos, de Merkel e Sarkozy de introducir un imposto á gran banca, etc etc.

E debemos poñer ese debate enriba da mesa antes de que o BdE, o PP e o PSOE fagan coas caixas o que levan décadas argallando como facer: regalarllas ó sector privado.

5 comentários:

  1. Cheguei a este nblog dende un link de:

    http://renovarobng.blogaliza.org/2010/04/05/dous-bos-resumos-sobre-as-caixas/comment-page-1/#comment-17920

    Reproduzo o meu comentario a ese blog, que coido acaído para este post.

    Hai outra alternativa, nin "A", nin "B", ¡¡¡C!!!.

    Fan falla uns 5.000.000 de euros e uns douscentos socios, (persoas físicas ou xurídicas).

    Nos pensamos que nas circunstancias actuais é viabel a creación polo nacionalismo dunha nova "Caixa" baixo a fórmula dunha Cooperativa de Crédito.

    Unha nova entidade nacería libre das eivas e rémoras coas que os pufos do boom inmobiliario lastra as caixas existentes e provoca a súa inviavilidade futura.

    O modelo que queremos xa existe, é o do Grupo Mondragón e a Caja Laboral, unha aposta pola economía productiva, pola creación do emprego e polo desenvolvemento da propia patría e ao tempo polo desenvolvemento dunha economía social pola vía do cooperativismo.
    Construir a nación non soio se fai dende a política, tamén dende a cultura, o movemento sindical e, dende a economía e as finanzas. O mesmo Alexandre Bóveda foi un dos pais das Caixas provinciais de Pontevedra e de Ourense na Segunda República.

    Para mais información:

    http://caixanacionaldagaliza.blogspot.com/

    ResponderEliminar
  2. Carlos Amoedo05/04/10, 15:22

    Moi boa opinión, Caralladas.
    Por certo, que ainda non me dixeche que che pareceu a miña contestación á tua pregunta en Feijoomente: tendo en conta quen eras, decidín rematar con Paulinho da Viola.
    Voçê gostaria, n´é?

    ResponderEliminar
  3. Bom dia, senhor Amoedo!!

    Eu ja contestei lá. Graças por se passar saudar!! Abraço.

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas Caralladas pola explicación do problema, é xustamente o que quería ler.

    ResponderEliminar
  5. A min tamén me gostou o comentario.

    Penso que hai que darlle voltas tamén ao da banca ética -que aquí tamén se apontaba-. Ándame na cabeza desde hai tempo meter alguns cartos en Triodos Bank. Supoño que o farei.

    ResponderEliminar