21/04/10

LECTURA EN POSITIVO DA ENQUISA DO IGE

Recentemente ten sido publicado unha enquisa sobre 'coñecemento e uso do galego' en Galiza por parte do Instituto Galego de Estatística, que vos animo a ler (é moi breve e intelixible para todo o mundo) se aínda non o fixestes.

Como calquera que viva neste país debería supoñer xa, os datos seguen a confirmar que o galego sofre unha verdadeira hemorraxia cuantitativa de falantes. O desánimo -ás veces cunha visión dramática de máis, coido eu- volve xurdir entre as filas galeguistas (podedes consultar os artigos e comentarios dos lectores nos blogs de Bouza e Baamonde) e a desorientación que provoca sobre qué medidas normalizadoras deberiamos promover para darlle a volta a esta situación é tal, que as receitas propostas por lingüistas como Mauro Fernández ou Henrique Monteagudo raian na capitulación, mentras Bouza cáseque non ve máis solución que a política, ou morrer.

Por iso, á vista dos datos coido que é momento máis que nunca de estarmos tranquilos, respirar fondo, non deixarse levar polo desánimo e menos aínda alentalo, e tentar ver a situación con realismo pero sabendo tamén facer unha lectura en positivo da enquisa para procurar novas estratexias a seguir ante unha situación que -non nos enganemos- para a nosa língua aínda non tocou fondo.

Estas son as miñas lecturas en positivo:

1.- Non fagamos como as avestruces, agochando a cabeza pra non ver a realidade: o galego é xa unha língua minoritaria no seu propio país. Os datos falan dun 56% de falantes só ou maioritariamente en galego, pero caendo máis dun 1% anual e coa distribución por idades que presenta

Distribución dos usos do galego por idade en 2008. Fonte: www.ige.eu

a estas alturas se o galego non é xa minoritario, seráo irremediablemente nos vindeiros anos, e a situación manterase así polo menos durante décadas, xa que só unha inversión radical da situación nos tramos máis novos de idade que compensasen porcentaxes do 52,9% de falantes íntegramente en galego entre os maiores de 65 anos permitirían compensar o efecto vexetativo de perda de falantes.

Como ese escenario é simplemente irreal, o futuro do galego pasa por evitar que, por ser xa minoritario na sociedade e manterse nesa situación durante longo tempo, non remate sendo unha lingua marxinal.

2.- Para evitar caer na marxinalidade, o galego debe atopar espazos de convivencia pública nunha sociedade bilingüe. Só un 20% dos galegos vive alleo á súa língua propia, e a situación non é moito peor nos tramos de futuro (un 25% entre a poboación de 14 a 50 anos). Se o 75% da xente moza non lle dá as costas ó galego -e moitos dos que non o falan nunca, probablemente non sexan todos nin moito menos contrarios á normalización lingüística-, evitar a marxinalidade do galego pasa por potenciar e facer ver as bondades dunha sociedade plurilingüe, incrementar a visibilidade do galego a nivel social -en moitos máis eidos que na escola-, potenciar a súa dimensión internacional a través do coñecemento do portugués e incrementar a percepción do galego como língua útil.

3.- Hai uns meses xa nos fixemos eco das verbas de Henrique Monteagudo no Ecolíngua, cando insistía en que "a grande perda na transmisión interxeracional do galego producíuse durante o franquismo. Coa chegada da democracia, foi suficiente con que a presión política e social contra o galego afrousaxe para que a perda na transmisión do galego se ralentizase. Porén, temos que ser conscientes: nos próximos anos percibiremos unha reducción do número de falantes de galego por un efecto simplemente demográfico". A enquisa do IGE -e as que virán- ven a confirmalo: entre os 14 e os 50 anos a presenza do galego é case idéntica, cun incremento na competencia e uso de ambas linguas e o estancamento do sector da poboación que vive só en castelán. E sen embargo, a porcentaxe total dos galegos que falan só ou maioritariamente en galego caeu 5 puntos -e seguirá caendo os vindeiros anos a ese ritmo- por razóns case exclusivamente demográficas.

4.- Case 47.000 persoas cambiaron o castelán polo galego nos últimos 5 anos. 20.000 máis mudaron á inversa, pero 4.000 falantes máis de castelán "netos" cada ano nun país de 3 millóns non é drama algún. Moito máis drama é -e moito máis medo mete a quen a saiba interpretar- a pirámide poboacional deste país: as-americas-2. O problemático do asunto é que a maior parte dos que mudan en favor do galego o fan por 'motivos persoais'

Persoas que cambiaron de língua en Galiza. Fonte: www.ige.eu


Segundo as miñas contas, e axustando por voto múltiple na enquisa, 21.000 persoas mudaron castelán por galego por motivos persoais. Pero esa cifra, ademáis de relativamente pequena, é cáseque idéntica ós que se pasan ó español porque me da la gana (unhas 20.500 segundo as miñas contas). É hora de abrir os ollos: a batalla da recuperación da lingua baseada en mensaxes de amor ó país, á cultura propia, ó galego porque é noso e é a língua propia do país non revertiron nin van revertir a situación. E moito menos a politización da língua. Nun contexto como o actual, unha clara maioría da poboación respeta e non lle ten desde logo aversión ó galego, pero non é razón suficiente pra mudar de língua da noite á mañá, e menos en contextos sociais onde facelo é pouco menos que unha ousadía. As tornas comezarán a mudar o día que o galego demostre que pode ser unha língua socialmente útil. Díxeno cen veces e direino cen veces máis se fai falla: fai máis pola normalización lingüística unha política económica axeitada que vinte normativas de 'porcentaxes mínimas' do galego no comercio ou nos medios de comunicación, que aínda por riba dan argumentos á 'imposición'. O galego ten que ser que ser útil, por exemplo, á hora de conseguir un posto de traballo. Dentro de 20 anos Brasil será a quinta potencia mundial, por se alguén precisa de máis pistas.

5.- Falando da imposición do galego, a que están esperando algúns políticos pra poñer estes datos enriba da mesa e pedir explicacións os que chegaron ó governo afirmando que "el castellano está en peligro en Galicia". O ensino non está a provocar mudanzas significativas, mentras que o dobre de persoas mudan a súa língua habitual do galego ó castelán por mor do seu traballo, cambio de residencia (do rural ás vilas, evidentemente) ou as novas amizades. Mentras o galego sexa marxinal en Vigo e A Coruña, motores económicos do país, a cousa seguirá estando moi difícil. E a situación nesas dúas vilas, advirto, non se vai invertir esixindo 'cupos' a ningún sector alleo ou contrario á nosa língua. Busquemos espazos de convivencia, e sobre todo, provoquemos que saia á rúa o galego agochado nos fogares dos barrios: o galego aínda mantén porcentaxes do 40-50% entre os que falan íntegramente en galego con pais, fillos, avós, amigos, etc. (por certo, realmente falamos menos en galego cós avós que cós fillos?? un dato abraiante) mentras en ámbitos profesionais a exclusividade en castelán supera o 30%, e probablemente de ter datos pras grandes vilas serían abafantes.

6.- Por último, e como resumo, esta xeración de xente moza foi educada en galego: o 60% declárase perfectamente competente en galego, máis do 70% dos menores de 30 anos aprenderon o galego na escola fronte ó 8% dos maiores de 50 anos, e recibiron máis do 50% das súas materias en galego (nin o decreto galegófobo debería conseguir que se baixase desa marca). O reto está en conseguir que esa xeración perciba que a língua na que foron educados vailles ser útil na sociedade na que viven. Tendo en conta que viven e vivirán nunha sociedade onde o galego é minoritario, comecemos por potenciar e facer ver as bondades dunha educacion plurilíngüe, a riqueza dun país con dúas línguas e a vantaxe comparativa e competitiva que esto supón, e finalmente, pero non menos importante, nun mundo cada vez máis globalizado, potenciar a utilidade do galego como ponte á cultura lusófona e como valor económico nas relacións cunha eurorrexión sen fronteiras e un Brasil (e, a menor escala, Angola) en claro apoxeo económico a nivel internacional.

7 comentários:

  1. interesante análise

    ResponderEliminar
  2. Fermín Bouza21/04/10, 01:07

    É preciso traballar e matinar en novos xeitos de achegamento ao idioma e pular pola lingua na cidade, se acaso gañando un falante ao ano, da o mesmo,a cuestión é avanzar, e iso é posíbel
    Fermín Bouza

    ResponderEliminar
  3. Preocupación si, desesperanza non...
    Últimamente, dende que o Feijoo foi investido, estou vendo, sobre todo no mundo de internet, un gran desenvolvimento de ideas, que de levarse a cabo mudarían o noso país:
    - Asoc. Galiza co Galego, que promove a creación dunha rede de escolas de ensino en galego, con base cooperativista.
    - Comisión promotora dunha caixa cooperativa nacional (se cadra, para min esta é a máis importante e case que fundamental).

    Non sei, creo que tes razón no que dis... a loita vai máis aló da língua...
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  4. Bo artigo, complementa o que digo eu en Galizauberalles.
    Por outra banda o galego flaquea non so na Coru.
    Os poucos rapaces nados na miña aldea (rural e na Galiza oriental) son educados en castelán e so en castelán desde fins dos 80. Agora que a miña xeración, son dos setenta, galegofalante e que xa viu o galego na escola esta a ter fillos (poucos) educaos so en castelán. Ademáis dos argumentos de sempre agora sumaron o da imposición.
    Un saúdo e animo a todos.

    ResponderEliminar
  5. eu vejo ainda um outro problema, e penso que é muito importante: ninguem se considera incapacitado para falar galego; eu conheço gente que escreve "GALEGO: língua materna" no currículo, mas depois tratas de falar em galego com eles e chapurreiam um castrapo de nível médio-baixo. Alguem que sabe dizer "je m'appel olizinho" nom diz que sabe francês; pola contra, em galiza, qualquer pessoa que estudou galego na escola já diz que sabe galego -para depois usar 5 vogais, castelhanismos a eito e frases feitas transliteradas do castelhano-.

    Se os dados do IGE forem certos, a cousa nom estaria tam mal como está; mas acho que nom som dados reais, mas dados fantasiosos das mentes dos enquisados.

    ResponderEliminar
  6. Bueno, a situación do castelán non é moito mellor: o ministro aspira a que os rapaces rematen a ESO (o instituto...) "hablando correctamente castellano". A iso chámolle eu perseguir a excelencia.

    ResponderEliminar
  7. PERGUNTA: O facto de que a perda mais importante na transmissom intergeracional se produzisse durante o franquismo deve-se principalmente ao caracter repressivo e fundamentalista espanhol do regime ou mais bem ao facto de que foi durante o "desarrollismo" franquista quando se produz a migraçom maziça do rural (autosuficiente e onde o castelam é superfluo) para as cidades (onde o castelam é imposto como unica ferramente de nom-discriminaçom socio-laboral)?

    RESPOSTA: Na minha opiniom é uma mistura dos dous factores com claro predominio do segundo. Trata-se dum fenomeno de adaptaçom ao meio. O problema nom é apenas que no mundo urbano (de operarios e assalariados em geral) o castelam é percebido como obrigatorio para fornecer um futuro melhor aos ilhos, é que além disso, a sociedade tradicional percebe-se como algo inviavel (onde o comunitarismo tradicional tambem vai sendo substituido polo individualismo urbanita).

    Entom, a minha conclusom é que com Franco ou sem ele o resultado teria sido semelhante. Melhor, mas nom substancialmente.

    ResponderEliminar