31/07/09

NON SOMOS OS ÚNICOS

Afortunadamente, non somos os únicos que vemos en Brasil, Portugal e o portugués unha chave para o futuro de Galiza e o galego. Como mostra, dous botóns.

Os primeiros son recén chegados, e quitaranlle a máis de un a idea de que o lusismo "es cosa de radicales del bloque". Entendendo por radical, claro, a todo quisqui que non pense como eles. O segundo é un dos grandes escritores e pensadores na nosa lingua, e xa hai moito que ven dicindo o que propoñemos modestamente dende este blog.


1.- Converxencia XXI: Tentan ser un xerme dun partido nacionalista de dereitas (outro máis, a ver cómo lles vai). Pero cando menos teñen o valor de ser xente xove que se arreda do españolismo do pepé para propor unha visión en clave nacionalista.

O que nos interesa: defenden "un achegamento ortográfico do galego ao portugués. Este é un debate que ten que ser desdramatizado e feito desde formulacións que pensen no mellor para o idioma e para os seus usuarios, e non para as cúpulas do PP e o PSOE nas rúas Genova e Ferraz de Madrid e outros intereses alleos á cidadanía e ás empresas galegas. O idioma produce riqueza, o español contribúe mais ao PIB de España que o turismo, nós, ademais do español tamén falamos a lingua do Brasil, Angola, Mozambique, Macau, etc. É mais, a lingua de todos eses lugares naceu no noso territorio e forma parte do noso patrimonio; seria un desperdicio moi grave continuar botando todos os días ese activo tan valioso ao lixo. O portugués non é outra cousa que o galego cultivado. Como galegos temos que lle dar á nosa lingua o tratamento de lingua latina culta e non de variante ortográfica do español. A actual ortografía do galego, na que está escrito este texto, é unha escrita puramente fonetista de quen estaba alfabetizado en español".

Podedes atopar máis información sobre esta nova organización na súa web http://www.converxencia.eu/ ou na recente entrevista en A Peneira Dixital.


2.- Suso de Toro. Coa súa maestría, debullou nun só artigo o que nós tentamos facer entender neste blog: que se Portugal fose Alemaña, "gallego el último". E ademáis, xa o ven dicindo dende o ano 2007, cando menos.

Do artigo -publicado no xornal El Pais (en castelán) a raiz da polémica acontecida por teren levado a Estremadura un organismo de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal-, resumimos algúns extractos a continuación:


Que quere Galicia de Portugal?

E que Portugal de Galicia. Portugal e Galicia mantemos relacións á galega: si pero non. E por confusas son frustrantes. Na nosa imaxinación segue habendo aduanas, garda civil e guardinhas. O noso pensamento é reaccionario, vive case trinta anos atrasado: xa non hai fronteiras, nin pesetas e escudos senón euros, non hai dous espazos senón un e a raia que separa as manchas non existe.

Actuamos ignorando a Portugal porque temos a imaxinación colonizada (polo) nacionalismo español? Si. Pero tamén explícano as relacións de poder, o máis forte, o máis rico sempre lle coloca por riba do máis feble ou máis pobre. Portugal sempre estivo economicamente por detrás de España, e así, os galegos, a pesar de estar postergados en España en case todo, puidéronse e pódense sentir por riba dos portugueses. Recoñezámolo: gostanos sentirnos superiores, máis ricos, máis modernos que os nosos veciños. Os galegos somos os penúltimos dos españois, pero ollamos por riba do ombro aos portugueses, grazas a que non temos memoria e á nosa ignorancia.

Grazas a que non temos memoria, porque o atraso económico portugués non é tan distinto do noso, só lles levamos uns anos de adianto no atraso. Tamén esquecemos como nos viron sempre os demais: o novelista e diplomático Palacio Valdés lle dicía a un portugués, "crense vostedes ingleses e non son máis que galegos". Pero, que ninguén o dubide, se Portugal tivese a riqueza, poder, prestixio de Francia aquí todo quisque falaría portugués con sotaque lisboeta. Gallego el último!

E ignoramos a Portugal tamén por ignorancia: a da nosa historia. Un continuo histórico que, con loitas dinásticas por medio, chegou ata o século XV en que Galicia, a Galiza, "domada e castrada", quedou xunguida a unha coroa radicada no centro peninsular. Aínda así compartimos un espazo lingüístico. Os portugueses mozarabizaron a lingua falandoa á maneira do sur peninsular, lingüisticamente son os nosos andaluces, dando lugar ao mesmo paradoxo dun santanderino en Cádiz: costa entendelos. Pero as nosas palabras, levadas por eles polo mundo, recoñecémolas facilmente nesa potencia en marcha que é Brasil, alí florece o galego, e sorprende idéntica fala en Angola e Mozambique. Só un país tolo desprezaría esa riqueza, ese patrimonio lingüístico. Galicia faino. Pola súa ignorancia e prexuízos, por unha ideoloxía nacionalista dun Estado uniformizador e centralista.

A única saída de Galicia é aceptar o mapa, a realidade e construír a nosa eurorrexión, erguida sobre o reencontro sen prexuízos. E se non é así, non nos queixemos tanto pois temos o que merecemos. Estremadura non ten vergonza nin complexo en aprender a falar portugués: merecen ser sede dese organismo transfronteirizo. É triste, pero nós non. A merecelo.



Podedes seguir ademáis no día a día ao autor galego no seu blog, http://susodetoro.blogaliza.org/.

29/07/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (3ª PARTE)

No capítulo II viamos cómo foi que Galiza perdeu a súa independencia por primeira vez en séculos. Neste terceiro capítulo, veremos que a parte galegofalante do sur do Miño correría unha sorte moi distinta.

Pero para explicar por qué Galiza e Portugal non son hoxe unha mesma nazón... teremos que explicar primeiro como é que a Reconquista da Iberia por parte dos pobos cristiáns deu lugar a dous países distintos na franxa galegogalante. Isto é, como é que existe Portugal.


Tres son os episodios que definen o nacemento e consolidación da identidade portuguesa:

1.- O Condado Portucalense e a súa transformación en Reino de Portugal no ano 1139 tra-la victoria na batalla de Ourique, no Alentejo, na que Afonso Henriques derrota ao exército moro e se declara primeiro rei do Reino de Portugal, Afonso I.

2.- Porén, non podería falarse dunha toma de conciencia da nacionalidade portuguesa ata o Rei D. Dinís, o equivalente -e coetáneo- ao Rei Afonso X O Sabio en Castela. Denís ou Dinís, fillo de Afonso III de Portugal, é unha das figuras máis notables da historia portuguesa: chegados ao Algarve e rematado así o espazo de reconquista posible para Portugal, madurou a conciencia nacional do país, fundou a Universidade de Coimbra e fixo da lingua galego-portuguesa sinal de identidade nacional. Non por nada presúmese que foi o primeiro rei portugués non analfabeto.




3.- A dinastía Afonsina verase extinguida na persoa de Fernando I, Rei de Galiza e Portugal, na segunda metade do século XIV. A guerra de sucesión en Portugal e os continuos intentos de independizarse da Coroa de Castela por parte do Reino de Galiza enfrontará a Castela fronte a Portugal, Galiza e Inglaterra. A batalla decisiva, que consolida a Portugal como Reino independente na Península Ibérica, data do ano 1385 na célebre batalla da Aljubarrota.





O destacable é que os tres episodios son claves non só na historia de Portugal, senón tamén na de Galiza:

1. A transformación de Portugal en reino deixa ó Reino de Galiza encaixonado entre os Reinos de Castela e Portugal, sen máis posibilidade de expansión que a franxa de Extremadura a través do Reino de León. É moi probable que a perda de influencia a partir de entón do reino máis poderoso na península na Alta Idade Media se deba precisamente a este feito. Cando a unión de Castela e León deixa ó Reino de Galiza fora de xogo, a nobleza galaica tentará de reorientar o seu espazo político cara a Portugal en multitude de ocasións ao longo de 2 séculos.

3. Os acontecementos da segunda metade do século XIV son para min sen dúbida os máis apaixonantes de toda esta época. Por desgraza, son tamén os que determinarán a sorte que correrá Galiza a partir do século XV en diante. Mentras para Portugal significan a súa consolidación como reino peninsular nunha nova liñaxe (a dinastía Avis, de sangue galega), para Galiza significan a extinción do poder desa mesma liñaxe -os De Castro, herdeiros do Rei García de Galicia- e a súa definitiva integración en Castela como reino "rebelde".

Escudo da familia Castro.
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Familia_Castro



2.- Deixamos para o final o punto 2 porque é o que enlazará co noso seguinte capítulo. Xa que é precisamente o Rei Dinís, figura esencial na consolidación da identidade nacional portuguesa, quen respalda a finais do século XIII a tentativa da nobleza galega de reinstaurar o Reino de Galiza. Algo que se acadaría en 1296.


Verémolo no capítulo IV.

28/07/09

MAMASUNCIÓN

Eu en cinema brasileiro e portugués non vos ando tan posto como poida estalo noutras lides, así que namentras me poño ó día, imos principiar pola xoia da coroa da nosa (pequena) filmografía en galego. A curtametraxe Mamasunción (1984).

Se tes 18 minutos (non dura máis), e aínda non viches a pequena grande obra do noso malogrado Chano Piñeiro, polo teu ben non deixes de ver este emocionado retrato da emigración galega no século XX. E se xa a viches, seguro que non queres perder a oportunidade de vela de novo.


Parte I:




Contan na wikipedia que a TVG abriu a súa primeira emisión con Mamasunción. A min colleume algo novo, pero aínda así lembro aquel día. E o que lembro (ai, a memoria, qué selectiva é!!) é que todo o mundo andaba como tolos por ver a JR falando galego...


Segunda e última parte:




Se despois de rematar de vela non te emocionou... ti non es deste mundo!!

26/07/09

O DÍA 25 E O GALEGO

O galego é a lingua propia de Galiza, pero nos últimos 50 anos a extensión do bilingüismo i, en moitos casos, do monolingüismo en castelán, ofrecen para o galego un panorama desalentador. Esta é a porcentaxe de galegos que tiñan ó galego como primeira lingua (única lingua falada ou predominante na súa fala) dende a Idade Media:



Por iso, quero puntualizar unha serie de cuestións sobre o meu blog e o meu xeito de ver as cousas:

- Tanto che me ten se celebraches onte o Día da Patria como se foches de praia neste caluroso verán. Tanto che me ten se pensas que Galiza se chama Galiza ou Galicia, se pensas que é unha Nazón, unha nación de breogán ou unha autonomía española. Tanto che me ten se eres de dereitas ou de esquerdas, católico ou ateo, do Celta ou do Dépor. Pero se non che importa a situación da nosa lingua, se non fas algo por ela (algo tan simple como FALALA), se cres que é o teu "dereito" non facelo, nin ter que coñecela para acceder a un posto na administración galega, entón estaslle faltando ó respeto á túa historia, aos teus antergos e á túa cultura e non mereces ir por ahí dicindo que es "galego". Fala galego, dalle ao galego un espazo no teu día a día, ama a túa lingua.

- Algúns me preguntan se son reintegracionista, se creo que Galiza e Portugal deberían ser un mesmo pais, patatín e patatán. Sinceramente, igual que no punto un, tanto che me ten. A situación actual do pais é tan distante a esas posibilidades, que qué máis da. Unha cousa é cómo me gustaría que fose o meu pais e outra o que é posible hoxendía (xa quixera eu que os acontecementos dos que falaremos nos séculos XIII a XV se resolveran como quixo Galiza, pero a Historia non vai cambiar, e o noso presente por moito que queiramos algúns, tampouco vai cambiar tanto como para que o debate político sexa "integración con Portugal sí ou non").

- Pero o que sí teño bastante clariño é que é o que precisan Galiza e o galego pra sair adiante nesta situación desesperada. E, ó contrario do que moitos pensan e preocupa a tantos, non pasa esencialmente polo eido educativo. Evidentemente, iso tamén é imprescindible, pero precisamente nos anos nos que o galego se incorporou ao sistema educativo en maior ou menor medida (si, xa o sabemos, nalgúns sitios non dan en galego nin as clases de galego, pero "están imponiendo el gallego en las escuelas", xa falaremos diso...), é precisamente nestes anos cando máis se está a perder falantes.

- E o que eu creo que precisan Galiza e o galego son dúas cousas:

1. maior exposición á cultura luso-brasileira que contrarreste o verdadeiro asoballamento que sofre a cultura galega dende hai 50 anos. O desenvolvemento das comunicacións, medios, televisións, etc., fixo que a presenza do castelán en Galiza sexa hoxe infinitamente superior ao que se viu exposta nos séculos anteriores. Porén, tamén o desenvolvemento das comunicacións debería servir para achegarnos a Brasil e Portugal, que hoxe poden estar máis pertos de nos que nunca.

2. e sobre todo, síntoo moito, pero debe ser pola miña educación en Economía que penso que "ó final, o que non son contas, son contos", o que Galiza e o galego precisan por riba de todo é que a sociedade perciba que o galego é útil económicamente. É o que acontece en Euzkadi e Catalunya, onde os poderes económicos son autóctonos e defensores do seu, non como aqui. Nunha sociedade bilingüe como é a galega de 100 anos pra acó, a maioría da xente decantarase por empregar a lingua que lle é máis útil, só os "concienciados" van manter a feble. E o galego, na súa situación, non se pode permitir vivir dos "concienciados". Galiza precisa dun poder económico e un tecido empresarial galegos, galeguistas e aos que empregar o galego lle resulte útil.


E ámbalos dous requisitos que a min se me antollan imprescindibles pra revertir a situación da gráfica do principio pasan por Portugal e Brasil, por coñecelos e que nos coñezan. E os meus blogs nosquedaportugal e alemdominho só pretende ser unha pinga no que debería ser un océano de coñecemento mútuo.

25/07/09

UN MES, CHEO DE AGRADECIMENTOS

Hoxe, Día da Patria Galega, Menos mal que nos queda Portugal e Alem do Minho cumplen o seu primeiro mes. E non o podo celebrar doutro xeito que con enormes agradecementos a:

* os máis de 1.400 'clicks' recibidos en só 30 días. De verdade, agradecido por todos e cada un.
* os amigos -xa sabedes vós quen sodes- que axudades día a día a facer este blog, con aportacións, suxerencias, etc.
* tamén por suposto aos que non vos ides de balde e deixades vosos comentarios, votos...

Pero por riba de todo, dous agradecementos moi sentidos:

* a Fernanda, dende Portugal, quen no seu blog Última flor do Lazio, adícanos o seu último post a Alem do Minho e a literatura galega. Muito obrigado Fernanda.
* a Rafael, un lector dos blogs dende o Brasil, que se puxo en contacto con nós para coñecer máis do noso País e ofrecerse a axudarnos a coñecer máis do seu. Muito obrigado a ti tambem, Rafael.

Facédesme todos sentir moi orgulloso e con ánimos de continuar por moito tempo. Moitas grazas a todos.

24/07/09

FESTIVAL DE PAREDES DE COURA

Outro ano máis, xa está eiqui un dos meus festivais de rock favoritos de cada verán: o Festival de Paredes de Coura. Dende o xoves 30 ao sábado 1 de agosto.

Favorito polos carteis que ano tras ano conseguen reunir (en 2008, Sex Pistols, Primal Scream ou The Mars Volta entre moitos outros), pola beleza do seu esceario natural, e por ser o maior festival de rock que se celebra na "raia" entre Galiza e Portugal. Na vila portuguesa de Paredes de Coura, apenas a 25 km. de Tui:


Ver mapa más grande


Este ano, cartel de luxo con Franz Ferdinand o xoves 30, Nine Inch Nails o venres 31 e os suecos The Hives



o sábado 1 como cabezas de cartel. Podedes consultar toda a información no site do festival http://www.paredesdecoura.com/ (e se aínda estades a tempo, mercar as entradas!!)

23/07/09

ASI NOS VEN NO BRAZIL

Asi nos ven dende o Brasil, en concreto o profesor Jayme Ferreira Bueno no seu blog

http://jaymebueno.blogspot.com/2009/05/galiza-lingua-poesia-e-cultura.html

nun fabuloso i extenso artigo sobre Galiza que vos recomendo ler de vagar.

(Grazas de novo a Charlie pola suxerencia).

22/07/09

CANTIGAS DE SANTA MARÍA

E xa que falamos do cómo o galego era no Século XIII a lingua de maior prestixio na Península, cultivada inclusive polo Rei de Castela, que mellor xeito de facelo que lembrando algunhas das composicións de Afonso X O Sabio nas súas Cantigas de Santa María (nesta ligazón podédelas disfrutar TODAS):


DES OGE MAIS QUER´ EU TROBAR

Des oge mais quer' eu trobar

pola Sennor onrrada,
en que Deus quis carne fillar
beyta e sagrada,

por nos dar gran soldada
no seu reyno e nos erdar
por seus de sa masnada
de vida perlongada,
sen avermos pois a passar
per mort' outra vegada.

E poren quero começar
como foy saudada
de Gabriel, u lle chamar
foy: «Benaventurada
Virgen, de Deus amada:
do que o mund' á de salvar
ficas ora prennada;
e demais ta cunnada
Elisabeth, que foi dultar,
é end' envergonnada».

E demais quero-ll' enmentar
como chegou canssada
a Beleem e foy pousar
no portal da entrada,
u paryu sen tardada
Jesu-Crist', e foy-o deytar,
como moller menguada,
u deytan a cevada,
no presev', e apousentar
ontre bestias d'arada.


VIRGEN MADRE GRORIOSA

Virgen Madre groriosa,
de Deus filla e esposa,
santa, nobre, preciosa,
quen te loar saberia
ou podia?
Ca Deus que é lum' e dia,
segund' a nossa natura
non viramos sa figura
senon por ti, que fust' alva.

Virgen Madre groriosa...

Tu es alva dos alvores,
que faze-los peccadores
que vejan os seus errores
e connoscan sa folia,
que desvia
d'aver om' o que devia,
que perdeu por sa loucura
Eva, que tu, Virgen pura,
cobraste porque es alva.

Virgen Madre groriosa...

TOD´OME

Tod' ome deve dar loor
aa Madre do Salvador.

Dereit' é de loores dar
a aquela que sempre dá
seu ben que nunca falirá;
e porend', a[s]se Deus m'anpar:
Tod' ome deve dar loor...

E pois nos dá tan nobre don
que nos faz o amor de Deus
aver e que sejamos seus;
porend', assi Deus me perdon:
Tod' ome deve dar loor...

E pois tan poderosa é
e con Deus á tan gran poder
que quanto quer pode fazer;
por aquesto, per bõa fe:
Tod' ome deve dar loor...

20/07/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (2ª PARTE)

Principiamos o estudo da Historia común de Galiza e Portugal que propuxemos no capítulo I, entre os anos 1230 ata finais do século XV.

O ano 1230 ten especial relevancia na historia do noso país, xa que é a primeira vez en máis de 1.000 anos -coa excepción do incidente que deu orixe ao Condado de Portugal- que Galiza non constitúe un territorio independente do resto da Península:

Galiza séculos I a XIII. Elaboración propia.
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Reino_da_Galiza


A evolución dos distintos reinos penínsulares atendía a razóns moi distintas das que definirían un "Estado Nacional" tal e como os entendemos hoxendía. De feito, non podemos falar de estados propiamente ditos, xa que se trata máis ben de 'liortas' entre señores feudais que se reparten os seus territorios como quen bate cos veciños polos lindes dunhas leiras.

Pero na "base emocional" que sustentou o nacemento das nacións europeas, con ou sen Estado, a partir da fin da Idade Media, están presentes todos estes elementos:
- unha lingua propia, desenvolvida dende o latin ou influenciado por éste, e da que nalgún momento se toma "conciencia nacional" do seu uso.
- unha historia propia, encarnada a miúdo nunha caste (nobleza, reis) autóctona.
- heroes nacionais e inimigos a bater (El Cid, Ricardo "Corazón de León", etc. na Reconquista contra os moros, as Cruzadas, etc.)
- por último, a miudo as fronteiras entre reinos variaban en base guerras cos veciños, os frecuentes matrimonios de conveniencia entre diferentes familias reais -có obxectivo de acadar no altar o que non se acadaba no campo de batalla-, e as guerras civís de sucesión, cando a sucesión das liñas dinásticas xeraban conflictos de interese.


Rodrigo Díaz de Vivar, El Cid.
Fonte: http://endrina.wordpress.com/category/biografias/

A ninguén se lle escapa hoxe a identificación de El Cid como símbolo de "españolidade", cando nos anos de El Cid (1048-1099) non existía España como tal. Do mesmo xeito, no periodo que vai dende El Cid ós Reis Católicos (1050 a 1500 aprox), na Galiza e Portugal falábase a mesma lingua, foron governados en varias ocasións polos mesmos reis, e viviron os seus mitos nacionais (Pedro e Inés de Castro, a batalla de Aljubarrota, o Reino de Galiza, a revolta dos Irmandiños, etc.) anos antes de que se proclamara a "unidade nacional" baixo o reinado dos Reis Católicos.


O primeiro evento que desleiga a Galiza de Portugal, é a resolución dunha desas liortas dinásticas de sucesión, das que veremos bastantes máis casos nos séculos seguintes e das que falaremos en vindeiros capítulos. Disputa pola sucesión acontecida, neste caso, á morte do Rei Afonso IX.

Afonso IX, Rei de Galiza e León
Fonte: http://www.artehistoria.jcyl.es/historia/personajes/5079.htm

En vida, Afonso IX tenta recuperar a unidade de Galiza e Portugal có matrimonio de conveniencia coa súa curmá Teresa de Portugal, en 1191. Ten dúas fillas, Sancha e Dulce, pero o matrimonio resulta anulado polo Papa de Roma por consanguineidade. Tenta de novo a expansión, neste caso có obxectivo de anexionar Castela, casando en 1197 coa súa sobriña Berenguela de Castela, matrimonio que será novamente anulado pola relación familiar entre ambos. Dese matrimonio nacerá Fernando, futuro Fernando III de Castela.

Disoltos ambos matrimonios, a relación entre o Reino de Galiza e o de Castela é de constante oposición. En 1217, aínda en vida de Afonso IX, o seu fillo Fernando herda o Reino de Castela por cesión da súa nai, Berenguela. Entre 1217 e 1230, o enfrontamento entre Afonso IX e Fernando III é constante.

Así pois, ao seu falecemento Afonso IX dispón que baixo ningún concepto se cheguen a unir os seus reinos de Galiza e León có de Castela, i establece que herdarán ambos reinos as fillas do seu primeiro matrimonio con Teresa de Portugal, Sancha e Dulce.

Dos acontecementos que seguirían podedes atopar máis información nesta páxina web: "Fernando III no respetó el testamento de su padre que dejaba los reinos de Galicia y León a Doña Sancha y Doña Dulce, hijas que tuviera con Doña Teresa de Portugal en su primer matrimonio. Fernando y su madre Berenguela logran en 1230 la renuncia de las herederas al trono a cambio del pago anual de 30.000 maravedíes, con lo cual la tendencia del Reino iba a ser cara a los intereses de Castilla, tomando importancia Toledo en detrimento de Santiago de Compostela como sede arzobispal y de León como ciudad regia".

O importante a nivel histórico da resolución do conflicto é que Galiza pasa a depender da Coroa de Castela. Pero esta integración "tranquila" duraría, como veremos, un único un reinado, o de Afonso X O Sabio. O Rei de Castela que escribíu as Cantigas de Santa María (algunhas delas, cando menos) na lingua de maior prestixio naquel momento, o galego.

A morte de Afonso X traerá consigo unha nova guerra de sucesión, na que Galiza contará co apoio de Portugal para reinstaurar, na figura do Rei Xoán, o Reino de Galiza.

Verémolo nos capítulos III e seguintes.

19/07/09

O CHEF JESÚS VÁZQUEZ

A alta cociña, ou haute cuisine que din os entendidos (i este licenciado en empresariais en linguas e cociñas seica debe de saber moito) está de noraboa. De xeito inesperado, e cáseque da nada, apareceunos un Ferrán Adriá de Ribadavia que está chamado a ser O Rei dos cocinillas.

Fonte: www.soitu.es

As virtudes da súa cociña: elaboración de receitas a moi altas temperaturas, e tempos de cocción moi moi longos. Agora resulta que só pra coñecer os datos de participación dunha enquisa (si é que a iso se lle pode dar o calificativo científico de enquisa), precisan 1 mes. Só para os datos de participación!! O nunca visto oiga!! O que nunhas eleccións se sabe en 15 minutos, esta xente precisa un mes. Canto tempo precisarán logo pra cociñar os resultados?

Teña coidado "bó home", que quen xoga con lume, acaba queimado.

17/07/09

CATRO LIÑAS EN INGLÉS

Catro liñas en inglés (para os que saibades inglés), ligadas no blog do Nobel de Economía Paul Krugman. Unha idea moi simple, resumida en catro liñas, explicando por qué as políticas económicas monetarias son aceptadas pola dereita e sen embargo as políticas fiscais (máis peso do sector público) non, e deberían, claro.

16/07/09

CONVERSAS GALEGAS NA CORUÑA

Para os que vivides (vivimos) na Coruña, dende hai uns meses todos os sábados no bar Mathews lévanse a cabo "conversas en galego" para todos os que se queiran achegar por ali. Tedes máis información en http://www.conversasgalegas.blogspot.com

E por suposto, animar a que xente doutras vilas galegas se apunten a facer o mesmo. O futuro da nosa lingua está en cada un de nós.

15/07/09

LA CORUÑA DE TODA LA VIDA (1ª PARTE)

Hoxe iniciamos unha serie de artigos que durante as vindeiras semanas pretenderán resumir a Historia en común de Galiza e Portugal durante a Idade Media até o século XV. Unha época na que ambos pobos compartiron lingua, reis, identidade, destino e obxectivos comúns, e polos que loitaron durante máis de 250 anos até que finalmente tomaron camiños moi distintos. Unha serie de artigos que para algúns lectores non aportará moito de novo, pero só porque xa antes se esforzaron en coñecer da nosa Historia pola súa conta, porque á maioría lle provocará máis dunha sorpresa xa que na "educación libre" do Estado Español coidánse ben de obviala por ser un "episodio perdido de la época feudal".

Este ensaio podería terse titulado "A Historia en común de Galiza e Portugal", ou "Os reis galegoportugueses", por exemplo, máis o título escollido con toda a retranca tentará deixar en evidencia aos que aínda hoxe pretenden soterrar o noso pasado afirmando que o castelán é tan idioma propio da Galiza como o galego e que se llama La Coruña de toda la vida, porque quereis ahora "quitarle la ele"?. Chamaríalles panda de analfabetos se non fora porque precisamente o que pretenden é "pasarse de listos".

Bandeira do Reino de Galiza
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Reino_de_Galicia

O periodo que vai centrar os vindeiros capítulos abarca os anos 1230 a 1486. Son os anos da resistencia do Reino de Galiza a pasar a depender de Toledo, e apostando en repetidas ocasións pola unión co Reino de Portugal. 250 anos de sucesivas e constantes loitas con remate na Doma y castración del Reino de Galicia por parte dos Reis Católicos.

Mapa político do noroeste da Península Ibérica a finais do século XI.
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Europe-south-west-kingdoms.png.


Por iso, vou cáseque a pasar por alto a que precisamente é a época de maior gloria da nosa Historia e da nosa Lingua: os anos do Reino de Galiza dende o século IX, do Camiño de Santiago, de Xelmírez e do esplendor lírica medieval galego-portuguesa a nivel internacional. O máis interesados podedes como sempre comezar por ler na Wikipedia o artigo Historia de Galiza na Idade Media e investigar a partir de ahi.

Como este blog non remata eiqui, teremos tempo de voltar máis adiante sobre ela, pero agora tomaremos como punto de partida o ano 1230, cando falece Afonso IX e o seu fillo Fernando III, rei de Castela, non respeta o testamento do pai e loita por integrar o Reino de Galiza á Castela.

No vindeiro capítulo.

14/07/09

GASPAR, O GOLFIÑO DE LORBÉ

Hai uns días andivo novamente de visita por Lorbé Gaspar, o noso vello amigo golfiño, quen gosta de percorrer as costas do norte do País i entreter ós veciños coas súas andainas. Pero algo me di que có ben que o tratan, Gaspar vai quedar moito tempo no porto de Lorbé...



video

Nin qué decir que se queres colaborar na elaboración deste blog, podes enviarme o que desexes e creas que merece ser publicado a caralladas76@gmail.com

12/07/09

GARITA DA HERBEIRA

De sempre me pareceu que a grandiosidade e a beleza desta esquiña do noso pais era un dos mellores exemplos do mal que nos sabemos vender no exterior. E hoxe cando busco información en internet sobre ela, non me queda a menor dúbida. Na wikipedia non ten nin artigo propio, e pra atopar a información, a máis completa que hai é o artigo sobre a Serra da Capelada na wikipedia... en italiano!!

Así pois, con tan pouca publicidade, só aqueles que cumprimos en vida có requisito do Santo Andrés de Teixido "vai de morto o que non foi de vivo", e continuamos a nosa experiencia uns pouquiños quilómetros Serra arriba, atopámonos con esta espectacular visión:


Os acantilados máis altos da Europa Continental, con 620 metros de altura a pé do Océano (só superados polos 750 das Illas Feroe e os 668 da Illa Achill irlandesa), son unha paraxe de beleza extraordinaria que debería figurar en todas as guías turísticas, capaz de xerar cando menos, tanto tirón turístico como a capela de Teixido (e que o Santo me perdoe...)


Unha visita a esta vila do concello de Cedeira non debería deixar pasar por alto outros lugares de interese da zona, como Cabo Ortegal ou a Ría de Ortigueira:


Santo Andrés de Teixido


Cabo Ortegal
Cariño e Ría de Ortigueira.

10/07/09

TROPICÁLIA

Nos anos 60, a influencia do éxito do pop-rock anglosaxón sobre a música brasileira motivou a aparición dun dos máis recoñecidos movimentos culturais do século pasado: o Movimento Tropicalista ou Tropicália, nacido coa idea de "digerir a cultura exportada pelas potências culturais e regurgitá-la após a mesma ser mesclada com a cultura popular e a identidade nacionais" .

Hoxe dedicamos o blog a lembrar a algúns dos seus principais impulsores, como Caetano Veloso (compositor do tema Tropicália, que daría nome ao movimento), Chico Buarque ou Gilberto Gil.


Caetano Veloso - Tropicália




Chico Buarque - O que será




O ministro Gilberto Gil e Os Mutantes - Domingo no Parque





Aínda que antes de todo iso, fora a versión en inglés de Astrud Gilberto dun tema de bossa-nova anterior ao Movimento Tropicalista (Antônio Carlos Jobim e Vinicius de Moraes en 1962) o que colocou a música brasileira en primeira liña do panorama musical internacional:

09/07/09

QUÉ BEN O PASAN

Esta fin de semana hai tantos eventos (Festival celta de Ortigueira, Cultura Quente en Caldas, Super Bock Super Rock con Depeche Mode en Porto, Optimus Alive de Oeiras con Dave Mathews e Black Eyed Peas en Lisboa, Lou Reed en Santiago, Feira Medieval en Betanzos e 150 festas gastronómicas por todo o pais, así a ollo...) que mellor deixalo así porque este blog non da pra tanto.

En lugar deso, un breve comentario de actualidade, sobre estas dúas fotos:

fonte: diario el pais, www.elpais.es
"Os países que integran o G-8 acordaron onte limitar o aumento das temperaturas a non máis de dous graos centígrados..." (deben pensar que controlar os graos centígrados é como controlar o tipo de xuro do BCE) "... e reducir nun 80% as emisións de CO2 antes de 2050". E digo eu, por qué será que esta cara de guasa que teñen os "lideres mundiais" nesta fotografía faime pensar que me debo tomar do mesmo xeito as súas intencións?




A foto publicada hai uns días no blog de Paul Krugman non deixa lugar a dúbidas:


fonte: http://downloads.globalchange.gov/usimpacts/pdfs/climate-impacts-report.pdf

esto estase a poñer moi moi feo. De seguir así, preocuparse polo futuro do galego vai ter pouca importancia se quen non ten futuro é o mundo no que vivimos.

08/07/09

ARMAGEDDON

O certo é que non tiña pensado falar da tentativa de homicidio peperil sobre a nosa lingua -a lingua de todos, esa que algúns non falándoa nin defendéndoa queren facerse chamar bilingües- ata que definitivamente publiquen os resultados da famosa enquisa e teñamos sobre a mesa a cuadratura do círculo: que los niños de los papás que no quieren que sus niños hablen el gallego tengan eso que ellos llaman libertáz, al tiempo que el pepé demuestra su espíritu galleguista y de defensa de nuestro bienamado gallego en romerías y pulpadas y demás fiestas "populares" (o de populares con segundas, claro).

Pero claro, o blog leva xa máis de 15 días camiñados, e da enquisa do demo seguimos sen saber nada, nin si vai sair, nin si houbo participación, nin nada. Vai ti saber, ou é que non dan abasto con tanta participación (que non superará, nin coas súas mellores contas, o 50%), ou é que lles está levando tempo de máis o "cociñado" dos resultados.

Así que ata entón, imos quentado motores. Hoxe aproveito un excelente artigo de onte no blog de Antón Losada para deixar que a súa pluma afiada fale por todos nós:

En un breve pero merecido descanso de su incansable lucha para librar al castellano de su extinción definitiva a manos de los galegotalibáns, aquella secta fanática camuflada tras el blandito bipartito, el conselleiro Vázquez ha explicado que la culpa no es del boogie, sino de tres millones de euros de pufo. Por ellos y sólo por ellos, no habrá gratuidad, ni dinero para implantar Bolonia en nuestras universidades. En un presupuesto total que supera los 2.300 millones de euros, la pérdida de tres puede parecer tontería, pero oculta un Armageddon deficitario. La educación en Galicia bien puede esperar sin exponernos a un big bang presupuestario que, de no ser administrado por tan sagaz gestor, puede acabar arruinando el sistema financiero mundial o, peor aún, alguna fiesta gastronómica veraniega (sigue).

06/07/09

CULTURA NA RAIA

Afortunadamente, este modesto blog non é o único que traballa para dar a coñecer as realidades dos dous lados da "raia", faltaría máis. A vindeira semana, do 15 ao 19 de xullo, nas vilas galega e portuguesa de Tomiño e Vila Nova da Cerveira, celébrase a "Festa do Cinema Galego e Portugués, Filminho":





O obxectivo da festa, "...mostrar que na fronteira nada acaba, não há o fim de nada. Mas, pelo contrário, é na fronteira que tudo começa. Aqui não nos reduzimos a metade. Aqui duplicamos as nossas emoções, os nossos objectivos, a nossa vontade!"

PARABÉNS, FILMINHO!!


Para máis información, podedes visitar a súa web http://www.filminho.eu/

(case se me esquece, graciñas a Charlie pola información!!)



04/07/09

BRAZIL, 8ª ECONOMÍA DO MUNDO

Segundo os datos de FMI, Banco Mundial e CIA (ver Wikipedia e as respectivas webs), Brasil era a décima economía de Mundo a peche do ano 2008. Nos sete primeiros postos da lista a única variación nos últimos anos é a imparable emerxencia de China, quen probablemente a finais de 2010 será oficialmente a segunda economía do Mundo por diante do Xapón.

Elaboración Propia.
Datos http://en.wikipedia.org/wiki/List_of_countries_by_GDP_(nominal)
agás (*) Datos para Galiza: Estimación propia.


Nesa clasificación, 4 países levan algúns anos competindo pola oitava posición: Rusia, España, Brasil e Canadá. Rusia e Brasil, como potencias emerxentes, levan as de gañar, pero os últimos acontecementos económicos están a facer que as prediccións deban ser revisadas.

No caso de Brasil, as previsións de crecemento económico para os vindeiros anos pasaron, en cuestión de meses e por mor da actual crise económica mundial, de estimacións de crecemento medio do 5-6% nos próximos 5 anos a taxas do -1,30% en 2009 e +2,2% en 2010 segundo o FMI. A propia contabilidade da Presidencia da República apunta a unha caida no primeiro trimestre de 2009 do -1,78%, ainda que correxida pola estacionalidade resulta un -0,83%.

A posibilidade de que o Brasil acadara o título de 8ª economía do Mundo parecía claro con perspectivas de crecemento do 5-6%, có permiso únicamente de Rusia que estaba a medrar a taxas inclusive superiores. Agora, no novo escenario económico, as cousas apuntan aínda máis en favor do Brasil, xa que a contracción da súa economía non só non é un caso aillado, senón que é unha das que mellor están resistindo o actual entorno, xusto o contrario que Rusia (-6,0% estimado en 2009) ou España (para a que aínda en 2010 se agardan taxas negativas de crecemento).

Con estes datos, a perspectiva para estas catro economías nos vindeiros anos é a seguinte:

Elaboración Propia.
Datos http://www.imf.org/external/pubs/ft/weo/2009/01/pdf/text.pdf



O Brasil converterase na 8ª economía do mundo, nalgún punto entre finais deste ano 2009 e principios do 2010, lugar que inclusive en termos de paridade de poder de compra debería traducirse no 6º en menos dunha década. E supón a día de hoxe unha economía 7 veces máis grande que a economía de Portugal, e 20 veces a de Galiza.


Pero non só en termos de volume da súa producción se mide a puxanza da economía brasileira:

- unha poboación de case 200 millóns de habitantes, e unha forza laboral superior aos 100 millóns de traballadores, ambas medrando a taxas do 1% anual:


- un crecemento económico moi superior ao dos países occidentais (5,1% en 2008), nunha economía igualmente estable: inflación 4,5% en 2008, desemprego do 8%, governo democrático dende hai máis de 20 anos, peso do sector terciario nun 66%, poboación por baixo do limiar da pobreza do 23% -elevado, pero idéntico ao de Galiza...-, etc.

- unha estructura demográfica moi pouco envellecida: os maiores de 65 anos só son o 6,5% da poboación e hai 4 veces máis rapaces (25%), resultando unha figura moi diferente á das pirámides de poboación dos paises occidentais que poñen en perigo a sostenibilidade dos seus sistemas de pensións. A esperanza de vida e superior aos 70 anos.

- poboación urbanizada -20 cidades superan o millón de habitantes, con Sao Paulo (11 millóns) e Rio de Janeiro (6 millóns) á cabeza- e históricamente multiétnica.


A cuarta democrácia e oitava economía mundial fala portugués. Unha lingua que como ben sabemos, na Galiza temos enormes dificultades para entendela e facermonos entender. 200 millóns de persoas no Brasil e 11 no pais veciño de Portugal, con economías 20 e 3 veces máis grandes que a nosa, falan portugués. E só a teima que algúns teñen de negarlle ao galego a utilidade que lle recoñecen ao español para integrarnos no mundo é a explicación de que hoxe pretendan converter o galego nunha lingua flolclórica, sen utilidade no mundo.

A economía galega ten, grazas a empresas como Inditex, Citroën ou Pescanova, un grao de apertura ao exterior superior incluso á española, pero a exposición ao puxante mercado brasileiro non supera o 4% da nosa balanza. Tempo é de cambiar esa estatística, aproveitando as nosas potencialidades e puntos en común.

03/07/09

LIBERDADE

Liberdade é unha palabra que evoca os mellores sentimentos cando oimos falar dela. En nome da liberdade as democracias impuxéronse ás tiranías, os avanzos científicos a séculos de escurantismo e o libre comercio acadou un progreso económico sen parangón na historia da Humanidade.

É por iso que empregar a verba liberdade como argumento para xustificar os nosos actos resulta moi convincente, xa que –sempre que se respete a norma “a miña liberdade remata onde empeza a dos demáis”- ninguén que se considere demócrata sería quen de poñela en cuestión.


Ter unha ferramenta tan potente vóltase moi atractiva políticamente, xa que calquer opinión pode defenderse mentando “o meu dereito” a pensar, facer ou decidir. É por iso que non deberíamos perder de vista que a liberdade non pode servir como excusa para calquer feito. Do mesmo xeito que ninguén sería quen de lexitimar o dereito a matar en base o seu albedrío, deberíamos esixir que a palabra liberdade non sexa maltratada para xustificar calquer acto, xa que no seu nome non só se defenden os máis altos ideais, senón tamén pretenden algúns acreditar o seu dereito a quebrantar as máis elementais normas humanas:

- En nome da liberdade de empresa xustifican algúns que son máis importantes as patentes e os beneficios das compañías farmacéuticas que as vidas dos millóns de seres que morren cada ano no Terceiro Mundo de sida, malaria ou simplemente gripe (A, B ou Z, que alí tanto ten). Que se queira facer extensible a tódolos ámbitos o mercado libre –especulativo- dunhas elites, permite que lucrarse no casino dos futuros sobre os alimentos básicos condene á fame a medio mundo.
- O suposto dereito dos traballadores a laborar tanto tempo como lles sexa permitido era o pretexto para autorizar as xornadas de 65 horas (qué capacidade para negarse terá aquel que depende do seu salario para sustentar á súa familia?). E a liberdade de horarios no comercio beneficia ás grandes superficies –onde, claro, contratarán traballadores que “elixan” facer xornadas de 65 horas-, perxudicando ó comercio de autónomos que non pode competir 24x7.
- Os exemplos non aplican únicamente ao ámbito económico: o impacto da actividade humana sobre o medio ambiente, a colonización sobre linguas e culturas en desvantaxe, o menoscabo dos dereitos das minorías étnicas e de todo tipo, etc.


Pero ese uso inmoral da palabra liberdade non é o único que quero censurar aqui.

Se só denunciaramos o “nivel moral” desas decisións e cómo repercuten sobre a xente, a discusión entraría no plano da ética; e poderían argumentar que a moral de cada un é persoal, que non hai baremos absolutos para xulgar as consecuencias dos seus actos.
Pero é que os mesmos que din falar en nome da liberdade para xustificarse nos casos anteriores, foxen dela cando non lles é propicia. Detrás dese argumento agóchase en ocasións a dobre moral ou, simplemente, a lei do máis forte:

- As regras do libremercado só se defenden cando somos o lado forte da balanza: esiximos aos paises en vías de desenvolvimento que non poñan barreiras ó comercio internacional, mentras nós subvencionamos a agricultura; pedímoslle a China e India que busquen un modelo económico que non perxudique ao medio, mentras nós non mudamos o noso; reclaman ao Estado “laissez faire!”, e logo claman por “unha paréntese na economía de mercado” (esa frase do presidente da CEOE quedará para sempre na miña memoria…).
- O estatus dunha lingua depende de cal sexa a lingua, quen a fale e onde: “as linguas non teñen dereitos, senón os falantes”, din eles, pero ese dereito négase a un galego en Madrid porque alí o idioma único é o español (non era que o dereito é dos falantes e non das linguas?); os que alaban que a convivencia “harmónica” nos territorios bilingües é unha virtude, nas súas rexiónsnon queren aprender outra lingua do Estado – como fan en Suiza, Canadá, etc.-, ou critican o uso dos anglicismos que poñen “en perigo” a lingua de Cervantes.
- E o dereito individual a elexir, tantas veces defendido noutros ámbitos, négano segundo quen sexa quen o reclama: ás mulleres, cando se trata de planificar a súa maternidade, primando sobre ela o dereito do óvulo fecundado; ou a quen reclama algo tan básico como o seu dereito a morrer en paz.


Todo iso é facer uso da palabra liberdade para, simplemente, xustificarse na lei do máis forte. E por suposto, facelo só cando lles convén. Cando son o lado feble da balanza, ou buscan axuda (rescate do Estado ás empresas e bancos en apuros), ou buscan acreditar a súa “liberdade de elección” dende o nivel que lles resulte máis rendible aos seus intereses: o dereito de autodeterminación dos pobos a nivel do Estado e o funcionamento da economía do Estado ao mercado; o dereito a defender a lingua propia dun país a nivel individual e o dereito dun individuo a ter unha morte digna en manos del Señor.

Eso non é liberdade, é aproveitarse do seu bó nome. E isa dobre moral non os fai “máis demócratas”, senón todo o contrario.

Liberdade é a capacidade de poder dicir o que penso sen ataduras de ninguén. E o que penso é que eu xamais utilizaría a miña liberdade para xustificar que haxa persoas no Terceiro Mundo que morran de enfermidades das que calqueira en Occidente pode sanar; que a lingua e a cultura dos meus devanceiros esmoreza, e meus fillos herden un Planeta en perigo e uns recursos esgotados; que un traballador non teña unhas condicións de traballo e un salario dignos; que unha muller non poida decidir cando e cando non quere ter un fillo; ou que se obrigue a un home a vivir unha vida que eu non quixera para min.

02/07/09

MOITO MUDAMOS

Hoxe ás 20:00, na Fundación Caixa Galicia de Lugo, inaugúrase a exposición "Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano". 164 imaxes tomadas pola etnógrafa e fotógrafa Ruth Mathilda Anderson na Galiza, entre os anos 1924 e 1926.


Podedes ver algunhas das fotografías que compoñen a exposición nas webs www.culturagalega.org e www.xornal.com. Moito mudamos...