17/06/10

EUROPA, PATIO DE RECREO


Onte publiquei o meu artigo en prensa, coa cara xa descuberta, claro!!

Europa, patio de recreo.


Empeza ben a cousa, porque durante unhas horas o meu nome foi titular, xunto ó de Pablo G. Mariñas, dunha nova en portada da edición dixital. Moitas grazas, Xornal de Galicia.

Europa, patio de recreo

David Peón - Economista

Hai uns meses, durante uns días de vacacións en Francia, vivín unha curiosa situación que me fixo reflexionar. Durante a nosa obrigada visita ó Palacio de Versalles, un día calquera dunha semana calquera do outono francés, coincidimos alí con varios grupos de turistas que, casualidade ou non, eran todos orientais. E máis concretamente –polo que puiden comprobar na ringleira onde facilitaban as audioguías nas distintas linguas– maioritariamente chineses.

Eran días onde, como aínda agora, estabamos inmersos na maior crise económica internacional en case cen anos, e onde comezaba a ser evidente que o principal damnificado da ‘gran recesión’ sería Europa (malia que os peores días para a Unión aínda tardarían algo en chegar). Rodeado de turistas chineses, veume á mente un pensamento que aínda hoxe emprego como exemplo do futuro que lle agarda a Europa, se non resolvemos antes as contradiccións do modelo económico actual: A única industria europea florecente será ser o patio de recreo das sociedades emerxentes. Millóns de asiáticos percorrerán 10.000 quilómetros para mercar souvenirs da Torre Eiffel... made in China.

Mentras Europa –incapaz de competir nunha economía global con reglas de xogo diferentes en cada país, inxustas ou inmorais en moitos casos– dá pasos atrás na historia recortando o Estado do Benestar que décadas nos levou construír, moitos atopan consolo na idea, bastante extendida, de que modelos políticos como o chinés tampouco serán sostibles indefinidamente baixo a economía global porque os seus habitantes esixirán aperturas democráticas a medida que melloren as súas rendas, e polo tanto a súa calidade de vida. Pero se algo nos ensinan os libros de historia é que os sistemas políticos que perviven son os que melloran as condicións de vida dos seus habitantes. Os que o empeoran, decaen, e habitualmente fano dun xeito abrupto e nada democrático, para inquedanza de todos. O desencanto popular coa política e o avanzo da ultradereita non deberían ser tomados a broma.

Non pretendo facer quinielas sobre o que acontecerá co modelo chinés nas vindeiras décadas, pero si co noso: a Europa construída sobre a base da superioridade dos grandes poderes económicos –eufemísticamente coñecidos como ‘mercados’– sobre os gobernos democráticos non ten futuro. Esta Europa é ademáis o experimento máis avanzado do modelo favorito deses mercados, aquel onde os poderes económicos campan libremente por riba dos poderes políticos dos Estados. Por iso, o que a crise económica internacional con orixe nos excesos do sistema financeiro desregulado puxo en evidencia foi que a globalización –mercantil e de capitais– sen normas e regulamentos comúns que impoñan reglas de xogo similares para todos é insostíbel.

Non quero perder a ocasión de agradecer a Xornal de Galicia a oportunidade que me brinda para, durante os vindeiros artigos, ofrecer ós lectores a visión que, tras dez anos traballando nos mercados financeiros e xestión de activos, teño sobre as orixes desta profunda crise do sistema, identificar cales son algunhas das eivas que están a lastrar o modelo, e que cousas deben mudar se queremos manter un sistema económico sostíbel e capaz de seguir xerando benestar ós seus cidadáns.


4 comentários:

  1. Comentarios ata agora en Xornal:


    1 Interese na economía - Susana
    A economía global e os mercados financeiros sempre me foron temas alleos ata hai ven pouco. Artigos coma éste fan que aumente o meu interese.

    2 Adiante! - Vixía
    Súmome aos parabéns e desexo unha boa andaina en Xornal ao autor deste artigo.

    3 Propoñoche outra alternativa - A fiestra de Socuosam
    Para min a mellor opción e potenciar o rural con iniciativas, servizos, novas formas de explotar a inmensa riqueza que esta xerou, está a xerar e que sigue a decaer pola mala xestión dos 'mercados'. Cando nos deamos conta que esto se pode cambiar, entón a nosa sociedade, a nosa comarca, a nosa comunidade, etc. mellorará. Parabens o autor, pero a firma debería cambiala, ademais de economista e outras moitas cousas...

    4 Mais Europa, menos Estados-nacion - Manuel
    A superacion da actual crise so pode vir da paulatina disolucion dos actuais estados-nacion europeus. A UE hoxe e unha gaiola de grilos que tiran cada un para o seu. So un Estado europeu rexionalizado : Celtoatlantico,Mediterraneo, Centroeuropeu, Norte, etc podera encarar a crise e o futuro de bloques a nivel mundial.

    5 luci
    totalmente dacordo

    6 Parabéns - beto
    Parabéns, non só ao autor do artigo, senon sobre todo a Xornal por esta fichaxe.

    ResponderEliminar
  2. Wellcome to the real world.

    Parabéns.

    ResponderEliminar
  3. Este comentário foi removido pelo autor.

    ResponderEliminar
  4. Excelente colaboración.

    Será o momento de mudar para outra banca? ;-)

    ResponderEliminar