25/03/10

RIO CÁVADO: GERÊS

- primeira parte: río Cávado
- segunda parte: Montalegre

Non se me ocorre mellor xeito de principiar esta etapa da nosa viaxe polo río Cávado que dicindo que chegamos probablemente ó entorno natural de maior beleza en Portugal, cando menos que eu coñeza. A todos os lectores que aínda non se achegaran á Serra do Gerês, o canón do río de Vila da Ponte á Caniçada, e o entorno da Barragem da Caniçada, dicirlles que a 150 km de Vigo e 95 de Ourense atópase un espectáculo natural tal, que ningunha fotografía que vos poida mostrar lle pode facer xustiza.

A vila de Gerês en primeiro termo, e a Albufeira da Caniçada ó fondo,
vistas desde a Serra do Gerês. Fonte propia.


Principiamos a terceira etapa polo Cávado na Albufeira da Venda Nova, un dos múltiples encoros no curso alto do río, bordeando o Parque Nacional da Peneda - Gerês. Único Parque Nacional de Portugal, no Gerês "tratava-se de conservar solos, águas, a flora e a fauna, assim como preservar a paisagem nessa vasta região montanhosa do noroeste português".

Albufeira da Venda Nova, a Serra do Gerês ó fondo.


Na páxina oficial do Parque (http://portal.icnb.pt/ICNPortal/vPT2007-AP-Geres) tedes acceso a unha ampla información sobre a riqueza non só paisaxística, senón de flora (máis de 600 especies vexetais, moitas delas protexidas) e fauna, entre elas máis de 200 especies de vertebrados protexidos (troitas, anguías, morcegos, salamandras, águias, mouchos, esquíos, corzos...). 70 delas son especies ameazadas.

O canón do río Cávado ó seu paso polo Gerês. Fonte propia.


Percorrendo a estrada N-103 en dirección a Braga contemplamos unhas vistas magníficas tanto do canón do río como dos montes que atravesa. Finalmente, o espectáculo é abraiante ó chegar á Caniçada, coas súas dúas pontes cruzando o encoro.

Vista da Barragem da Caniçada, só unha das pontes aparece visíble.
Fonte propia.

Non moi lonxe de alí, un pouco máis ó norte transcorría a Geira ou Vía Nova Romana que ligaba Braga e Astorga, da que aínda se conservan treitos e desde a que se poden tirar vistas coma estoutra.

Panorâmica da Albufeira da Caniçada, Vila do Gerês, Terras de Bouro.
Fonte: pt.wikipedia.org


Finalmente, non podemos deixar de desviarnos un intre do curso do Cávado pra adentrarnos na Serra en dirección á Galiza, pola estrada que une a vila de Gerês coas terras de Entrimo. A zona entre a Caniçada e a vila do Gerês está ateigada de hoteis rurais e apartamentos pra quen queira achegarse uns días a disfrutar do entorno. Incluso diría que ten un certo aquel cos Alpes, pra aqueles que os coñezan.

Deixada atrás a vila de Gerês -a, por así dicilo, capital da comarca- entramos de cheo no parque, no que non collemos ningunha das rutas pedestres, pero coido que só con estas tres fotografías a pé de estrada que vos deixo a continuación vos quedará constancia de que paga moito a pena a visita.

Precioso polo día... pero aqui non quedo eu só pola noite nin de coña.
Fonte propia.

Fervenza neste punto. Fonte propia.

E pechamos o artigo como o abrimos, coas maravillosas vistas.
Fonte propia.


Non deixedes de ir!!

4 comentários:

  1. E haberei de ir! A miña intención é subir dende Crecente (no Miño) ao Castro Leboreiro para coñecer os seus imponentes penedos.

    ResponderEliminar
  2. Quem gosta do Gerês, ficará maravilhado com a ilha da Madeira não esquecendo também os Açores.

    João

    ResponderEliminar
  3. Tes moita razón, João. Eu estaba a pensar no Portugal continental, mais é certo que aínda me falta por coñecer as illas. Apúntoo na lista!!

    ResponderEliminar
  4. Bueno, dixen que disfrutades do Gerês... pero con sentidiño!!

    http://www.correiodominho.com/noticias.php?id=25647

    ResponderEliminar